Presencia-OpiniónVolver ó índice / Outros
Interpretacións coránicas
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 02/10/2001)
 

Da perversa interpretación dos textos sagrados coránicos emana a forza maléfica que que impulsa aos fanáticos a cometer crimes en masa, como os acontecidos o 11-S. Pero da literalidade do Corán ninguén pode deducir que nel se induza á morte, máis ben todo o contrario, o Corán fai do respecto a vida o seu valor supremo e preconiza o inferno eterno para os que arrinquen a vida dun crente en Deus ou manifesta que comete pecado irreversíblel quen prive da vida a un home. Tampouco os suicidas atopan consolo por moi altos fins que pretendan.

As torpes palabras de Silvio Berlusconi considerando que non son comparables as civilizacións musulmana e a occidental, porque non está situadas nun mesmo plano de igualdade, producen calafríos. A súa crueza fanas repudiabeis, pero baixo a súa explícita necidade que mereceu unánimes condenas, agáchanse outros moitos posicionamentos máis sutís, pero non menos perigos.

Varios membros do goberno español interpretaron rudimentariamente os atentados cometidos en Nova Iorque ou Washington, como un ataque directo e inequívoco a civilización occidental. Existe unha base sociolóxica na dereita dos países máis desenvolvidos, que coa ineptitude política de S. Berlusconi ou coa sibilina sobriedade de Aznar, transmiten á cidadanía que os valores occidentais están ameazados e corren perigo de extinguirse.

Este tipo de perspectivas desintegradoras e pouco respetuosas coa diversidade cultural e relixiosa universal, non atopa xustificación algunha nos textos coránicos. O Islam non é de obrigado cumprimento para aqueles que non son crentes e, por tanto, non impón a ninguén a súa conversión, aínda que é especialmente duro cos que renegan da súa fe.

Non se atopa unha soa liña que permita facer a xustiza pola man, ese labor está reservado e encomendado ás autoridades islámicas.

O mesmo acontece cos suicidas para os que está escrito: “non vos saquedes a vida, porque Deus nunca remata a súa misericordia...Quen elimina a súa vida será privado da misericordia de Deus e será merecente da súa cólera no inferno”.

Non pode haber confusión cando se deixa explicitamente claro que verter o sangue dun home é un pecado irreversíbel.

Pero certamente existen parágrafos, que illados e descontextualizados, poden prestarse a equívoco e ser utilizados por fundamentalistas para convertérense en soldados dispostos á morte polo Islam. “Combatede a aqueles que loitan contra de vos. Cando eles vos combatan, combatédeos vos. Cando eles de deteñan, parade vos. Sede hostís só con aqueles que son hostís cara a vos”.

 

Lino Pellitero é membro do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/10/2001