Presencia-OpiniónVolver ó índice / Estados Unidos
A guerra da normalidade e a normalidade da guerra
Por Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Tempos Novos, novembro/2001)
 

A guerra da normalidade

Algo máis dun mes despois do comenzo da guerra, apareceron as primeiras tropas de terra, poucas e moi especializadas, no sur do Afganistán. Este país das portas da Asia Central parece ser o principal enemigo da alianza liderada polos Estados Unidos. A eliminación do seu goberno, formado polos Talibán, sería o obxetivo inmediato. Un pouco máis parecido, todo isto, a unha guerra como as entendimos sempre. E empezamos a afacernos a que haxa unha guerra en marcha mentras imos vivindo, atendendo ás nosas cousas e regresando á normalidade. Xa avisou o Presidente Bush de que daquí a pouco iremos cansos, pero él seguirá vixilante. Durante o tempo que faiga falta. Anos, pode ser.

Tempos houbo en que se discutía moito dos obxetivos das guerras. Ainda que só fora porque, cando se alcanzaban, chegaba a paz. O sometimento da vontade do enemigo era o máis xenérico, pero pedíase sempre concretalo un pouquiño máis. Pero nesta guerra quedou moi claro desde o primeiro día que o obxetivo, o máis xeral do que seguramente hai memoria, era acabar có terrorismo. Na Guerra Fría había un fin moi xeral tamén, pero polo menos o enemigo tiña unha base territorial definida e varios protagonistas estatais. Nesta non. Acabar có terrorismo é como acabar có mal, ou có vicio, ou có malhumor. Nin a hidra ten tantas cabezas. E agora é unha guerra quente, que, para que nada falte, leva outra fría con ela. Esquezamos, pois, a doutrina clásica e deixemos que os acontecimentos corran, desde a nosa normalidade, mentras poidamos, porque cando todo pode ser o frente, todo é tamén retaguarda.

A guerra foi sempre unha situación ideal para moitos políticos pouco afeizoados á muiñada dos problemas internos e a dar conta da xestión das pequeneces do país. Hai un líder militar en moito civil impensado. Capitáns Araña, talvez, que non perden oportunidade de satisfacer o seu afán de control e a sua incomodidade coa oposición chantándose un casco que non sempre lles acai. Margaret Thatcher empoleirada nun tanque nas Malvinas, Tony Blair coa camisa de fora en Kosovo ou predicándolle á tropa en Omán. E non esquezamos que Winston Churchill era un político pintoresco, pouco de fiar e fracasado ata que lle chegou a hora da guerra (para a que tiña un historial de bravura que non é o dos outros que cito; eran outros tempos). O caso é que a guerra ven ben, entre outras cousas, moitas outras, para rapar as libertades individuais.

Non hai dúbida de que, aínda no millor dos casos e coa millor intención, é un equilibrio moi difícil, nunha democracia, o que hai que procurar entre as necesidades lexítimas dunha situación bélica e o mantimento das libertades que xustifican, ao cabo, a vontade de supervivencia da comunidade política e convocan á adhesión e a lealtade. Pero presumir esa boa intención é moito presumir. A verdade é que estamos vendo o que cuase podería ser, se non usamos ao máximo os recursos críticos e democráticos que ainda temos, o comenzo dunha ofensiva autoritaria. As limitacións da información do frente e do acceso dos xornalistas aos lugares de combate resaltan moito en Inglaterra, e é lástima que non se poda utilizar debidamente a espléndida tradición británica de corresponsais de guerra cultivados, agudos e bravos. Val a pena referirse a dous casos recentes de manexo e control da información, un deles da política interna inglesa, unha pequenez cuase, a primeira vista, o outro nun panorama máis amplo, que chega ao espacial.

