| Presencia-Opinión |
| A negativa saudita Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 02/10/2001) |
|
En contra do que algúns medios norteamericanos tiñan afirmado o ministro saudita de Defensa, Ben Abdel Aziz, informou que o seu país non permitirá que tropas estranxeiras ataquen a países árabes ou musulmáns dende o seu territorio. A negativa impide aos EEUU, polo de agora, empregar as bases militares que ten establecidas neste territorio. O príncipe saudita negou que as circunstancias fosen semellantes ás de finais de 1990 cando, tras a invasión de Kuwait por Iraq, o exercito norteamericano empregou estas bases. Aquela autorización iniciou o paulatino afastamento de Osama Ben Laden do réxime saudita ata a definitiva ruptura en 1994. O instinto de supervivencia da familia real saudita é proverbial. Así como son capaces de mesturar as interpretacións mais rigorosas do islam co luxo exhibicionista, tamén o son de facer os máis complexos equilibrios na escena internacional. En conivencia cos servicios secretos norteamericanos e israelís apoiaron nos anos oitenta e noventa os movementos integristas por todo o extenso mundo musulmán. Os talibán formáronse nas madrasas paquistanís, sufragadas xenerosamente por Riad; os partidos integristas palestinos foron medrando co seu apoio para segar a herba baixo os pes de Arafat e a OLP; Saddam Hussein contou co seu apoio, e o de Washington, para combater ao Irán shií, nunha sanguenta guerra que se prolongou dez anos. Sempre se adaptan ao terreo para sobrevir. Cando a invasión de Kuwait cederon o seu territorio para atacar a Iraq e ségueno a facer. O obxectivo manter o cóctel de intransixencia coránica e asociación económica con EEUU, Europa e Xapón. Daquela, seica Ben Laden se presentou ante os Faissal para pedirlle que non permitisen aos infieis atacar un país musulmán dende a terra sagrada, mesmo seica se ofreceu para organizar un exercito mercenario e facer recuar a Saddam Hussein. Optaron polos intereses comerciais. Agora están presos na súa celada, mais de seguro que buscaran o xeito de saír. Durante décadas convertéronse nos defensores da visión rigorista do islam suní difundida no século XVIII polo seu parente Mohamed Adbul Wahab. O wahabismo converteuse no seu credo ideolóxico (marxinación da muller, prohibición do alcohol, castigos públicos, rexeitamento das imaxes figurativas). Ben Laden, os talibán, os muyahidin de Bosnia ou Chechenia son os herdeiros da interpretación fundamentalista do islam que fai o réxime saudita. George W. Bush púxoos contra as cordas ao considerar os atentados do día 11 de setembro como un “acto de guerra” e ao esixir a todo o mundo que tomase partido entre os EEUU e o terrorismo. Riad rompeu con Kabul. Os príncipes sauditas preferiron aos socios norteamericanos antes que aos correlixionarios afgáns. ¿Ata cando poderán seguir no arame? A maior parte dos acusados polos atentados de New York e Washington son de nacionalidade saudita. ¿Cómo responderían os crentes wahabies ante un posible ataque aos seus irmáns de fe dende a terra santa do islam e base da súa visión retrograda do mesmo? Arabia Saudita está nunha situación tan complicada como a de Paquistán. En Washington ben o saben, por iso pasaron das ansias de vinganza inmediata á “guerra de outro estilo”; claro que tamén saben que teñen que poñer algo na televisión. |
|
Carlos Méixome é membro do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/10/2001
|