| Presencia-Opinión |
| ¿Nova carreira de armamentos? Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 06/02/2001) |
| A estrea da nova administración norteamericana non pode ser máis contundente. O novo xefe do Pentágono,
o Secretario de Defensa Donald Rumsfeld confirmou, na 37ª Conferencia de Seguridade de Múnic, a vontade
do presidente Bush de impulsar o Sistema de Defensa Nacional Antimísiles (NMD). O deber constitucional de
defender aos seus cidadáns foi o argumento de máis fondura empregado polos legados de Washington. Rumsfeld esforzouse en convencer aos aliados europeos da necesidade da iniciativa de defensa. Entre outros argumentos incidiu en que os europeos teñen que comprender a responsabilidade que ten a administración norteamericana en defender aos seus cidadáns. Sería pois unha necesidade moral. Indicou tamén que Rusia non debe entender o sistema defensivo como unha ameaza, aínda que Moscova empregue este falso argumento para conseguir o apoio europeo. Para o representante norteamericano trátase de defender aos EEUU dos seus inimigos (concretado nominalmente en Iraq) e protexer tamén aos seus aliados, polo que demandou a integración da UE no sistema defensivo. Declarou que o Tratado de Defensa Antimísiles (ABM) é unha reliquia inservible da Guerra Fría e demandou un aumento dos gastos europeos en defensa. Ao tempo, considerou que a forza de intervención europea é fonte de inestabilidade, xa que reduce a eficacia da OTAN, crea confusión e perturba a alianza entre as dúas bandas do Atlántico. Os dirixentes europeos mantiveron unha actitude de indiferencia ante a decisión, quizais pola sensación de que é inevitable, e conformáronse coa proposta norteamericana de debater cuestións referidas ao NMD nas estructuras da OTAN. So Alemaña mantivo unha actitude crítica ante a decisión de Washington. Schröder, sinalou que esforzarse pola seguridade tamén é cadrar os orzamentos e non ter déficits, ampliar a UE cara o Leste e establecer lazos de boa veciñanza con Rusia. O chanceler alemán resaltou que Europa debía ter capacidade de reacción de xeito independente nunha situación de crise e amosouse preocupado pola actitude de Rusia e China ante a iniciativa norteamericana. As pantasmas da recesión económica e a permanente esaxeración das capacidades militares de hipotéticos inimigos empurran á nova administración a iniciar un camiño que vai disparar os gastos militares, aumentará as tensións internacionais e obrigará a algunhas potencias (Rusia, China…) a investimentos de substanciosas partidas orzamentarias. ¿Regresa a carreira de armamentos? |
|
Carlos Méixome é membro do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 20/03/2001
|