To read the article in EnglishTempo Exterior nº 5 segunda época - xullo/decembro 2002Volver ó sumario
 
Transaccións identitarias: A diáspora portuguesa e a política de multiculturalismo do Canadá


Ana Paula Beja Horta
 
 

Nestes comezos dun novo milenio, Portugal segue sendo verdadeiramente un país de emigración. Preto de cinco millóns e medio de portugueses residen no exterior, ou sexa máis da metade da poboación que reside en Portugal (Lopes, 1999)(1). A emigración considérase como un “fenómeno estructural” da sociedade portuguesa. Desde o século XV saíron do seu país portugueses a descubrir, conquistar, colonizar, comerciar e traballar. Esa continua saída de cidadáns de Portugal no correr dos séculos contribuíu á constitución de comunidades diaspóricas portuguesas espalladas polo mundo enteiro.

Nas publicacións, que van en aumento, sobre a teoría das diásporas exponse como ese concepto tan complexo foi empregado para caracterizar diferentes fenómenos en determinados contextos históricos. Como explica Cohen (1995), o significado de diáspora evolucionou e, o que comezara por ser un concepto de connotacións positivas que describía a expansión e a dispersión que levou consigo a colonización grega en tempos premodernos, pasou a ser utilizado con amplitude como concepto ligado con moita forza ás experiencias de “escravitude”, “exilio”, “soidade” e “alienación” dos xudeus, os africanos e os armenios. En datas máis recentes foi reformulado o concepto de diáspora nun novo marco de mundialización, migración e transnacionalismo. O traballo de Vertovec e Cohen (1999) suxire que a idea de diáspora pode expresar os procesos contemporáneos –sociais, políticos e económicos– de “multilocalidade”, “identidades globais” e “transnacionalismo”. Defínese dese xeito a diáspora como unha “forma social”, coma un “tipo de consciencia” e coma un “modo de producción cultural”. A diáspora como forma social remite á natureza das relacións sociais, políticas e económicas que foron criadas por grupos étnicos dispersos a escala mundial. Iso supón que aparezan relacións en tres dimensións: entre as diversas comunidades espalladas polo mundo que mantiveron unha identidade colectiva e un senso de comunalidade histórica e étnica co país de asentamento e co país de orixe. A multiplicidade de espacios de acción mutua formula cuestións importantes respecto das nocións de identidade, e verbo da consciencia. As transaccións entre diferentes pertenzas e vencellos comprende un proceso en continua mudanza de representacións, “historias, ‘comunidades’ e ‘mismidades’” (ibid páx 9). Nun mundo que se caracteriza polas correntes en todo o seu espacio de fenómenos sociais e culturais, a diáspora como producción cultural capta a fluidez, a mestura e o carácter híbrido da producción da identidade. Como expresou con visión penetrante Stuart Hall:

“Diáspora non é o nome para esas tribus dispersas que só poden asegurar a súa identidade por medio da relación con algunha terra sacra á que deben volver a toda costa, aínda que iso signifique botar ó mar a outros pobos […] A experiencia da diáspora que me propoño definir aquí non se define por unha esencia ou unha pureza, senón polo recoñecemento dunha heteroxeneidade e unha diversidade necesarias; por unha visión da identidade que vive da diferencia e a través de diferencia, non en contra dela; por un hibridismo. Son identidades diaspóricas as que están producíndose e reproducíndose de novo e constantemente, por medio da transformación e da diferencia(2)”.

Esa nova conceptualización da diáspora evoca unha nova dinámica de pertenza, etnicidade e identidade que non é allea á experiencia diaspórica portuguesa. É verdade que pode aplicarse ós portugueses (e ós británicos e ós españois) na era do mercantilismo e da colonización un concepto premoderno da diáspora no que sobresae a expansión e o “asentamento de colonizadores” (Cohen, 1995), pero o concepto de diáspora na modernidade serodia capta as dimensións locais e mundiais, moi complexas, das comunidades portuguesas espalladas polo mundo enteiro (Rocha-Trindade, 2000).

O discurso oficial da nación portuguesa como nación de comunidades é recente. A perda do imperio e a descolonización enveredaron un importante xiro dos conceptos tradicionais da nación, dunha nación da que quedaron excluídas sistematicamente a través das épocas as comunidades portuguesas no exterior. E nembargantes, a pesares da persistencia do discurso dominante que recusábase a admitir e facer visíbeis ós millóns de portugueses que vivían no exterior, os individuos e as comunidades en cuestión foron consolidando ó longo do tempo relacións sociais, culturais, económicas e afectivas co país de orixe. Ó mesmo tempo, a súa experiencia de vida nos países de asentamento abriron novas oportunidades de melloramento e de adianto da comunidade. Hai que examinar a natureza deses procesos de multilocalidade e as súas repercusións na formación dunha consciencia de múltiples facetas que leva a marca do hibridismo nas formas de identificación, interseccións culturais e lealdades múltiples.

Na primeira parte deste artigo deseñarei sucintamente os trazos do fenómeno da diáspora portuguesa, centrándome nas súas tendencias recentes. Na sección seguinte, exploro as mudanzas e os xiros das políticas de emigración e do discurso oficial referente ás comunidades portuguesas no exterior, e como se artellan esas mudanzas coas ideas cambiantes da nacionalidade. Segue o estudio dun caso concreto, que é o da comunidade portuguesa no Canadá e a súa resposta á política do multiculturalismo. As cuestións de identidade e cultura diaspóricas están no centro da análise.


Pautas da emigración de Portugal: Unha ollada panorámica

Portugal ten unha tradición como país de emigración. Calcúlase que entre 1500 e 1750 saíron do país 1.300.000 portugueses. Nese período e despois, ata o decenio de 1950, Brasil atraeu a maior parte da corrente de emigrados portugueses (Rocha-Trindade, 1995; Serrão, 1977). Despois da Segunda Guerra Mundial, desde mediados da década de 1960 ata mediados da de 1970, emigraron a Europa e ó continente americano un millón e medio de portugueses, pouco máis ou menos. Nese período Francia absorbeu case o cincuenta por cento da enorme corrente de emigrados portugueses (Baganha, 1998; Cassola Ribeiro, 1986)(3). O atraso económico, o estalido de guerras coloniais en Guinea, Angola e Mozambique na década de 1960, e as pésimas perspectivas de futuro foron importantes factores de impulso da emigración masiva de portugueses. Por outra banda, a recuperación económica da Europa de posguerra e a gran escaseza de man de obra por consecuencia das baixas da guerra eran tamén factores de absorción determinantes da configuración das transferencias de traballadores dos países da periferia europea (Grecia, Italia, Portugal e España) ós países europeos máis industrializados (como, por exemplo, Alemaña, Francia, os Países Baixos, Luxemburgo e a Gran Bretaña). Ademais, no caso concreto de Portugal, as políticas de emigración na década de 1960 e comezos da de 1970 asentáronse na idea de que a emigración era unha billa de escape para o exceso da oferta de man de obra en Portugal e, por conseguinte, iría reducindo os custos económicos de desemprego e o subemprego. Doutra banda, as remesas de diñeiro dos emigrados foron decisivas para reducir ó mínimo o déficit público e sufragar os custos das guerras coloniais. A comezos da década de 1970 destinábase case a metade do orzamento nacional de Portugal a gastos militares (MacQueen, 1997). Aquelas remesas eran, e seguen sendo, de importancia capital para mellorar as condicións de vida dos familiares do emigrado que continúan vivindo no país(4).

