| Presencia-Opinión |
| O Século XXI comeza en Porto Alegre Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 09/01/2001) |
| Así o afirma Ignacio Ramonet en Le Monde Diplomatique. Ao FSM (Foro Social Mundial) que se celebrará
nesta cidade situada ao sur do Brasil e gobernada polo PT (Partido dos Traballadores), entre os días 25
a 30 de xaneiro, están convidados todos os que se opoñen ás políticas neoliberais e
están a construír alternativas ao desenvolvemento humano. As datas do FSM foron cuidadosamente elixidas
para que coincidisen coas do Foro de Davos (Suíza) nas que as 2.000 maiores empresas do mundo xa teñen
programada a súa cita anual. Se para Eric Hobsbawm os límites do século XX, dende o punto histórico-ideolóxico, veñen marcados pola Revolución Soviética de 1914 e pola caída da URRS en 1991. O Novo século do pensamento xa está en marcha para analizar seriamente o fenómeno da Globalización e teorizar criticamente sobre el. Na Aldea Global do neoliberalismo estase a construír un arrabalde que desconfía do seu goberno pensa noutro mundo posíbel. Tanto ten, se o novo século comezou en Seattle en novembro do 99 ou se vai comezar na capital do Estado Brasileiro de Río Grande. O certo é que existe unha liña de continuidade que atravesa Seattel-Davos-Washington-Praga-Niza marcada polas protestas contra da globalización asimétrica, feita á medida dos gobernantes da Nova Economía. A mobilizacións contra das “festas particulares” do capitalismo xa están a adquirir a suficiente dimensión como para ocupar lugar na axenda en Davos. Non hai nada de casual nas datas elixidas para a celebración do FSM. Buscouse a coincidencia co selecto Clube do WEM (Foro Económico Mundial) que cada ano reúne en Davos ás 1.000 corporacións máis grandes do mundo e as 1.000 con “Empresas con Crecemento Global). Este ano, o tema central que van abordar na cidade alpina é “Tender pontes sobre as diverxencias”. Na axenda estarán outros dous temas de non menos importancia: “Formación dunha Corporación Global”, e, por primeira vez ¿como tratar a contrarreacción á globalización? Precisamente, dende ópticas diverxentes, neste punto coincidirán os Foros antagónicos dunha e doutra banda do Atlántico. Nas dependencias da Pontificia Universidade Católica de Porto Alegre reuniranse 481 entidades de todo o mundo entre as haberá tres galegas. Universidades, Institutos de análise internacional, ONGs, entidades educativas, Movemento ATTAC, xornalistas, entidades relixiosas... ambicionan a creación dun contra-poder mundial que funcione de contrapeso aos excesos das políticas neoliberais. Logo dun cuarto de século de globalización, nacida da incorporación das TIC (Técnicas da Información e a Comunicación) que permitiron a interconexión financeira, económica, social, política e cultural e o abaratamento dos transportes, xa existen datos suficientes como para constatar os seus efectos asimétricos sobre a riqueza mundial, sobre as desinformacións na sociedades da información ao servicio dos templos da nova economía, sobre a uniformidade aculturizadora, sobre os déficits democráticos dos verdadeiros centros do poder mundial (BM, FMI, OCDE, OMC...). Ao calor do verán brasileiro non acudiran manifestantes que protestan contra da mundialización, acudirán intelectuais e estamentos de todo o mundo con espírito constructivo para diagnosticar a situación actual, para elaborar un corpo teórico capaz de enfrontarse ao pensamento único ,nacido da victoria política do capitalismo sobre o comunismo (1989). Teñen confirmada a asistencia entroutros moitos: Ignácio Ramonet; José Ramos Horta, líder timorense e premio Nóbel da Paz en 1996, José Saramago, escritor portugués, premio Nóbel de Literatura en 1998; Leonardo Boff, teólogo brasileiro; Lucio Gutiérrez, coronel ecuatoriano; Luiz Inácio Lula da Silva, presidente de honra do Partido dos Trabalhadores (PT) e conselleiro fundador do Instituto Cidadania; Norman Soloman, crítico de media norte-americano; Peter Marcuse, professor de Planeamento Urbano da Columbia University; Samir Amin, economista egípcio, director do Fórum do Terceiro Mundo en Dakar e do Fórum Mundial das Alternativas; Tabaré Vasquez, presidente da Frente Ampla do Uruguai; Victor de Gennaro, presidente da Central dos Traballadores da Arxentina... Tentarán constituírse nun foro anual de debate... porque teñen a convicción de que “Um outro mundo é possível”, tal como reza o enunciado do FSM. Enlaces relacionados: Le Monde Diplomatique Foro Social Mundial Foro Económico Mundial |
|
Lino Pellitero é membro do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 10/01/2001
|