| Presencia-Opinión |
| EEUU contra Afganistán, unha guerra que revira
o mundo Por Xulio Ríos (Inzar, decembro/2001) |
|
Resulta difícil de admitir que toda unha superpotencia como Estados Unidos, posuidora dunha capacidade tecnolóxica e militar sen parangón, poida quedar literalmente en xaque pola belixerancia suicida de minúsculos colectivos de descontentos que, a xulgar polas imaxes que nos sirven a cotío todos os medios de comunicación, semellan gardar máis proximidade coa Idade Media que co limiar do século XXI. ¿Imposible? Estamos perante o que Manuel Coma, presidente do Grupo de Estudios Estratéxicos, denomina “ataque asimétrico”: non se necesitan grandes medios, precisase unicamente a identificación do punto máis vulnerable do inimigo. É unha nova guerra na que pequenos grupos son capaces de producir un nivel de morte e devastación que ata hai pouco se consideraba unicamente ao alcance do poder bélico dos estados. O atentado das Twin Towers e do Pentágono atribuiuselle ao terrorismo fundamentalista. Non se produciu ata o momento unha reivindicación seria e expresa de ninguén. Nin do propio ben Laden sequera. A confusión a ese respecto é absoluta e non se trata dun dato menor. Non é a primeira vez que se acusa impunemente. En máis dunha ocasión, a propia CIA, por exemplo, preparou probas falsas para acusar. Sen remontarnos a máis atrás, lembremos a destrucción de varias lanchas no golfo de Tonquing que brindaron a xustificación precisa para iniciar os bombardeos no Vietnam en 1965. ¿Debemos admitir, sen máis, que se nos está a dicir a verdade? ¿Por qué ben Laden non reivindica a acción? No pasado nunca escatimou publicidade e sempre exhibiu con orgullo os seus “éxitos”. É evidente que arredor de Osama ben Laden artellaronse singulares mecanismos de organización que representan un salto cualitativo nas dinámicas de actuación dos grupos armados. Non estamos a falar dun grupo terrorista tradicional. Ben Laden, afirma George Joffé do Instituto de Estudios Estratégicos Internacionais de Lisboa, é o elemento central dunha rede de redes que agrupa a diferentes colectivos dispostos a interseccionar e colaborar en accións específicas pero que, ademais, teñen as súas propias axendas. Co apoio de Estados Unidos e de Arabia Saudí, ben Laden adestrou a milleiros de militantes árabes que pasarían a engrosar as fileiras da resistencia afgana á invasión soviética. Antes de que Gorbachov anunciara a retirada do Exército Vermello, en 1988, ben Laden fundou Al-Qa’ida (O Cuartel Xeral), e despois de Afganistán, de Bosnia a Chechenia, participaría en diferentes conflictos. A CIA podía sentirse orgullosa: conseguira entrenar un exército de soldados islámicos, con células que funcionaban de modo disperso por todo Oriente Medio, capaces de planear as súas accións con tempo, cuidado e vontade suficiente como para madurar mesmo o propio suicidio. E non soamente adestrou a ben Laden. No seu haber visible debemos incluir o sostemento de gobernos coma os de Arabia Saudi, Kuwait ou os Emiratos Arabes Unidos, nada respectuosos nin cos dereitos humanos nin coas máis elementais formas da democracia. Unha circunstancia que merma seriamente a credibilidade de Washington (¿Liberdade Duradeira?) cando se autoproclama valedor universal da democracia ou pobo elixido para tan loable empeño mesiánico que fundamenta unha suposta inevitabilidade da intervención en defensa da liberdade alí onde se atope en perigo, intervención invocada ademáis como obriga moral que, paradoxalmente, exime de compromiso en latitudes máis sensibles aos seus intereses, falemos de Israel ou de Turquía. Despois dos terribles atentados e en plena situación de caos social como se vive hoxe nos principais centros urbanos de Estados Unidos, Administración Bush faría ben en meditar seriamente sobre algo evidente: a seguridade baseada no