To read the article in EnglishTempo Exterior nº 5 segunda época - xullo/decembro 2002Volver ó sumario
 
A evolución dos Estudios da Diáspora Irlandesa: éxitos e fracasos dunha iniciativa intelectual


Patrick O’Sullivan
 
 

Agradezo aos meus colegas de Tempo Exterior, e aos meus colegas todos da Galiza, esta invitación a escribir acerca do estudio da diáspora irlandesa. Irase vendo claramente que esta é unha esfera de investigación e estudio que, ao meu entender, é intrinsicamente interdisciplinar e comparativa; e valoro esta oportunidade de aprender dos colegas que se dedican a esta tarefa.

Nun artigo deste tamaño teño que dar por sentado que o lector ten algún coñecemento dos padróns que rexen na historia irlandesa, e algún coñecemento dos padróns de migración irlandeses, aínda que aclararei algunha particularidade que me pareza absolutamente necesaria. Pero, en todo caso, o que imos examinar non é o asunto en si, digamos, senón as maneiras en que o asunto podería ser examinado e estudiado, e as maneiras en que o coñecemento dese tema podería ser compartido.

Neste artigo, dada a natureza da invitación de Tempo Exterior, puxen en primeiro plano os meus propios interrogantes e as miñas propias actividades. Supoño que pode defenderse esta decisión en canto que vale para demostrar o que unha persoa, con recursos moi limitados, pode conseguir nunha esfera moi específica. Pero quero recoñecer tamén o labor dos amigos e colegas que traballan no ámbito dos Estudios da Diáspora Irlandesa en todo o mundo. A tarefa do estudio intelectual é sempre un labor de colaboración, e eu trato máis adiante de dar exemplos de como funciona esa colaboración. Cada un fai o que pode facer, nunhas circunstancias concretas. E, aínda que eu renda conta do que eu puiden facer, tamén sei que o meu labor é só unha parte dunhas actividades de maiores dimensións(1).


O enfoque interdisciplinar

Varios outros temas que atraen a miña curiosidade e a miña atención xúntanse no meu interese polo desenvolvemento dos estudios da Diáspora Irlandesa. Un destes intereses de fondo é o da natureza das disciplinas académicas, e dos problemas que xorden cando se tenta introducir un enfoque interdisciplinar nunha esfera concreta de investigación ou interese. Non me costa traballo entender por que pode ser preciso cortar en pedaciños “a condición humana”, para que cada disciplina académica poida aplicar as súas propias regras, usar os seus propios métodos e responder ás súas propias inquedanzas. Mais ¿como foi que, chegado o momento de conxuntar de novo ao paciente, xa non houbera regras que valeran?

Merece a pena sinalar cantísimas veces os que participamos nestes debates acabamos citando a Thomas Kuhn –sen que eso queira dicir que estamos de acordo en todo con el– e facéndonos eco da propia cita que fai Kuhn de Copérnico, da descrición de Copérnico do campo da astronomía antes do seu importante descubrimento: “É coma se un pintor reunise, para construír as imaxes que quere pintar, as mans, os pés, a cabeza e as outras partes do corpo de diversos modelos, cada unha desas partes moi ben debuxadas pero sen estar relacionadas cun único corpo, e como non cadran de ningunha maneira unhas con outras, o resultado máis sería un monstro cá un home(2)”.

Caemos inmediatamente, por suposto, no inxente debate encol da natureza do coñecemento, de como algunhas clases de coñecemento parecen ser capaces de conxeniar, de seren autenticamente acumulativas, mentres que outras parecen ter que volver aos mesmos fundamentos unha vez e outra. Non se trata simplemente da cuestión das ciencias fronte ás artes ou as humanidades. Pois, adiantando o meu argumento, podo dicir que o noso enfoque dos Estudios da Diáspora Irlandesa nos obriga a interrogar moito do que leva pasado por ciencia noutros tempos, ou que aínda pasa por ciencia hoxe, e moito do que pasa por coñecemento. Por exemplo, un dos temas que estamos aínda desenguedellando é o dos efectos das teorías da “raza” do século dezanove e comezos do vinte no estudio dos irlandeses, e en como os irlandeses nos entendemos a nós mesmos.