Nos últimos anos da década de 1960 e os primeiros da de 1970, Portugal, para ser quen de supervisar as saídas de emigrantes e acadar un mínimo de protección para os traballadores portugueses no estranxeiro, asinou varios acordos bilaterais con países europeos importadores de man de obra (Rocha-Trindade, 1993). Establecéronse continxentes de migración laboral mellor axustados ás necesidades de man de obra da economía portuguesa. Así e todo, esas medidas migratorias resultaron moi ineficaces para regular as masivas correntes de emigración. Entre 1961 e 1974 a media anual de saídas foi de 122.000 emigrantes, e en 1970 chegouse a un máximo de 183.000(5). Nos primeiros anos do decenio de 1960 houbo un cambio importante do padrón dos movementos migratorios dos portugueses, ó virar Francia, en vez do Brasil, o principal país de destino. De 1950 a 1956 foi dirixida a Brasil o 69,2% da emigración portuguesa; de 1960 a 1969, en troques, emigrou a Francia o 50,9% e só un 11,3% emigrou a Brasil (Cassola Ribeiro, 1986). Francia, Alemaña Occidental, os Estados Unidos de América e o Canadá pasaron a ser os principais países de destino da emigración portuguesa na década de 1960 e comezos da de 1970 (Táboa 1).

Táboa 1. Portugueses que viven no estranxeiro* (1997)
País/Territorio

Número

Porcentaxe

     País/Territorio

Número

Porcentaxe

 
Europa América
Alemaña

170.000

3,60

Antillas Holandesas

2.540

0,05

Andorra

9.000

0,19

Arxentina

16.000

0,35

Austria

441

0,01

Aruba

500

0,01

Bélxica

38.000

0,82

Bermudas

2.500

0,05

Dinamarca

450

0,01

Brasil

1.200.000

25,91

España

63.717

1,38

Canadá

515.000

11,12

Francia

798 837

17,25

Chile

112

0,00

Grecia

300

0,01

Ecuador

300

0,01

Holanda

9.230

0,20

EEUU

500.000

10,80

Italia

5.655

0,12

México

300

0,01

Luxemburgo

51.800

1,12

Panamá

500

0,01

Noruega

652

0,01

Uruguai

1.200

0,03

Reino Unido

60.000

1,30

Venezuela

400.000

8,64

Rusia

600

0,01

Outros

708

0,02

Suecia

2.553

0,06

Total

2.639.660

56,99

Suíza

155.104

3,35

     
Outros

361

0,01

Asia
Total

1.366.700

29,51

Arabia Saudita

149

0,00

      Bahrein

100

0,00

África Emiratos Árabes

325

0,01

África do Sur

500.000

10.80

Hong Kong

20.700

0,45

Angola

20.000

0.43

India

6.000

0,13

Botswana

240

0.01

Israel

250

0,01

Cabo Verde

500

0.01

Xapón

350

0,01

Congo, República

111

0.00

Paquistán

860

0,02

Congo, R.Democr.

400

0.01

Tailandia

260

0,01

Guinea-Bissau

800

0.02

Outros

277

0,01

Lesotho

200

0.00

Total

29.271

0,63

Malawi

200

0.00

     
Marrocos

1.000

0.02

Oceanía
Mozambique

11.668

0.25

Australia

55.339

1,19

Namibia

794

0.02

Nova Zelanda

120

0,00

Quenia

497

0.01

Total

55.459

1,20

S.Tomé e Príncipe

451

0.01

     
Swazilandia

884

0.02

 
Zimbabwe

2.200

0.05

 
Outros

447

0.01

Total xeral

4.631.482

100,00

Total

540.392

11,6

 

* Cálculo estimativo.
Fonte: Ministério dos Negócios Estrangeiros (Portugal). Citado en Rocha-Trindade (2000).

A mediados da década de 1970 as saídas de emigrantes experimentaron unha súpeta interrupción durante algún tempo. A recesión económica, a crise do petróleo e as conseguintes políticas restrictivas da emigración nos países europeos reduciron moito as saídas de man de obra portuguesa ó exterior. Ademais, as políticas de retorno dos países receptores europeos (Francia e Alemaña, por exemplo) aguilloaron a volta de inmigrantes legais. Calcúlase que entre 1981 e 1985 volveron a Portugal 500.000 portugueses, aproximadamente (Ferrão, 1996). Ó mesmo tempo que esas correntes de regreso ocorreron as novas correntes de entrada de cidadáns portugueses que vivían (e traballaban) nas ex colonias africanas, os “emigrantes coloniais” (ibid páx 180), que chegaron a preto de 600.000 persoas. Poucos anos despois regresaran xa a Portugal máis dun millón de portugueses.

De tódolos xeitos, aínda que a corrente de saída baixara notablemente na década de 1970, o total de saídas creceu moito nas dúas décadas seguintes. A pesares da dificultade cada vez maior que atopamos para cuantificar os movementos de man de obra no espacio europeo, calcúlase que na década de 1980 a media anual de saídas era arredor de 20.000 ata 1985. Coa entrada de Portugal na UE as novas condicións institucionais e laborais do espacio europeo favoreceron a emigración, permanente e temporeira. En 1991 as saídas acadaron un punto máximo de 46.000 (Baganha e Peixoto, 1994). Suíza é agora o principal país de destino das correntes emigratorias portuguesas e absorbe case o 40 por cento do total desas correntes. Alemaña e outros países europeos (Luxemburgo e Francia, por exemplo) son tamén países de preferencia da emigración portuguesa na década de 1990(6).

Respecto dos movementos de emigración dentro da Unión Europea, as recentes saídas cara a Francia e, ata certo punto, a Alemaña, revestiron a forma de movementos estacionais e “pendulares”, ou de reconstitución da unidade familiar (Rocha-Trindade, 1995). Ó revés doutros países exportadores de man de obra do Sur de Europa (España, Italia e Grecia), que teñen agora niveis moi reducidos de saídas migratorias, Portugal segue sendo un país con fonda pegada estructural do fenómeno das saídas de emigrantes.

Nembargantes, nas tres últimas décadas. Portugal foi tamén país de inmigración e destino preferente de emigrantes procedentes das que foran as súas colonias en África. A poboación inmigrante supón hoxe aproximadamente o 3,5% (341.270) da poboación total de Portugal (SEF 2001, Informe Estatístico). Mesmo se a porcentaxe de poboación estranxeira non ten acadado a magnitude que se observa noutros países europeos, como Francia (5,6%); Alemaña (8,9%); Suecia (5,5%) ou Bélxica (8,3%), o asentamento de comunidades étnicas migrantes formula cuestións e desafíos cruciais verbo da identidade nacional, os dereitos cívicos, as diferencias culturais e a integración das poboacións migrantes na sociedade central portuguesa.


