| Tempo Exterior nº 5 segunda época - xullo/decembro 2002 |
| Galicia nun mundo de diásporas |
|
Fernando Pérez-Barreiro Nolla |
|
Por baixo das formas políticas do mundo internacional de hoxe, que tanto atraen a atención dos estudiosos das relacións internacionais, na procura dunha determinación conceptual de realidades como as da existencia dunha hiperpotencia única, o carácter “imperial” desta, ou a idea mesma dunha comunidade internacional e a adecuación das Nacións Unidas como encarnación desa comunidade, asuntos todos que merecen sen dúbida o tempo e o pensamento que se lles dedica, estase desenvolvendo unha vaga de realidades sociais internacionais que reclaman atención. Esas vagas de fondo poden ser decisivas para o futuro. Pescudar nelas pode levar dun nivel tal vez determinado de máis polas formas e as fluctuacións rápidas a outro máis substancial e máis lento –dentro da aceleración xeral da historia contemporánea– no que se encontren as sementes do futuro. A relación, tan matizada como se queira, entre sociedade e política no decorrer da historia é ben coñecida, sobre todo na dinámica interna dos grupos humanos, e algo menos na das relacións internacionais. Descóidase ás veces a socioloxía internacional, e tamén a psicoloxía internacional. Pero na atenta observación da realidade desas esferas atópanse os alicerces de moitos fenómenos políticos, e, por iso mesmo, tamén moitos resortes que se poden empregar para influír e configura-lo que ocorre nas camadas “superiores” do mundo internacional. Hai unha letra pequena da historia e da política moi importante. Se ás veces parece que é o ir e vir de tratados e diplomacia o que leva a rastro esa outra internacionalidade das relacións sociais e mesmo persoais, non é sempre así. A realidade é complexa e a relación causal entre eses dous aspectos non é fácil de captar nin de entender. Pero hai vagas de fondo que limitan e condicionan o decorrer da vida internacional, e ofrecen un campo de actividade a unha política que esixe paciencia e tempo para que se podan ver os seus resultados. As análises e as actividades nesa esfera teñen que ir alén do que viría a ser o equivalente da sociedade civil no interior dos estados. A sociedade civil internacional ofrece protagonistas como as ONGs, por unha banda, e as empresas transnacionais, pola outra, que ocupan o primeiro plano e que encobren relacións máis profundas, menos aparentes e tamén menos accesibles ó enganche institucional.
As diásporas non son un fenómeno novo, pero están pasando a ser unha característica dos nosos tempos. Están deixando de ser una cuestión marxinal e anecdótica e pasando a constituír un elemento estructural importante do mundo. O mundo semella ser cada vez máis un mundo de diásporas. Este número de Tempo Exterior ilustra en parte esta afirmación. A saída de persoas dun territorio en que estiveran asentados os seus antergos e o establecemento noutro, de cultura allea ou soberanía política diferente, no que refán as súas vidas por unha e máis xeracións non é un fenómeno novo. Ten modalidades varias. Non chega a asumir dimensión colectiva e histórica nada máis que cando ocorre en cantidades relativamente grandes, sobre todo en comparanza coa poboación da sociedade de saída. Se o territorio de saída e o de chegada son da mesma cultura, o que non ten por que suceder aínda que estean nun mesmo país ou sociedade política, non se fala de diáspora. Tampouco cando o emigrante ou os seus descendentes perden toda conciencia de vencellamento á comunidade orixinaria. Manter unha conciencia de orixe común e de diferencia coa sociedade de acollida, que non sempre impide un bo grao de participación política, social e económica nesta, semella ser un trazo esencial da diáspora. Existe un abano moi variado a ese respecto, e cada diáspora é diferente das demais. O prototipo das diásporas é a do pobo xudeu: pola súa persistencia ó longo dos séculos, pola súa riqueza psicolóxica, polo laboratorio de experiencias, felices e infelices, tráxicas e fecundas que nos ofrece, polas funcións da relixión, a estirpe e a terra como nexos unificadores, pola potenciación do valor da diferenciación, e por moitos máis motivos. A ela haberá que referirse unha e outra vez en toda reflexión sobre as diásporas, a súa natureza e o seu peso no mundo de hoxe. Moi diversas leccións poden aprenderse nesa milenaria experiencia, e neste número de Tempo Exterior dedícanse páxinas a unha traxedia en curso creada por algunhas formulacións do predominio do factor territorial no discurso das diásporas e a maneira en que se insire na constelación de forzas do mundo internacional. É forte o contraste