| Presencia-Opinión |
| Máis Europa, máis Galicia Por Xulio Ríos (Telemprego, revista galega das ofertas de traballo, xaneiro de 2002) |
|
A implantación do euro e o alargamento da Unión son as dúas grandes cuestións que a presidencia española deberá xestionar no primeiro semestre deste ano capicúa que agora comeza. Se o primeiro asunto está practicamente descontado habida conta do inxente esforzo desenvolvido nos últimos tempos para preparar e adaptar a cidadanía e as empresas á nova situación, o alargamento esixe afondar nun proceso de reflexión que imaxine o novo escenario no que Europa pode atoparse nun breve espacio de tempo. Aínda así, cómpre sinalar que a unión monetaria coxea severamente sen compromisos claros e sólidos a propósito da unión económica, sen reformas sociais que garantan un maior e mellor emprego, unha maior e mellor formación e competitividade dos nosos colectivos laborais. A primeira constatación que cómpre ter en conta é que Europa sigue avanzando a pequenos pasos cando o mundo xira a unha velocidade vertixinosa. Na actualidade e paradoxalmente, as mesmas capitais que entonan loas marabillosas ó proceso de construcción continental para eclipsar as reivindicacións de signo descentralizador que emerxen de colectivos territoriais internos, amosan escaso entusiasmo á hora de reforzar os mecanismos cooperativos da Unión. A situación creada a partir do 11 de Setembro chegou a evidenciar unha forte crise de identidade: Bruxelas é quen de construír unha moeda para case todos pero é incapaz de establecer un mínimo compromiso común para definir unha voz propia ante Estados Unidos e o mundo. Javier Solana, Míster PESC (Política Exterior e de Seguridade Común), debeu encollerse de ombreiros para deixar paso a Tony Blair como ministro exercente de exteriores xa non de Bruxelas senón de Washington sen que ninguén se esforzara por reivindicar un mínimo de respecto á propia arquitectura institucional. Non se trata do número de membros, dos quince ou dos quince máis dez coa ampliación, ninguén cuestiona a esencia dos posicionamentos adoptados, senón o escaso peso político de Europa para establecer liñas propias de actuación, aínda a custe de matizar ou discrepar, por exemplo de Washington, que actúa sen contar cos intereses europeos e esixindo devoción inquebrantable. Non existe comunidade política nunha Europa que se adapta ás conveniencias do momento pero que é incapaz de dinamizar o seu talento. Tristemente non é de agardar cambio algún no posicionamento de Madrid a respecto dunha maior implicación do feito rexional na construcción e na toma de decisións europeas. É un erro substancial. Como viña a dicir o noso Plácido Castro, de quen agora celebramos o centenario do seu nacemento, a propósito das relacións de Londres coas periferias nacionais das Illas Británicas, a lealdade sempre se garante mellor exaltando e cultivando a diferencia. Non existe oposición entre construir Europa e integrar as múltiples identidades que a definen e conforman. Europa deberá ser descentralizada ou non será pero non por iso necesariamente feble aínda que si forzosamente á carta para definir aqueles espacios esenciais e institucionais que nos permitan integrar a diversidade na autonomía coa eficacia que esixe contar cos medios indispensables para desempeñar un papel activo no convulso mundo actual. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/12/2001
|