Nacionalidade e diáspora portuguesa: contextos e significados en mudanza

A fin do Imperio e a integración de Portugal na Unión Europea induciron modificacións importantes do trazado de políticas en Portugal. Esas modificacións implicaron un proceso complexo de desterritorialización/reterritorialización, seguido da conseguinte desterritorialización (Santos, 1993). A idea de que o territorio nacional se prolongaba dun certo xeito en África e que o imperio colonial era parte integral dun só estado, “um Estado uno e indivizível” (Figueiredo, 1975) derrubouse en 1974. A seguir da descolonización, Portugal tivo que facerse á idea de ser unha nación reducida ás súas diminutas dimensións xeográficas. Así e todo, ese novo proceso de “reterritorialización” durou pouco, porque o ingreso na UE puxo en movemento un novo proceso de “desterritorialización”. Noutras palabras, ó mesmo tempo que se construía unha nova comunidade nacional imaxinada, corría un proceso de transnacionalización decorrente da adhesión de Portugal á Unión Europea. Como di Santos, “en menos de vinte anos a transnacionalidade do espacio colonial foi transferida a unha transnacionalidade europea, na que Portugal segue nunha situación relativamente periférica” (1994:136). Con todo, as entradas cada vez maiores de emigrantes e refuxiados das antigas colonias acordaron unha aprehensión que foi en aumento. En 1981 foi promulgada unha Lei de cidadanía máis restrictiva (Lei 37/8). Mentres que a lexislación anterior baseábase nun equilibrio entre jus soli e jus sanguinis, a nova normativa confería posición privilexiada, en moitos aspectos, ó jus sanguinis. Según Esteves (ed, 1991), ese xiro da definición da cidadanía tiña raíces nos medos nacionalistas alentados polo aumento das correntes de entrada de inmigrantes por consecuencia da descolonización. Pero se, por unha banda, a nova lei restrinxía o acceso dos inmigrantes á cidadanía, facilitaba, pola outra, a adquisición ou readquisición da nacionalidade polos emigrantes portugueses e os seus descendentes que vivían no estranxeiro. A promulgación de disposicións que permitían a dobre cidadanía favoreceu tamén ós emigrantes portugueses que tiñan adquirida outra nacionalidade e tiveran que renunciar á portuguesa.

Na década de 1980 as imaxes oficiais da nación vencelláronse máis e máis a un concepto da nación como comunidade imaxinada de descendencia, que transcende os límites territoriais. Esa maior sensibilidade cara ás comunidades portuguesas da emigración subverte un importante xiro ideolóxico no concepto da nacionalidade portuguesa. A visión de Portugal como “nación de comunidades” (Aguiar, 1999:19) é reflexo dun entendemento da nación no que os emigrantes portugueses pasan a ser elemento constitutivo moi importante. O novo imaxinario nacional incorpora ós “portugueses da diáspora”, esquecidos e desatendidos por tan longo tempo.

Intentouse, con dereitos especiais, privilexios e a creación de canles institucionais para a participación completa dos emigrantes portugueses e os seus descendentes na sociedade portuguesa, fortalecer os vencellos económicos, culturais e étnicos entre Portugal e as súas comunidades no estranxeiro(7). A nivel institucional, creouse en 1980 a Secretaría de Estado das Comunidades Portuguesas baixo a éxida do Ministério dos Negócios Estrangeiros. Os principais obxectivos dese novo organismo oficial foron a formulación e a aplicación de políticas de emigración. A extensión dos dereitos sociais, culturais e de cidadanía política ós portugueses residentes no estranxeiro foi tema central da formulación de políticas sobre migración. A garantía dos dereitos dos cidadáns portugueses na diáspora; facer chegar, mediante tratados bilaterais, as prestacións da seguridade social a todos os portugueses que viven no exterior; a promoción da lingua e da cultura portuguesas creando centros culturais nos países de acollemento; a creación de mecanismos de incentivo económico para fomentar as remesas e as inversións en Portugal dos aforros dos emigrantes, todos eses foron trazos básicos das referidas políticas (Secretaría de Estado das Comunidades Portuguesas, 1987). Tendo presente o avultado volume da migración de retorno na década de 1980, as políticas oficiais insistiron na creación de condicións económicas, sociais e profesionais que desen lugar ó retorno. Fixéronse esforzos para que as persoas e as colectividades tornasen receptivas ós problemas sociais que decorren da emigración e da reintegración. O proxecto sobre receptividade comunitaria en áreas de forte emigración púxose en movemento a comezos da década de 1980 coa finalidade de facer aumentar a receptividade dos portugueses residentes en Portugal respecto dos problemas que encontran os portugueses que viviron no estranxeiro, e de reducir ó mínimo as distancias culturais e sociais cos retornados.

Respecto dos dereitos culturais e políticos dos emigrantes, foi creado en 1980 o Conselho das Comunidades Portuguesas (Decreto-Lei nº 373/80). O Conselho é un organismo autónomo internacional integrado por representantes das asociacións portuguesas no exterior. Funciona como comité asesor sobre as cuestións importantes relativas á política da emigración. En palabras dun dos políticos máis influentes na esfera da emigración, o Conselho é un “proxecto que capta a dinámica e a dimensión auténtica da nación portuguesa, que transcende as súas delimitadas fronteiras territoriais, e proponse defender e promover o noso patrimonio cultural e moral mediante a protección activa dos dereitos dos nosos cidadáns, onde queira que vivan, e o fomento da lingua e a cultura portuguesas” (Aguiar, 2000:25). A idea de nación que hai se presenta propón unha redefinición do estado-nación que tradicionalmente se ancoraba no “dogma da territorialidade”. Dentro daquel concepto tradicional, só se outorgaban dereitos de cidadanía ós cidadáns que vivisen dentro dos límites territoriais do estado soberano. Por conseguinte, quedaban excluídos dos dereitos de cidadanía todos cantos vivisen fóra do territorio nacional.

Nas dúas últimas décadas, Portugal, igual que outros países europeos (Francia e España, por exemplo), estendeu os dereitos de cidadanía facéndoos chegar ós residentes no exterior. Entre as medidas máis importantes encamiñadas a fomentar unha política que conduza á inclusión cóntanse o dereito á dobre nacionalidade, o dereito de voto nas eleccións lexislativas e presidenciais, a representación política mediante a elección de catro deputados no Parlamento, as prestacións sociais e os programas de televisión dirixidos ás comunidades portuguesas (RTP internacional). Obsérvase, ademais, en recentes discursos oficiais, un impulso cara a maiores dereitos sociais e políticos (por exemplo, en prestacións sociais, salario mínimo garantido e dereitos de voto). A “desterritorialización” das políticas a e a extensión dos dereitos de cidadanía vense como mecanismos eficaces para fomentar a igualdade e a xustiza entre tódolos cidadáns portugueses (Aguiar, 2000).

En 1996 foi creada a Comunidade de Países de Língua Portuguesa (CPLP). A constitución desa Comunidade propiciou un novo espacio político para o debate sobre as cuestións de inmigración e emigración, identidades e dereitos de cidadanía. Os obxectivos primordiais da Comunidade foron a construcción dunha identidade lusófona transnacional e a creación dunha “cidadanía lusófona” asentada no outorgamento de dereitos de cidadanía ós nacionais de países lusófonos (Aguiar, 1998; Jesus, 1998; Leitão, 1998).

Despregar un espacio de pertenza lusófono invoca unha idea ampliada da cidadanía dentro dun espacio de “interculturalismo que reivindica o dereito a compartillar un territorio, e tamén a obriga de vivir en consenso coa cultura de varios grupos sen subordinar os seus estatutos ós da maioría” (Rocha-Trindade, 1998:12). Nembargantes, entende Lopes, parafraseando a M. Villaverde Cabral, que esa comunidade sedimentada en termos dunha lingua común é esencialmente “un novo recurso retórico do mesmo xénero que o luso-tropicalismo, ou unha zona plausible de cooperación institucional. É dicir, unha comunidade imaxinaria construída polas élites políticas ó se veren confrontadas por unha nova identidade nacional seguida da perda do imperio e a integración de Portugal na UE” (citado en Lopes, 1999:52)(8).

