Presencia-OpiniónVolver ó índice / Outros
Lois Tobío, entre nós
Por Xulio Ríos (ECO, agosto/2001)
 

É un deses galegos que sinten a Terra máis alá do territorio, que se identifica coa sociedade máis alá das xentes, que comparte as mil e unhas preocupacións polo futuro máis alá das miudezas do presente. Os que tivemos a honra de participar na homenaxe que recentemente se lle brindou no Ateneo de Madrid tivemos tamén a oportunidade de brindar con él por esa Galicia que para Tobío foi sempre un compromiso de principio a fin, vivido con discrección e coherencia.

O compromiso galeguista e universalista de Lois Tobío é unha das constantes esenciais da súa traxectoria vital. Para os que hoxe en Galicia pretendemos observar o mundo e reflexionar sobre o seu acontecer dende unha perspectiva acomodada ós nosos intereses estratéxicos, é, sen dúbida, un exemplo a seguir.

Dende moi novo, Tobío experimentou certa atracción polo exterior, consciente, como me dixo nunha ocasión, “da importancia de estar en contacto co mundo de fóra, do que tanto podemos aprender para os nosos problemas”. Cando no período de entreguerras foi a Alemania para estudiar Ciencia Política becado pola Universidade de Santiago, foi coa plena consciencia do importante que era todo iso e do moito que podía servir logo de voltar á Terra. E mergullouse a fondo naquel fervedoiro intelectual de primeira clase, aquel Berlín da Mitteleuropa, a donde chegara, como acerta a lembrar, directamente de Galicia, sen pasar polos “madriles” nin coñecer ningún outro lugar de España. Alí entroncaría, entre moitos outros, con Hermann Heller, a quen profesará unha enorme admiración.

E de Alemania voltou máis europeo e máis galego, pois non hai dúbida, afirma nas súas Memorias, que “o futuro salvador destas terras está no recoñecemento e na armonización das distintas e gloriosas singularidades, de todas, teñan hoxe estado ou non, nunha irmandade coa que desde hai xa ben tempo veñen soñando os seus máis ilustres fillos”. Os galeguistas foron dos primeiros europeístas deste país.

Para Tobío, por exemplo, a consolidación do Seminario de Estudios Galegos, que actualmente preside, vai parella ó establecemento de relacións e vencellos fraternais con outras entidades semellantes de España e de fóra; ou é incapaz de imaxinar “El Pueblo Gallego” que Portela Valladares quería convertir no primeiro xornal de Galicia senon é o mellor informado en cousas da casa “e de fóra”. No seu exilio escribirá artigos encol de temas internacionais no xornal “El Día” de Montevideo ou en Radio Ariel; promoverá a fundación da sección de estudios de política internacional e diplomacia no Instituto Ruiz de Alarcón en México; e mesmo terá ocasión de afondar coa súa tradicional modestia e profesionalidade no estudio do europeísmo de Feixó nun ensaio publicado na revista Galicia do Centro Gallego de Buenos Aires en 1964.

Pero quizáis todo o seu destino, sobre o que tantas veces reflexiona con certa benevolencia, veulle marcado polo interese incubado nos seus anos de instituto, a propósito da figura do Conde de Gondomar, ese gran diplomático noso, home de ben e de verdade como diría en Grial, en 1969, gabado tamén por Castelao no Sempre en Galiza. A respecto de D. Diego Sarmiento de Acuña, realizou Tobío un inmenso labor, indo ao fondo das cousas con seriedade e rigor, estudios recollidos en varias publicacións. Sempre meticuloso, documentado, e cunha adicación propiamente ascética.

Con esta sensibilidade e antecedentes, é doado comprender como desde un primeiro momento, Lois Tobío percatouse do sentido dun proxecto como o Igadi que dende a súa constitución contou sempre co seu apoio e estímulo: que o Igadi manteña o pulo e progrese, diciame ao pouco de nacer; hai que facer canto máis se poida para estar en contacto co exterior; pechados na casa non conseguiremos nada, sentenciaba.

 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/07/2001