Presencia-OpiniónVolver ó índice / África
África: cura-la enfermidade para salva-lo enfermo
Por Sylvia Gómez Saborido (Canal Mundo, 01/05/2001)
 
Nas últimas semanas volveu aparecer África, o Continente Esquecido, nos mapas da globalización mediática da man, outra volta, de Sudáfrica, que estende o seu predominio económico, e daquela político, na África Austral.

O Presidente Mbeki, un firme promotor do “renacemento africano”, vén de asestar dúas importantes advertencias a Occidente. A primeira, de gran resonancia na prensa mundial, co acordo acadado o 20 de abril co lobby farmaceútico para a distribución de antiretrovirais máis baratos. A outra, máis simbólica, na ratificación da nova Unidade Africana, continuadora da OUA, realidade latente e silandeira da obriga de retoma-la vía da integración rexional ante a constitución definida de grandes conxuntos no resto do mundo.

Polo de agora, e ca adhesión de Sudáfrica, son xa 35 (dos 53 membros da OUA) os países que ratificaron o Acta Constitutiva da Unidade Africana, proclamada en Syrta (Libia) o pasado 2 de marzo. Con efecto, Mbeki non podía rexeita-la ocasión para correr a presenta-los instrumentos de ratificación só tres días despois do moi seguido trunfo sobre as Big Pharma.

O Continente africano amosa hoxe unhas expectativas de crecemento menores ás de hai vinte anos (o PIB da propia África Austral reducíuse do 2,2% de 1975 ó 0,1% de 1998), e o mundo desenvolvido alónxase así máis e máis, convertendo o desenvolvemento de África nun problema “indíxena” que tería a súa solución na mundialización: “trade not aid”, que vén sendo comercio en lugar de axuda.

A perenne situación de atraso non é allea á gobernación-xestión occidental, isto é, mundializada na OMC, da enfermidade a escala global.

A Sida constitúe unha auténtica pandemia en África con 25,3 millóns de seropositivos dos 33 mundiais; no caso de Sudáfrica, o país máis rico do Continente, a gravidade é extrema: 5 millóns de afectados, máis do 10% da poboación adulta, presentando tamén a taxa máis alta de contaxio. A OIT estima que de aquí ó 2020 o país sufrirá unha reducción de entre o 10 e o 22% na man de obra (24 millóns de traballadores xuntandoos ós dos outros países máis afectados: Botswana, Kenia, Malawi, Mozambique, Namibia e Uganda), deixando uns 42 millóns de orfos xa no 2010. As estatísticas non son gratuitas cando se trata de África.

Nembargantes, todo o Continente africano só representa un 1% das vendas das multinacionais do sector farmaceútico. No ano 2000, a súa facturación foi superior ó PIB de tódo-los países en desenvolvemento de África do Sur. As empresas xeran os seus beneficios nos países industrializados, onde a enfermidade está “baixo control”. E aquí onde ó tratamento (ó que só ten acceso un 5% da cifra total de afectados no mundo) reduciu a mortandade e a transmisión das nais ós fillos.

Sudáfrica promulgou unha lei no ano 97, a Lei de Medicinas e Sustancias Relativas, que lles permitía ás autoridades nacionais producir ou importar fármacos anti-Sida de baixo custo (de Brasil, India ou Tailandia, pioneiros na producción máis barata dos antiretrovirais), sen mercalos ás multinacionais, titulares dos dereitos dos mesmos.

As multinacionais farmaceúticas (Roche, Merck, Boehringer-Ingelheim, Glaxo Wellcome... e ata 39), agrupadas baixo a asociación Pma, impugnaron a lei alegando a súa ilegalidade (contravén o acordo TRIPs de propiedade intelectual) e a súa inconstitucionalidade (vulnera a propiedade das compañías privadas) na defensa agresiva dos seus dereitos comerciais protexidos internacionalmente. Máis o acordo TRIPs recoñece de xeito explícito o dereito a conceder licencias obrigatorias para a importación e producción de xenéricos baixo certas circunstancias: cando se dea unha “emerxencia nacional de saúde, dí.

O totalitarismo das regras comerciais internacionais, monogoberno discriminatorio que no caso das farmaceúticas e químicas acada o poder absoluto de decidir sobre a propagación da enfermidade, e a conciencia internacional, non poden negar que nos atopamos ante unha verdadeira “emerxencia humanitaria”, desas que tanto gustan, as veces, brandir ás institucións internacionais.

Péchase o mes co cumio de Abuja sobre a Sida en África, onde o sedoso Kofi Annan recolle a proposta feita polo Ecosoc (Consello Económico e Social NU) sobre a creación dun fondo mundial duns tres billóns de pesetas ó ano, menos dun 10% do PNB combinado dos países ricos, coma axuda contra a Sida (tamén malaria, tuberculose e outras enfermidades infecciosas). O acordo Goberno sudafricano-farmaceúticas e as súas posibles implicacións está, evidentemente, na orde do día.

Os termos do acordo son aínda confusos; pode que se facilite un acceso máis barato dos medicamentos á poboación sudafricana, mais a contrapartida sería non fabricar nen importar fármacos protexidos por patentes.

A mass media, imbuída de “buonismo” occidental apresurouse a canta-la victoria da pobre África pobre. Mais o certo é que sendo unha victoria (porque obriga ó demandante a un acordo ad hoc e, sobre todo, porque salva vidas), é unha mostra da posición de forza adoptada por un goberno africano que, lembrémolo, é o que mantén as máis froitíferas relacións co mundo desenvolvido.

Malia iso queda ahí a ameaza de Mbeki: “nunha época de mundialización, as enfermidades non precisan de pasaporte ou visado para desprazarse dunha parte do mundo a outra”.
 

Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/05/2001