O meu xeito de abordar estes debates é ben prosaico. Ningunha disciplina académica nos vai dicir todo o que queremos saber acerca da diáspora irlandesa. O estudio da migración, emigración, inmigración, desprazamentos da poboación, fuxida, espallamento, redes, comunidades transnacionais e diáspora esixe, sen dúbida, un enfoque interdisciplinar. Esta afirmación encontra eco no estudio todo da migración e da diáspora(3). O estudio da diáspora pode ser considerado como unha subsección específica do estudio máis xeral da “condición humana”. O que esixe o enfoque interdisciplinar é a natureza do fenómeno obxecto de estudio.

Se o que contemplamos son as afirmacións máis extremas do ideal interdisciplinar, entón o ideal é imposíbel de todo(4). Nunha formulación que irrita aos meus alumnos, o que eu digo é que si, que a interdisciplinaridade é imposíbel, pero que sucede todo o tempo. A maneira máis doada de demostrar que o proceso interdisciplinar sucede todo o tempo é a de inventar algúns verbos, como por exemplo virar verbo a Foucault, virar verbo a Lacan, e virar verbo a Baudrillard. Se dicimos que a nosa disciplina particular foi “foucaultada”, entenderase perfectamente o que quero dicir. E se a nosa disciplina aínda non foi foucaultada, agardariamos a que o fose, anticipando, con espírito de solidariedade, o que sucedería. Non obstante, cabe sinalar, de paso, como algunhas observacións de Foucault que ao principio parecían radicais viraron moi rapidamente saber aceptado. ¿Será que o poder configura o coñecemento? Pois claro que o configura. ¿Que outra cousa esperabamos? E esta observación ten especial resonancia cando estudiamos un grupo que non ten forzas para resistir, ou formamos parte dun grupo así: campesiños, mulleres, nenos, inmigrantes, minorías... os irlandeses...

Pois que, queiramos ou non, a actividade interdisciplinar sucede todo o tempo, a escolla que poden facer os estudiosos dunha materia é sinxela abondo: podemos escoller ser as víctimas da interdisciplinaridade ou os amos dela. Parte do atractivo, e tamén –¿por que non?– do disfrute intelectual que dá o enfoque interdisciplinar é que permite observar e trazar o mapa do espallamento polas distintas disciplinas de teorías concretas, e tamén das palabras de moda. Actuando como o equivalente intelectual dun aviso de virus informático, podemos alertar aos colegas dos perigos probables e dos probables efectos. O que pasa é que non hai nada tan práctico como unha boa teoría. O enfoque interdisciplinar está todo o tempo empeñado en encontrar unha boa teoría, unha teoría que ordene todo o material, ou que abra novos camiños de pensamento e pesquisa. Receamos das teorías que tratan de demostrar a imposibilidade de acadar o coñecemento auténtico, aínda que, como xa dixen, o noso proxecto esixe que adoptemos con frecuencia unha postura crítica diante do que pasa por saber. Nun sentido, xa percorremos varias leguas marítimas ao concretar o noso desexo de coñecemento. ¿E de que queremos ter coñecemento? Da diáspora irlandesa, das súas causas e das súas consecuencias.

Se é certo que, como xa dixen, ningunha disciplina intelectual nos vai dicir todo o que queremos saber acerca de diáspora irlandesa, entón unha posible defensa dos Estudios da Diáspora Irlandesa é que neles demostramos un enfoque posmoderno con respecto ao posmodernismo; valéndome do novo verbo “Lyotardar”, podería dicir que tratamos de distinguir entre “ruído” e “coñecemento”. E esa é a seguinte cuestión que será preciso observar ben, porque a cantidade de “ruído” que se fai arredor do estudio de diáspora irlandesa pode dar medo.


O “irlandés” na cultura mundial

Hai un problema no que non insisto nas miñas obras publicadas. Non obstante, a magnitude dese problema non pode subestimarse, pois existe a clara posibilidade de que desvirtúe todo o que fagamos. Tal vez a exposición máis interesante dese problema foi a que fixo John Mitchel, o activista e polemista irlandés do século dezanove. O Jail Journal (Diario na prisión) de Mitchel, publicado en 1854, empeza así: “Inglaterra quedou en posesión non só da Terra de Irlanda e de todo o que crece e vive nela, para usalo como quixo, senón que quedou tamén en condicións de poder chegar aos oídos do mundo. Pode contarlles a eses oídos o que lle pete, que toda a humanidade vai crer o que ela conte(5)”.

