Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
América Latina, dobremente suspendida
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 30/10/2001)
 

América Latina, segue a ser o máis franco espello no que se reflexa o fracaso da globalización, tan como foi concibida ata hoxe. Os negros presaxios teiman en reiterarse, a xeito de datos económicos, nun área sen grandes barreiras arancelarias. Dúos novos informes oficiais insisten en prognosticar malos tempos. A Conferencia Rexional de chanceleres de Río e o banco de investimentos helvético UBS Warburg veñen de verter, esta semana, novas cifras que confirman o esgotamento dos modelos político-económicos vixentes.

Non era previsíbel que os Chanceleres e os Ministros de Medio Ambiente de 36 países de América Latina e o caribe, fixesen apostasía publica da Goblalización, mais ninguén se atreveu a defender a pervivencia inmutável do actual modelo. Nos 79 puntos do documento final do cumio de Río de Xaneiro, preparatorio da cimeira de Johannesburgo a celebrar en setembro do 2002, reclaman unha unha inequívoca viraxe: “Cara a unha nova globalización que garanta un desenvolvemento equitativo, incluínte e sostible...” “...só acadaremos un desenvolvemento ambientalmente sostíbel cando dispoñamos dun financiamento axeitado e se transfiran aos nosos países as correspondentes tecnoloxías”.

Nunca os portavoces oficiais dos estados de Latinoamérica se tiñan expresado con semellante claridade. “ ...nos últimos 10 anos a pobreza e o deterioro do Medio Natural téñense agravado na nosa rexión xeográfica e no mundo enteiro...” . Entre liñas podemos ler, no paragrafo máis significativo, as veladas críticas cara ao actual modelo de globalización: “...as insostíbeis modalidades de producción e consumo e o impacto negativo de certos mecanismos comerciais e financeiros son un obstáculo ao desenvolvemento sustentábel...”.

No último momento, os chanceleres non se atreveron a referendar os acordos previos consensuados polos ministros de Medio Ambiente nos que se demandaba un troco da inxente débeda externa por investimentos en proxectos ecolóxicos. Esta iniciativa fora impulsada por Xosé Sarnei, fillo do ex-presidente e ministro de Medio Ambiente no Brasil.

Pero nun dos 79 puntos do Documento de Río sinálase como inxusto o lastre da débeda externa “...que segue a debilitar as estratexias destinadas a mobilizar recursos cara un desenvolvemento sostíbel para desvíalos cara o pagamento da débeda...”.

Na autoavaliación, referida aos últimos 10 anos, feita polos altos representantes dos 36 países, a cualificación emitida foi un sonoro suspenso. Para o futuro inmediato a nota tampouco é satisfactoria. Quen pon nota agora é a entidade financeira UBS Warburg, radicada no corazón da Suíza, que ven de facer público un novo informe que confirma, á baixa, as expectativas para o continente para profetizar un anano crecemento do 0,5% no continente para o 2001. Asemesmo, rebaixa en 7 décimas o exiguo crecemento que prevía para Brasil deixándoo nun raquítico 0,9% e agoirándolle para os próximos anos unha delicada situación, semellante á vivida pola Arxentina. Esta preocupante previsión para o xigante económico do continente empeora aínda máis as expectativas na Arxentina para a que se contempla unha caída do PIB do 1,5% durante o 2001.Tamén recuará lixeiramente (0.1%) o PIB doutra das sobranceiras economías do continente, a mexicana. Só Venezuela e Chile mostran unha certa estabilidade e teñen expectativas que sobordan o 3 %. Caso excepcional é o do Ecuador cun crecemento previsto do 5%, mais absolutamente irrelevante no conxunto do continente.

Para que a riqueza xerada se distribúa entre todos os segmentos sociais da América Latina, o PIB ten que acadar un crecemento situado ao redor do 5%; por tanto, é previsíbel que sigan medrando as desigualdades e que aumenten os enormes índices de pobreza.

É o tempo te construír unha nova globalización.

 
 

Lino Pellitero é membro do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/11/2001