| Presencia-Opinión |
| Inimigos invisibles e amigos de conveniencia Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 25/09/2001) |
|
O 11-S, coas torres do Word Trade Center, afundíronse moitos dos mitos da política exterior da administración Bush. A intención de centrar a maior parte da enerxía política no interior do país, abandonando aventureiras misións estratéxicas ou humanitarias no exterior, estalou en mil anacos ao ser agredidos dentro da propia casa, en proceso de blindaxe espacial. Estoupou ao comprobar a ineficacia dos paraugas nucleares ou dos 100.000 funcionarios civís e militares que integran a intelixencia da primeira potencia do mundo... Compre volver a primar o factor humano sobre o tecnolóxico nos servizos de intelixencia, por máis que semelle un contrasentido. Entre as sombras do inimigo invisible, aínda hai analistas que non dan encaixado a Ben Laden como único artífice da tan macabra perfección destructiva, que agora alimenta aos sectores máis ultraconservadores da sociedade norteamericana. Conceptos como xustiza ou liberdade de prensa, son substituídos, a toda presa, por vinganza ou polo interese nacional das cuestións de estado. Precipitados pola imperiosa necesidade de artellar axiña unha coalición ampla de nacións de apoio, e por asegurar unha maior eficacia do aparato bélico, os EEUU están a engordar aceleradamente a lista de aliados. Unha febre de encontros diplomáticos con países de segunda o terceira orde, cobran de súpeto unha dimensión transcendental como nos casos de Indonesia, os Emiratos Arabes, Sudán, Tadxiquistán.... Outros, con maior peso nas tesións mundiais, desempolvan aceleradamente as carteiras diplomáticas. É o caso de China, Rusia, Cuba, Irán. De súpeto a, India ou o Paquistán, deixan de estar sancionados por ter feito ensaios con armamento nuclear, para pasar a ser aliados necesarios e decisivos. Entre os novos “amigos de conveniencia”, nada convencidos en atopar vantaxes co estreitamento de relacións está o caso de Paquistán. “... Nos temos problemas fronteirizos coa India, país que ofreceu o seu apoio aos EEUU... se poñemos dicultades á alianza que se nos propón, a India aproveitaría o conflicto para esmagar aos combatentes propaquistaníes de Cachemira”. Estas palabras pronunciadas por Shireen Mazazi directora do prestixioso Instituto de Estudios Estratéxicos de Paquistán, clarifican as presións ás que se ven sometidos os países atrapados na proclama do Presidente Bush. “Ou comigo ou contra min”. Os oficialmente aliados, non ocultan a tremenda preocupación que a “benladización” do conflicto, pode supoñer para a estabilidade da zona, na que os movementos integristas teñen una notable presencia e amplo apoio popular. Os actuais líderes espirituais das Madrassahs, as escolas do Corán paquistanís, nas que se formaron os mozos talibáns, lanzan ao aire novas sentencias “Só o sufrimento fai abrir os ollos”. Shireen Mazazi opina que a desaparición de Osama Ben Laden non remataría cos potenciais atentados en Occidente. Por máis que detestemos os métodos de B. Laden, mentres persista o modelo de política que occidente ten aplicado co mundo musulmán, aparecerán novos Ben Laden dispostos a aplicar os seus métodos violentos. E engade: “..agora atopámonos cunha situación aparentemente paradoxal, xa que moita xente que consideramos como moderada está disposta a sacrificar todo o que teñen pola causa dos talibáns”. Os islamistas, coñecen á perfección o crecente sentimento de autoafirmación que se está a producir no mundo árabe, desencantados coa actuación de Occidente diante de masacres permanentes como a de Palestina. Cunha poboación moi permeable, Osama Ben Laden, atopa amplo eco con arengas como as que lle espetou ao xornalista norteamericano “John Miller” en 1998 cando lle fixo una entrevista para a cadea ABC. “O que fan vostedes cos musulmáns en Palestina é vergonzoso, no caso de que aínda lles quede algunha vergonza nos EEUU”. “Defenden a Israel que ten como estratexia rematar co futuro dos nenos palestinos”. “Por tanto coidamos que os maiores ladróns e terroristas están nos EEUU”. A loucura dos persuadidos da súa misión divina como portadores da luz á humanidade, non debe facer esquecer que o primeiro paso para a resolución dun conflicto é pescudar na existecia na existencia de causas latentes. O segundo é atopar a metodoloxía máis apropiada para a resolución do conflicto e para extirpalo sen tumores que rebroten con anovadas forzas. Nesta liña apuntan xentes tan dispares como a de Jospin quen fai un chamado a tolerancia e ao respecto cara o outro diferente ao tempo que expresa súa vontade de vivir xuntos en harmonía. Liña de convivencia e diálogo tamén subliñada polo Pontífice na súa visita a kazakhstán onde afirmou. “Os conflictos non deberían resolverse coa forza das armas, senón pacificamente, a traveso da negociación e o diálogo”. Palabras que reconfortan e dan respiro cando, diante dos tambores de guerra, moitos dirixentes políticos e profesionais dos medios de comunicación marcan ao unísono o paso militaritarista, abafando aos que se atreven a sinalar ás causas latentes ou rexeitan a guerra. Son febres belicistas pasaxeiras que pronto atoparán renegados ao comprobar ás consecuencias da guerra.Xa aconteceu o mesmo, na guerra do Golfo ou na de Kosovo... Aínda que Bush ten expresado, nalgunha ocasión ,o seu desexo de non conducir á Alianza ou Coalición cara a unha guerra de relixión, por ser a fe musulmana é unha fe pacífica..., se remove o avespeiro do fundamentalismo islámico, sen modificar a súa política exterior na zona, pode alporizar os ánimos en en grupos como Hamás, GIA, Djihab islámica, Hezbolá, Iamá al Islamiia e outros que están en órbitas de sintonía ideolóxica a de Al Qeda (a base) que artella o arquitecto do terrorismo global Osama Ben Laden, para disfrazar o seu terror de guerra relixiosa ou cultural. En Occidente tamén son moitos os que din o mesmo. Ese é o verdadeiro perigo. |
|
Lino Pellitero é membro do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 26/09/2001
|