Durante moito tempo da súa historia contemporánea, a illa de Irlanda formou parte do Imperio Británico, entidade que (en todas as súas diversas manifestacións) esixía lealdade dos seus súbditos e definía a deslealdade como traizón. Nunha “gran narrativa” da historia irlandesa, esa historia alcanza a súa culminación en 1922, coa formación dun estado irlandés independente na illa de Irlanda (nunha parte dela). O Cardenal Mannix, irlandés de nacemento, nacionalista irlandés e influente líder do catolicismo australiano na Primeira Guerra Mundial, dixo en 1916: “Cuestiónase todo o tempo a nosa lealdade. A resposta é que os irlandeses son leais a ese imperio ao que, por sorte ou por desgracia, pertencen, do xeito en que calquera que sexa consciente da súa dignidade persoal pode selo nesas circunstancias(6)...”.

As circunstancias mudan. Patrick Quinlivan, o historiador dos Feniáns, a organización revolucionaria e secreta de toda a diáspora irlandesa de finais do século dezanove espallada por todo o mundo, afirmou que os obxectivos dos Feniáns conseguíranse en gran medida, mentres que os obxectivos do Goberno británico do século dezanove quedaran “arquivados cos de Nínive(7)...”. Esa entidade que foi o Imperio Británico, que configurou discursos e contou contos polo mundo enteiro, xa non existe. Con todo, en certa maneira as circunstancias non mudan. Podemos preguntar, por exemplo, de qué maneira a impresión que acordan as palabras “Irlanda” e “irlandés” entra a formar parte da consciencia do mundo da nosa época. E non hai dúbida de que o fai a través das reportaxes de algo máis de trinta anos do conflicto da Irlanda do Norte, esa parte da illa de Irlanda que segue formando parte do Reino Unido.

En todo caso, eses séculos de conflicto, reforzados polas recentes décadas tamén de conflicto, deixaron un estraño legado, un acumulativo discurso inglés do “irlandés” que pinta aos irlandeses como pintorescos e ao mesmo tempo perigosos. Non estou seguro de en qué medida este padrón pode encaixar nun contexto comparativo. Certamente os outros países pequenos que quedaron absorbidos no “Reino Unido” –Escocia e Gales– desconfían da maneira en que a súa economía e a súa cultura están controladas desde Londres.

E, no mundo enteiro, non hai dúbida de que esta dualidade “irlandés/inglés” forma parte da dualidade “nativo/colono”. Isto, influenciado por Sartre e Fanon, analiceino noutra publicación(8). Un colega que comparte o meu interese pola cultura do Xapón (outra nación illá, que foi imperialista e ten xentes que escriben unha fermosa poesía ) dime que os xaponeses falan dos coreanos dun xeito moi semellante ao dos ingleses cando falan dos irlandeses(9).

O camiño está cheo de perigos para o estudioso de Irlanda e para o estudioso da diáspora irlandesa. O primeiro é que moitas das fontes que utilizamos para a historia dos irlandeses son inglesas, ou están configuradas polas impresións inglesas da “cuestión irlandesa”. Por exemplo, a comezos deste ano pedíusenos que asesorásemos ao Public Record Office (o Arquivo Público de Inglaterra e Gales). O Arquivo Público quería elaborar, con financiación da lotería, un proxecto consistente nun sitio na Internet, no que se mostrase algún do material que había neses inmensos arquivos acerca de catro grupos inmigrantes da Gran Bretaña: os xudeos da Europa Oriental, os inmigrantes do Caribe, os de Asia Meridional e os de Irlanda. O certo é que a Gran Bretaña –igual que, coido eu, a maioría dos antigos estados europeos imperiais e coloniais– encontra moi difícil verse a si mesma como país receptor de inmigrantes. Así que pareceunos que valía moito a pena apoiar esa iniciativa que emprendera o grande arquivo do estado británico.

