Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
O silencio de Bruxelas
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 12/06/2001)
 
Hai algo máis dun ano as institucións comunitarias estaban en tensión. Mesmo se debatían posibles sancións contra un Estado membro. A razón daquel rebumbio era a participación no executivo de Viena do FPÖ, considerado filonazi e xenófobo. O seu líder, Jörg Haider tiña adoptado, uns meses antes, a estratexia de refuxiarse no goberno da súa Carintia natal e deixar aos seus correlixionarios os postos de relevo no executivo austríaco. Aínda así a tensión entre Bruxelas e Viena foron en aumento e mesmo houbo desplantes diplomáticos de sona.
Agora o líder da neofascista Alianza Nacional ocupa o flamante cargo de vicepresidente único do goberno comandado por Silvio Berlusconi. Nesta ocasión non houbo voces altisonantes na capital europea.

Berlusconi deu a coñecer o novo goberno. A súa Forza Italia acapara nove departamentos; a neofascista Alianza Nacional desempeñara catro carteiras e o seu líder, Fini, será o único vicepresidente; a Liga Norte terá tres ministros e o seu máximo dirixente, Umberto Bossi, estará ao fronte do Ministerio de Reformas Institucionais. O resto das carteiras desempeñaranas personalidades de perfil menos político.

Aparentemente a decisión de situar ao líder do partido herdeiro do Movemento Social Italiano (MSI) do vello Almirante, quen desempeñou un significado, e aínda descoñecido, papel nos terribles “anos do chumbo” da década dos setenta, podería provocar respostas airadas en estados membros da UE. Non semella que vaia ser así. Os cousas mudaron dende que en Viena se conformou a alianza gobernamental entre os democratacristiáns (ÖVP) e os liberais de Haider. Daquela as novas vienesas sorprenderon a Bruxelas e os demais gobernos europeos quen gorentaban unha alianza entre cristiáns e socialdemócratas (SPÖ). Agora avisados pola ineficacia daquelas presións optaron pola cautela e a mediación en silencio.

Aproveitando a marxe de tempo que o sistema italiano lles permitía, os grandes poderes económicos italianos e europeos premeron delicadamente para confeccionar un goberno liderado por un dos seus. En Italia estase a producir o acceso ao poder das grandes corporacións empresariais e financeiras, quen semellan non confiar xa en intermediarios, coa axuda dos sectores máis extremos da dereita ideolóxica con formas suaves.

Berlusconi sigue sen aclarar como resolverá o chamado “conflicto de intereses” entre as súas compañías financeiras e televisivas e o cargo de xefe do goberno. Mais non é só o caso Berlusconi. O presidente honorario do Grupo Fiat, Giovanni Agnelli, con moita educación, conseguiu situar na carteira de Exteriores ao antigo presidente da Organización Mundial do Comercio, Renato Ruggiero. Mentres, Antonio Martino ocupará o Ministerio de Defensa co beneplácito da diplomacia norteamericana; ao tempo, o propietario de Rocksoil SA, empresa especializada en grandes obras de infraestructura, Pietro Lunardi, ocupará o cargo que lle é propio, esto é a carteira de Infraestructuras; e unha das dúas mulleres do gabinete Letizia Moratti, foi a responsable durante algún tempo da sección europea da News Corporation de Rupert Murdoch. Moitos “conflictos de intereses” vai ter o novo goberno.

Restaba colocar aos pesos pesados da coalición. Berlusconi optou por Fini fronte ao máis incontrolable Bossi, e situou ao primeiro como número dous. Aínda que ao segundo tívolle que conceder a carteira dende a que poderá seguir coidando os votos da súa persoal Padania.

Cos medios de comunicación ben atados, co apoio das grandes corporacións e o consentimento das institucións internacionais, o novo goberno, resultado dunha alianza entre plutócratas, chauvinistas italianos e cataventos rexionalistas, ten unha marxe de tempo suficiente para consolidarse, esta vez si, no poder romano.
 

Carlos Méixome é membro do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 12/06/2001