Presencia-OpiniónVolver ó índice / Nacionalismos
¿Como en Irlanda?
Por Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Tempos Novos, xullo 2001)
 

Lévase falado moito das semellanzas de Galicia con Irlanda, cultivadas con agarimo na tradición galeguista. Á simpatía natural acordada polo celtismo que amamantóu a renacenza da conciencia nacional galega engadiuse o que se iba sabendo da loita dos caseiros irlandeses contra os propietarios da terra, de estirpe allea, na segunda mitade do século XIX, que enlazaba máis ou menos ben coas arelas do agrarismo. Neste marco é onde xurde o ”Como en Irlanda, como en Irlanda…!” de Cabanillas. Cando pasamos desa vagarosa simpatía á análise se semellanzas e desemellanzas entre os dous países podemos tirar consecuencias interesantes.

As diferencias son moitas e veñen de procesos históricos moi diferentes. Analisalas sería talvez unha das tarefas de disección, que compriría facer neste século, de moitos elementos de reacción automática do nacionalismo galego que habería que ir depurando por mor da claridade e lucidez do pensamento do país. Ir tomando conciencia, por exemplo, de cánto influi na visión galega de Irlanda, de xeito ben incoherente, a perspectiva imperial española dos tempos do grande enfrentamento coa “pérfida Albión”.

Veñen a conto nestes días esas consideracións de máis longo alcance pola actualidade que nos apresentan os noticiarios de referencias a problemas de Irlanda que, de novo, teñen ou poden ter que ver con Galicia.


O Ulster: non abonda con sentarse á mesa

Primeiro, Irlanda do Norte, que, polo seu nivel de conflicto, é desde hai varias décadas a Irlanda das noticias e a que está presente nas ideas dos que viven ou contemplan os conflictos dos nacionalismos na Península Ibérica. “O exemplo de Irlanda” tense invocado moito como vía de solución do problema do Euskadi. E hai ben pouco tempo, Xabier Arzallus propuxo unha mesa de negociación “á irlandesa”. É verdade que as duas situacións teñen en común o recurso á violencia. E ben pouco máis, se vemos as cousas con detalle. Si se quer decir que os problemas pódense resolver discutindoos arredor dunha mesa, ese é un desexo piadoso no que non podemos máis que estar de acordo. Que despois se poida ou non, depende de moitas outras cousas; non basta o desexo de que se deteña a violencia. Aí é onde contan as diferencias e onde hai que fiar máis delgado para ver si os exemplos son aplicabeis. E non hai que esquecer que ata agora e depois de cuase un século de violencia –por falar só da relativa ao Ulster e non a toda a illa–, segue correndo o sangue, ainda que non faltaron mesas, negociacións e experimentos constitucionais moi ben deliñados. Para propor a sustitución da violencia polo diálogo non fai falta acudir a Irlanda. A non ser que houbese grandes semellanzas na estructura do conflicto, o único sentido da proposta é un chamamento ao bon senso. E iso é tan obvio como pouco práctico.

Como era de esperar, nun rápido repaso ás duas situación aparecen logo as diferencias. Hainas, para comezar, sociais. Os perfís das duas comunidades defrontadas son moito máis acusados e identificabeis que no caso peninsular, con historias longas e definidas, e un elemento relixioso básico que poderá semellar todo o arcaico que se queira, pero que ten unha importancia fundamental. A presencia de dous Estados interesados, o Reino Unido e a República de Irlanda, e de intervencións moi acusadas dos Estados Unidos e da Unión Europea, danlle ao problema un fasquío internacional que non está presente desa forma no de Euskadi. Xurídicamente, no Acordo do Venres Santo son parte tamén eses dous Estados, comprometidos a facer as reformas constitucionais necesarias para darlle efecto. Ademáis das diferencias sociais e xurídicas, e entretecida con elas, vai unha tradición cultural de resolución de conflictos que chega moi atrás no tempo. O conflicto anglo-irlandés na maior parte do século XX ven, despois de todo, do desenvolvimento do Tratado de 1921, precedido de moitas negociacións e seguido dunha guerra civil da que naceu a República de Irlanda. No Ulster existiu autonomía desde os tempos de aquel Tratado. E antes do Acordo do Venres Santo houbo o de Sunningdale, de 1974, que fracasou como aínda pode fracasar este, sin que por iso acabe o mundo. A idea da negociación non é unha conquista. Houbo un proceso gradual no que se pasou, por exemplo, de non admitir ao Sinn Féin nas negociación de Sunningdale a admitilo nas que levaron ao máis recente Acordo.

