| Presencia-Opinión |
| ¿Golpe a Chávez? Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 27/11/2001) |
|
O presidente venezolano Hugo Chávez Frías vive o agridoce sabor do poder. Xusto no momento no que coroa con maiores éxitos a súa frenética actividade diplomática no exterior, e escintilan con anovadas forzas os logros económicos no interior, escoita o crecente rumor dos sables nos cuarteis, coñece a desobediencia civil de sectores cualificados da sociedade venezolana e trata de aplacar cun tardío diálogo as desacordes voces de todos os afectados pola persoal cruzada contra da corrupción. Cando máis argumentos posúe é cando maís evidencia a falta de pragmatismo e escaseza de intelixencia nos ritmos da acción de goberno. Bush e Aznar non desaproveitan ocasión para erosionar a solidez do incómodo presidente venezolano. Por moito que Hugo Chávez reitere que “ en Venezuela non hai o máis mínimo risco de golpe militar”, xa ninguén se atreve a negar a existencia de tramas golpistas no exército. Primeiro foi unha consultora estadounidense quen emitiu un informe, feito público polo xornal El Nacional, no que se desvelaba a existencia de movementos castrenses clandestinos. O ex-Presidente Carlos Andrés Pérez tamén tomou a palabra, a continuación, para advertir da posibilidade do cuartelazo. Quen findou as especulacións coas súas nidias declaracións foi o inspector xeral das Forza Armadas, o Xeneral en Xefe Lucas Rincón, ao asegurar ter constancia da existencia de grupos que conspiran para xerar malestar no exército, pondo en circulación documentos anónimos e panfletos para desprestixiar ao goberno “hai persoas que están dedicadas día e noite a conspirar”. Se aínda quedaba algunha ragaña para a dúbida pechouna o Ministro de Defensa José Vicente Rangel ao afirmar “existen sectores que apostan polo golpe e a desestabilización porque temen o diálogo... en troques de sentarse a mesa disparan contra o diálogo. Algúns venezolanos cando escoitan a palabra diálogo o primeiro que lle ven a cabeza e sacar a pistola”. A popularidade do presidente Hugo Chávez Frías cae e as intrigas “intra muros” dos cuarteis soben de ton en Venezuela, mentres os sables permanecen envaiñados en países con peores perspectivas, tanto para este ano como para o 2002. Posúe unhas das mellores cartas económicas do continente e ascendeu catro postos na escala mundial do desenvolvemento .Cando a media de crecemento previsto para América Latina será dun 0,5%, no 2001, o PIB de Venezuela crecerá a un ritmo do 3,3%, por riba do 3,2% calculado para Chile, o 1,8% para Colombia, o 0,9% para Brasil, o 0,0 % para Perú, -0,1 para México e –1,5% para Arxentina. Moitas son as causas que explican a paradoxal situación de Venezuela. A asonada golpista protagonizada por Hugo Chávez contra Carlos Andrés Pérez en febreiro de 1992, desautorízao eternamente para desacreditar argumentalmente aos golpistas no novo milenio. Coas súa linguaxe fluída, directa e descualificadora caeu nas provocacións dos desestabilizadores sen habilidade nin tacto político. Co peso da súa maioría parlamentaria esmagou as posicións dos adversarios políticos sen dar moita opción ao diálogo e a cintura política. Na súa permanente campaña de cruzado contra da corrupción e libertador bolivariano camiñou polo borde da legalidade para conseguir os seus obxectivos e foi gañando poderosos inimigos nos vellos partidos da desacreditada política, no movemento sindical, na igrexa, nos medios de comunicación, no empresariado etc. Entre os líderes mundiais que aproveitan a momentánea debilidade para introducir paos na roda da política do pais caribeño están Bush e Aznar. Se a Casa Branca cualificou “agresións verbais francamente hostís” e chamou a consultas á embaixadora en Caracas , Donna Hrinak, as palabras de Chávez nas que se pronunciaba en contra da Guerra de Afganistán; José María Aznar quixo pisar a fondo o acelerador da sensibilidade mundial contra do terrorismo, logo do acontecido en Nova Iorque o 11 de setembro, para filtrar aos xornais La Razón e o ABC, que existen uns 70 etarras en Venezuela, dos que 60 viven na clandestinidade e 12 son practicamente refuxiados e, ao tempo, laiarse da insuficiente colaboración de Chávez desde que que accedeu ao poder en 1999, esquecendo facer referencia aos períodos anteriores. Estas interesadas noticias, nas vésperas do Cimeira Iberoamericana de Lima escorregaron de inmediato ás cabeceiras dos principais xornais venezolanos, pero non conseguiron reducir o protagonismo de Chávez na Cimeira, máxime logo de que Fidel Castro lle deixase o camiño libre para ser a estrela coa súa sorpresiva ausencia. O presidente caribeño coa súa frenética actividade exterior está a gañarse o respecto de diversos ámbitos socio-político-económicos, no seno da OPEP, con ventas subvencionadas de petróleo aos países de centroamérica, como activo dirixente do G77+China, como líder en sintonía co discurso de Lionel Jospin, como estadista latinoamericano que pon en corentena a eficacia da globalización vista dende o prisma exclusivo do liberalismo...etc. Tanto protagonismo non esperta precisamente simpatía entre os líderes do conservadorismo mundial que observan con crecente interese o acontecementos no interior de Venezuela. A tensión palpase no medios de comunicación, nos continuos enfrontamentos na rúa entre partidarios e detractores do goberno. O 28 serán os partidarios os que tomen a rúa nunha concentración de apoio ao goberno. Para o 7 de decembro está prevista una manifestación co lema “Chávez vaite xa”, que lembra moito aquela frase tan repetida durante o goberno socialista en España “Váiase señor González". Tres días máis tarde será o Consello Nacional e a Asemblea de Fedecámaras que debata a posibilidade de ir á folga o mesmo día que o presidente participe nun acto público para avalar a flamante Lei de Terras e Desenvolvemento Rural. Sen negar as extravagancias do dirixente bolivariano, exentas do máis mínimo pragmatismo político, e os roxelos entre os demócratas cara o modo de gobernar do ex-golpista... en Venezuela sómanse e asómanse moitos outros signos que denotan a existencia dun CBI (conflicto de baixa intensidade) no que están en xogo moitos intereses e factores, internos e internos, que se conxugan para desestabilizar ao Goberno de Chávez. Noutros países de América Latina, con peores perspectivas e gobernos absolutamente desacreditados, a estabilidade política e institucional semella estar mellor garantida. |
|
Lino Pellitero é membro do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 27/11/2001
|