Non obstante, despois dalgunhas conversas preliminares, xa se vía que ían aparecendo os padróns de sempre. Explicamos aos arquivistas que nós xa sabiamos o que había nos arquivos de Inglaterra sobre os irlandeses. Que cando se pisa a tecla de búsqueda que di “Irish” o que se encontra é moito acerca da “cuestión irlandesa”, como quedou definida na tradición da historiografía e a diplomacia británicas. E que tamén se encontrará moito acerca dos irlandeses como grupo que causa problemas nas cidades británicas. E así resultou ser. Conque había o perigo de que o Arquivo Público se confabulase con esta denigración sistemática e sistémica dos irlandeses no material de investigación, si se presentaba sen máis ese material de arquivo no seu sitio de Internet.

Mais tamén explicamos aos arquivistas que nós estamos moi afeitos a este padrón. Como moitos dos que estudian aos suprimidos e aos desposuídos e fan por escoitar as voces dos acalados, nós estamos afeitos a “serrar contra o grao”, por así dicilo, do material de investigación rexistrado e dos arquivos. Sabemos tamén que neses arquivos hai moito que ten interese para nós; por exemplo, nos arquivos do Coroner’s Court de Inglaterra e Gales foi onde o meu colega Frank Neal encontrou narrativas auténticas, contadas en primeira persoa , de refuxiados de Gran Fame Irlandesa e de superviventes das fames do decenio de 1840(10).

Un padrón que se repite unha vez e outra na contraposición “nativo/colono” é o do uso do humor, no que o “colono” conta chistes desprezativos baseados nas burricadas que lle da por facer e dicir ao “nativo”. Na cultura inglesa eses chistes cóntanse sempre como “chistes de irlandeses”. Nos arquivos hai moito material deste tipo. Todo o que ame a literatura de tradición oral da humanidade ten unha gran querenza por eses chistes e contos e é sempre un gran pracer cando os encontramos en novos contextos. Pero a maneira en que se contan os contos no contexto irlandés/inglés, nativo/colono é, pura e simplemente, un exercicio de poder. O que pasa é que eses contos forman parte innegable do arquivo, do rexistro histórico; ¿haberá que negar o rexistro, ou sanealo? Encontramos unha solución bastante obvia ao problema. A solución foi que, como había un pequeno número de ensaios básicos, escritos por min, por Christie Davies e por outros, no que se analizaba este xénero de humor no contexto da contraposición irlandés/inglés(11), convimos en pór estes ensaios a disposición do Arquivo Público, para que este tipo de material humorístico poida verse inmediatamente no contexto que lle corresponde.

John Mitchel falou de que Inglaterra era a que podía chegar aos oídos do mundo. Durante moitos séculos pasou de visita por Irlanda unha longa procesión de comentaristas, de visitantes que veñen de Inglaterra e doutras partes do mundo, con boa disposición ou con mala disposición, peregrinos dispostos a camiñar traballosamente para recoller material para un libro(12). Ás veces eses camiñantes poden ser figuras moi significativas da literatura ou da cultura inglesa, como Edmund Spenser, Arthur Young ou Thomas Carlyle. Os visitantes que non sexan ingleses serán habitualmente convidados de Inglaterra, ou convidados de terratenentes ingleses, que xa terán as impresións configuradas por fontes do saber inglesas. A partir do século dezaoito xa encontramos de cote a suxerencia de fondo de que Inglaterra, coa súa poderosa economía e o seu desposuído campesiñado, senta a norma e o ideal. É interesante observar con canta frecuencia se nos ofreccen explicacións esencialmente psicolóxicas dos infortunios de Irlanda, análises da “personalidade” do campesiño. E como estes textos se encontran con facilidade, son, desde hai moito tempo, unha das principais fontes da historiografía irlandesa.

Cabe recoñecer que o punto que estamos sinalando é moi semellante ao que sinalou Edward Said en Orientalism, e algo que o propio Said asumiu(13). Pero o problema de aplicar un enfoque “poscolonial” sen máis á historia de Irlanda é evidente. O problema é que os irlandeses (igual que sucede con moitos dos países pequenos de Europa) son ao mesmo tempo víctimas, cómplices e beneficiarios do imperialismo británico e dos demais imperialismos europeos.

