| Presencia-Opinión |
| A dimisión de Trimble Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 03/07/2001) |
|
O inicio do verán ven acompañado dun aumento da tensión no Norte de Irlanda. As marchas “orangistas”, o vindeiro día 8 será a de Dumcree, co seu aquel de fachendosa provocación histórica, xeran repetidos enfrontamentos entre as dúas comunidades. Nesta ocasión, o ministro principal, David Trimble, votou máis madeira ao lume coa súa dimisión. Desta volta si a presentou, aínda que non é definitiva, xa que admitiu que podería reconsiderala no prazo das seis semanas que a lei lle permite. A razón manifesta, que o IRA non entregou as armas. Os razóns ocultas, son máis complexas e cunha forte carga simbólica como moitos outros xestos realizados dende o venres santo de 1998. No proceso de paz, iniciado co Acordo de Stormont, hai moito de xogo político-simbólico. O tratado foi posible pola ambigüidade calculada do seu texto. As concrecións do mesmo abrían múltiples posibilidades ao xogo das partes para demostrar as súas habilidades, ante os contrarios, e a fortaleza das súas posicións, ante os seus seguidores. En definitiva tratase de salientar que foron os outros os que cederon e xa que logo os que foron derrotados. Asi “poñer as armas fora de uso” ¿que quere dicir exactamente? Para o UUP de Trimble, que o IRA entregue as armas, as destrúa ou cando menos realice un xesto simbólico. Para o Sinn Fein, o exercito republicano cumpriu o acordado xa que non volveu empregar as armas e mantenas en depósitos selados, inspeccionados, en parte e en tres ocasións, pola comisión internacional. Os republicanos non deixan de subliñar os esforzos do IRA por manter a orde entre as súas filas e impedir que os sectores opostos ao proceso de paz puidesen continuar coa violencia política. Ao tempo lembran que xunto co desarme hai que negociar dúas cuestións cruciais: a reforma da RUC e a reducción das tropas británicas. Os unionistas rexeitaron en repetidas ocasións as propostas de reorganización da policía (comezando polo simbólico nome: Royal Ulster Constabulary) e esixen a Londres protección que seica só pode garantir a forte presencia militar (14.000 soldados). Neste xogo de presións a paz no Ulster inicia un sendeiro perigoso. O UUP pretende premer ao Sinn Fein para que este o faga sobre o IRA. O Exercito Republicano, quere empregar os arsenais para obrigar aos unionistas a ceder na reforma da RUC e a Londres para que reduza considerablemente as dotacións militares. Ambos queren obter vantaxes simbólicas da situación e non aparecer ante as respectivas comunidades como os que cederon. A este panorama cumpre engadir outras dúas variables. Por unha banda, a situación de Trimble dentro do seu partido. A forte contestación interna, obrigouno a poñer en debate a súa xefatura, en varias ocasións. Mantívoa por escasa marxe. Agora a súa autoridade quedou en cuestión despois dos malos resultados obtidos nas eleccións municipais e especialmente nas parlamentarias británicas. Parte dos votos foron para os unionistas radicais de Ian Paisley. Nesta clave debería entenderse a dimisión de Trimble: reforzar as súas posicións dentro do partido amosando dureza cos republicanos a fin de impedir que os sectores máis radicais do seu propio partido e dos seus votantes se aglutinen en torno a Paisley. Pola contra o liderado de Gerry Adams e Martin McGuinness tanto dentro do Sinn Fein como entre os “disidentes” é hoxe incuestionable como puxeron de manifesto os excelentes resultados nas dúas convocatorias electorais dos días pasados. O proceso de paz está en xogo. Nestes dous meses uns e outros terán que ceder. Agardemos que as marchas unionistas non rematen en enfrontamentos que poñan máis pedras no camiño iniciado en Stormont e que entre todos sexan capaces de chegar aos xestos necesarios para impedir que Londres se vexa obrigado a suspender, outra vez, a autonomía do Ulster ou que se convoquen eleccións anticipadas á Asemblea que poderían provocar unha radicalización unionista. A paz merece outra oportunidade. |
|
Carlos Méixome é membro do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 05/07/2001
|