|
O goberno da República de China concede unha gran importancia ós chineses de ultramar. En 1926,
o Goberno nacionalista estableceu a Comisión dos Asuntos dos Chineses de Ultramar (en diante, a Comisión),
dependente directamente do goberno central, que tiña atribuída a competencia de tódolos asuntos
dos chineses de ultramar. Dende 1932 pasou a depender do Yuan Executivo ata hoxe en día.
A planificación da política sobre os chineses de ultramar está baseada en dous aspectos
fundamentais recollidos na propia Constitución: “protexer os dereitos e intereses dos chineses de ultramar”
e “axudar ós chineses de ultramar a desenvolverse”. Ó mesmo tempo, ten en conta a evolución
da situación política e económica actual, as necesidades dos chineses de ultramar, etc, e
planifica sinteticamente o obxectivo e a prioridade da política. Abrangue as seguintes materias: o servicio
e o contacto coa comunidade chinesa de ultramar, a educación en ultramar, o desenvolvemento económico
dos chineses de ultramar, a información e a propaganda en ultramar, o regreso dos estudiantes chineses de
ultramar para seguir os seus estudios en Taiwán, os servicios informatizados, etc.
En virtude do carácter integral da administración gobernamental, a política para os asuntos
dos chineses de ultramar tamén presenta unha faciana de continuidade e uniformidade. As tarefas de servicio
ós cidadáns chineses residentes en ultramar deben integrar dende a base actual os distintos recursos
nacionais e exteriores, seguir ampliando a extensión e o alcance do seu servicio, asistir e axudar enerxicamente
ós chineses de ultramar a integrarse na clase principal da sociedade do país en que residen para
promover o seu benestar e a prosperidade. Por iso, dentro das actuacións administrativas, tódalas
organizacións ou individuos chineses de ultramar que “aman ferventemente a Taiwán e identifícanse
coa República de China”, indistintamente da súa filiación política, da súa orixe
étnica ou rexional, son igualmente obxecto dos servicios da Comisión.
A tendencia ó desenvolvemento da globalización é unha corrente inevitable deste século,
e o fomento e desenvolvemento da política sobre os chineses de ultramar tamén debe axustarse a esta
situación. Trátase de uni-las forzas nacionais e dos chineses de ultramar, de formar unha rede global
dos chineses de ultramar, de busca-lo espacio para a cooperación e o desenvolvemento por medio do beneficio
mutuo como base e da comunicación e o servicio como ponte, e tomando como base Taiwán, mirando cunha
ampla visión o exterior, utiliza-lo pensamento global para abrir unha nova visión dos asuntos dos
chineses de ultramar.
I. A política actual sobre os asuntos dos chineses de ultramar
A elección presidencial de 2000 supuso por primeira vez a alternancia de partidos políticos no
poder durante os últimos cincuenta anos. Cando o, ata entón na oposición, Partido Democrático
Progresista chegou ó poder, fun nomeada polo presidente Chen Shui-Bian presidenta desta Comisión.
Dende que asumin o cargo, sempre estiven conforme coa idea de “acadar o consenso mediante a boa vontade e promove-la
unidade mediante o servicio” para atender ós asuntos dos chineses de ultramar. Visitei activamente tódalas
comunidades chinesas arredor do mundo coa intención de poder promover sen dificultade os asuntos dos chineses
de ultramar. A continuación resumo a política do novo Goberno sobre este particular nos seguintes
puntos:
1. Fomenta-la comunicación e o servicio ás comunidades chinesas de ultramar, promove-la unión
e a harmonía, engloba-las forzas dos chineses de ultramar de todo o mundo e emprega-los valores universais
da democracia e da paz co fin de impulsar unha relación interactiva e estable entre os dous lados do Estreito
de Taiwán e consolida-la seguridade nacional.