desa situación coa orixinalidade creadora do pobo xudeu na diáspora, o cal, precisamente pola súa condición diaspórica, achegou ó pensamento occidental, e tamén, moi sinaladamente, ó internacionalismo, o alto prezo que pagou por iso, e a tensión, cada vez maior, malia que non sempre moi visible, entre diáspora e Estado. Estamos vendo una intensificación das diásporas. Poderíase falar dunha “normalización” das diásporas. Certamente, non cómpre chamar diáspora a todo dislocamento de poboación. Hai unha modalidade que vén do desenvolvemento tecnolóxico e da aceleración das comunicacións materiais e informativas. Pero tamén hai a impulsada polo desequilibrio da distribución da riqueza, que leva ó abandono da sociedade de orixe na procura de mellores condicións de vida, ou simplemente, para fuxir da fame. Hai que forzar a terminoloxía clásica de “asilo” e de “refuxio” para aplicala a este fenómeno. Pero no fondo o que ten de novo é máis cuantitativo que cualitativo. A motivación destes desprazados non é tan diferente da que levou a moitos europeos ás nacións independentes do Novo Mundo. Algúns emigrantes galegos non eran moito menos pobres que os que agora chegan da Europa do Leste ou do Norte de África. Son máis visibles como fenómeno colectivo pola súa cantidade, pero tamén polo reforzo mediático case instantáneo que reciben. Outra grande diferencia é que chegan a países maduros que teñen o natural egoísmo da madureza, e teñen por iso receos que non se daban en tal medida nos países máis novos, nos que o emigrante entraba a colaborar nun traballo de creación nacional, seguramente moi duro, pero de perspectivas abertas. A visibilidade do problema dos “refuxiados” nestes días non ten por que influír de máis na reflexión que aquí estamos a facer sobre as diásporas. A diáspora fórmase nun proceso de tempo histórico máis longo, aínda que descontemos a aceleración de tódolos procesos históricos que é característica deste século e o pasado. Pensamos que a consideración das diásporas maduras pode ser útil para afrontar de maneira práctica os problemas dos refuxiados, pero cómpre ter presente que aínda non se constituíron en diáspora, nin sabemos a forma que acabarán por ter cando se perfile a súa relación coas culturas de orixe.
Galicia ten fóra do seu territorio oficial unha boa parte da súa poboación, non sempre titular da cidadanía española, pero non por iso menos galega en moitos aspectos. Ese foi o resultado do proceso que se vén chamando de emigración, diverso nas formas, estructuras, motivacións e sortes, consoante coa diversidade de países, tempos e persoas. Podemos falar, logo, da emigración como causa e a diáspora como resultado. É consecuencia práctica desta distinción que, fosen as que fosen as orixes, existe agora unha diáspora galega que ten que entrar en xogo cando se cavila sobre a posición de Galicia no mundo como factor da natureza e o futuro do país galego. A emigración tiña no comezo e conservou por moito tempo un compoñente de distancia física case insalvable entre o emigrante e a sociedade que deixaba ás costas. Ocorría nun mundo vasto e ríxido. Esa rixidez contrasta coa estructura de comunicacións máis fluída do mundo de hoxe. Parece que estamos vendo un desvencellamento maior do home e a terra onde naceron e viviron os seus devanceiros. Non hai por que laiarse diso sen máis. Os homes non son plantas e a súa plenitude de desenvolvemento pode esixir que se movan en dimensións xeográficas e culturais máis amplas e libres. Para quen crea no valor da diversidade e na importancia de creación cultural descentralizada, de que a persoa teña un fogar cultural máis íntimo do que o mundo, pero poda apreciar e valerse das creacións e os valores doutras culturas, a realidade das diásporas poder ser moi esperanzadora. Un país con diáspora ten un capital que non pode estragar. Hai que entender que non é calquera país que expulsa ou deixa ir parte dos seus habitantes o que ten unha diáspora. Cómpre un elemento importante que é o do asentamento no exterior deses individuos trasladados, o establecemento de determinadas relacións coa sociedade e a cultura do país que os acolle, e a constitución dalgún xeito de comunidade dentro del. Todo iso leva tempo. Non sabemos aínda cantos nin que movementos de poboación máis recentes virarán nunha diáspora. Haberá quen pense que xa non é probable que vaia pasar iso nas condicións actuais do mundo. Non convén apresurarse a opinar nesa materia, que require atención e estudio. O certo é que cando existen xa as bases dunha diáspora e mesmo un certo desenvolvemento histórico de características diaspóricas –como no caso de Galicia– o