militarismo, como afirma Pere Ortega, do Centro de Estudios para a Paz de Barcelona, leva implícita unha violencia desmesurada para someter a outros pobos e, ademais, todo ese gran aparato, con ou sen escudo antimíseis, non sirve de nada á hora de protexer a poboación contra algo tan etéreo coma o terrorismo internacional. Se algo deixou en evidencia o sucedido o 11 de setembro é a fraxilidade dos sistemas de seguridade baseados no armamento. Pero, lamentablemente, a xulgar polo acontecido posteriormente, pesa máis a inercia que a razón. Na conferencia sobre armas cortas celebrada na sede de Nacións Unidas en xullo de 2001, Estados Unidos, o maior fabricante e exportador deste tipo de armas, negouse en redondo a ratificar a adopción dun código deontolóxico similar ao suscrito pola Unión Europea que regulamentaría precisamente un comercio que alimenta a maior parte das guerras de “baixa intensidade” e arma a grupos terroristas en todo o mundo. Washington argumentaba entón que non podía deixar de fornecer armas a quen loita pola liberdade en calquera parte do planeta. E non é un problema exclusivo de USA. Os oito países máis ricos do mundo, todos eles grandes valedores da democracia, dos dereitos humanos e das liberdades públicas, fornecen o oitenta por cento do armamento mundial. Esa practica invalida seriamente todo intento de revestirse dun halo de defensa da democracia e da xustiza, reafirmada con esa experiencia de todo un século XX no que os sucesivos inquilinos da Casa Branca protagonizaron innumerables atrocidades e intervencións militares. De Palestina a Iraq pasando por mil lugares, as feridas abertas son moitas. Estados Unidos produce demasiados inimigos. Xuiz e parte da nova orde mundial, Washington vén administrando a súa victoria na guerra fría saboteando a legalidade internacional e sen mínimas concesións a un compromiso coas reglas onusinas. No escenario internacional, Estados Unidos son os do non: á ratificación do protocolo de Kioto, á condena de toda práctica de racismo calquera que sexa a súa forma ou manifestación, á creación do Tribunal Penal Internacional para xulgar crimes contra a humanidade e co que perseguir a dictadores e xenocidas. Con eses antecedentes sería difícil agardar outra resposta da Administración Bush á crise desatada o 11 de Setembro que non fose a dun endurecemento das súas posicións lanzándose a unha escala militar de longo alcance e iniciando unha política activa de represalias contra movementos e Estados que en calquer momento pode desbordarse e incendiar o mundo enteiro. E, sen embargo, a opción natural, reivindicada mesmo no interior da propia sociedade americana (dende Robert Matthews a William Pfaff), debería apostar por intensificar a súa mediación nos conflictos donde ten algo que dicir para impulsar políticas conciliadoras e axudar á construcción dunha gobernabilidade global no marco dun sistema internacional máis democrático, comprometido coa reducción do enorme gasto militar -unha das causas principais das desigualdades e a pobreza de dúas terceiras partes do planeta- e apostando por unhas Nacións Unidas con máis poderes que poidera abordar a reforma e a democratización de institucións claves do actual sistema como o Banco Mundial ou o Fondo Monetario Internacional. Significaría apostar por un cambio profundo de cultura. O ataque a Afganistán xustificase en razón da presencia de ben Laden no seu territorio e na negativa dos talibán a entregalo ás autoridades norteamericanas. Pero tamén, casualidades do destino, converxen neste país multitude de intereses que progresivamente eclipsan ese obxectivo inicial, a captura do líder de Al-Qa’ida, primando a instalación en Cabul dun goberno aliado. De Washington a Londres, pasando por Berlín ou Ancara, as miradas están postas dende hai anos nos ricos xacementos das novas Repúblicas situadas