Segundo Lopes, a CPLP é unha comunidade imaxinaria que xurdiu en resposta á perda do imperio e á integración de Portugal na UE. Na opinión do que foi alto comisionado, José Leitão, a cidadanía lusófona non entra en conflicto coas obrigas de Portugal cara á UE. Concíbese, por contra, como sumamente importante nun “mundo que se configura cada vez máis pola integración rexional e os procesos económicos e sociais de mundialización” (Leitão, 1998:59).

A pesares dos xiros e as mudanzas das políticas sobre migracións e das ideas portuguesas de nación e de identidade nacional, as comunidades portuguesas no exterior, aínda que sexan moi diferenciadas, teceron as súas redes transnacionais e crearon espacios de transculturalismo (Welsh, 1999) nos que novas formas culturais híbridas atravesan unha multiplicidade de mundos sociais. O estudio do caso das comunidades portuguesas que viven no Canadá é un bo exemplo da dinámica das identidades diaspóricas e das formas complexas en que as identidades culturais se reproducen, son obxecto de transaccións e se transforman.


Os portugueses no Canadá e a política de multiculturalismo

A emigración portuguesa ó Canadá

Antes da Segunda Guerra Mundial, a presencia portuguesa en Canadá era insignificante. A primeira fase da emigración portuguesa en gran escala a Canadá produciuse de 1952 a 1957. Neses anos, a escaseza de man de obra no Canadá impeliu ó Goberno dese país a apadriñar un programa de contratación de traballadores non especializados para determinados traballos nas explotacións agrícolas e nas vías do tren. En 1958 foi pechado ese programa en vista das altas porcentaxes de desemprego nos sectores non especializados da economía canadiense. Para esa data entraran xa no país 10.710 portugueses, aproximadamente. Eses inmigrantes foron a base, ó ir chamando a parentes, da inmigración portuguesa a Canadá, que chegou a un punto máximo entre 1965 e 1969 coa entrada da cuarta parte do total de inmigrantes portugueses. De 1960 a 1969 entraron en Canadá 60.150 inmigrantes portugueses, mentres que de 1950 a 1959 entraran 17.056. O Canadá pasou a ocupar, nese período, o cuarto lugar entre os destinos preferidos dos emigrantes portugueses. Dos 620.811 portugueses que saíron de Portugal na década de 1970, foron a Canadá o 7,8%, ós Estados Unidos o 10,3%, a Brasil o 11,3%, e a Francia o 50,9% (Cassola Ribeiro, 1986).

En 1963, respondendo á demanda dunha economía canadiense en rápido crecemento, que precisaba cada vez máis traballadores especializados e de profesionais, adoptouse unha nova política de inmigración. Nesas circunstancias, a política de inmigración canadiense insistiu na importancia da cualificación como criterio principal para escoller ós inmigrantes sen apadriñamento. A pesares de teren chegado de Portugal na década de 1960 bastantes técnicos e persoal de administración, ese xiro da política de inmigración en Canadá dificultou moito que os portugueses reuniran as condicións para seren aceptados como inmigrantes independentes, xa que os máis propensos a emigrar eran traballadores non especializados cunha media de catro anos de escola primaria no seu país.

Aínda que algúns portugueses aproveitaron o abrandamento das leis de inmigración entre 1960 e 1972, que permitiu que os visitantes solicitasen a condición de inmigrantes despois de desembarcados no país, unha grande parte dos emigrantes portugueses a Canadá nas décadas de 1960, 1970 e 1980 foron apadriñados ou designados por parentes que vivían xa no país. Segundo o Libro Verde da Inmigración, o 75% dos 64.999 inmigrantes portugueses en Canadá do período de 1968 a 1973 entraron nas categorías de apadriñamento ou designación (Green Paper on Immigration, 1974). Mantívose esa pauta ó longo dos anos. En 1986, o 80% dos portugueses que emigraron a Canadá foron admitidos como familiares e só o 12% como independentes (Canada, Department of Citizenship and Immigration - Immigration Statistics, 1986).

A partir de 1976 decaeu moito a emigración portuguesa a Canadá. Pode deberse iso ós cambios das políticas de inmigración canadienses e ó melloramento da economía portuguesa nas décadas de 1980 e 1990 e ás mellores expectativas económicas e educativas que transcorrían desde a entrada de Portugal na Unión Europea. Conforme ó censo de 1991, había nesa data 292.185 persoas que declaraban orixe étnica portuguesa, 161.180 delas eran inmigrantes (Statistics Canada, 1996). Os portugueses residentes no Canadá encóntranse sobre todo nas provincias de Ontario (uns 200.000), Quebec (40.000) e Columbia Británica (20.000).

As comunidades portuguesas no Canadá organizáronse tradicionalmente ó redor da parroquia católica. As igrexas parroquiais portuguesas no Canadá non son simples centros de guía espiritual; son, sobre todo, centros culturais que desempeñan funcións relixiosas e tamén sociais. A parroquia ampliou a súa esfera de control nas comunidades portuguesas organizando outras asociacións: escolas parroquiais, grupos de danza folclórica, equipos de fútbol e grupos de mozos. Son moitos os inmigrantes portugueses que asisten con regularidade ós actos de culto e participan activamente nas actividades culturais e recreativas que organiza a parroquia.

A parroquia tivo un gran éxito na mobilización dun amplo caudal de recursos. Para os inmigrantes portugueses, participar nas actividades organizadas pola Igrexa é algo máis que unha maneira, configurada pola relixión, de entenderse co novo medio en que viven. É tamén un medio de manter a súa identidade cultural. Ó reproducir no novo país pautas culturais, sociais e relixiosas semellantes ás do país natal, a parroquia fai de ponte entre a sociedade receptora e a de orixe.

Establecéronse moitas organizacións comunitarias fóra das parroquias. Multiplicáronse por todo o Canadá organizacións sociais, recreativas, educativas e deportivas. Esas asociacións serviron de amortiguadores sociais, económicos e culturais para as comunidades portuguesas. Con todo, a escaseza de recursos e de dotes de organización, a baixa posición social e as animosidades e tensións endémicas entre os directivos das asociacións atrancaron moito a mobilización política das comunidades portuguesas en Canadá. A diferencia doutras minorías migrantes que tiveron máis éxito na mobilización étnica a nivel nacional (por exemplo, os asiáticos, os italianos, os gregos ou os ucraínos, por non citar máis que algúns), os portugueses non conseguiron, ó longo dos anos, establecer satisfactoriamente unha organización portuguesa a nivel nacional. Creouse finalmente en 1993 unha organización “abarcante” portuguesa de ámbito nacional. O Congreso Nacional Canadiense-Portugués proponse como obxectivos principais fomentar a participación da comunidade portuguesa na sociedade canadense, avaliar e desenvolver unha ampla gama de actividades e programas dirixidos ás comunidades portuguesas espalladas polo Canadá; e desenvolver canles de comunicación entre as comunidades de portugueses residentes no Canadá e entre Portugal e o Canadá. O Congreso púxose en marcha tamén como posible entidade asesora nos niveis local, provincial e nacional do corpo político canadiense. A pesar dese importante paso cara á mobilización colectiva a nivel nacional, a resposta das comunidades portuguesas á política de multiculturalismo é ambigua, no mellor dos casos.

