| Presencia-Opinión |
| Novi Sad: a transición no local e o medo a Santa
Claus Por Sylvia Gómez Saborido (Canal Mundo, 06/11/2001) |
|
As bombas tamén caían sobre Iugoslavia hai dous anos. Nalgúns lugares, tódalas noites durante dous meses e medio. Novi Sad, a cidade máis danada polos bombardeos da OTAN, pode se-lo paradigma local do proceso de transición que vive o descuartizado país balcánico, paria sen precedentes na historia contemporánea do vello continente. Un proceso no que o patrón que cronolóxicamente é novo non contén necesariamente as solucións pertinentes para os problemas xerados pola permanencia do residual e no que a situación de marxinalidade estructural fai que o medo permaneza. Segundo o último informe comparativo da axencia SCAN de Novi Sad, o medo dos cidadáns ás autoridades incrementouse un 10% dende maio de 2000 a setembro de 2001, o que supón o maior incremento da desconfianza nos últimos 11 anos. A consecución da liberdade e os seus inevitables cambios provoca o medo ás autoridades, á inflación, ás revoltas sociais, ós despedimentos e privatizacións e, sobre todo, á enfermidade. Dende 1995 o medo ás enfermidades está no primeiro lugar e aparece, por primeira vez na Voivodina, unha das rexións máis ricas da vella Iugoslavia, o medo á fame. Son as consecuencias que os cidadáns extraeron das súas experiencias nos anos da guerra, a conciencia do feito de que cando caian enfermos necesitarán a protección dun sistema organizado. Mais segundo o director da SCAN, o profesor de Teoría Política, Milan Puzigaca, é precisamente a falta dun estado organizado e dun control sobre o mesmo, a raíz da inseguridade actual, que vén substituir os temores do pasado ano, o medo ante un réxime que se derrubaba e ó que sería capaz de facer para evitalo. A destrucción deixada polos bombardeos non axuda a recupera-la normalidade. Novi Sad sofre aínda continuos cortes no subministro de auga, e as substancias tóxicas emitidas polos bombardeos na súa refinería convértena nunha das cidades máis insalubres de Europa, aínda que a imaxe máis coñecida sexa a destrucción das súas célebres pontes. A enquistada desconfianza balcánica nas intencións occidentais adquire así unha lóxica patética que fai que anécdotas coma a provocada polo parte metereolóxico de fin de ano, cando o home do tempo sinalou unha imaxe superposta de Santa Claus voando a través dunha pantalla verde-radar, e que acabou cos nenos na cama esperando que ningún obxecto voador entrase polas chemineas das súas casas, estén aínda no imaxinario colectivo. A situación política tampouco vai moito mellor. Voividina é a última dor de cabeza de Belgrado, mais sempre á sombra de problemas maiores. O pasado mes de outubro o Parlamento provincial votou un novo status para a capital, Novi Sad, que vai máis aló do tratamento como sede da administración provincial autónoma, status xa recortado en 1989 xunto co de Cosova. Dous tercios do Parlamento autónomo veñen reclamando unha extensión da autonomía, mais a poboación que lles da soporte está enteiramente dividida. Certo que case 1/3 dos 2 millóns de habitantes de Voivodina está formado por grupos étnicos minoritarios (dos cales un 12% de húngaros), mais no seo da poboación serbia latexan tamén distintas opcións. Os maiores defensores dunha maior autonomía son, en principio, aqueles que contan cunha longa e ancestral raigame en Voivodina, pero neste grupo está tamén presente un forte sentimento iugoslavo. Os novos residentes na próspera provincia (a xeración serbia de refuxiados de Bosnia, Croacia e Cosova) están lonxe da idea de racha-las ligazóns co que resta de Iugoslavia. A relativa prosperidade de Voivodina (celeiro iugoslavo, sede da modesta industria do petróleo e surtidor de recursos fiscais) busca tamén o control independiente da radio e a televisión. Mais a refinería e a antena de TV de Novi Sad en Frusna Gora están por reconstruir, e a tele é un asunto importante nunha nova época da propaganda, primeiro de Belgrado, logo estadounidense. Cómpre reconstruir infraestructuras, cidadanía e confianza. Tentando recupera-la normalidade, Novi Sad retoma agora o seu acordo de cooperación coa poboación inglesa de Norwich, lonxanamente asinado nos 60 e interrompido nos anos escuros. Deixar de ser un paria europeo é importante para unha cidade orgullosa e necesitada de confianza; a vía política pola que dirixir esa confianza require un proceso máis longo. |
|
Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/11/2001
|