arredor do Mar Caspio. As súas reservas enerxéticas (petróleo e gas) e minerais revisten unha enorme importancia, tanto pola súa dimensión cuantitativa como cualitativa: a posta en plena explotación destes recursos pode permitir a reducción da dependencia occidental das reservas de Oriente Medio (na actualidade un 55%, un 60% no 2010 e un 75% no 2015). Urxe pois, tronzar, esa perspectiva e imaxinar outro Golfo Pérsico arredor do Mar Caspio.A desaparición da URSS abriu un novo horizonte ás expectativas dalgúns Estados occidentais e das multinacionais petroleiras, máis poderosas que moitos dos estados implicados nesta liorta. Asia Central, cun peso político e económico moi debilitado, reviste unha enorme importancia estratéxica. O desenvolvemente dese potencial require a satisfacción de dúas condicións: estabilidade e dominio. Máis alá da guerra actual, existen antecedentes. Durante o seu mandato, o Presidente Clinto alentou o “Eurasian Transport Corridor”, un proxecto que contempla a instalación dunha rede de oleoductos e gasoductos desde Asia central ata o Mediterráneo, pasando pola Transcaucasia. O proxecto contempla a apertura de canais ata Europa, o Golfo Pérsico ou o Océano Indico (a través de Afganistán), e o Leste (China-Xapón). Entre 1994 e1998, ata 24 compañías de 13 países asinaron contratos nesta rexión. Antes de 1991, toda esta riqueza circulaba polos oleoductos que, atravesando Chechenia, se dirixían polo camiño máis corto cara o Mar Negro. Agora imaxinanse novas rutas que eludan Rusia (cunha guerra interminable en Chechenia) e Irán (pese ás dúbidas co reformista Jatamí). Turquía e Afganistán semellan as vías elixidas por Washington e as principais multinacionais do ramo. O problema dos talibáns xurde en 1996, cando uns catrocentos estudiantes de teoloxía das escolas islámicas paquistanís cruzan a fronteira afgana para crear no seu país de orixe, o movemento integrista “Talibán” (de Talibe, estudiante en árabe). Dirixido por Mohamed Omar, agrupaba principalmente a fillos de refuxiados que fuxiran do país durante a invasión soviética e que, co apoio de Paquistán e Arabia Saudí, principalmente, se estableceron en Islamabad e nas rexións próximas á fronteira sur. O obxectivo político consistía en botar raíces a un islamismo sunnita que puidese contrarrestar o islamismo shiita iraniano. Que os talibáns foran da etnia pastún, a maioritaria, sempre a cabalo entre Afganistán e Paquistán, podía facilitar o trunfo desta estratexia. E asi foi. Nas provincias do Norte, controladas polas forzas da Alianza, quedarían acurralados tadxicos e uzbecos, pobos igualmente fronteirizos, tradicionalmente opostos ao dominio pastún, tanto en tempos da monarquía que agora se pretende resucitar, como da invasión soviética dos anos oitenta. No interior, o principal líder pastún era Gulbudin Hekmaktiar, dirixente do partido fundamentalista, Hezb-i-Islami, con sede en Paquistán; na Alianza do Norte, Ahmed Massud, o León de Panshira, recentemente asasinado. Massud era tadxico e mantiña unha alianza bastante sólida co uzbeco Rashid Dostom. Ambos os dous conformaban os principais baluartes dunha fronte antitalibán que no ámbito da guerra non avanzaba. En outono de 2000 perdían o control de Talukan, na provincia de Tahar, minando seriamente a súa situación. O islamismo dos talibáns serve de referente e bandeira a unha boa parte dos activistas relixiosos de todo o mundo, pero tamén á practica totalidade destes movementos na Asia central ex-soviética. O xefe talibán Omar, xunto con Arabia Saudí, vén apoiando económica e militarmente ao MIU (Movemento Islámico de Uzbequistán), tratando de equilibrar o apoio prestado polos seus veciños ás forzas uzbecas que lideraba Massud. En febreiro de 1999, o presidente de Uzbequistán, Islam Karimov, escapou ileso dun atentado en pleno centro da capital, Taskent, no