| Presencia-Opinión |
| Kazaquistán: vaise o FMI e ven o Papa Por María José Caamaño. (Canal Mundo, 11/09/2001) |
|
Xoán Paulo II visitará Kazaquistán neste mes de Setembro co propósito de abrir novos espacios para o catolicismo nas “terras virxes” de Oriente. A súa presencia contará predicamento unicamente entre os poucos católicos que viven neste país, na súa maioría ucraínos; un mar de opinións contrapostas axexa o último periplo papal. O interese espiritual por Kazaquistán non atrae unicamente aos católicos. No pasado agosto aterraban no país xoves americanos evanxelistas có propósito de dar clases gratuitas de inglés na Universidade, propiciando a polémica e a preocupación das autoridades polo claro establecimento dos límites entre as misións educativas (permitidas pola actual lei) e o proselitismo (prohibido). A metade da poboación pertence ó credo musulmán, e as relixións minoritarias son a ortodoxa, a católica e outras. Se ben en Kazaquistán está recoñecida a liberdade relixiosa, Vladimir Ivanov, autor da actual lei que regula o culto, suxire a necesidade de introducir reformas para contrarrestar problemas non previstos, tanto na dimensión interna como externa. Cómpre ter en conta que no ámbito rexional, Kazaquistán está a percibir as ameazas da crispación islamista dos seus veciños do Sur, Uzbequistán e Afganistán. A desaparición da URSS deixou un forte baleiro ideolóxico que pode atopar a súa compensación da mán da radicalización do fundamentalismo islámico en forma de terrorismo e inestabilidade fronteiriza. Nursultán Nazarbaiev, que cumprimentou recentemente ao monarca español na súa visita á gran biblioteca da Universidade Euroasiática de Astaná, nova capital de Kazaquistán, é presidente de Kazaquistán dende o momento da independencia do país, en decembro de 1991, proclamada como consecuencia da disolución da URSS. Renovou o seu mandato en dúas ocasións: 1995 e 1999. No ano 1993, a promulgación de diversas leis e dunha reforma constitucional á sua medida, alentou as críticas dos seus contados opositores que acusan ao réxime de autoritario: limitacións severas da liberdade de información, supresión das publicacións independentes, intervención económica na maioría dos medios para condicionar a súa liña editorial e informativa, etc. Dende o exterior, a organización Freedom House, califica a Kazaquistán como un estado “sen liberdade” por mor do seu escaso respeito ao dereitos políticos e liberdades civís. Cunha superficie de case tres millons de km2 e preto de 18 millóns de habitantes (aproximadamente 35% son rusos e calcúlase outro 20% de non kazaqs), atópase inmerso na rexión xeopolítica de Asia Central, formada polas tamén ex-repúblicas soviéticas de Uzbequistán, Turkmenistán, Tayiquistán e Kirguizistán. Todas elas estiveron, en diferentes momentos da súa historia, baixo a influencia dos imperios turco, persa e ruso, sen que esta experiencia xerase neles un espíritu de intereses rexionais comúns senon que, ó contrario, a diversidade da súa composición étnica fomenta a súa receptividade para conflictos internos e externos, nos que os veciños máis poderosos (Turquía, Irán e Rusia) dificilmente resisten a tentación de intervir. No plano económico, Kazaquistán é o país da zona que conta con maiores recursos naturais, entre outros petróleo, metais, productos químicos, cereais, lá, carne, etc. Os recursos enerxéticos son orientados en gran medida á exportación: o petróleo representa preto da metade dos ingresos totais das exportacións kazaqs. Os países da CEI son aínda os seus principais clientes. A vulnerabilidade da súa economía explicase por mor da escasa diversificación e á súa dependencia das variacións mundias dos prezos das materias primas. Se ben, tódolos países da zona sufriron os efectos da crise financeira rusa do verán de 1998, Kazaquistán recuperouse deste bache moito antes do previsto. A finais de 1999, Nazarbaiev logrou reconducir a economía mediante a aplicación de diversas medidas orzamentarias, beneficiadas polo aumento do prezo mundial do crú e o incremento da produción agrícola. No 2000 logrou solventar a débeda que tiña có FMI, perdendo esta organización todo poder de presión sobre o país. |
|
María José Caamaño. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/09/2001
|