Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
Europa nos tempos da guerra
Por Andrés Freire (Canal Mundo, 13/11/2001)
 

Ben pode un maxinar as tensións vividas en Downing Street nas horas previas á reunión do pasado domingo dos principais líderes europeos. Máis importante que o que se iba a discutir (a posición europea ante os bombardeos sobre Afganistán), era coñecer quén iba a discutir, pois a lista dos convidados é a lista dos que están chamados a dicir algo no novo concerto europeo.

Berlusconi quedara fóra da primeira reunión tripartita anglo-franco-xermana, previa ó Consello en Gante. Outra exclusión sería resentida por un país e un líder profundamente susceptibles ante a rebaixa de status que isto significaba. Italia é un dos países fundadores da Unión, a súa poboación é a mesma que a de Francia e Reino Unido, e o seu PIB superior ó inglés. Non sería aceptable deixar fóra de novo a Berlusconi. Esta inclusión levou a unha nova ronda de convidados. En primeiro lugar, a Aznar (sospeito a Blair temeroso de que Aznar nunca esquece e nunca perdona), e con él, o primeiro ministro belga, presidente de turno do Consello da UE quen esixiu a presencia do Señor Pesc, o inefable Solana. Nun derradeiro xiro cómico, o primeiro ministro holandés apareceu para cear en Downing Street...

E así, no momento da verdade, cando hai perigo e bombas, cando as verbas e tratados son postos a proba, Europa voltou a ser unha expresión xeográfica, e os países europeos reuníronse e decidiron como una liga de estados aliados. E os dez anos de desenrolo dunha Política Europea de Seguridade Común, á que recentemente se engadiou a Defensa común, semellan esforzos levados por un mal vento.

A OTAN ocupou o primeiro plano e amosou a súa condición de instrumento de dominación americana no continente (protego, ergo obligo). O día siguinte á masacre, no Consello Atlántico, o representante norteamericano anunciou ós seus sorprendidos colegas que os Estados Unidos consideraran os ataques como un “acto de guerra”, suxeito ó artigo V (“un ataque contra un, será considerado coma un ataque contra todos”). Tras algunhas vacilacións, os aliados aceptaron as teses americanas, así como os mecanismos das colaboracións: non sería unha guerra “por comité”, senón que EEUU demandaría a axuda dos aliados, estado por estado, e caso por caso. E alá se foi a voz común europea.

Dende entón, compiten os países europeos entre sí en amosar ós americanos quén é o seu máis fiel aliado. Mentres Francia vacila e o Reino Unido se entusiasma, Italia, Alemania e España ofrecen os seus soldados para o que poidan servir. Non parece importarlles que a guerra de Afganistán leve todas as marcas dunha insensata aventura de incerta victoria. Victoria que si chega, será en todo caso inútil e cruel.

Sen rastro de acción común europea, só son comúns os ocasionais comunicados. E o que é pior: ningúen parece botar de menos á Unión Europea cando chega o perigo, corroborando de novo o moito que lle custa ós distintos países do continente ir máis alá da unión aduanera, por máis que se esforce no contrario a minoría ilustrada que tantas esperanzas poñera na UE.

Paradoxalmente, ó tempo que se debilitan moitos dos soños europeos, o euro está a piques de chegar ós nosos petos. Os cautos de espírito, os que desconfiamos das decisións políticas impulsadas polo voluntarismo dos bós desexos, non podemos evitar certa aprehensión ante este experimento de inxeniería social en tempos tan turbulentos.

 
 

Andrés Freire.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/11/2001