que moitos viron a man talibán. Uns meses máis tarde, agrupacións armadas uzbecas do MIU, chegados de Tadxiquistán, cruzaban a fronteira kirguiza para proclamar un Estado Islámico no val de Fergana. Derrotados ás poucas semanas, outros grupos reproducían incursións idénticas en Kirguistán e Uzbequistán. Uzbequistán (16 millóns de habitantes, 447.400 quilómetros cadrados) é o principal referente de Asia Central e aspira a desempeñar o rol de potencia rexional dominante. De cultura islámica, tén no seu haber unha tradición estatal forte e recursos importantes, activos moi mediatizados polas dificultades económicas e as tensións, tanto internas coma cos países veciños. A consecuencia das fronteiras herdadas da antiga URSS, un millón de uzbecos residen actualmente en Tadxiquistán (entre o 20 e o 25% da poboación deste país); representan o 8,5% en Turkmenistán, e o 1,8% en Kirguistán. Tamén hai tadixcos e kirguises en Uzbequistán. A Rusia de Putin sente pánico ante a posibilidade de que Afganistán se convirta nalgo máis que a reserva espiritual para os chechenos, pero tamén para outros pobos musulmáns e turcófonos. En numerosas ocasións, o Presidente ruso acusou a Cabul de manter campos de entrenamento para os guerrilleiros enrolados nas filas de Masjadov, o líder checheno. Afganistán é o único país do mundo que recoñece a República de Ichkeria (Chechenia). Moscova desplegou unha intensa actividade na rexión nos últimos anos. Putin elixiu Uzbequistán para realizar a súa primeira visita a un país do “estranxeiro próximo”, establecendo acordos en materia de armamento e de colaboración militar que inclúe a realización de manobras conxuntas. Despois visitou Turkmenistán (inmensas reservas de gas, conciliador con Cabul pero moi promoscovita), seguiu por Kazaquistán e na capital rusa recibiu ao presidente kirguis, Askar Akáev. Existe un tratado de seguridade colectiva, asinado na capital uzbeca en 1992, moi debilitado polo número de suxeitos intervintes (Rusia, Belarús, Armenia, Kazaquistán, Tadxiquistán e Kirguistán) e caracterizado por unha feble dinámica de funcionamento, que se pretende revitalizar. Nese marco, en Maio de 2000 debatiuse a creación dunha forza de intervención rápida, como sinalou o propio Serguei Ivanov nunha xuntanza de ministros de exteriores da CEI celebrada ao mes seguinte, pensando en Afganistán. En abril do mesmo ano, os países da Comunidade Económica de Asia Central (Kazaquistán, Turkmenistán, Uzbequistán e Kirguistán) subscribían unha declaración política común de condena do extremismo político e relixioso e do terrorismo. A través de encontros bilaterais e multilaterais, Rusia impulsa a idea de que Afganistán é a principal fonte de desestabilización da rexión, o que lle proporciona unha coartada para seguir presente e mesmo intensificar a súa intervención en Asia central. Nesa perspectiva, podería aventurarse que a actual guerra é un éxito da diplomacia rusa. ¿Contaba Moscova con Washington? En agosto de 1998, os atentados contra as embaixadas de Estados Unidos en Quenia e Tanzania, practicamente destruídas, ao igual que o ataque cunha pateira-bomba a un barco da Armada americana no Iemen, son atribuídos a ben Laden, acollido polo réxime talibán. E a diplomacia americana comeza a mobilizarse. Madeleine Albright visita Uzbequistán en abril do ano pasado e ofrece todo tipo de axuda para impermeabilizar a fronteira (a de Tadxiquistán está gardada pola 201 división rusa, con 20.000 efectivos). Uns meses mais tarde, é o xeneral Thomas Frence, xefe do Comando Central das tropas americanas, quen visita, unha a unha, todas as capitais dos estados post-soviéticos de Asia central e promete todo tipo de asistencia técnica e militar contra o terrorismo que provén de Afganistán. ¿Concorrencia ou converxencia con Moscova? Ambos os dous países coordinan as súas presións cara