| Presencia-Opinión |
| O dedo no ollo do Imperio Por Xulio Ríos (Faro de Vigo, 14/09/2001) |
|
O ataque terrorista contra o corazón financeiro e militar de Estados Unidos é da suficiente envergadura como para abanear os cimentos da política mundial dos anos da post-guerra fría. Dunha danda, a lóxica nuclear, que marcou o acontecer mundial nos últimos cincuenta anos, a fin de contas sometida a complexos mecanismos de control e xestionada en derradeira instancia por poderes e entidades perfectamente identificables, queda obsoleta en canto aos seus parámetros tradicionais. Pero existen forzas oscuras no mundo contemporáneo que non dubidarían en empregar armas de destrucción masiva en misións suicidas. Tal é a magnitude do reto ao que se enfronta a sociedade internacional. O pior podería estar por vir. Doutra, as especulacións sobre quen podería ocupar o lugar da URSS no novo século foron resoltas en cuestión de horas pola vía dos feitos. Ninguén precisa inventarse ameazas (Corea do Norte, Libia ou Irán), mais ou menos reais, para xustificar un escudo antimíseis, ou rivais estratéxicos discutibles (China). A entidade do terrorismo pode obrigar a establecer unha nova liña divisoria. Sen dúbida, ábrese unha nova etapa na que asoma como a principal fonte de inestabilidade e o maior perigo para a paz e a convivencia mundiais, un terrorismo que tamén conta, non o esquezamos, con proxección nos propios Estados Unidos donde habitan fanatismos, ás veces tan perigosos coma os existentes nalgúns países árabes. A vulnerabilidade de Washington amosa a fraxilidade do seu inmenso poderío. En tempos da perestroika, o voo de Mathias Rust ata a Praza Roxa en Moscovo evidenciou as enormes fraquezas da defensa soviética. Os atentados de New York e Washington poñen en tela de xuizo os dispositivos de intelixencia da primeira e única superpotencia. En solitario, ninguén pode contra todo. Pese a iso, a administración Bush fixo ostentación nos últimos meses dunha conducta unilateral que incomodou mesmo aos seus propios aliados. Dende o cume de Kyoto á anunciada ruptura do tratado ABM e a posta en marcha do escudo antimíseis, Washington semellaba decidido a andar por libre. A gravedade dos problemas esixe, pola contra, un esforzo multilateral que sume respostas aos desafíos que a seguridade internacional afrontará nos próximos anos. Agora, máis alá da resposta inmediata, en clave de represalia ou de sofisticación das medidas de seguridade, cómpre reflexionar sobre unha última clave. Os atentados son unha constatación, un síntoma, das numerosas fracturas que subsisten no mundo actual, alertan sobre os fondos desequilibrios que actúan como caldo de cultivo da desesperación e dos extremismos máis irracionais e suicidas. Tamén nese ámbito urxe unha resposta civilizada e de longo alcance. Sementando ventos, mais tarde ou mais cedo habiamos recoller tempestades. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/09/2001
|