2. Reforza-las funcións dos centros de servicio culturais e educativos para os chineses de ultramar,
impulsa-lo sistema de voluntarios para os asuntos dos chineses de ultramar, animalos a participar nos intereses
da súa comunidade local e nos asuntos públicos e a integrarse coas clases máis dinámicas
da sociedade de destino, intentando conxuntamente o continuo desenvolvemento das comunidades chinesas de ultramar.
3. Estimula-lo ensino da lingua chinesa en ultramar, perfecciona-lo sistema de formación do profesorado
de lingua chinesa, construír un sistema de coñecemento dixitalizado da cultura e a educación
dos chineses de ultramar, amplificar “o Centro Mundial de Educación da Lingua Chinesa en Liña”, axudar
ós medios de comunicación chineses de ultramar, apoiar ás comunidades chinesas na organización
das principais actividades deportivas, artísticas e literarias, dirixir e asisti-los estudios en Taiwán
para os novos chineses de ultramar, amplia-la matriculación de novos estudiantes da escola de educación
por correspondencia e axudar ós chineses de ultramar a aprender novos coñecementos.
4. Adaptarse ás necesidades do desenvolvemento do país e ó cambio nas situacións
económicas e comerciais internacionais, cultiva-las forzas económicas das empresas dos chineses de
ultramar, impulsa-la inversión dos chineses de ultramar en Taiwán, reforza-la comunicación
cos empresarios chineses e as organizacións comerciais chinesas de ultramar, e tomando como base Taiwán,
extenderse a todo o mundo.
5. Estimular ós mozos chineses de ultramar a segui-los seus estudios na República de China, impulsa-lo
ensino da formación técnica e profesional dos mozos chineses de ultramar, fortalece-la asistencia
e o cuidado ós mozos chineses de ultramar que están realizando os seus estudios en Taiwán,
reforza-los traballos de asistencia e comunicación cos chineses de ultramar graduados en Taiwán.
6. Fortalece-lo impulso das tarefas propagandísticas en ultramar, amplia-los efectos da propaganda, mellora-lo
contido da Macroview Televisión, o Semanario Macroview e o Periódico Electrónico Macroview,
aplica-la tecnoloxía de Internet para difundi-la experiencia de Taiwán e reuni-lo consenso nacional
e de ultramar.
II. Os órganos do goberno relacionados coas tarefas dos asuntos dos chineses de
ultramar
As tarefas da Comisión gardan relacións estreitas con outros órganos do goberno, coma o
Ministerio de Asuntos Exteriores, o Ministerio do Interior, o Ministerio de Economía e a Oficina da Información
do Goberno. A Comisión ten como obxecto das súas tarefas as comunidades chinesas de ultramar; en
cambio, o Ministerio de Asuntos Exteriores ten como obxecto principal a relación cos gobernos estranxeiros
e a comunidade internacional. No exterior, a protección dos cidadáns e os asuntos consulares entre
dous gobernos son competencias do Ministerio de Asuntos Exteriores e dos seus organismos acreditados no estranxeiro.
Tanto no exterior como dentro do país, os asuntos xerais relacionados directamente cos chineses de ultramar,
coma o servicio e a asistencia ós residentes e ás asociacións chinesas de ultramar, ás
comunicacións, á dirección e asistencia ás asociacións dos chineses de ultramar,
á comunicación e información ás comunidades e organizacións dos chineses de
ultramar das políticas do goberno, ó apoio á cultura e á educación e ás
actividades económicas dos chineses de ultramar, son tarefas da Comisión.
As funcións do Ministerio de Asuntos Exteriores e da Comisión son distintas. A maioría
dos chineses de ultramar posúen nacionalidade local, poden participar nos asuntos públicos, nas actividades
políticas e económicas ou no impulso das actividades da diplomacia popular do país no que
residen, nos que frecuentemente non é conveniente que o Ministerio de Asuntos Exteriores nin as súas
institucións acreditadas no exterior interveñan; en cambio, a Comisión pode coordinar e axudar
a través dos seus cargos honorarios coma os comisionados, os asesores e os conselleiros dos asuntos de ultramar.