Islamabad para que suspenda o apoio aos talibáns, especialmente controlando o engrosamento das súas filas cos pastún residentes no seu territorio. Pero Moscova mira de reollo: a Casa Branca atopou unha excelente coartada para favorecer a súa penetración económica e militar nunha rexión antes vetada e de gran importancia. Washington chega para quedarse na Eurasia. A preocupación de Beijing é menos acusada. Os seus intereses na rexión son coñecidos: incrementar a influencia política, debilitar as relacións de cooperación existentes entre os rebeldes uigures da súa provincia de Xingjiang e os movementos islámicos da zona, e beneficiarse do hipotético subministro dos recursos enerxéticos presentes na rexión, moi saudables e necesarios para o seu crecemento. A tal efecto, a China promoveu a creación, en 1996, do chamado Grupo dos Cinco de Shanghai (Rusia, China, Kirguistán, Kazaquistán e Tadxiquistán) que pretende afondar na estabilidade rexional, resolvendo, en primeiro lugar, os litixios fronteirizos pendentes. Jiang Zemin e outros dirixentes do Partido e do Estado mantiveron nos últimos anos numerosos contactos bilaterais con líderes da rexión. O ataque terrorista contra o corazón financeiro e militar de Estados Unidos xerou unha inmensa conmoción social e política que está a abanear os cimentos da política mundial dos anos da post-guerra fría. A entidade do terrorismo asoma como a principal fonte de inestabilidade e o maior perigo para a paz e a convivencia mundiais, e obriga a establecer unha nova liña divisoria, un novo paradigma das relacións internacionais. Ningún país poderá permanecer indiferente e todos deberán revisar non soamente os liñamentos das políticas de seguridade interna, senón tamén a efectuar retoques, quizáis substanciais, das súas políticas exteriores. Liberados de limiares, o enorme salto producido cos atentados de Washington e New York abre igualmente o abano da probable resposta de autodefensa da sociedade internacional e, segundo o nivel de resposta que se produza, quizais toda unha involución no dereito dos conflictos armados. Unha primeira consecuencia da nova situación é o reforzamento da hexemonía USA no mundo. É constatable a imprecisión de escenarios, actividades e obxectivos do novo contexto emerxente, pero non cabe a menor dúbida de que o impulso tecnolóxico e militar da longa guerra que agora se inicia acentuará o perfil hexemónico de Estados Unidos. A posición de Washington vese reforzada entre os seus aliados máis próximos e tradicionais, mentres medra a súa influencia operativa noutros países. Se como numerosas voces alertan dende o mundo árabe, a incomprensión da política exterior de Estados Unidos e de Occidente está no cerne das conductas díscolas de países (Siria, Libia, Iraq, Irán, etc) e movementos islamistas que veñen medrando en simpatía popular nos últimos anos, unha das grandes incógnitas do momento é a evolución social e política nos países árabes, abocados a unha crecente ruptura entre un poder e unha sociedade cada vez máis revirados entre si. O problema palestino desempeña un papel clave. Inicialmente, a postura intransixente de Israel cobrou un novo empuxe acurralando a Autoridade Nacional Palestina. Os países árabes moderados suxiren a Washington un intercambio de apoio á coalición internacional a cambio dunha mediación activa a favor dun Estado palestino. Por Arafat e pola participación na coalición internacional pasa tamén unha liña divisoria interna que en cada país pode activar a fragmentación social e política, afortalando as posicións máis radicais. De Paquistán a Arabia Saudí -en pleno proceso sucesorio-, o perigo de desestabilización do mundo árabe é manifesto. Os efectos dunha acción armada sobre Afganistán ou outros países da zona son impredecibles para a política interna de numerosos países e para o equilibrio