Algunhas veces tamén, estes comentaristas estranxeiros dos asuntos da Irlanda están errados sen máis. O liberal alemán Moritz Julius Bonn, por exemplo, relata o seu encontro con Michael Davitt, a quen describe como un fanático de mirada alporizada que perdera un brazo nun atentado en que estalara unha bomba(14). A verdade é que Michael Davitt perdera o brazo dereito en 1857, cando tiña once anos. Traballaba, de pequeno, nunha fábrica téxtil de Lancashire (Inglaterra), e a maquinaria da fábrica moeulle o brazo(15). Conque, na interpretación da manga baleira, o que era unha narrativa do neno migrante e mutilado vira proba da violencia e irracionalidade irlandesa.

Todo esto é o que se interpreta no mundo como “irlandesidade”. Teño correspondencia cunha miña amiga e colega do Brasil, Laura Izarra, acerca do noso disfrute compartido dos escritos de Borges; teño compiladas notas sobre as mencións dos irlandeses que hai nas obras de Borges e teño escrito un ensaio sobre Borges e os irlandeses que está sen publicar. E está sen publicar porque me parece que non vale a pena publicalo; e non vale a pena porque “o irlandés” de Borges está completamente mediatizado pola afección de Borges pola literatura inglesa(16).

Outro exemplo son as representacións da Irlanda e dos irlandeses no cine, sobre todo nas películas de suspense que veñen dos EEUU, nas que os argumentos e as convencións do film noir son trasladadas –como se fai tantas veces– a un sitio onde hai conflicto vixente(17). Irlanda do Norte, neste caso. Aquí atopamos outra vez as ideas de lealdade/deslealdade construídas arredor da persoa “irlandesa”. E non digo con esto, por suposto, que os irlandeses no teñan problemas de lealdade/deslealdade. Todos os pobos diaspóricos teñen eses conflictos, pois as familias fragméntanse e fórmanse novas familias, e os países que se deixaron atrás teñen as súas esixencias e os novos países teñen tamén as súas.

Nós, os irlandeses, temos un día nacional, o Día de San Patricio, que valoramos e que levamos con nós por todo o mundo. Tanto é así que na obra de Cronin e Adair temos un estudio do Día de San Patricio en toda a diáspora, e do carácter cambiante das celebracións nas distintas épocas e nos distintos lugares. E, como demostran claramente Cronin e Adair, hai moito tempo xa que o control do Día de San Patricio suscita disputas, pois os que controlan a celebración controlan tamén a definición da “irlandesidade(18)”. Completemos a seguinte frase: non se pode ser de verdade irlandés de non ser que...

¿Que pensar das rarísimas e inquietantes representacións do Día de San Patricio que se ven na televisión, sobre todo en comedias de situación estadounidenses ou en programas de debuxos animados? Hai pouco vin na televisión por cable episodios do Día de San Patricio de The Simpsons e de Happy Days, e quedei pasmo. Non paraban de beber alcohol e de dicir baballadas, conque… Non se pode ser de verdade irlandés de non ser que… collas unha borracheira impresionante no Día de San Patricio.

Pódese responder a todo isto, a esta mestura de prexuízo e de preguiza mental, con raiba, e a raiba é sempre utilizable como fonte de enerxía. O perigo para a actividade intelectual é mais sutil. O peor é que, dado o carácter das probas, o que se recolleu nos arquivos, as fontes e o discurso que predomina, de feito é moito máis doado estudiar os prexuízos anti irlandeses e os estereotipos do “irlandés” que estudiar auténticos irlandeses que viviron de verdade. Facer esto é adoptar un enfoque de “estudios dos medios de comunicación” con respecto aos Estudios Irlandeses e os Estudios da Diáspora Irlandesa. Como coido que xa deixei claro, sinto o máis grande respecto polos que adoptan ese enfoque. É un paso necesario e que hai que dar. Pero non é o que eu quero facer.

Teño que falar tamén da relación irlandesa coa lingua. Non se pode de verdade ser irlandés de non ser que... falemos a lingua irlandesa. O certo é que os activistas políticos e culturais teñen que construír os seus proxectos co material que teñen a man; podería usar para describir ese proceso a palabra francesa bricolage, se non tivese xa Levi-Strauss o dereito de autor desa definición. Os activistas irlandeses do século dezanove concentráronse na lingua irlandesa, que estaba en baixada, como un sinal de identidade, e os escritores e poetas irlandeses do século vinte mantiveron unha relación desacougada coa lingua. O artigo 8 da Constitución da República de Irlanda di: “A lingua irlandesa é, como lingua nacional, a primeira lingua oficial”. E di tamén: “A lingua inglesa está recoñecida como a segunda lingua oficial”. De feito, os intentos de parar a baixada da lingua irlandesa non tiveron éxito; un comentarista agudo sinalou que a tarefa de conservar a lingua irlandesa recaeu en dous grupos de persoas con pouco poder para configurar acontecementos, que son os mestres e os pequenos(19).