Estes cargos honorarios son persoeiros influentes e dirixentes das respectivas comunidades chinesas. En moitos
países cos que non temos relacións diplomáticas, a través dos chineses residentes locais
o goberno pode expandir con éxito as relacións gobernamentais.
Nas áreas de cultura e educación dos chineses de ultramar, a división das tarefas entre
a Comisión e o Ministerio de Educación é como sigue: no exterior, as universidades e escolas
universitarias establecidas polos chineses de ultramar son supervisadas polo Ministerio de Educación; o
ensino secundario e primario, de formación profesional e o ensino complementario, son supervisados pola
Comisión. A Comisión tamén dirixe o ensino por correspondencia e a distancia para os chineses
de ultramar. Por outra banda, os asuntos dos estudios, os exames e a asignación dos estudiantes chineses
de ultramar en Taiwán son tarefas do Ministerio de Educación. Atender ós estudiantes chineses
de ultramar durante a súa estadía de estudios en Taiwán, o incentivo e a axuda durante os
seus estudios, a dirección, a asistencia e a comunicación despois de graduarse, son tarefas da Comisión.
En canto á documentación dos chineses de ultramar, a Comisión é a institución
intermedia encargada de asistir e de examinar a entrada e saída do país, a residencia e o establecemento
permanente dos chineses de ultramar en Taiwán. O Ministerio do Interior é o organismo competente
dos asuntos da entrada e saída do país, a residencia e o establecemento permanente da poboación
nacional (que inclúe os chineses de ultramar) no país. A Comisión é o organismo competente
para a identificación da condición dos chineses de ultramar. O Ministerio do Interior é o
organismo competente para a confirmación da nacionalidade dos cidadáns nacionais (incluídos
os chineses de ultramar).
No área económica e comercial dos chineses de ultramar, a Comisión é a responsable
de dirixir e asistir ás empresas e ós negocios dos chineses de ultramar, dentro do país ou
no estranxeiro, e desempeña xunto co Ministerio de Economía o papel de ponte entre os empresarios
chineses de ultramar e os nacionais taiwaneses. A identificación do status de inversionistas chineses de
ultramar en Taiwán e a comunicación e o servicio ás empresas dos chineses de ultramar son
competencia da Comisión. O Ministerio de Economía é responsable das inversións dos
cidadáns nacionais no estranxeiro e de examinar as solicitudes das inversións dos chineses de ultramar
en Taiwán. En canto ás dificultades que atopan as empresas dos chineses de ultramar que invisten
en Taiwán, a Comisión se coordinará co Ministerio de Economía para resolvelas conxuntamente.
A división de funcións entre a Comisión e a Oficina de Información do Goberno do
Yuan Executivo consiste na diferencia dos obxectos ós que asisten e cos que se comunican. A Comisión
contacta, asiste, dirixe e presta servicio a tódolos medios de comunicación en lingua chinesa xestionados
polos chineses de ultramar no estranxeiro. A Oficina de Información do Goberno, ademais de se-lo organismo
competente dos medios de comunicación nacional, ten atribuída a tarefa de comunicar cos medios de
comunicación estranxeiros (non en lingua chinesa). Por outra banda, os obxectivos que ofrecen as informacións
e noticias son distintos. A Comisión é quen ofrece as informacións e noticias principalmente
ós chineses de ultramar de todo o mundo. A Oficina de Información do Goberno proporciona fundamentalmente
as informacións á poboación do país e ós amigos estranxeiros no exterior.
