| Presencia-Opinión |
| Fischer, acurralado e aclamado Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 13/03/2001) |
| Hai case dous anos, no anterior congreso, a pintura vermella esvaraba pola faciana de Fischer. Eran os peores momentos
do máis popular dos ministros verdes. Neste bienio a política exterior alemana pouco ten mudado.
Nembargantes dous feitos posibilitaron que o controvertido Fischer fose aclamado polos congresistas: o intento
de linchamento político, posto en marcha polos sectores máis conservadores da xudicatura e da prensa,
e a proposta europeísta que Fischer ven defendendo dende a súa celebre conferencia na Universidade
Humboldt de Berlín. Cando se celebrou o anterior congreso Verdes, Alemaña remataba de intervir, por primeira vez dende 1945, nun conflicto bélico. O máis chocante era que o Ministerio de Exteriores estaba desempeñado por un dos que fixeran do antimilitarismo e o ecoloxismo o seu sinal de identidade. A tensión era enorme no interior do partido. Fischer tivo que soportar toda caste de insultos, oír intervencións que descualificaban as súas decisións e mesmo recibir no rostro o impacto da bolsa chea de pintura vermella. A súa actitude, e a dos seus compañeiros de executivo, contrastaba coa dun Lafontaine que abandonaba a sala do consello de ministros tras pegar un portazo estridente. O crédito dos ministros verdes era mínimo. Os congresistas que os apoiaron fixérono máis pensando na necesidade de manter a coalición co SPD que na lexitimidade do ataque da OTAN a Iugoslavia. Dous anos despois, Fischer, Trittin e os demais ministros verdes teñen recuperado o recoñecemento interno e a popularidade. Non mudaron a política exterior, Fischer aprobou implicitamente os recentes ataques británicos e americanos a Iraq. Mesmo Trittin, Ministro de Medio Ambiente, ten aprobado o transporte de residuos nucleares franceses, a realizar a finais de marzo, por territorio alemán. A loita contra estes transportes foi unha das máis populares entre os ecoloxistas. ¿Qué mudou para este cambio interno? Nomeadamente dous feitos. Por unha banda a teimosía da dereita, en especial da CDU, en acurralar e desacreditar a figura política de Fischer, primeiro vinculándoo cos grupos armados das RAF e agora coa participación nunha manifestación na que se guindaron varios cócteles molotov contra o edificio da embaixada de España en 1975. A actitude de Fischer, tanto no proceso xudicial como ante os máis recentes intentos de desprestixio, permitiulle recuperar popularidade ante a opinión pública e credibilidade ante os membros do seu partido que ven nos movementos estudiantís e xuvenís dos anos setenta o xerme do actual movemento verde. En segundo lugar, a proposta europeísta de Fischer é o novo elemento aglutinador do movemento eco-pacifista alemán. Xustamente foi o seu discurso sobre a Unión Europea o que puxo en pe aos congresistas. A afervoada defensa da ampliación cara o Leste e da necesidade de avanzar no deseño dunha Europa Federal foron acollidas cos aplausos unánimes dos delegados. |
|
Carlos Méixome é membro do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/03/2001
|