Coido que nesto hai cuestións intelectuais interesantes. Coido, por exemplo, que a concentración no irlandés como “lingua nacional” dentro da Irlanda levounos a perder de vista o irlandés como lingua diaspórica, e teño moitas ganas de elaborar proxectos que sigan a pista do uso da lingua irlandesa fóra da Irlanda. Pero escoitemos o que di un irlandés que escribe a Irlanda, en irlandés, desde os Estados Unidos, no século dezanove: “I gcuntas Dé múin Béarla do na leanbhain...”. “Por Deus bendito, ensinade inglés aos pequenos”. E segue, en irlandés: “Sen o inglés, os nenos estarán tan cegos coma todos eses outros papóns que viñeron para acá(20)...”.

Nos dous séculos pasados a diáspora irlandesa foi e segue sendo, case por enteiro, un fenómeno que sucede dentro do mundo de fala inglesa. No século dezanove o principal país de destino foron os Estados Unidos de América, e foi tamén importante Inglaterra (ou a Gran Bretaña, a illa veciña da Irlanda). No século vinte o principal destino é a Gran Bretaña, e os EEUU seguen sendo moi importantes. Os irlandeses son agora un pobo que fala inglés. Varios comentaristas teñen sinalado que esa mesma lingua que falamos leva dentro, incorporados, os padróns de nativo/colono que xa indicamos, nos que a palabra “irlandés” e outras palabras conexas (como o popular nome de pila “Patrick” ou “Paddy”) están vencelladas a sermos violentos, rabechudos, papóns e pouco de fiar. A propia palabra “Ireland” valeu para que fixeran un xogo de palabras os poetas ingleses amigos de facer eses xogos, e falasen da terra (the land) da ira (ire), da raiba. Hai unha expresión inglesa, que aínda se utiliza normalmente, que é “beyond the Pale”. Un comportamento inaceptable de todo, imperdoable e incivilizado é “beyond the Pale”. “Pale” é unha simple palabra inglesa que significa unha cerca . Nos tempos da conquista inglesa da Irlanda, “The Pale” (A cerca) arrodeaba a cidade de Dublín, e marcaba onde chegaba a autoridade inglesa. “Beyond the Pale” (Alén da cerca) vivían os salvaxes irlandeses que quedaran sen conquistar.


O “irlandés” na estructura das disciplinas universitarias

Deixando a un lado, de momento, as “comiñas de cautela” que hai que pór arredor da palabra “irlandés”, podemos examinar agora algunhas das maneiras en que o material de investigación é recompilado e organizado, e as ideas e as estructuras que o organizan. Algunhas destas estructuras serán as disciplinas universitarias tradicionais; outras (aceptando que nestes momentos xa estamos totalmente “Foucaultados”) serán edificios físicos de verdade. En certa maneira estamos continuando co noso tema de pisar a tecla de búsqueda que di “irlandés” e de recoller material acerca do “irlandés” que imos encontrando no marco de disciplinas concretas e sistemas de investigación e debate. Todo esto é case sempre moi difícil de desembrullar, pois estamos diante de capas e máis capas de investigación e afirmación que nunca foron examinadas e que se remontan varias décadas atrás na estructura académica. Mais unha vez, é a nosa búsqueda de coñecemento o que nos forza a abrir interrogantes.

Para dar un exemplo dos moitos que hai da maneira en que os que estudiamos o tema irlandés temos que dominar estes debates máis amplos, ollemos a influencia da chamada tese da ética protestante de Weber, é dicir, a suxerencia, en resumo, de que hai algunha especie de conexión entre o xurdir do protestantismo e o xurdir do capitalismo. Arredor desta suxerencia xurdiu unha enorme cantidade de publicacións investigadoras e de comentario.

