Presencia-OpiniónVolver ó índice / Oriente Medio
Iraq, dez anos despois
Por Marta Cabrera (Canal Mundo, 23/01/2001)
 
Entre o 17 de Xaneiro e o 28 de Febreiro de 1991, unha forza multinacional levou a cabo unha guerra de devastación contra o territorio e a poboación iraquí: foi a denominada Guerra do Golfo. Dez anos despois, permanecen boa parte das súas consecuencias.

O control estratéxico de Iraq é unha das principais liñas da política exterior dos EEUU, que é o máis fervente impulsor do mantemento das sancións a Iraq así como das diferentes comisións de vixiancia-espionaxe. Este control, ó que Washington non está disposto a renunciar, é parte do que en 1991 George Bush (pai) denominara Nova Orde Mundial. Esta política, que comezou a súa andadura coa Guerra do Golfo, non é máis que a aplicación sen límites da hexemonía política, militar e económica dos intereses dos EEUU.

A Nova Orde Mundial deseñada por Bush tivo o seu momento de esplendor baixo a administración Clinton que foi a que tomou o relevo na aplicación práctica da política deseñada para Oriente Medio. Nesta zona aplícase unha lóxica de inxerencia e desestabilización, no caso específico de Iraq, dirixida a impedir o seu rexurdimento xa que nos momentos previos á guerra atopábase nunha posición de potencia emerxente que ameazaba os intereses tanto occidentais coma ós dos seus aliados (Israel, Petromonarquías árabes do Golfo).

A principal finalidade da guerra tería sido o derrocamento do líder iraquí Saddam Hussein pero a consecuencia última foi o seu arraigamento no poder e un fustigamento sen precedentes na historia contra a poboación civil. Iraq, a pesares de posuír as segundas reservas de petróleo do planeta, atópase (segundo NNUU) no posto 42 dos 77 países máis pobres do mundo cando antes da guerra tiña un grado de desenvolvemento medio. O Pib reduciuse a niveis de 1949, a renda per cápita pasou dos 3.508$ de 1989 ós 252 $, o 60% das fábricas pecharon e o paro alcanza a máis do 50% da poboación activa, máis da metade da poboación vive por debaixo do umbral da pobreza e máis de 4.5 millóns na extrema pobreza, a malnutrición, as enfermidade infecciosas, o incremento da mortaldade,... son soamente uns poucos datos reveladores das consecuencias directas do embargo e das sancións.

Agora, nesta nova etapa,despois dunha década de sancións, a situación non ten visos de mellorar. A recén estreada administración Bush anuncia un cambio profundo na súa política exterior; a cargo do novo Secretario de Estado Colin Powell, a política americana semella dar un novo xiro da Nova Orde Mundial para revitalizar a Doutrina Monroe, pero sen esquecer que os intereses vitais americanos no exterior situaranse no primeiro escano de prioridades. Oriente Medio e Iraq, principalmente sufrirán as consecuencias desta nova "doutrina Powell".
 

Marta Cabrera é colaboradora do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/01/2001