Unha asesora especial do Ministerio de Tecnoloxía da Gran Bretaña, unha desas raparigas e rapaces espelidos que aprenden a cultura das relacións públicas e que os ministros levan con eles ao poder para non ter que se fiar dos funcionarios permanentes e experimentados, tivo a ideia feliz, ao enteirarse da traxedia das torres de Nova Iorque, de correr ao ordenador e escreber un memorando rápido aos seus colegas para avisalos de que era o momento ideal para dar as noticias impopulares da política do Ministerio, para “enterralas” como dixo, non sabemos si cun funesto paralelo có enterro holocáustico baixo as ruinas das torres de Manhattan. Descubrírona os xornalistas, os seus empregadores fixeron que se disculpase, pero deu a impresión de que non vía moi ben por qué. Non acaba de entender. Ese enfoque, ridículo e sinistro neste caso, forma parte da cultura na que se formou e vive. O que fixo foi unha listeza, que cós seus criterios, merecía un premio. Pero a corda rompe polo máis delgado. Ninguén vai facer que o Primeiro Ministro ou o Ministro do Interior se disculpen por aproveitar a guerra para “enterrar” a impopularidade do euro ou para afortalar os poderes da policía, que ahí quedarán cando se volte á normalidade.

O outro exemplo non ven de Whitehall senon de Washington, e ten maiores dimensións. Moito levan avanzado as técnicas de apañar imaxes do terreo a distancia. Son técnicas especialmente uteis nesta fase da guerra, para localizar movimentos de persoas, e con algunhas delas pódense ver obxetos de só un metro de comprimento. Os Estados Unidos xa contan con moitas instalacións para iso, e, por si foran poucas, vanlles axudar agora os avións Mirage de Francia e Camberra da Gran Bretaña, reliquias venerabeis de outros tempos, pero adaptados para esas funcións coa técnica máis moderna. Hai quen pensa que abondaría coas imaxes que dan os satélites, pero todo é pouco cando desto se trata. O caso é que ata agora os medios de información tiñan acceso tamén a esas imaxes, que proporciona una empresa comercial chamada Space Imaging, con base en Colorado. O goberno estadounidense comproulle a esa empresa as imaxes e o control das imaxes do Afganistán e terras veciñas. As organizacións humanitarias están pensado se poderían ter acceso a elas, que lles sería moi útil, pero non é seguro que llo vaian deixar. Para máis, esa compra talvez teña efecto retroactivo, por medo de que se utilicen imaxes dos dez primeiros días da guerra para descubrir máis víctimas civís do que se dixo. ¿Onde queda a libertade de información? Pero estamos na guerra, na guerra da normalidade.

A todas estas sigue facendo falta a información humana, a dos tradicionais espías e infiltrados. Empezamos a ouvir das actividades da CIA entre os refuxiados afganos no Pakistán. Son historias que nos traen aos tempos do Gran Xogo dos imperios británico e ruso no século XIX. Kandahar, Peshawar, o Paso do Khyber…tantos nomes familiares de tantas novelas de aventuras. O Kim de Kipling podería andar de novo polas ruelas de Rawalpindi. Ás veces, o mundo novo non é tan novo.


A normalidade da guerra

Hai que contar, xa que logo, con esta curiosa condición de guerra, tan perigosa, para bastante tempo. Esa é a nova normalidade. Non tan nova, si o pensamos ben e botamos unha ollada, xa non a toda a historia, nen sequer ao século XX, senon simplemente ao período que comezou có final da guerra fría, onde os nomes quedan cortos nun correr do que antes eran épocas e agora son, todo o máis, lustros.

Houbo un momento, entre a queda do Muro de Berlín e a segunda Guerra do Golfo, en que correu un optimismo sobre o fin das guerras que, ao mesmo tempo, era pesimismo, no fondo, na versión do fin da historia. O pensamento e a actividade progresistas, desencadrados da guerra fría, desnortáronse tamén frente a esa interpretación da historia, á que non conseguiron opor ningunha nova. Todo o máis, versións de “aggiornamento” dos clásicos da esquerda. A encarnación política desas actualizacións foron as esquerdas refundadas de herencia comunista. Boa fe e inoperancia son as suas caraterísticas. Por outra banda, e con boa fe máis difícil de aportar, as socialdemocracias da Terceira Vía tiveron máis éxito eleitoral. Parece difícil ver nelas moito máis que un oportunismo ben calculado. Tampouco elas souberon aproveitar os chamados “dividendos da paz”, tan fuxidíos e tan irreais. Circula aínda a interpretación de que a presidencia de Clinton foi máis “ilustrada” no internacional que outras, e certamente contrastábase coa que se anunciaba para o seu sucesor. Anunciábase, porque a que resultou foi outra, por obra da provocación brutal do 11 de setembro. A política internacional da administración Clinton non xustifica a idea de que deixou unha “normalidade” prometedora, coa que contrasta a situación actual.