As identidades diaspóricas portuguesas e a política multicultural

A política de multiculturalismo iniciada polo primeiro ministro, Pierre Trudeau, en 1971 remite ó Libro IV do Informe da Comisión Rexia sobre Bilingüismo e Biculturalismo (1969). En 1969, o Goberno Federal aceptou as recomendacións da Comisión sobre o estatus do inglés o do francés como linguas oficiais do Canadá. Coa Lei de Linguas Oficiais (Official Languages Act), o bilingüismo estableceuse como política lingüística oficial do Canadá. Dous anos despois, o primeiro ministro, Pierre Trudeau, expuña na Cámara dos Comúns unha política que chamou de “multiculturalismo nun marco bilingüe”. Dixo así:

“Porque aínda que haxa dúas linguas oficiais, non hai unha cultura oficial, nin ten precedencia ningún grupo étnico fronte a ningún outro. Ningún cidadán ou grupo de cidadáns e máis nada que canadiense, e todos eles deben ser tratados con equidade […] o Goberno ve unha política de multicularismo dentro dun marco bilingüe como o medio máis axeitado para garantir a liberdade cultural dos canadienses” (Debates da Cámara dos Comúns, 1971. Declaración do primeiro ministro Trudeau, 8 de outubro).

Houbo dous factores que impulsaron a creación da Comisión Rexia sobre Bilingüismo e Biculturalismo, e a subseguinte implantación da política de multiculturalismo. O primeiro foi o desencanto dos francocanadenses co seu estatus socioeconómico na década de 1960, que formulou un desafío á Confederación Canadense e, moi concretamente, á dominación anglosaxona (Peter, 1981).

O segundo foi que a nova política de inmigración sen discriminación racial esbozada no Libro Branco sobre Inmigración en Canadá de 1966 cun “sistema de puntos” ocasionou unha mudanza notable da composición étnica e ocupacional da poboación canadiense. O aumento da poboación inmigrante educada que non era de orixe inglesa nin francesa levou ó primeiro plano a etnicidade como carácter sobresaínte da estructura social do Canadá. Segundo Peter (1981), a política multicultural xurdiu como resposta institucional á ameaza que supuñan para a dominación que exercía o Canadá de lingua inglesa o nacionalismo do Quebec e de outros grupos étnicos. Son cada vez máis numerosos os estudios sobre multiculturalismo que se centran nas repercusións positivas e negativas desa política na sociedade canadiense. Para Breton (1986), o multiculturalismo serviu para a pluralización e redistribución de recursos simbólicos entre as comunidades étnicas. Afirma, con todo, que falta nesa política un consenso sobre a natureza da identidade e a cultura canadenses. Defenden unha posición diferente outros autores (Porter 1975, Abu-Laban e Stasiulis, 1992) que cren que a definición da cultura como “estilo de vida” que fai a política oficial escurece o feito de que a cultura está intimamente vencellada ós “cambios de vida” do grupo. Porter (1975), ó tratar o pluralismo étnico en Canadá, argumenta que identificar a cultura cun estilo de vida ten dúas consecuencias importantes que non son de desexar. Partindo da diferencia de estatus socioeconómico entre os grupos étnicos, unha política que fomenta o mantemento da herdanza étnica ven a fortalecer a desigualdade das oportunidades vitais étnicas que xa existen, e perpetúa dese xeito o “mosaico vertical” de Canadá. Existe a percepción de que unha política que se centre nos estilos de vida e nos aspectos non controvertidos da cultura como factores de mediación contra a discriminación e a desigualdade non é un instrumento axeitado para abordar os problemas que existen nunha sociedade diferenciada en termos étnicos. Para Wilson (1978), mentres que a política de multiculturalismo se centra en estilos de vida e aspectos folclóricos, segue sen explorar a posición estructural dos grupos étnicos na sociedade canadense. Adoptan unha tese semellante outros autores (Adam, 1984; Moodley, 1983; Vertovec, 1996; Narang, 1994). Por exemplo, o argumento de Adam é que “...festexamos o multiculturalismo ideolóxico, pero non practicamos o multiculturalismo estructural”, e este último termo quere dicir “...a igualdade de acceso de tódolos sectores da sociedade canadiense a recursos e posicións de poder decisivas” (Adam, 1984:248).

Levan máis lonxe esa argumentación os que sosteñen que a política do multiculturalismo conduce na fin á “ghettoización” das comunidades étnicas (Reitz, 1980; Bissoondath, 1995). Parécelle a Reitz que a política do multiculturalismo fortalece a estratificación étnica que xa existe, en vez de fomentar a igualdade de oportunidades para a mobilidade ascendente de quen pertence a un grupo étnico. A insistencia desa política na diferencia cultural acaba por neutralizar, mediante un proceso de atomización étnica, os esforzos de mobilidade do grupo e do individuo. Institucionalizar as diferencias culturais nunha sociedade dominada pola cultura de lingua inglesa aviva a marxinalidade étnica ó facer máis ríxidas as liñas de separación entre “nós” (o grupo lexítimo) e “eles” (as minorías étnicas). Ó fomentar unha idea monolítica e estática da cultura, a política multicultural favorece a percepción das minorías étnicas como grupos inmutables pechados nos seus carapazos culturais. Bissoondath (1995) presenta argumentos parecidos e afirma que o multiculturalismo ven a lexitimar un pluralismo cultural radical e, dese xeito, alenta a marxinalización das minorías. Iso, a xuízo de Bissoondath, constitúe unha grave ameaza á cohesión social de Canadá. Para Houle (1999), o multiculturalismo debería permitir o artellamento da diferencia cultural, sobre todo cunha cultura pública común de dereitos humanos compartida por tódolos cidadáns.

¿Quen tira proveito da política de multiculturalismo, ademais do Goberno, que ten intereses creados nela? Según Jean Burnet (1975), entre os dirixentes de grupos étnicos que apoiaron con maior presión e entusiasmo a política de multiculturalismo a maioría eran os que naceran no Canadá. Os procedentes de Europa do Leste, con mobilidade para o ascenso social, vían nesa política unha porta aberta para o recoñecemento político. Os procedentes de Europa do Sur e os chineses, en cambio, non manifestaban moito interese polo multiculturalismo. Reitz, no seu libro The Survival of Ethnic Groups (1980) mantén que nos grupos étnicos de baixo estatus, por exemplo os sudeuropeos e os chineses, a identificación étnica intensa mina a participación política deses grupos na sociedade canadiense. E di así: “A identificación étnica dá lugar a unha baixa participación política, porque a desigualdade étnica encoraxa unha autodefinición de marxinalidade” (1981:228).

Son os grupos étnicos mellor establecidos os que manipularon con máis éxito a súa etnicidade na procura de intereses políticos. Coa redescuberta da súa identidade étnica, eses “profesionais da etnicidade” (Peter, 1981:66) trataron de conseguir posicións de poder nunha élite de poder con sesgo étnico. O’Brian, Reitz e Kuplowska, no seu estudio sobre multiculturalismo, chegaron á conclusión de que máis da terceira parte dos portugueses que entrevistaron non sabían que existise esa política, e máis da metade dos chineses tampouco. Os gregos e os húngaros foron os dous grupos étnicos con máis coñecemento de tal política. Non cabe dúbida de que, a diferencia dos gregos, os portugueses deron poucas mostras de interese pola política do multiculturalismo. A ausencia de coñecemento desa política, a falta de capacidade de organización, e a deficiente organización colectiva poden atrancar a mobilización dos portugueses en cuestións multiculturais. Nunha sociedade na que se asignan subvencións multiculturais ós grupos máis que ós individuos, a incapacidade dos portugueses para actuar como grupo de intereses “oficial” pode, na realidade, relegalos a unha posición marxinal con respecto a outros grupos que capitalizan mellor a exclusividade étnica e os fondos públicos. Ademais, o baixo nivel de mobilización política étnica pode debilitar ó grupo en termos políticos, tornándoo máis vulnerable a manipulación política pola burocracia gobernamental. Segue pendente de resposta a pregunta de se esa conducta, que parece apática, é unha forma estratéxica de escapar dunha diferencia étnica institucionalizada ou se, simplemente, os portugueses están deixando pasar o multiculturalismo sen que lles afecte. Para algúns portugueses, a retórica multiculturalista de “unidade”, “igualdade” e “harmonía” pouco máis é ca un xesto simbólico que perde a súa grandeza no confronto coas experiencias da vida cotiá. Como dixo un carpinteiro portugués:

“Móstrannos todas esas imaxes tan bonitas de Canadá formado por moitos pobos e moitas razas diferentes. Case parece que todos somos iguais. Pero non son máis que imaxes que non queren dicir nada. Cando vou pedir emprego, pregúntanme se teño experiencia canadiense. Eu son carpinteiro, e máis nada. ¿Vostede sabe que é iso da experiencia canadiense(9)?

