Presencia-OpiniónVolver ó índice / Estados Unidos
¿Onde está a lóxica do terror?
Por Andrés Freire (Canal Mundo, 23/10/2001)
 

Entre tanto falar da masacre do 11 de septembro, poucas veces se reflexiona acerca do propósito dos agresores. A liña oficial ó respecto está perfectamente expresada por Edward Said cando considera ó ataque ás Torres Xemelgas como unha “carnicería masiva, un ataque suicida de motivación patolóxica, planeado horrenda e cuidadosamente por un pequeno grupo de militantes desquiciados”.

Por conseguinte, unha operación de enorme talento e audacia, que requiriu anos de estudios e plans, grandes recursos económicos, mesmo a vida de moitos homes, tería como solo obxecto enviar ó Imperio un sinxelo pero brutal xesto. Como consecuencia do ataque (o guión parece estar xa escrito), o agresor sufrirá a devastación do territorio que lle acolle, a desbandada atemorizada dos seus aliados talibáns, e a caza sistemática de cada un dos responsables da organización.

Son dos que desconfian das explicacións psiquiátricas para problemas políticos. O seu fanatismo non impide a Al Qaeda actuar racionalmente, no senso de que o terrorismo non carece de doctrinas e estratexias. Os renegados árabes que se botaron ó monte o fixeron con esperanzas de voltar ós seus países en loor das masas. Varios deles pertencen ás élites da rexión, coas cales siguen a manter contactos. Nun esforzo prolongado crearon unha rede moi importante co obxectivo de expulsar ós americanos de Oriente Medio, como medio de facerse có poder eles e a súa xente. Son xente, en fin, que considera que a súa é unha vida necesaria, para maior gloria de Alá. Máis agora parece que, nun rapto de locura, decidiran morrer matando.

Nun primeiro momento, a morte do xeneral Massoud, enemigo dos talibáns, facíanos pensar que o ataque ás Torres Xemelgas formaba parte dunha operación de longo alcance, un desafío ó Imperio meticulosamente programado. Máis, en poucos días, observamos titubeos nos talibán (“os seus días están contados”, dí o xeneral Musharraf, xefe de estado pakistaní), escoitamos a negación da autoría por parte de Ben Laden, que pasa a ser recoñecemento tácito cando empezan a caer as bombas sobre Afganistán. E dubidamos. Non entendemos cómo é posible que non tiveran preparado o día despóis.

E ún se sigue a preguntar polo propósito dos terroristas. ¿Qué lóxica estratéxica levoulles a plantexar este desafío? Poidera ser que se sintan inexpugnables nalgunha rexión de Afganistán, e que agora agardan confiados os ataques dos americanos (¿por qué entón as dúbidas? ¿por qué as fuxidas?) Poidera ser que algún estado importante, ou influintes sectores dese estado, lles asegurara un apoio soterrado. Ou poidera ser, ¡qué malpensados podemos ser a veces¡, que os ataques lles colleran tamén a eles por sorpresa, e están a reactualizar a súa estratexia. A fin de contas, as probas amosadas ata agora soamente amosan que non hai probas.

Por tanto, quizáis a causa dunha enfermiza suspicacia, sentimos que nos falta algunha clave que explique o sucedido, e suspendemos o noso xuizo e seguimos a sentarnos diante da CNN sen comprender moi ben o que está a pasar.

 

Andrés Freire.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/10/2001