Presencia-OpiniónVolver ó índice / Asia
Iraq, a guerra que nunca rematou
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 20/02/2001)
 
Van cumpridos dez anos dunha guerra que nunca rematou. Repítense os mesmos enemigos, reprodúcense as mesmos nomes, mudando só algúns a súa posición na árbore xenealóxica ou no cargo que agora desempeñan. Dous mortos e máis de 20 feridos é o saldo da operación preventiva desenvolvida polas 24 aeronaves que oficialmente tiñan como principal obxectivo : “...dar resposta á acumulación de maior capacidade técnica da defensa antiaérea iraquiana”, pero que permiten albiscar o novo rumbo da política exterior norteamericana.

Cando principiou a operación “Tormenta do deserto” pola que Kuwait ía ser desaloxada dos seus invasores..., na xefatura do estado maior das Forzas Armadas estaba Colin Powel, ao fronte da secretaría de Defensa Dick Cheney e na presidencia dos EE UU George Bush.

O nada democrático Kuwait recuperaba a súa liberdade, como estado, 0 26 de febreiro de 1991, logo de sete meses de ocupación. Ao remate da denominada “Guerra do Golfo”, fixáronse, de xeito unilateral, dúas zonas de exclusión ao norte a ao sur do país co anunciado obxectivo de garantir a protección da minoría kurda, emprazada na zona setentrional e a dos shiis que se asentaban ao sur do paralelo 33.

Case dez anos máis tarde, coincidindo coa chegada á presidencia de George Bush fillo, EE UU reemprende unha escalada bélica na zona, volvendo ter como protagonistas, outra volta a Colin Powel e a Dick Cheney, que saídos das esferas militares ascenderán ata as máis altas cumes do poder político, con novas responsabilidades na secretaría de estado ou na vicepresidencia norteamericana.

Na zona do Golfo no ten acontecido detonante algún que activase a crise, nada mudou en relación ao que ten acaido nos últimos anos, pero a política exterior dos EE UU, xa non é a mesma. O presidente precisaba dunha urxente asunción do liderado dun país que saíu dividido no recente proceso electoral e no que seguen a proxectarse serías dúbidas sobre a limpeza no triunfo do candidato republicano. A baixada de impostos, que anunciou recentemente contenta a unha boa parte da cidadanía norteamericana, mais non consigue axuntar tantas vontades como a localización dun desprestixiado e coñecido inimigo exterior como Saddam Hussein. A escalada bélica afianza ao presidente na policía interior. Sempre confesou que “a mellor política exterior é a que se fai na casa ou pensando na casa.

Non foi doado atopar unha razón convincente para explicar sorpresivo ataque que colleu desprevida a comunidade internacional e que o presidente Bush cualificou como “unha simple operación de rutina para reforzar as zonas de exclusión” . Pouca consistencia tiñan as escusas arguídas de “lexítima defensa” diante de ningún ataque coñecido. Difícil amparo legal no marco dos acordos internacionais pode atribuírse a unha decisión unilateral cualificada de “destrucción preventiva”, prexulgando intencións aínda por demostrar.

Pero se hai unha decisión que non atopou aínda nin xustificación, nin encaixe foi a do principal valedor da decaída “terceira vía” e comparsa dos EE UU Tony Blair.

O recoñecido líder laborista que soubo sacar do poder aos conservadores cun ilusionante proxecto reformista, atópase descarrilado, renegando do seu anterior camiño de ferro e tratando de encaixar nunha etérea “Cuarta Vía” ou “Vía dos sentimentos”. Co paso do tempo ten deixado de ser un referente válido como alternativa a globalización neoliberal. Posturas belicistas como as da Guerra do Kosovo ou seguidistas coa agresiva política exterior norteamericana van caendo no pozo do desprestixio, mesmo no interior do partido laborista. O parlamentario Jeremy Corbyn ten manifestado a unha cadea de Tv que “estamos illados. Coido extremadamente perigoso e o incomprensible seguidismo británico... É unha decisión covarde que non entende a opinión pública e que atopa unha tremenda hostilidade dentro do Partido Laborista”. Algúns dos editoriais dos xornais máis prestixiosos apuntan non mesmo sentido pedindo distanciamento a política exterior norteamericana. “Bombardear Iraq non ten sentido” ou “Precisamos unha solución mellor que a política dos bombardeos”.

A nova era Bush ten dado xa os primeiros pasos que non traen nada de novidosos, pero que manteñen a incógnita de saber ata onde pretenden chegar.
 

Lino Pellitero é membro do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/02/2001