O mundo de antes do 11 de setembro deste ano estaba conxelado en termos de pensamento e de posibilidades reais de desenvolvimento humano. Non habería que idealizalo. Pode ser triste que para desconxelalo fixera falta unha guerra, pero non é a primeira vez na historia. Os riscos desta son enormes, entre outras cousas porque, tal como se está desenvolvendo, non é doado pensar nunha posguerra fecunda, como o foron algunhas antes.

Hai cartas que xogar. Un presidente dos Estados Unidos que chegou á Casa Branca cun programa de unilateralismo extremo veuse obrigado a concertar unhas alianzas fráxiles, inestabeis, de porvir poco claro e ainda máis comprometedoras que moitas das da guerra fría. Ten que negociar e ceder moito máis que en tempos do Clinton. A acción militar, que pode parecer a hexemonía en exercicio, talvez resulte menos hexemónica que a política comercial internacional do anterior Presidente.

Sería lástima perder outra vez oportunidades por repetir fórmulas e mecanismos de pensamento ancorados ainda no tempo do enfrentamento de duas grandes potencias. Xulgar a situación cun moralismo absoluto no que se lle pide ao poder que non o sexa, non semella axeitado. Pensar que todo o que vaia contra a potencia hexemónica merece apoio é meter no mesmo saco cousas que non teñen o mesmo valor, se nos colocamos nunha corrente moi ampla e non sectaria de desexo de progreso e libertade. Esta é unha actitude máis fácil para comentaristas que para protagonistas. Pero na tradición desa corrente, o pensamento tamén é protagonista e ten a ventaxa de durar máis.

Se recoñecemos a normalidade da guerra, e non pechamos os ollos ao que non queremos ver, poderíamos ir aprendendo da guerra, aproveitando cantas fendas haxa para gañar posicións positivas. Criticar seguido, por exemplo, o aproveitamento do conflicto para a represión das libertades, chamando ao rego da política interna aos líderes entusiasmados no escenario internacional. Non pechando os ollos á intensificación policial na Unión Europea por pensar, no fondo, que son “os nosos” frente aos do outro lado do Atlántico.

Na nova normalidade ábrense, sen dúbida, novas oportunidades para vellas aspiracións do hexemonismo. Por exemplo, a de estar presente na Asia Central. O Afganistán, tan desgrazado por eso mismo, é lugar privilexiado para o control dos recursos económicos e estratéxicos de Eurasia. Ben o sabían os británicos e ben o sabía Rusia, que aínda non o esqueceu e ve que retornan posibilidades de presencia que parecían perdidas. O goberno de Putin esta utilizándoas moi ben ata agora. Parecen difíceis por iso as perspectivas dun protectorado da ONU, que costaría moito negociar e onde resucitaría a tensión entre as duas soperpotencias da guerra fría. Ahí non hai lugar para a OTAN, como en Kosovo. O equipo de Bush tiña falado moito de que non se ía adicar á empresa imposible de construir nacións, pero xa está á procura de talibáns cós que se poda falar, nun episodio clásico dese tipo de empresa.

Críanse tamén novos problemas ou agudízanse os que xa existían. O control dos estados clientes faise máis difícil, como pasa con Israel, onde tanto importaba dar con unha solución. Non é prometedor, polo de agora, o recrudecimento de Sharon, pero non faltan intentos que poden encontrar nalgún momento da evolución das alianzas un abeiro para deter o talión naquelas terras dramáticas.

Fará falta moi tento para ire situando para o que veña, que vai ser sempre distinto. Como é normal.

 

Fernando Pérez-Barreiro Nolla é membro do Consello Asesor do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/10/2001