Presencia-OpiniónVolver ó índice / Balcáns
Macedonia e a OTAN
Por Xulio Ríos (ECO, outubro/2001)
 

Finalmente, o Parlamento macedonio accedeu a ratificar os acordos de Skopjie, negociados na beira do lago Ohrid coa mediación estadounidense e europea, para desactivar unha quinta guerra balcánica que ameaza con proseguir coa onda desestabilizadora nesta rexión. A última “palabra” chegou da man das promesas comunitarias de regar esta nova República con flamantes euros se accedía a reformar a Constitución vixente e conceder novos dereitos á minoría albanesa.

Pese a todo, os eslavos macedonios non as teñen todas con eles. Desconfían da OTAN e das derradeiras intencións dunha mediación internacional que semella dar amparo a grupos armados de albaneses, que serviron de soporte loxístico e operativo na guerra por Kosovo. A operación “Colleita Esencial”, auspiciada por Lord Robertson, secretario xeral da Alianza Atlántica, pode resumirse do seguinte xeito: unha guerrilla que conta con míseis terra-aire, antitanque, morteiros, granadas, minas, ametralladoras, etc, entrega á Brigada Multinacional armas e equipamiento dignos dun museo.

Dase a circunstancia paradoxal de que Macedonia, visiblemente prooccidental na rexión, dende 1993 serviu de base de operacións para propiciar a intervención occidental. Aquí se estableceron os primeiros cascos azuis, os observadores da OSCE e as propias forzas da KFOR. Pero esa garantía de presencia internacional, especie de amuleto protector contra os expansionismos veciños (de Albania, Serbia ou Bulgaria) serviu de moi pouco cando o fráxil equilibrio demográfico do país viuse alterado de xeito significativo por mor dos efectos da acción militar da propia OTAN contra Iugoslavia. En boa medida, o agravamento das tensións actuais ten a súa orixe nos bombardeos da OTAN de 1999, de gran impacto en Macedonia non soamente no ámbito dos refuxiados, pois tamén desbarataron totalmente as súas previsións de crecemento ao liquidar o mercado serbio. Non son marxinais os macedonios que recean da súa imparcialidade, esixindo a substitución dos seus soldados polos cascos azuis da ONU, presentes no país ata 1999.

Sen embargo, esa demanda resulta imposible de xestionar polo actual goberno de Skopje que en xaneiro de 1997 optou por recoñecer a illa de Taiwán como un estado soberano. Ao parecer, tan insólita decisión, obedeceu a unha expresión de agradecemento debida a Taipei polo seu apoio financeiro á campaña electoral de Vasil Tupurkosvki, líder da formación Alternativa Democrática. Xunto ao Vaticano, Macedonia hoxe é o único país de Europa que deu as costas á República Popular Chinesa. Naturalmente, como era de agardar, Pequín rachou as relacións diplomáticas con Skopje e comezou coas medidas de presión habituais, neste caso, impoñendo o seu veto no Consello de Seguridade da ONU á decisión de prorrogar o mandato dos cascos azuis que viñan vixiando a fronteira serbio-macedonia dende 1993.

Coa ONU ou sen ela, é indispensable un esforzo por equiparar os dereitos da minoría albanesa aos da maioría eslava, especialmente en materia lingüística (oficialidade do albanés) e educativa, pero tamén no plano político, policial e militar. En todo caso, ese proceso é inseparable da definición do futuro de de Kosovo e da estabilización da actual Iugoslavia, tanto no que atinxe ás relacións entre a Presidencia federal e o goberno de Belgrado como entre Serbia e Montenegro.

 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/09/2001