III. Os emigrantes no estranxeiro e as organizacións dos chineses de ultramar
A Comisión é quen estima o número de chineses de ultramar segundo os últimos datos
que as embaixadas, consulados, e as representacións acreditadas no estranxeiro reúnen a través
dos gobernos estranxeiros e as asociacións e comunidades dos chineses de ultramar, e consulta os datos publicados
polos gobernos estranxeiros referentes á estadística demográfica. Conforme coa estimación
inicial, ata finais de 2001 o número de chineses no exterior (non inclúe Hong-Kong e Macao) era de
35.800.000 aproximadamente. Desta cifra, Asia agrupaba á meirande parte dos chineses de ultramar, e contaba
con 27.820.000 persoas, o 77,7% do total; seguido por América, con 6.120.000 e un 17,1%; o resto se distribuía
como segue: Europa, con 970.000; Oceanía, con 750.000; e África, con 140.000 persoas.
En canto ás organizacións das comunidades chinesas de ultramar, o número total de asociacións
era de 4.180 ( non inclúe as áreas de Hong-Kong e Macao). Delas, América tiña 2.741
(65,6%); Asia tiña 866 (20,7%); Europa, 326 (7,8%); Oceanía, 150 (3,6%), e África, 98 (2,3%).
Se o dividimos por países, os Estados Unidos de América ocupaban o primeiro lugar con 2.207 organizacións
de chineses de ultramar (52,8%); séguelle Filipinas, con 333 organizacións e un 8%; o terceiro, Canadá,
con 272 organizacións e o 6,5%.
A gran maioría das organizacións dos chineses de ultramar son de carácter xeral (o 19,2%),
seguido polas organizacións industriais e comerciais, as rexionais, e as de parentesco, que representaban
respectivamente o 11,6%, 10% e 9,7%.
IV. As interaccións entre os chineses de ultramar e o país, Taiwán
Os compatriotas chineses emigraron ó exterior en diferentes etapas. Distínguese, xeralmente, entre
antigos compatriotas chineses de ultramar (a comunidade chinesa tradicional) e novos compatriotas chineses de ultramar
(os emigrantes de Vietnam, Camboia e Laos de orixe chinesa, os emigrantes de Taiwán e os emigrantes de China
continental). Cada grupo ten distintas orixes e por iso é inevitable que teñan distintas posicións;
sen embargo, os chineses de ultramar, tanto os que emigraron anteriormente dende China continental, ou dende Vietnam,
Camboia e Laos a causa das guerras, coma os novos emigrantes de China continental durante os últimos anos,
ten un punto en común, a mesma tendencia na búsqueda da liberdade, da democracia, do benestar e da
riqueza. En canto ás posicións dos novos emigrantes de Taiwán, son un reflexo da situación
política actual do país, e asumen posturas comparativamente máis diversificadas.
Seguindo os ideais políticos de “exalta-la cultura tradicional, fomenta-la comunicación e o contacto,
eleva-la calidade do servicio, impulsa-lo benestar dos chineses de ultramar, uni-las forzas de ultramar, promover
transformacións e reformas no continente e crear unha nova conxuntura do país”, e a fin construír
ademais unha rede de seguridad nacional e de lograr incrementar a visibilidade internacional, durante os últimos
anos a Comisión reforzou globalmente as interaccións cos chineses de ultramar. As súas actuacións
concretas son as seguintes:
1. Promove-la comunicación e as interaccións
En coordinación coa política do goberno, potencia-las tarefas de comunicación e contacto
e de servicios ós chineses de ultramar e as súas organizacións; convidar ós dirixentes
das comunidades chinesas de ultramar a visitar Taiwán para que coñezan mellor a actual política
nacional e a realidade do progreso na actualidade, e axudar ás organizacións dos chineses de ultramar
na formación dos seus membros máis destacados, a fin de solucionar o problema da sucesión.
2. Abrir un novo canal de comunicación e de coordinación
Por medio de diversas actividades, de seminarios ou simposios, invitar amplamente ás élites de
nova xeración e de distintos grupos a visitar Taiwán e a investigar. Por unha banda, deste xeito
poden coñecer mellor o progreso e a situación de Taiwán e asistir ó goberno para abrir
unha segunda vía diplomática; por outra banda, mediante a comunicación directa por medio da
participación nas actividades pódese facilitar un consenso común, uni-las comunidades chinesas
de ultramar e reforza-la cohesión.