Se ben é certo que a política de multiculturalismo preconiza a mobilidade ascendente dos integrantes das etnias, non están claros aínda os medios de acadar a completa partición económica e política. No eido económico, a comunidade portuguesa continúa nos chanzos inferiores da estructura ocupacional, con poucas oportunidades de mobilidade ascendente. As deficiencias de formación profesional, educación formal e coñecemento da lingua inglesa son un grave impedimento para a mobilidade de ocupacións e o cultivo persoal. Ese “estatus minoritario” (Noivo 1999) inflúe moito nas perspectivas das xeracións futuras. O déficit educativo e o baixo estatus social e laboral dos mozos portugueses-canadienses apuntan ós procesos de reproducción social da marxinalización que acontecen nas comunidades portuguesas en Canadá (Nunes, 1999).

Ademais, ó fomentar unha idea monolítica e estática da cultura, a política multicultural vai levando a que as minorías étnicas sexan percibidas como grupos pechados nos seus carapazos culturais inmutables. As comunidades portuguesas en Canadá van contra esa idea tradicional da cultura e da identidade. Os seus estilos de vida non se limitan á conservación dos trazos culturais adquiridos na terra de orixe e a transmitilos a futuras xeracións. Ó contrario, os seus xeitos de vivir mostran a natureza entretecida e enredada dunha vida que vai alén das culturas nacionais. Cando lles preguntei a inmigrantes portugueses o que significaba ser portugués en Vancouver, varios deles dixeron que non o sabían. Outros dixéronme que a súa maneira de vida non era moi diferente do que lles semellaba que era o estilo de vida “canadiense”, que para eles quería dicir ser donos dunha casa, ter un automóbil e tarxetas de crédito e mandar os nenos a boas escolas. Explicaron de seguida, nembargantes, que as únicas diferencias entre eles e os canadienses eran que os portugueses tiñan un sentido máis forte da familia e que, como sempre pensaban no futuro, traballaban e aforraban máis, en xeral. Un dos adiantados da inmigración portuguesa, explicou así o que era ser portugués:

“Érgome ás 6 da mañá e vou para o traballo. Hai varios portugueses que traballan no sitio. Xuntámonos porque nos entendemos uns ós outros. Despois volvo á casa, ceo e vexo o noticiario. Gústanme as partidas de hockey. Tamén vexo a RTP Internacional (a televisión internacional portuguesa). Ás veces xúntome con algúns parentes e amigos. Bebemos viño, falamos do traballo, de hockey, de fútbol e de Portugal. Os domingos imos á igrexa de Nosa Señora de Fátima. Supoño que é todo iso o que fai de min un portugués en Vancouver...”.

Os portugueses, leven o tempo que leven en Canadá, conservan unha forte ligazón co país de orixe. Os frecuentes contactos cos familiares de Portugal, as viaxes en vacacións, as remesas de diñeiro e unha continua ambivalencia co país de asentamento estructuran o estilo de vida de moitos portugueses. A dedicación de moitos deles á súa vila natal maniféstase de varias formas. Organízanse con regularidade festividades sociais para recadar fondos para obras nunha igrexa parroquial da vila natal, contribuír á construcción de hospitais ou de residencias para persoas maiores, ou comprar vehículos para os minusválidos. Ademais desas remesas de fondos para causas sociais no país natal, segue sendo habitual a transferencia de recursos persoais para investimento en compras de casa, dun negocio ou de terras na súa aldea, ou para axudar a parentes en situación económica difícil.

Aínda que o país de orixe continúa sendo un eixo referencial, a experiencia de vida no Canadá facilitou novas interaccións con culturas e formas de vida diferentes, que os inmigrantes internalizaron e fusionaron coa súa cultura hereditaria. As mesturas, as sobreposicións e as distincións entre diversas pautas culturais estampáronse nun estilo de vida que é unha constante transacción entres múltiples espacios e maneiras de ver o mundo. Como di unha portuguesa que vive en Vancouver desde hai trinta anos:

“Levo moito tempo vivindo aquí. O meu home fala agora de volver a Portugal. ¿Volver a qué? A tomar conta das galiñas e correr atrás dos porcos mentres el pasa o tempo a parolar cos amigos... Prefiro quedar. Aquí teño a miña independencia. Gaño os meus cartos. Teño o meu automóbil... E podo ir a Portugal cando me pete... A tradición está moi ben, e diche quen eres, pero despois ti traballas sobre iso, traballas coas cousas novas que aprendes. Aquí aprendín moitas cousas...”.

Ese sentimento de pertenzas múltiples e identificación con diferentes culturas, que non está atado polo tempo nin o espacio, é o que crea novos marcos de vida que non son excluíntes. Ó contrario, manteñen una práctica cultural que non se pode reducir ó que o multiculturalismo considera como identidade no sentido de “conservación das tradicións culturais herdadas”. Esas estratexias de vida son indicativas da natureza flexible, permeable e sempre cambiante da cultura, que sitúan ó individuo na intersección da tradicionalidade, as experiencias e percepcións presentes e as expectativas de futuro.

Como afirma Noivo, con razón, a identificación étnica canadiense-portuguesa ven conformada por múltiples factores que teñen que ver coas representacións actuais da nación portuguesa no contexto europeo e coa posición social do suxeito na sociedade canadiense. Tamén afectan á identidade cultural portugués-canadiense cuestións de xénero, clase e xeración. Esa é a complexa rede de procesos identitarios na que actúan os portugeses-canadienses cando constrúen un espacio cultural híbrido formado por moitos mundos vitais. Non faltan, con todo, tensións e conflictos de expectativas na producción dese espacio. Hai autores, como Nunes (1999) e Noivo (1997), que afirman que “a marxinalización social, cultural e económica dos portugueses en Canadá desempeña [un papel importante] e inflúe na súa imaxe de si propios e do seu lugar na sociedade” (Nunes, 1999:2). Se os portugueses van ser capaces ou non de superar esas desvantaxes será a proba real de se a política de multiculturalismo pode mediar a integración dos inmigrantes na corrente central.