O Reino Unido deixou hai moito tempo de ter intereses estratéxicos ou de outro tipo no canto nordeste da illa. Aos Unionistas cóstalles aceptar isto, pero saben que son poucos os ingleses que se identifican no fondo coas suas posicións. Non caben, logo, comparacións có que sucede cando unha población dun estado fortemente unitario síntese visceralmente ofendida polo feito de que algún dos seus componentes non queira formar parte dele e reaxe coa virulencia de quen se ve ameazado no íntimo do seu propio ser ou da sua propia imaxe. As pasións veñen todas das duas comunidades irlandesas defrontadas que, en certo modo, son ámbalas duas “separatistas”. E nas recentes elecións xerais, a heteroxeneidade do panorama do Ulster en conxunto confirmou que éste é un mundo aparte do resto do Reino Unido. Os protagonistas, as cuestións debatidas, os programas e incluso as figuras dos candidatos a diputados ––no parlamento de Westminster–– nada tiñan que ver cós do resto. E á inversa, o Ulster non figurou para nada na campaña eleitoral dos partidos británicos, nin os divide como os dividía nos tempos do Imperio. Tampouco é moito, ainda que ás veces pareza o contrario, cuase que por deber, o entusiasmo da República de Irlanda pola causa nacionalista. Os partidos do Eire ven con preocupación o avance do Sinn Féin na República, e non digamos xa a “absorción” dos seis condados.

Nas eleccións o partido unionista de Trimble, no que xa éste non contaba nin moito menos con apoio unánime e perde terreo continuamente, foi cuase despoxado da maioría polo máis radical de Ian Paisley, oposto ao Acordo aínda que con Ministros no goberno autónomo do Stormont. E do lado nacionalista, o movimento foi tamén cara á radicalización, có avance espectacular do Sinn Féin, que deixou aos nacionalistas “moderados” do SDLP cós mesmos escaños que xa tiñan.

Ningún parecido, pois, coas eleccións autonómicas vascas, sin falar xa de que as do Ulster non foron autonómica, senón xerais.

Non hai que esquecer que o Sinn Féin é favorable a manter o Acordo do Venres Santo, que entende que lle favorece a longo prazo, sobre todo si consigue, como conseguiu ata agora, non ter que convencer ao IRA de que se desarme. O que pasa é que os unionistas de Paisley e boa parte dos de Trimble non lle van deixar fácilmente que siga con ese xogo.

Convén ter presente tamén que o SDLP non se parece moito ao PNV. Por unha vez en Irlanda, onde parece que as tradicións son sempre máis longas que en cuase ningures, ese partido nacéu en 1970. Non tén as raigañas sociais nin o protagonismo histórico do PNV. É unha creación da imaxinación política de John Hume, vencellada aos proxectos das Comunidades Europeas, e da Unión agora, para a solución dese problema. Son esas ideas as que informan o Acordo, e por iso é moi significativa a falta de progreso do partido que as promove prácticamente como a súa razón de ser. Talvez nos desexos de xeneralizar esa solución como “exemplo” opere tamén o pensamento de Bruxelas. Non se ve moi ben, por todo o que vimos decindo, cómo se pode xeneralizar, ainda que o Acordo tivese éxito. E non parece que vaia por ese camiño.

Pode valer a pena tamén de pensar, visto ese interés europeo no Acordo, cómo se inserta a cuestión nas relacións entre Europa e os Estados Unidos. O “lobby” irlandés explica certamente a presión e o interés estadounidense no problema. As boas relacións de Clinton con Tony Blair reforzaron ese interés (aínda que nesa como noutras iniciativas de paz do ex Presidente fora máis o fume que o lume). O distanciamento da administración de Bush podería responder a algo máis que a falta de simpatías personais. Concorda coa maior tensión intercontinental máis aberta agora, e tampouco é seguro que o “lobby” irlandés teña a misma idea do futuro do Ulster que a Comisión de Bruxelas.

Para que haxa unha “mesa” á irlandesa ten que haber un claro desexo de encontrar unha solución política. Si é iso o que quer dicir a proposta de Arzallus, vai polo bon camiño, seguramente. Pero o exemplo de Irlanda viría a ser que ese desexo estaba xa presente desde hai moito tempo no problema do Ulster e que resulta dunhas circunstancias históricas, sociais e psicolóxicas que son pouco visibeis no problema do País Vasco.

Á vista do que está pasando nestas datas no Parlamento do Stormont e nas rúas de Belfast, nada garante que a vía do Venres Santo vaia resolver o problema. Iso non quer dicir que non valga a pena de insistir nas solucións políticas e dialogadas. Son, sen dúbida, o primeiro requisito, pero non podemos tomar aínda a “vía irlandesa” como exemplo de éxito. O que sí que pode é ser exemplo de paciencia e habilidade contra vento e marea; exemplo de cómo, en política non hai solucións de “prêt-à-porter”.