3. Potencia-la propaganda e difundir a cultura
Publicar e difundi-los medios de comunicación como “o Diario Macroview”, “o Periódico Electrónico
Macroview”, “o Canal de Televisión Macroview”, etc, para potencia-la propaganda e informar da realidade.
Enfatízase que a liberdade, a democracia e os dereitos humanos constitúen a principal corrente internacional,
a fin de consolida-los sentimentos dos chineses de ultramar e de promover unha boa relación recíproca
entre os emigrantes e o seu país, Taiwán.
4. Amplia-lo contacto e renova-los servicios
Durante os últimos anos, como consecuencia do incremento rápido dos novos emigrantes de China
continental, estes forman gradualmente outra forza influente. A Comisión sopesa esta circunstancia e baseándose
nunha actitude cautelosa e firme, progresivamente chega a contactar e comunicarse con eles, establece unha relación
interactiva racional, fai que os novos emigrantes do continente chinés poidan integrarse completamente nas
comunidades dos chineses de ultramar amigos de Taiwán, reunindo unha maior forza e dando un paso máis
para impulsar o proceso de democratización de China continental.
5. Uni-los recursos e promover a colaboración
Actualmente a Comisión conta con 17 Centros de Servicio Cultural e Educativo dos Chineses de Ultramar
no exterior. Ademais, nas rexións con maior poboación de chineses de ultramar hai 45 funcionarios
de asuntos de chineses de ultramar que se adxuntan ás representacións acreditadas no exterior do
Ministerio de Asuntos Exteriores. Os organismos acreditados no exterior continuarán reunindo recursos limitados
mediante a organización de reunións e actividades literarias e artísticas, unindo as forzas
de tódolos chineses de ultramar e promovendo a axuda mutua e a colaboración das comunidades locais,
a fin de elevar a posición internacional dos chineses.
V. Os dereitos e intereses dos chineses de ultramar e a súa participación
na política
No punto 5 do artigo 26, no 5 do primeiro párrafo do artigo 64 e no punto 5 do artigo 91 da Constitución
da República de China, establécese o dereito de sufraxio dos cidadáns residentes no estranxeiro
nas eleccións lexislativas. Tanto no párrafo 7 do artigo 18 e nas disposicións adicionais
da Constitución, aprobados na primeira sesión extraordinaria da segunda Asemblea Nacional celebrada
o 27 de maio de 1992, coma no párrafo 13 do artigo 10 das últimas disposicións adicionais
revisadas o 25 de abril de 2000, disponse igualmente o seguinte: “O Estado debe garanti-lo dereito á participación
política dos cidadáns residentes no exterior”. Iso demostra unha vez máis a importancia de
garanti-lo dereito á participación política dos chineses de ultramar.
A Constitución garante o dereito dos chineses de ultramar á participación política,
porque eles non soamente son cidadáns residentes no estranxeiro, senón que tamén son cidadáns
da República de China. Deben gozar ademais do dereito á participación política porque
cando o país se atope en situación de perigo ou desastre, eles deben ofrecer axuda en recursos humanos
e materiais, pois a súa contribución ó país é moi importante. Actualmente os
chineses de ultramar están promovendo con moito entusiasmo a “diplomacia popular”, abrindo unha “segunda
vía”, impulsando o regreso de Taiwán á comunidade internacional por medio da diplomacia informal.
Ó mesmo tempo axudan ó goberno a extende-la economía e o comercio no exterior e a acelerar
a internacionalización económica de Taiwán. Por iso, garanti-lo dereito de participación
política dos chineses de ultramar é afirmar e agradece-las súas contribucións ó
país.