Conclusión

A perda do imperio, a construcción dunha sociedade democrática e a entrada de Portugal na UE foron desafíos importantes para a formación dunha nova imaxe da nacionalidade e a identidade nacional portuguesas. Na década de 1980, as comunidades portuguesas no estranxeiro, tanto tempo esquecidas, pasaron o ser un eixo referencial dunha nación que atravesaba complexos procesos de desterritorialización discorrentes da descolonización e a subseguinte transnacionalización do estado nación pola afiliación á Unión Europea. Ese xiro ideolóxico foi acompañado pola promulgación dunha lexislación que concedía dereitos de cidadanía ás comunidades portuguesas no exterior. A pesares da nova visibilidade dos emigrantes portugueses no discurso oficial, a inmigración ocupou un lugar central sen precedentes en Portugal na última década. A definición oficial de Portugal como país de inmigración contribuíu á politización das cuestións de inmigración, en merma das de emigración. A presencia de comunidades inmigrantes e o impacto destas na sociedade portuguesa converteuse nunha prioridade política que relegou as políticas de emigración a un segundo plano do trazado de políticas. A pesar desa nova “invisibilidade”, a dinámica da diáspora portuguesa transcendeu a política identitaria da nación-estado portuguesa, facéndose presente nun espacio transnacional de pertenza e dereitos de cidadanía.

Como se explicou enriba, as comunidades portuguesas en Canadá reflicten os novos procesos sociais, culturais e políticos das diásporas na modernidade serodia. Ó cuestionar unha política multicultural que propón unha idea da cultura estática, pechada e monolítica, os portugueses afirman novos estilos de vida e unha práctica social e cultural na que os vencellos co país de orixe, e sobre todo co lugar de nacemento, se combinan con outras lealdades. Os emigrantes portugueses e as súas familias entraron nun espacio de diversidade, multiplicidade e interseccións, non nun xogo de identidades de suma cero.

No correr das décadas, a súa experiencia da vida fálanos de cultura como transacción constante de significados que ultrapasa os mitos da cultura nacional. No cerne desas traxectorias está a consciencia de que a identidade non está xa ancorada nun só territorio ou comunidade, senón no artellamento de múltiples mundos e espacios nos que os límites se cruzan e nos que se inventan novas posibilidades.

Ana Paula Beja Horta, CEMRI/Universidade Aberta.

 
 

Bibliografía

Abu-Laban, Yasmeen and Stasiulis, Davis: 1992, Ethnic Pluralism under siege: Popular and Partisan Opposition to Multticulturalism, Canadian Public Policy-Analyse de politiques, vol 18, nº 4, pp365-386.

Adam, Heribert: 1984, Combating Racism, Zeitschrift fur Erziehungs und Sozialwissenschaftliche Forschung, Jahrgang, Heftsz, pp243-251.

Aguiar, Manuela: 1998, Comunidades Lusófonas. Migrações e Cidadania, Interculturalismo e Cidadania em Espaços Lusófonos, M.B. Rocha-Trindade (ed), Lisboa, Publicações Europa América.

Aguiar, Manuela: 1999, Portugal, O País das Migrações sem Fim. Lisboa, Cabográfica.

Arroteia, Jorge: 1983, A Emigração Portuguesa, suas origens e distribuição. Lisboa, Instituto de Cultura e Língua Portuguesa.

Baganha, Maria I.: 1998, Portuguese Emigration After World War II, Modern Portugal, A. Costa Pinto (ed), Palo Alto, The Society for the Promotion of Science and Scholarship.

Baganha, Maria I. and Peixoto, J.: 1994, Trends in the ‘90s: The Portuguese Migratory Experience. Paper presented at the Cost A2 Workshop “ Immigration in Southern Europe”, Coimbra, Portugal.

Baganha, Maria I.: 2001, A cada Sul o seu Norte: Dinâmicas Migratórias em Portugal, Globalização: Fatalidade ou Utopia?, Boaventura de Sousa Santos (ed), Porto, Edições Afrontamento.

Barreto, António et al: 1996, A Situação social em Portugal, 1960-1995. Lisboa, Instituto de Ciências Sociais da Universidade de Lisboa.

Bissoondath, Neil: 1995, Le marché aux illusions: la méprise du multiculturalism, Montréal, Boréal-Libre.

Boxer, C.R.: 1988, Relações Raciais no Império Colonial Português, Porto, Edições Afrontamento.

Bretell, Caroline: 1986, Men who Migrate, Women Who Wait. Princeton, N.J, Princeton University Press.

Breton, Raymond: 1986, Le multiculturalisme et le development national au Canadá, Les Dimensions politiques du sexe, de l’éthnie e de la langue au Canada, Alan Cairns and Cynthia Williams (eds), Ottawa, Commission royale sur l’union économique et les perspectives de développement au Canada, pp31-75.

Burnet, Jean: 1976, Ethnicity: Canadian Experience and Policy, Sociological Focus, nº 9, pp199-207.

Canadá, Statistics Canada, 1996.

Canadá, Department of Citizenship and Immigration - Immigration Statistics, 1986.

Canadá, Green Paper on Immigration, 1974.

Canadá, House of Commons’ Debates, 1971, Statement by Prime Minister Trudeau, October 8th.

Cassola Ribeiro, F: 1986, Emigração Portuguesa. Algumas características Dominantes dos Movimentos no Período de 1950 a 1984, Lisboa, Secretaría de Estado das Comunidades Portuguesas, serie Migrações.

Cohen, Robin: 1995, Rethinking ‘Babylon’: iconoclastic conceptions of the diasporic experience, New Community 21 (1): 5-18.

Esteves, Maria do Céu (ed): 1991, Portugal País de Imigração, Cadernos IED, vol 22, Lisboa, IED, Instituto de Estudos para o Desenvolvimento.

Ferrão, João: 1996, Três Décadas de Consolidação do Portugal Demográfico, A Situação social em Portugal, 1960-1995, António Barreto et al, Lisboa, Instituto de Ciências Sociais da Universidade de Lisboa.

Hall, Stuart: 1990, Cultural Identity and Diaspora, Identity, Community, Culture, Difference, J. Rutherford (ed), London, Lawrence and Wishart.

Hall, Stuart: 1992, New Ethnicities, ‘Race’, Culture and Difference, J. Donald and A. Rattansi (eds), London, Sage, Publications, Lisboa.

Houle, François: 1999, Citoyenneté, espace public et multiculturalism: la politique canadienne de multiculturalism, Sociologie et Sociétés, vol XXXI, nº 2, automne 1999, pp101-123.

Horta, Ana Paula B.: 2000, Constructing Otherness: Nationhood and Immigration Politics in Portuguese Post-Colonial Society, Ph.D. thesis, Simon Fraser University, Department of Sociology and Anthropology, Canadá.

Horta, Ana Paula B.: 2002, Contested Citizenship: Immigration Politics and Migrant’s Grassroot Organizing, Post-Colonial Portuguese Society, New York, Centre for Migration Studies, CEMRI Universidade Aberta, Lisboa (in the press).

Figueiredo, Antonio de: 1975, Portugal: Fifty Years of Dictatorship. Harmondsworth Middlesex, Penguin Books.

Instituto Nacional de Estatística [INE], Census 1981, 1991.

Jesus, José L.: 1998, Direitos de Cidadania no Espaço Lusófono, Interculturalismo e Cidadania em espaços lusófonos, M.B. Rocha-Trindade (ed), Lisboa, Publicações Europa América.

Kubat, Daniel (ed): 1993, The Politics of Migration Policies, Staten Island, The Center for Migration Studies of New York.

Leitão, José: 1998, Génese e Dinâmica da Cidadania Lusófona, Interculturalismo e Cidadania em Espaços Lusófonos, M.B. Rocha-Trindade (ed), Lisboa, Publicações Europa-América.

Leite Viegas, José M. and Firmino da Costa, A.: 1998, Portugal, que Modernidade?, Oeiras, Celta Editora.