país débelle un favor á historia. A diáspora, mesmo embriónica e tal vez non moi consciente do seu potencial, contribúe a internacionalizar o país de orixe. A conciencia da realidade do exterior e da necesidade de estar presente nun mundo de reciprocidade sempre foi conveniente e agora é imprescindible. Non é tarefa doada para moitos países e moitas comunidades, pero debería selo para Galicia. Rastrexando na conciencia da nosa comunidade, da nosa memoria persoal moitas veces, atopamos incontables exemplos da naturalidade con que se presentaban usos, persoas, e incluso trazos topográficos de países e cidades do continente americano. Por cartas, por contos de retornados, por paquetes enviados de alá. Mesmo polo coñecemento das moedas nacionais doutros países e do seu valor. Chama a atención o contraste incluso con outras comunidades da Península. A falla desa base de intercambio natural inflúe na visión do exterior, de América neste caso, das respectivas comunidades. Hai moito de interese que estudiar aquí. É probable tamén que as xeracións galegas máis novas, un pouco máis afastadas da emigración tradicional, amosen actitudes tinxidas de preconceptos propios doutras comunidades da Península, no seu imaxinario do exterior, e sobre todo da América Latina. Curioso exemplo de como a facilidade das comunicacións case instantáneas non sempre aumenta a comprensión. E revelación da urxencia de non deixar perder vantaxes da diáspora e dinamizar a conciencia colectiva do pobo nestes eidos. Galicia, pola súa historia de emigración, ten que pensar na súa diáspora e facela obxecto dunha acción política meditada, persistente e de longo alcance.
Bilateralismo e reciprocidade Unha tradición de emigración deixa sempre un pouso lacrimoso na mentalidade do país que ve saír para fóra parte dos seus habitantes. A experiencia do emigrante pode ser, e foi, tráxica en moitos aspectos. Esperanzada e satisfactoria noutros; non convén esquecelo. E non hai que esquecer tampouco que a traxedia xa estaba no país de orixe. Merece moito respecto e non é aquí o lugar para lembrala máis pormenorizadamente. O que interesa máis para un proxecto de acción futura de Galicia é o reverso, a pegada que deixa nos que quedan no país. Hai todo un mar que sondar na psicoloxía dos remanecentes. As actitudes a ese respecto teñen historia e foron mudando. Van moi vencelladas a mentalidades de autoridade familiar, a temores de perder esa autoridade coa distancia, ó reforzo da seguridade psicolóxica de quen quedou na casa. Pecharse a calquera admisión de que se poda estar ben lonxe do fogar é unha maneira de afirmarse. Todo iso supón atrancos ó enriquecemento da comunidade. Cando tanto se falou dos recursos perdidos coa emigración, habería agora que valorar o que se gañou a pesar deses atrancos, que ás veces se expresan con sorna e retranca. Haberá que refacer criticamente esa historia. Pero unha lección que se desprende xa é a de que hai que abandona-lo paternalismo nas relacións coa diáspora. Sen esquece-lo apoio que poida ser preciso en determinadas circunstancias, e que haberá que prestar como parte dos deberes do poder público como se de residentes se tratara, as relacións teñen que establecerse nun plano de igualdade, ofrecéndose ó mesmo tempo en que se solicitan. As relacións terán que ser recíprocas, e tanta actuación diaspórica será a instalación en Galicia dun proxecto industrial con capital ou técnicas de galegos do exterior como semellantes iniciativas no exterior con coñecementos ou capital galego. Artellar espacios comúns de actuación sen privilexiar os internos É corolario do que antecede que o tecido de relacións recíprocas, que idealmente conformaría un contínuum social enriquecido polas achegas de ámbolos dous lados, bilaterais e multilaterais chegado o caso, precisa materializarse en espacios comúns de actuación. Todo tipo de entidades e institucións, dende as de ámbito modesto ata as de dimensións máis ambiciosas, irían dando corpo á diáspora. Desde as empresariais ata as culturais serían vehículo incluso da presencia de Galicia nos escenarios do mundo. Poderían comparecer sociedades comerciais, editoras ou orquestras de Galicia enteira, que iría sendo recoñecida como realidade na que conflúen correntes de moitos puntos do planeta. Non se trataría tanto de potencia-lo exterior con achegas de fóra como de integra-lo de dentro e o de fóra nunha realidade superior, internacional e galega ó mesmo tempo. Separar a recuperación do retorno Na mesma lóxica, imponse a desaparición da idea de que a única maneira de recupera-la enerxía do galego que non mora en Galicia sexa o seu retorno físico á terra. A