Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
Gotemburgo
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 19/06/2001)
 
Foi na tranquila Suecia onde as manifestacións antiglobalización acadaron un ton máis tráxico. Tres feridos de bala, un deles bambeando entre a vida e a morte, 43 manifestantes e 35 policías feridos, máis de 600 detidos.A pequena cidade de Gotemburgo, menos de 500.000 habitantes, converteuse nun campo de batalla. O centro das protestas non foi nesta ocasión a OMC senón a visita do “amigo americano” e a reunión ao máximo nivel da UE. Seattle, Praga, Quebec, Gotemburgo… haberá novas etapas nesta revolta itinerante, a próxima Xénova.

Alguén falou hai uns meses de que en Seattle nacera o século XXI. Aquela protesta espontánea e acéfala tomou forma en Porto Alegre. Hoxe sigue sendo tan diversa como cando se iniciou. Non hai denominacións nin lideres, so reivindicación: noxo ante a desigualdade do mundo e a miseria que produce; asco polos gastos militares e a nova carreira de armamentos que se anuncia; repugnancia ante o uso da forza por parte dos poderosos; desagrado polo prezo dos medicamentos para combater a epidemia da SIDA; náusea ante o desprezo á dignidade humana; desconfianza ante as formas políticas tradicionais; rabia ante o enriquecemento cada vez maior dos ricos e o empobrecemento cada vez máis dos pobres.

En Porto Alegre fíxose programa da reivindicación. Os dirixentes do mundo saben que non poden seguir ignorando aos movementos antiglobalización. Algúns comezaron por escoitalos: Göran Persson, Romano Prodi, Solana, Guterres e Joschka Fischer debateron con media ducia de manifestantes. Outros desprezáronos por estar manipulados por non se saben moi ben que escuros intereses. Uns terceiros amosábanse seriamente preocupados : Chirac, asustado polo emprego de balas pola policía, non deixaba de lembrar que podía ter habido mortos; mentres, Berlusconi expresaba os seus temores polo que poida ocorrer en Xénova, o próximo mes, con motivo do cumio do G-7.

As violentas protestas de Gotemburgo prodúcense cando a UE esta a sufrir a máis grave crise das últimas décadas: as desconfianzas ante a ampliación (o non irlandés); a pouca sintonía entre París e Berlín; as diverxencias sobre o modelo de construcción europeo (federalismo alemán/estado-nación francés); a posibilidade do establecemento dunha fronte sur (Aznar, Berlusconi), etc. sementan de incertezas o camiño de Europa.

A crise chega no momento no que se producen cambios substanciais na política internacional norteamericana. Dende a chegada á Casa Branca, Bush, aplicou dous criterios básicos á súa política internacional: un, “primeiro América”; dous “ou estas comigo, ou estas contra min”. Clinton disimulaba as súas pretensión hexemónicas; a Bush non lle gusta a ambigüidade no mundo baixo disciplina americana. Lanza a defensa antimísiles, despreza os acordos de Kyoto; anuncia ampliacións da OTAN. Resultado: tensións con China e Rusia e mutua aproximación entre ambos; desconfianzas europeas; temores na India e Xapón…

Seica a defensa antimísiles está sobre todo dirixida a evitar ou reducir o impacto da crise económica, algúns pensan en aproveitar algo do festín. Nada desto ten que ver coas reivindicacións de Seattle e Porto Alegre e si con que a “hexemonía manifesta” concitará unha maior oposición á globalización e dará forzas a un movemento non virtual, aínda que empregue a Internet para difundirse, que so discrepa nos métodos. Uns coidan que o que máis lle molesta aos poderosos é que lle poñan patas arriba os lugares por onde pasan, outros consideran que estas actitudes limitan a amplitude dun movemento en marcha.
 

Carlos Méixome é membro do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/06/2001