Lopes, Policarpo: 1999, Portugal: Holograma da Mobilidade Humana, Lisboa, Editora Rei dos Livros.

MacQueen, Norrie: 1997, The Decolonization of Portuguese África, London and New York, Longman.

Magone, José:1997, European Portugal: The Difficult Road to Sustainable Democracy, London, MacMillan Press.

Moodley, Kogila: 1983, Canadian Multiculturalism as Ideology, Ethnic and Racial Studies, vol 6 (3), pp320-331.

NARANG, S.A.: 1994, Immigration, Ethnicity and Multiculturalism in Canada, India Quarterly, vol 50, nº 1, pp77-93.

Nunes, Fernando: 1999, Portuguese-Canadians and Academic Underachievement: A Community-Based Participatory Research Project, Ph. D dissertation, Toronto, University of Toronto Press.

O’Brian, K.G., Reitz, J.C. e Kuplowska, O.: 1976, Non-Official Languages: A Study in Canadian Multiculturalism, Ottawa, Multiculturalism Branch of the Secretary of State.

Peter, Karl: 1981, The Myth of Multiculturalism and Other Political Fables, Ethnicity, Power and Politics in Canada, J. Dahlie and T. Fernando (eds), Toronto, Methuen Publications.

Papastergiadis, Nikos: 1997, Tracing Hybridity in Theory, Debating Cultural Hybridity: Multicultural Identities and the Politics of Anti-racism, P. Werbner and T. Modood (eds), London and NJ, Zed Books, London and New Jersey, Zed Books.

Peixoto, João: 1993, Migrações e Mobilidade: as novas formas de emigração portuguesa a partir de 1980, Emigração/Imigração em Portugal, M.B. Silva et al (eds), Algés, Edições Fragmentos.

Pinto, A. Costa (ed): 1998, Modern Portugal, Palo Alto, The Society for the Promotion of Science and Scholarship.

Porter, John: 1975, Ethnic Pluralism in Canadian Perspective, Ethnicity: Theory and Experience, N. Glazer and D.P. Moynihan (eds), Cambridge, Mass, Harvard University Press.

Reitz, J.G.: The Survival of Ethnic Groups, Toronto, McGraw-Hill Ryerson Ltd.

Rocha-Trindade, M.B.: 1993, Minorias, polissemia do conceito e diversidade de manifestações, Emigração/Imigração em Portugal, M.B. Nizza da Silva et al (eds), Lisboa, Fragmentos.

Rocha-Trindade, M.B.: 1995, Manual de Sociologia das Migrações, Lisboa, Universidade Aberta.

Rocha-Trindade, M.B.: 1998, Lusofonia, Interculturalidade e Cidadania, Interculturalismo e Cidadania em espaços lusófonos, M.B. Rocha-Trindade (ed), Lisboa, Publicações Europa América.

Rocha-Trindade, M.B.: 2000, The Portuguese Diáspora, The Portuguese in Canada, Carlos Teixeira and Vitor Pereira da Rosa (eds), Toronto, University of Toronto Press.

Santos, Boaventura de Sousa (ed): 1993, Portugal: Um Retrato Singular, Porto, Edições Afrontamento.

Santos, Boaventura de Sousa: 1994, Pela Mão de Alice, o Social e o Político na pós-Modernidade, Porto, Edições Afrontamento.

SEF, Ministry of the Interior, Statistical Report, 2001.

Serrão, Joel: 1977, A emigração portuguesa, sondagem histórica, Lisboa, Livros Horizonte.

Silva Lopes, José: 1996, A Economia Portuguesa desde 1960, A Situacão Social em Portugal, 1960-1995, Lisboa, Instituto de Ciências Sociais da Universidade de Lisboa.

Teixeira, Carlos e Pereira da Rosa, Vitor (eds): 2000, The Portuguese in Canada, Toronto, University of Toronto Press.

Venâncio, José C.: 1996, Colonialismo, Antropologia e Lusofonias, Lisboa, Vega.

Vertovec, Steven: 1996, Multiculturalism, Culturalism and Public Incorporation, Ethnic and Racial Studies, vol 19, nº 1, january, pp49-69.

Vertovec, Steven e Cohen, Robin (eds): 1999, Migration, Diasporas and Transnationalism, Cheltenham, Edward Edgar Publishers.

Welsch, Wolfgang: 1999, Transculturality: The Puzzling Form of Cultures Today, Spaces of Culture, City, Nation, World, Mike Featherstone and Scott Lash (eds), London, Sage Publications.

 
 

Notas

(1) No cálculo estimado de Lopes (1999) inclúense tamén os descendentes de portugueses que viven no estranxeiro e adquiriron a nacionalidade portuguesa. Quero facer aquí unha advertencia. Os cálculos estimados de Lopes son estatísticas oficiais basadas nun criterio de cidadanía (por exemplo, portugueses que viven no estranxeiro e teñen pasaporte portugués). Eses números por si sós non dan indicio ningún de autoidentificación (percepción de si propio como portugués) ou de categorización de grupo (ser visto como portugués).

(2) Citado en Steven Vertovec e Robin Cohen (eds) 1999. Migration, Diasporas and Transnationalism. Cheltenham: Edward Edgar Publishers.

(3) Pódese ver unha análise da emigración portuguesa a Francia en Bretell, 1986. Según cifras facilitadas pola Secretaría de Estado da Emigração de Portugal en 1975, se se toma en conta a emigración ilegal, o total de portugueses residentes en Francia en 1975 era de 1.524.413 (412.961 emigrantes legais e 558.882 ilegais). A partir de 1962, as saídas ilegais constituíron máis da metade (61%) da corrente total de saídas de emigrantes portugueses (Rocha-Trindade, 1995:153).

(4) A seguir de 1977 baixou moito o volume total de remesas, por causa da inestabilidade política e económica. Aínda así, na década de 1980 as remesas foron a fonte máis importante de divisas (Rocha-Trindade, 1993). En 1994, as remesas chegaron a un total de 601,6 millóns de contos (5.000 millóns de dólares, aproximadamente), o que equivale, pouco máis ou menos, ó 4,1% do PIB. Nese mesmo ano os fondos estructurais europeos representaron en total o 6,1% do PIB (Rocha-Trindade, 1995).

(5) Ver Arroteia, 1983; Baganha, 1998; Rocha-Trindade, 1995. Segundo eses autores, as estatísticas oficiais portuguesas subestimaron gravemente o número total de saídas.

(6) Según Baganha e Peixoto (1994), a entrada de Portugal na UE non foi un factor determinante na configuración das pautas da emigración portuguesa. O caso da emigración a Suíza parece apoiar a hipóteses destes autores. Así e todo, o aumento das correntes migratorias cara Alemaña e outros países europeos parece estar relacionado coa integración de Portugal na Unión.

(7) Ver Aguiar, 1999; Bretell, 1986; Rocha-Trindade, 1995.

(8) Para un tratamento crítico da formulación teórica de Gilberto Freyre sobre a hibridización e a miscexenación cultural pódese ver Papastergiadis (1997), e para a dominación colonial portuguesa nos trópicos, Boxer (1988) e Venâncio (1996), por exemplo.

(9) Pesquisa realizada en Vancouver (Canadá) nos períodos de 1986-1988 e 1996-1998. As citas que se utilizan no artigo proceden de entrevistas que eu fixen con persoas da comunidade portuguesa en Vancouver e Toronto durante os referidos períodos.

 
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/03/2003