Tempo Exterior nº 5 segunda época - xullo/decembro 2002Volver ó sumario
 
Carta aos lectores


Te
 
 

Dous son os grandes eixes que vertebran esta quinta entrega da segunda época de Tempo exterior: a problemática das diásporas e o futuro de Europa. Ambos os dous temas incorporan, naturalmente, un gran interese para Galicia, e os dous afectan a aspectos medulares, centrais, da nosa acción exterior e, polo mesmo, son decisivos para definir o noso papel na proximidade e no mundo dos próximos anos.

De vello vimos reivindicando un novo enfoque ao problema da emigración, aínda desafortunadamente lastrado por un tratamento no que sempre primaron os aspectos negativos e por unha maquinaria electoral sempre inevitablemente polémica e distorsionante. Queda moito por facer na recuperación da memoria histórica dun fenómeno que condicionou en boa medida o noso presente. Pero aínda queda máis á hora de reflexionar sobre os valores positivos que engloba a diáspora galega e que foron e están lamentablemente infrautilizados. Moitas veces se ten falado do lobby, pero moi poucas nos puxemos mans á obra para construílo paso a paso e en serio. Aínda así, nós quixeramos ultrapasar o lobby e apostar pola configuración progresiva dun terceiro espacio, a crear e creativo, común, descentralizado e desterritorializado, baseado na identificación dos intereses comúns (económicos, pero tamén culturais e sociais), xestionados en plano de igualdade e integrando a todos nun mesmo todo que funcione primando a reciprocidade. É un novo enfoque do problema que pretende acomodar solucións e inspirar oportunidades a un mundo diferente no que as diásporas representan ondas mobilizadoras certamente imponentes.

Por esa liña desexa avanzar o Igadi, para insertar a Galicia nun mundo de diásporas, valorizando e dignificando o propio, que é moito (Fernando Pérez-Barreiro), recoñecendo criticamente os erros do pasado, aprendendo das experiencias alleas (Beja Horta, Dorodnova, Rostinsky, Fu-Mei Chang, O’Sullivan), unhas menos remotas que outras, pero todas igual de interesantes e cunha preocupación común, o progreso a partir da identidade nun mundo globalizado que facilita enormemente estas proxeccións. Bo seria fraguar unanimidades no país para que esta perspectiva avanzara co respaldo de todos.

O outro eixe é o futuro de Europa. Un tema mil veces tratado, pero que nunca anda sobrado de matices. Máis aínda cando a ampliación e a Convención están no epicentro dos debates. Coma sempre, apostamos por ópticas e visións plurais (Lamassoure ou MacCormick), académicas (Rojo) ou non (Morán), pero sempre rigorosas, sen esquecer a valiosa aportación reflexiva e en perspectiva histórica dun Ramón Lugrís que unha vez máis pon de manifesto que os galeguistas foron os primeiros europeístas deste país. Procuramos aquí un maior equilibrio, aproximando pareceres dende a defensa da consolidación de marcos máis xenerosos que dean satisfacción ós anceios de participación democrática das colectividades territoriais. Marcos Martín sitúa o punto e final cunha aportación sobre o significado da cooperación descentralizada na política comunitaria.


O director.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/03/2003