rexional no sur de Asia. Coa renovada importancia estratéxica de Asia central, Rusia recupera un papel de maior protagonismo. Washington precisa a Moscova para controlar e apoiarse nunha área na que conserva aínda unha gran influencia. As repúblicas post-soviéticas de Asia central miran de novo cara a Rusia, que tentará aproveitar esta circunstancia para reforzar os mecanismos integradores da CEI. Unha incógnita importante é o futuro papel da China. Unha gran incertidume percorre agora os liñamentos esenciais da política exterior dos últimos anos, baseada, no fundamental, no establecemento de asociacións estratéxicas cos principais actores da sociedade internacional (UE, USA, Xapón, Rusia). A política de atracción de Rusia, con quen compartía numerosos puntos de vista, queda en entredito agora que Moscova se aproxima á OTAN. Igualmente, o medre articulado da súa influencia nos estados de Asia Central, a través do grupo de Shanghai, -por razóns estratéxicas, enerxéticas e políticas- pode experimentar un importante revés. ¿Que importancia cobrarán os países árabes na súa política exterior? ¿Pedirá compensacións pola súa participación na coalición internacional, en especial en relación ao seu contencioso con Taiwán? O futuro de Nacións Unidas é preocupante. Tratándose dunha guerra, aínda que novedosa e sen Estados agresores de por medio, debería ocupar un lugar central, e sen embargo quedou totalmente á marxe, circunstancia dificilmente explicable habida conta de que todos os membros do Consello de Seguridade apoian o combate contra o terrorismo e ninguén faría uso do dereito de veto. Recuperada máis tarde con pequenas iniciativas, declarativas no ámbito político e humanitarias no ámbito da acción, haberá que agardar un tempo para coñecer a forma desa alianza de países contra o terrorismo que lidera Estados Unidos e á que quizais se lle imaxine nunha posición máis importante que a propia ONU, o que será revelador da natureza da comunidade internacional que está por vir. A Alianza pode convertirse nun superinstrumento de defensa dos intereses de Estados Unidos, estable e duradeiro. O posible efecto sobre múltiples conflictos en todo o mundo cómpre avalialo. Haberá un efecto disuasorio sobre numerosos movementos e conflictos (Rusia intentará poñer orde no Cáucaso coa colaboración dos estados transcáucasicos, principalmente Xeorxia), quizáis máis proclives a negociacións; noutros, as tensións poden agravarse se prolifera o predominio excluínte da solución militar (problema curdo en Turquía, por exemplo). Por outra banda, resultará máis doada e comprensible a internacionalización de problemas locais de terrorismo. En Europa, a espectacularidade e a brutalidade do atentado contribuiron á rápida plasmación dunha posición común, con lixeiros matices (Chirac) e unha expresión xeral, case cega, de inquebrantable lealdade ao hexemón. A nova situación influirá naturalmente no deseño global da PESC e na asunción por parte de Bruxelas de máis responsabilidades no ámbito rexional (coa probable reducción da presencia americana nos Balcáns). Os líderes europeos semellan secundar con entusiasmo os desvaríos militaristas e policiais de Bush e a súa administración, obviando calquer intento de repensar as súas prioridades e políticas. As consecuencias no ámbito interno das nosas sociedades van ser importantes e moi diversas. Evidentemente, no económico, donde se albiscan medidas de saneamento en moitos sectores, comezando polo aéreo pero que con seguridade se extenderán a outras ramas da producción; pero sobre todo na devaluación da calidade das nosas democracias acentuando o control social e restrinxindo liberdades e dereitos cívicos. Tempos de involución nos que a hipotética defensa da liberdade se basea, paradoxalmente, na súa restricción. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/11/2001
|