| Presencia-Opinión |
| Milosevic: ¿Xustiza a golpe de talonario? Por Xulio Ríos (Canal Mundo, 03/07/2001 - a contrafío) |
|
A posta en escena do intempestivo traslado (non extradición) de Slobodan Milosevic ata o cárcere da Haia deu o toque de gracia á coalición gobernante DOS e poida que tamén á propia Federación iugoslava. A rocambolesca acción inspirada por Zoran Djindjic recrudeceu as tensións políticas entre a Presidencia federal e o goberno serbio, e evidenciado tamén a precariedade democrática duns gobernos europeos e occidentais que non dubidan en saltarse as súas propias reglas cando lles conven, actuando a modo de autenticos neobolcheviques. Milosevic debía ser conducido perante a xustiza. Pero non así. Que teñan tanto empeño en conducilo ata un tribunal internacional, algúns países, como Estados Unidos, que se negan en redondo a ratificar as disposicións relativas á creación dun verdadeiro Tribunal Penal Internacional (e non un tribunal ad hoc como da Haia) ou que nunca respectaron, como Estados Unidos, as resolucións xudiciais internacionais de condena que lle foron impostas (lembremos a condena pola súa implicación nas accións da contra en Nicaragua) resulta patético e vergonzoso. Non serei eu quen defenda a Milosevic. A súa responsabilidade na destrucción e nos crimes acontecidos na antigua Iugoslavia, está fóra de toda dúbida. Pero non é aval suficiente para xustificar nin inhibicións fronte a outros responsables nin atropellos. No triángulo Santiago de Chile-Londres-Madrid, houbo que agardar moitos meses para decidir o futuro do dictador Augusto Pinochet, simplemente porque se debían respectar esas formas que evidencian a existencia dunha mínima legalidade garantista. Con Milosevic, os procedementos son o de menos:la humillación conducida polo primeiro ministro serbio, soamente é comparable á indignidade dunha Europa que sucumbe apresurada e incomprensiblemente á vella máxima da fin que xustifica os medios. Os principios tamén se mercan. ¿Imaxinanse as consecuencias para un Tony Blair que entregara a Garzón ao dictador chileno saboteando as decisións e instancias xudiciais do seu propio país? ¿Acaso non deberían os xuices da Haia advertir os graves vicios ab initio que se advirten no proceder das autoridades serbias? ¿Non deberían incluso ser solidarios cos seus colegas do Tribunal constitucional federal e paralizar o seu encausamento en tanto non se subsanen os defectos formais? ¿Como pode considerarse viciada a detención de calquer hipotético delincuente cando simplemente non se lle leen os seus dereitos e inmaculada unha “extradición” manu millitari como a practicada polos dirixentes serbios? ¿Non debería ordenarse a detención e o procesamento de Djindjic por violar a legalidade vixente no seu propio país e que el debería facer respectar? ¿Como poden Europa e Estados Unidos premiar a conculcación da legalidade para supostamente facer xustiza? Occidente debe a defenestración política de Milosevic a Kostunica e non a Djindjic, o sempiterno fracasado e dinamitador, coa súa desmedida ambición, de mil e unha coalicións. Lembremos que na véspera das últimas eleccións, as expectativas electorais do actual primeiro ministro serbio non superaban o 2%, fronte ao 35% do seu Presidente. Djindjic pensa en gañar a partida final dende o goberno serbio. É consciente de que o poder real está nas Repúblicas e non na Federación. Conta con unha maior receptividade das potencias internacionais que non acaban de dixerir o antiamericanismo de Kostunica e a súa maior identificación cos intereses nacionais serbios. Con Djindjic, que lembra o Ieltsin servil, é máis doado negociar. En Montenegro, os partidarios da independencia, tamén apostan por Djindjic, pois para asegurar o seu control total da situación precisan destruir a Federación, o único sustento de Kostunica. Asi pois, ábrese unha dura batalla interna e non é dificil vaticinar para él un triste final, semellante ao de Gorbachov en 1991. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/07/2001
|