| Presencia-Opinión |
| A popularidade de Blair Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 16/10/2001) |
|
Mentres a guerra prolongada contra o terrorismo internacional, esto é, a destrucción do pouco que quedaba dun mísero país chamado Afganistán, vai xa polo oitavo día de bombardeos, o destacado papel que asumiu Anthony Blair tras o 11 de setembro permitiulle acadar unha aceptación no Reino Unido semellante á de Churchill nos anos da 2ª Guerra Mundial. Claro que cando rematou a guerra Churchill perdeu as eleccións e tivo que agardar a que a “guerra fria” quecese para recuperalo. Blair gusta da gran política internacional, como Churchill. Este actuou, o outro faino agora, como cabeza de ponte dos EE UU en Europa. Blair asumiu o papel de “legado imperial” e representante de Bush nas súas viaxes polo mundo adiante. A situación orixinada tras o 11 de setembro impide a saída de Bush do territorio metropolitano, con Cheeney oculto e contadas saídas de Powell, quen mellor que un laborista europeo para representar aos EE UU. Aínda que sexa para suavizar a resposta americana, segundo o “premier” británico. Dende o pasado 19 de setembro Blair estivo en Berlín, París, N. York, Washington, Bruxelas, Moscova, Islamabad, Delhi, Xenebra, Omán, O Cairo… e algún sitio máis debeu quedar polo medio. Tamén quería ir a Riad, pero as autoridades sauditas non lle deron o plácet para a visita. Downing Street informou que o fará máis adiante. O forno non está para bolos na Arabia Saudita, como tampouco en Paquistán, Indonesia ou Nixeria. A popularidade de Blair vai en aumento no Reino Unido, Europa e Washington ao tempo que se afunde no descrédito en gran parte do mundo musulmán. E con el a Unión Europea, xa que sen política exterior propia e con míster PESC desaparecido é o primeiro ministro británico quen aparece como o representante europeo. Mesmo París lanzoulle unha dentada. Unha comisión da Asemblea Nacional presentou un informe no que se indica que a “City” londiniense e outros territorios de soberanía británica (Jersey, Guernesey, Gibraltar…) son o refuxio preferido polos capitais relacionados co denominado “terrorismo internacional” que se mestura a súa vez cos derivados do trafico clandestino de armas e drogas. Mesmo un deputado socialista, relator da comisión, recomendoulle ao “que predica polo mundo adiante a boa nova da loita contra o terrorismo” que “poña primeiro orde na súa casa”. |
|
Carlos Méixome é membro do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 20/10/2001
|