Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
A ameaza de Fischer
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 13/11/2001)
 

O Bundestang debaterá, o próximo xoves, a participación de 3.900 efectivos nos chamados “operativos antiterroristas”. O debate pode provocar unha nova crise na coalición gobernante en Alemaña. O pasado sábado o Ministro de Exteriores, Joschka Fischer ameazou con dimitir e mesmo coa ruptura da coalición se os deputados verdes non apoiaban o envío de tropas a Afganistán. Pouco despois varios deputados do partido de Fischer anunciaban o seu voto en contra. Schröder apresurouse a anunciar que as diverxencias non teñen por que supoñer a fin da coalición.

O chanceler empregarase a fondo, co apoio de Fischer, para convencer aos deputados verdes de que a participación na chamada “coalición internacional” é o mellor xeito de combater o terrorismo. Tamén o terá que facer para evitar que varios deputados do seu propio partido voten en contra.

O envío de tropas a Afganistán non corre perigo xa que a oposición (demócrata cristiáns e liberais) anunciou o voto favorable. Mais o debate e a resolución poden supoñer un duro golpe á coalición gobernante, quen conta cunha exigua maioría de dez deputados, cando falta menos dun ano para as eleccións federais. A incerteza acrecentase cara o 2002, non tanto porque a CDU poida arrebatar o goberno aos socialdemócratas, senón por cal será o apoio destes; cos Verdes estancados ou en retroceso, os liberais en ascenso e con gañas de recuperar a influencia que a súa minoría lle permitiu na segunda metade do século XX e o ascenso do Partido do Socialismo Democrático limitado aos länder da vella Alemaña do Leste.

Os conflictos internacionais repercutiron gravemente na coalición roxi-verde encabezada por Schröder. A comezos de 1999, exactamente o 11 de marzo, o daquela líder do SPD e ministro de Economía, Lafontaine, dimitía do seu cargo. Catorce días despois a OTAN bombardeaba Iugoslavia. A mediados de abril, daquel ano, o congreso dos Verdes remataba cunha forte división expresada na bolsa de pintura vermella que un congresista guindou contra a faciana dun sorprendido Joschka Fischer. Nestes anos, non sen conflictos (traslado de residuos nucleares, etc) os Verdes foron quen de manter a coalición e mesmo tomar a iniciativa con propostas como as do mesmo Fischer sobre a necesidade dunha constitución europea, da reforma da Unión e da ampliación desta cara o Leste.

As novas circunstancias derivadas do 11 de setembro volven a situar nun primeiro plano as diverxencias intrapartidarias da coalición SPD-Verdes . Os proxectos europeístas pasaron a un segundo plano e con eles o eixo París-Berlín, quen foi substituído por Londres e os demais propagandistas dos EEUU (Berlusconi, Aznar). De novo a presencia de tropas alemanas nun conflicto bélico, como cando o de Iugoslavia, aviva as tensións. Polo de pronto sete deputados verdes asinaron un manifesto no que se comprometen a votar contra o envío de tropas. A estes pódeselle sumar algún máis e mesmo uns cantos socialdemócratas. A coalición gobernante perdería asi a maioría parlamentar. O chanceler apresurouse a indicar que a perda da maioría non tería por que supoñer a ruptura da coalición, aínda que faría evidente a división entre os verdes.

 
 

Carlos Méixome é membro do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/11/2001