En canto á maneira de exercer o dereito de sufraxio dos chineses de ultramar, no primeiro párrafo
do artigo segundo das disposicións adicionais da Constitución aprobados o 28 de xullo de 1994 pola
Asemblea Nacional, dise: “o voto dos habitantes da área libre da República de China, residentes no
exterior que volven ó país para exerce-lo dereito de voto, regúlase por lei”. No segundo párrafo
do artigo 13 da “Lei de Elección e Destitución do Presidente e o Vicepresidente” aprobado polo Yuan
Lexislativo dise: “Os electores que regresan ó país para exerce-lo dereito de sufraxio deben votar
no colexio electoral da mesma localidade donde estaban inscritos no rexistro civil antes de saír do país”.
Polo tanto, o exercicio do dereito de sufraxio dos chineses residentes no exterior non pode facerse por correo,
soamente poden regresar persoalmente ó país para votar.
En xuño de 1996, o grupo de estudio e revisión da Lei de Elección e Destitución,
dependente do Ministerio do Interior, convocou unha xuntanza especial para estudiar a posibilidade de admitir o
voto por correo, xa que, iso implica a modificación da Constitución. Na actualidade os métodos
para votar por correo ou votar fóra da localidade do empadroamento aínda están en proceso
de estudio. Os organismos implicados chegan á conclusión de que é mellor que a posibilidade
de votar por correo para os chineses de ultramar permaneza en espera ata que na propia illa de Taiwán se
poña en práctica a posibilidade de votar fóra do lugar de empadroamento.
No que atinxe á ocupación de cargos públicos centrais polos chineses de ultramar, segundo
o terceiro párrafo do artigo 31 da vixente Lei de Elección e Destitución dos Cargos Públicos
dise que: “Os nacionais da República de China residentes no exterior e que cumpriran 23 anos, que nunca
se inscribiran no Rexistro Civil ou que trasladaran o seu rexistro ó estranxeiro por un mínimo de
8 anos ininterrumpidos, poden inscribirse nun partido político establecido legalmente como candidatos ás
eleccións a cargos públicos centrais para nacionais residentes no exterior”. O obxectivo desa lei
é garanti-la participación política dos nacionais residentes no exterior. Na actualidade,
o Yuan Lexislativo conta con 225 membros, e deles 8 son lexisladores elixidos polos chineses de ultramar mediante
un acordo de reparto proporcional da representación política partidaria.
VI. Conclusión
Os chineses de ultramar e o desenvolvemento de Taiwán son dous aspectos intimamente inseparables. Os
chineses de ultramar constitúen un recurso importante do país e unha forza esencial para apoia-la
modernización da República de China. O reto e a competencia dos asuntos dos chineses de ultramar
no novo século consiste en que poidan dominar correctamente as principais magnitudes das correntes dominantes
internacionais. Ademais o seu excelente traballo e a rapidez de reacción poderá atraer a solidariedade
e o apoio dos chineses de ultramar que tamén influirá na comprensión e no apoio da comunidade
internacional cara a República de China.
Debido a que dentro da estreita relación existente entre os chineses de ultramar e o desenvolvemento
do país a Comisión desempeña en todo momento o papel esencial de ponte, desenvólvese
complementariamente unha función magnetizadora de prestación de servicio ós chineses de ultramar
que favorece a solidariedade e a confianza de tódolos chineses de ultramar, con independencia da súa
condición continental ou non. De contado, a Comisión seguirá promovendo continua e igualmente
as tarefas dos asuntos dos chineses de ultramar, axustándose ás novas tendencias da época,
utilizando a perspectiva da aldea global e a idea do pensamento da globalización, promovendo integralmente
as indispensables tarefas administrativas que polo seu servicio e orientación, ofrecen ós chineses
de ultramar parámetros de alta eficiencia e calidade.
Fu-Mei Chang é presidenta da Comisión para os Asuntos dos Chineses de Ultramar
da República de China-Taiwán.
|