O plebiscito sobre o Tratado de Niza: un chamamento á reflexión

O Eire, aluno exemplar da Unión Europea, é o único Estado da Unión no que o Tratado de Niza exixe un plebiscito para ser ratificado, xa que implica una reforma da Constitución. O pasado día 7 de xunio, os eleitores irlandeses rexeitaron esa reforma e esa ratificación por un 53,87 frente a un 46,13 por cento dos votos.

A primeira reacción nos medios de comunicación europea foi de sorpresa. Cabería pensar que despois voría unha análise máis apurada das causas e consecuencias dese resultado sorprendente. Non foi así. O que veu foi unha descalificación do plebiscito e, a seguir, nas reunións de dirixentes dos países da Unión, unha afirmación de que a ratificación seguiría adiante, acompañada de disculpas do Presidente e o Ministro de Asuntos Exteriores de Irlanda pola opinión dos seus votantes.. Non faltou quen se dera por aludido e se sentira ofendido na República por ver o seu Goberno pedindo disculpas polo seu pobo como por un menor pouco informado e non moi espelido.

A descalificación seguiu varios camiños. Un foi o da escasa participación dos votantes: o 34,97 por cento. Non se ouviron moito as voces dos que respostaron que nas eleccións para eurodiputados son frecuentes en moitos países participacións dese xénero e aínda menores: o 29 por cento nas máis recentes no Reino Unido. ¿Pon iso en cuestión a representatividade do Parlamento Europeo? E as famosas victorias aplastantes do Novo Laborismo foron conseguidas coas maiores porcentaxes de abstención de hai máis dun século, tendo en conta ademáis que a máis pequena das anteriores, a de 1918, foi cando ainda non tiñan direito ao voto as mulleres.

Outro camiño para tirarlle importancia ao plebiscito foi o de apresentar aos que fixeron campaña polo “non” como unha coalición pintoresca dos nacionalistas do Sinn Féin, os verdes e os sectores contrarios ao aborto. Falouse tamén de exceso de confianza do Goberno, que non fixo campaña máis enérxica a favor da ratificación do Tratado. Non deixa de ser curioso que os bispos católicos, que por moita secularización que trouxera consigo o “tigre celta”, siguen sendo formadores de opinión de primeira orden en Irlanda, aconsellaran votar a favor da ratificación do Tratado de Niza, a pesares de que ía contra as súas conviccións antiaborto. E o Sinn Féin é unha forza política en ascenso tamén no Eire e non só no Ulster, o que non deixa de preocupar ao “establishment” político, como xa indiquei ao falar do Ulster. Igual pasa cós verdes, que teñen duas diputadas no Parlamento Europeo: unha delas Dana, a ganadora do concurso da canción da Eurovisión hai algún anos, e outra Patricia McKennan. E as dúas fixeron forte campaña contra a ratificación.

Preocupa ver á Unión Europea, xa acusada tantas veces de déficit democrático nas súas institucións, desestimando a opinión pública cada vez que hai un plebiscito que non é do seu agrado. O contraste entre as decisións parlamentares e as plebiscitarias revela unha distancia cada vez maior entre a clase política e a opinión pública. Resulta arrogante a actitude que se manifesta en declaracións como as de Göran Persson, o presidente sueco da Comisión Europa, ou nas disculpas de Bertie Aherne, o Taoiseach (Primeiro Ministro) irlandés. Algúen comentaba que este último semellaba un gobernador colonial disculpándose pola indocilidade atrasada do seu pobo ante as autoridades imperiais. Pode ser un exaxero, pero do que cabe pouca dúbida é de que por ese camiño vaise a unha crise moi grave da democracia, no seio dunha comunidade que a invoca como razón de ser e que, de cando en vez, interfire na composición do goberno de algún dos seus membros (e non de outros) por acoller elementos suspeitos de heterodoxia nese respecto.

Nesa mesma onda vai a proposta dun segundo plebiscito. Se non hai unha mudanza sustancial do Tratado –o que semella ter sido descartado– a idea carece de sentido, e da para pensar que se podería facer iso sempre que ás autoridades non lles agraden os resultados dunha consulta popular. A eurodiputada Patricia McKenna, á que antes me referín, salientou gráficamente este ponto facendo varias propostas no Parlamento Europeo e, cada vez que eran rexeitadas polo voto, pedía outra votación ata que saíse o que ela quería. Humor irlandés, pero seriedade de fondo.