inoperancia de tal idea vese a pouco que se pense onde residen as vantaxes da diáspora. O que hai que aproveitar, dos dous lados, é a pluralidade espacial e social. Sempre debería ter sido así, e así foi nos casos que poden servir de modelo, que non foron moitos ata o de agora, pero hainos. Outra cousa sería equivalente a suprimi-la diáspora e as súas vantaxes en nome dunha concepción intimista e mesmo autista do que é Galicia. Determinación de prioridades A emigración ó continente americano, pola súa tradición e polo tempo que permitiu o madurecer da diáspora, preséntase como un lugar privilexiado na orde de prioridades da política encamiñada a crea-las condicións óptimas dunha diáspora fecunda. As comunidades galegas en Europa son un caso diferente, pero teñen que contar tamén nestas formulacións. Pasado xa o tempo da primeira emigración a eses países, rematada en moitos casos co retorno, a diferencia da latinoamericana, pódese estudiar agora a intensidade e as formas de implantación dos galegos de segunda ou terceira xeración, que serán decisivas para a formulación de actividades como as que parecen desexables. O primeiro paso tería que ser un censo ou levantamento da poboación da diáspora. Trátase dun censo activo, que hai que diferenciar do simplemente electoral ou demográfico. Tería que indicar actividades concretas, grao de inserción na vida do país de acollida e, en xeral, potencial de achegas á diáspora integrada. Elimina-la idea de culpabilidade O receo e a desconfianza cara a quen, vindo do mesmo pobo ou nación, mora con permanencia fóra dela, dáse adoito nos pobos da diáspora e non podía faltar en Galicia. Convén, por iso, purgar eses sentimentos que son un atranco para unha política sa e positiva de relacións entre o interior e a diáspora. No pensamento galeguista da posguerra pesaron moito, verbo deste asunto, as opinións de Ramón Piñeiro no seu relatorio do Primeiro Congreso da Emigración Galega, en 1956(1). En varias pasaxes pouco felices e abondo negativas dese traballo fala Piñeiro da “débeda” dos emigrados co seu país. E di: “Coa súa marcha a terras alleas debilitaron gravemente as enerxías sociais da terra nativa, favorecendo dese xeito o atraso económico, social, político e cultural en que vive. Este dano, material e profundo, debe ser reparado”. E tamén: “Non será xusto, nin moito menos, afirmar que o feito de permaneceren fieis á espiritualidade de orixe abonda para cancela-la débeda moral que teñen co seu país. En rigor, o que verdadeiramente acadan con esa fidelidade é salvárense a si mesmos fronte ó perigo de seren asimilados por unha personalidade allea”. Nin por un momento pasa pola cabeza do autor desas liñas que o país poida ter obrigas cos seus fillos emigrantes. O fasquío autoritario e unilateral dese pensamento, presente tamén nas pasaxes dese mesmo relatorio en que se dictan tres “condicións obxectivas” que “xustifican” ó emigrante (e quen fan pensar nunha situación orwelliana na que o que quixera ou tivera que asentarse no exterior precisaría dun certificado xustificativo emitido polas autoridades), non conducen certamente a unha acción de incorporación positiva da diáspora. Non é este o lugar de facer unha crítica das ideas piñeirianas sobre a emigración, que nos parecen erradas, autoritarias e inxustas, pero si hai que ter moi presente que influíron na mentalidade do país e que hai que precaverse contra a influencia que puideran ter ó actuar nestes eidos. Os cualificativos que acabamos de atribuírlles éranlles aplicables xa no tempo en que se formularon e aínda o son máis hoxe, diante dunha realidade da diáspora moito máis lábil que a realidade emigratoria daquela. Sería un erro fatal irlles falar, con esa recámara ideolóxica, ós que se quere integrar con paridade nas tarefas comúns do noso pobo.
O mundo internacional vive un formento de novas formas de organización e, con certeza, xorden novos protagonistas. Non sería estraño que aparecese unha especie de medievalismo tecnoloxizado, se queremos remitirnos a modelos históricos anteriores á era dos non moi ben chamados estados nacionais. Nese panorama, Galicia ten que procura-lo seu lugar e utiliza-los recursos que ten. Un deles, que por propio peñor natural préstase a esa utilización, é o de contar coas bases dunha comunidade diaspórica. Paga a pena dedicarlle atención, estudio e esforzo á tarefa de desenvolvela. Fernando Pérez-Barreiro Nolla é membro do Consello Asesor do IGADI. |
|
|
| Notas (1) Pódese consultar o texto completo en: PIÑEIRO, R., Olladas no futuro. Editorial Galaxia, Vigo, 1974, páxinas 83 a 94. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/03/2003
|