Presencia-OpiniónVolver ó índice / Nacionalismos
Córcega: “Si tu sé corsu fa da corsu”
Por Sylvia Gómez Saborido (Canal Mundo, 22/05/2001)
 
Con toda probabilidade a Asemblea Nacional francesa aprobará hoxe, martes 22 de maio, o proxecto de lei sobre Córcega pechando os debates iniciados o pasado 15 de maio e ratificando o proceso de elaboración do novo estatuto da illa segundo os acordos de Matignon asinados polo goberno Jospin e os nacionalistas corsos de xullo de 2000.

O texto supón unha ampliación, moi moderada, dos xa pequenos poderes corsos, en período de proba escalonado ata o ano 2004 en previsión da reforma constitucional do mesmo ano, e sempre que se amose a desaparición da violencia terrorista na illa “de xeito duradeiro”. A iniciativa é, polo tanto, reversible.

Sen embargo, a decisión abre unha nova etapa no proceso de descentralización do Estado francés, iniciado de xeito moi tímido no ano 82. Malia o terror neogaullista e xacobino á “descomposición da República” e ó contaxio autonomista ós bretóns, alsacianos e basco-franceses, é precisamente a súa reclamación de extensión ás demais rexións de certos traspasos de competencias para non ter que admitir a “excepción corsa”, o que decidiu ao goberno socialista francés a prantexar esta posibilidade. Como, convén lembralo, ocorreu no noso país, a dereita soberanista só permitirá un “ou todos ou ningún” necesario, a súa vez, para que as demais rexións non vexan no caso corso un premio á vía terrorista.

A discusión do proxecto, que sería banal na maior parte das democracias europeas (as competencias corsas son mínimas e de ningún xeito equiparables ás das Comunidades Autónomas españolas ou ás dos Länder xermanos, por exemplo), non o é na Administración máis centralizada do Continente, Francia, país ó que a súa Constitución (máis ben a dereita neogaullista, gardián dos principios republicanos) non permitiu nin sequera asinar a Carta Europea das Línguas Minoritarias ou Rexionais do ano 99.

O novo estatuto permitirá á Asemblea Corsa, creada no proceso descentralizador do 82, a adaptación de leis e regulamentos nacionais ás especificidades da illa, sempre cun control reforzado do Parlamento nacional que dará, ou non, a súa habilitación para cada caso demandado pola Asemblea Corsa.

Ademais contémplase a transferencia de novas competencias en materia de investigación e formación, educación, cultura, axuda ás empresas, administración do territorio, agricultura, medio ambiente, turismo, transportes e formación profesional. Completan o texto a adaptación da lei do litoral, a reforma do estatuto fiscal (que, basicamente, restablecerá progresivamente o pagamento dos dereitos de sucesión, suspendidos na illa dende principios do século XIX, incluíndo acordos anti-especulación) e, finalmente, o ensino non obrigatorio do corso en prescolar e bacharelato.

A emenda á baixa do texto orixinal feito polo goberno Jospin, necesaria para obte-la abstención ou o voto favorable da oposición moderada, provocou a decepción dos nacionalistas corsos, que decidiron unir as súas forzas sempre espalladas no partido Indipendenza, creado dous días antes do inicio dos debates parlamentarios lembrando o futuro dos “presos políticos”corsos, tema obviado durante todo o proceso.

O movemento nacionalista corso, escindido historicamente en enfrontados clans e considerado pantalla dos grupos terroristas (que comezaron as súas actividades, principalmente contra os edificios gobernamentais e os representantes do poder francés na illa, no ano 75, e que dende os inicios das negociacións co goberno Jospin no 99 veñen respectando a tregua) apoiouse sempre no illamento xeográfico e na defensa da identidade cultural e da língua da illa, seguindo a vella consigna patriótica “Si tu sé corsu fa da corsu” –se és corso, defende o corso- e atopando, en maior ou menor medida, a simpatía dos habitantes da illa que, nembargantes, só apoian a independencia nun 10%.

A realidade é que os corsos tiveron que admitir que sen a axuda do Goberno central, Córcega non será quen de desenvolver unha infraestructura que permita mellora-los niveis económicos da poboación. A Asemblea Corsa necesita obter maiores investimentos, esenciais para aplicar realmente as transferencias de competencias, sobre todo no eido ambiental.

O feito máis sangrante da “especificidade corsa” é un atraso económico que non se beneficiou das ondas de industrialización e desenrolo económico do resto de Francia e dos países europeos do Mediterráneo occidental, nin moito máis dos Programas Integrados Mediterráneos 86-90 da Unión Europea ou dos DOCUP 94-99. Cunha estructura económica que se apoia no sistema de clans e na economía clandestina, e que presenta un 78% da súa poboación activa no terciario e un esmirriado 7,2% na industria, elevado índice de paro, corrupción e pobreza, a illa precisa ter un maior control sobre os distintos plans de desenvolvemento que lle son aplicados, e Francia, pola súa banda, precisa mellora-lo “porvir institucional e económico corso” (así definiu Jospin en xullo do 2000, ó remate das negociacións, a verdadeira significación da ampliación de poderes corsos) e rematar co terrorismo independentista dunha vez por todas.

Coas portas abertas para unha reforma constitucional no 2004, aínda que coma dicía o ex Primeiro Ministro, agora eurodeputado, Michel Rocard o único argumento constitucional contrario de peso é a devoción francesa pola uniformidade, o que sí é unha evidencia é que toda sociedade autosuficiente é moito máis resistente á corrupción que calquera sociedade asistida.
 

Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/05/2001