Voltando á cuestión do baixo número de votantes, coido que pode verse non como negativo, comparado có do censo electoral, sino como positivo frente ao dos afectados pola enorme presión do conformismo consumista que decorre das técnicas de mercadeo económico-político. O sector máis crítico e máis interesado polo ben común é o que se toma a molestia de ir votar. Se ese número fose en aumento, serían menos necesarias as manifestación violentas que tanto preocupan aos poderes constituidos. Condear éstas en nome da democracia, se despois se lle nega importancia aos resultados de consultas perfectamente constitucionais, ten moi pouca credibilidade.

Vanse vendo agora, ademáis, diferencias tamén no propio Goberno da República. O Ministro de Estado da Agricultura, Éamon Ó Cuiv, declaróu que tiña votado “non”; ao Ministro da Fazenda pareceulle “saudábel” o resultado, e igual a Sile de Valera, neta do famoso Presidente e pai fundador do Eire, a quen lle preocupan, según dixo, as consecuencias culturais do Tratado. E nada menos que o “Attorney General” , o principal asesor xurídico do Goberno, acusou a éste de actuar en contra do espíritu da Constitución irlandesa nas negociación das directivas e reglamentos europeos. Falaba na sua capacidade personal, pero aínda así abondaría con esto para ver que a oposición ao Tratado non é só cousa de grupos pintorescos.

Outro camiño de descalificación foi a acusación de egoísmo aos votantes irlandeses por non querer que entren máis países a disfrutar das ventaxas da Unión. Nembargantes, a cuestión da ampliación máis ben parece que fora secundaria. O que lles preocupaba aos electores, e o verdadeiro obxeto xurídico da consulta, eran as reformas dos mecanismos comunitarios necesarias para esa ampliación, e os posibeis conflictos coa constitución do Eire. A extensión das votacións por maioría, a perda de comisarios en Bruxelas, a participación nunha forza de defesa europea, a probabel perda de fondos estructurais e de cohesión,; todas esas foron as preocupacións lexítimas dos votantes irlandeses. Na versión do “egoísmo”, considérase que son pequeneces, comparadas cós grandes designios da Unión. Camiño perigoso parece ser ese.

Compriría agora aos que se preocupan pola evolución de Europa desde o canto dos países pequenos e desde o interés pola democracia, polas institucións a escala humana e polo mantimento da diversidade e da riqueza das opinión de cadaquén, analisar o que viña pasando xa no Eire e o fundamento verdadeiro das opinións expresadas no plebiscito. Hai cuestións formáis e constitucionais (as do respeto polas institucións democráticas) e tamén cuestións materiais (as do ben fundado das obxecións expresadas). Hai que ter en conta que a indudable prosperidade económica que lle acarretou á República de Irlanda a entrada na Unión Europea non esconde, para boa parte da poboazón, o decatarse de que, como no caso de outros “tigres” , a prosperidade baseada nas inversións do exterior e fráxil, porque esas inversións igual que veñen vanse. Os irlandeses foron tamén dos primeiros en ver na práctica o que supón renunciar a unha política monetaria propia, cando non puderon reaxir ao aumento da inflación cós instrumentos tradicionais do Banco de Irlanda, e viron que ese fenómeno nun pequeno país de menos de 4 millón de habitantes non influe moito na conducta do Banco Europeo. A encirrada crítica das autoridades europeas ao orzamento do Ministro da Fazenda McCreevy incomodóu moito aos irlandeses. E a renuncia á neutralidade que, por moito que se queira matizar, leva consigo a participación nunhas forzas armadas europeas, é dura de aceitar para grande parte dos cidadáns. As forzas armadas son, sen dúbida, necesarias para unha gran potencia, e a insistencia en telas demostra a ambición política da Unión, que desperta inquedanza nun país pequeno e nun amplo sector receoso das grandes potencias que aínda se lembra da sua loita para sair dun Imperio.

Todo esto é o que podería servir de “exemplo” para un país como Galicia. Alén doutras semellanzas, Irlanda ofrécenos agora un caso práctico dos problemas da integración europea e de cómo se pode orientar neles un país pequeno e desconfiado das grandezas. Cando se escoita ás autoridades e aos fervorosos da Unión decir que non se pode consentir que un país que non chega nen siquer aos catro millóns de habitantes veña frear un proceso histórico, hai que pararse a pensar. Unha última desemellanza con Galicia é a da que Irlanda é un Estado soberano, signatario de Tratados e con voz propia nas institucións comunitarias. Se así son tratados os plebiscitos dun Estado membro, ¿ qué se pode esperar para a Europa das Rexións? O plebiscito irlandés pode servir de exemplo, non para imitar “modelos” de desenvolvimento, senon para apreciar a análise dos problemas e pensar para Galicia nunha perspectiva semellante.


Londres, xuño de 2001.

 

Fernando Pérez-Barreiro Nolla é membro do Consello Asesor do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/06/2001