E quero dar agora un aviso acerca dunha das infelicidades características do enfoque interdisciplinar, que é a de que haberá que vadear por inmensas cantidades de verbosidade sobre un tema concreto para dominalo e pode que ao cabo haxa que decidir que non ten utilidade ningunha ou que non vén a conto. Do que non hai dúbida é de que ese tema terá configurado, ou distorsionado, o corpus de investigación.

Os historiadores de Europa xa deixaron de estar interesados na tese da ética protestante; Braudel dixo incluso que era “alérxico” a ela(21). A pura verdade é que agora sabemos demais acerca do xurdir do capitalismo na Europa para que nos impresione moito a suxerencia de Weber. Aos historiadores dos Estados Unidos de América, porén, segue aínda impresionándolles esa tese; é mais, a ética protestante de Weber virou un dos mitos fundacionais dos Estados Unidos. As ciencias sociais en xeral téñenlle aínda lei ao Weber; na maneira en que se apresenta Weber no ensino –en parte, coido eu, como correctivo de Marx– quérese demostrar a importancia das ideas na configuración da historia e da conducta. Weber aparece unha vez e outra na teoría da administración e nalgunha investigación da administración de empresas, fopeira abondo en xeral(22).

No marco desa inmensidade de publicacións sobre a tese da ética protestante de Weber, os irlandeses atópanse a si mesmos nunha situación estranamente vulnerábel. Como xa vimos, Irlanda, veciña desa primeira nación industrializada que foi Inglaterra, conquistada por esa nación e incorporada nesa supernación que é o Reino Unido da Gran Bretaña e Irlanda, vese de cotío enguedellada en operacións de comparanza e contraposición, nas que se contrapón a prosperidade da Inglaterra á pobreza da Irlanda, o protestantismo da Inglaterra ao catolicismo da Irlanda. Máis aínda, unha posíbel esfera de indagación podería ser a da posibilidade de que a tese da ética protestante de Weber sexa simplemente outra manifestación máis da clásica polémica protestante anticatólica característica de finais do século dezanove. Moitas das probas que aduce Weber véñenlle de fontes inglesas –Thomas Carlyle, por exemplo– e do renovado interese da Gran Bretaña do século dezanove pola polémica do protestantismo inglés do século dezasete. Unha das principais citas que figura na obra de Weber procede da Declaración de Guerra de Cromwell contra os irlandeses. Na esfera das ciencias sociais –sobre todo cando se trata de investigacións sobre cuestións de traballo e de administración de empresas– os irlandeses, por seren a maioría católicos e de lingua inglesa, o que resulta moi conveniente, atópanse arrastrados, unha vez e outra, por traballos de investigación que son a miúdo minúsculos pero que, todos xuntos, dan a impresión de que estamos diante de algo que de certo merece ser estudiado.

Cabe sinalar algo digno de atención en todo o que se leva dito acerca do capitalismo nas súas manifestacións protestantes e católicas. Houbo na Inglaterra e na Irlanda a partir do século dezasete unha serie de leis encamiñadas á “supresión do papismo”. Esas leis controlaban ou limitaban a propiedade da terra, o acceso á terra e o acceso dos católicos ás profesións; as versións destas leis na Inglaterra tamén controlaban onde podían vivir os católicos. Esas leis “antipapistas” recórdanse na tradicional historiografía irlandesa e en versións folclóricas da historia irlandesa como as “Leis Penais”. Hai diversas opinións acerca de cal era o verdadeiro propósito desas leis, e hai tamén moitas opinións distintas acerca da súa efectividade. Pero é un feito indiscutible que houbo unha serie de leis que atentaron contra o poder económico e a actividade económica dos católicos. A tese da ética protestante de Weber é unha suxerencia acerca do poder económico e a actividade económica. Porén, en todo o debate da tese de Weber da ética protestante faise pouca mención, ou non se fai ningunha, desas “Leis Penais”. De feito aínda non encontrei nunca unha mención destas “Leis Penais” nas obras de socioloxía influenciadas por Weber.

Non imos examinar agora as cuestións morais, éticas e prácticas que todo isto supón, tales como a procura do proveito, a “globalización”, o espallamento do capitalismo rapiñeiro e demais. E tamén que é sempre tentador para os comentaristas do irlandés e do catolicismo adherirse á tese da ética protestante de Weber, e ver neso a proba da relixiosidade, da falta de mundanismo e da espiritualidade dos irlandeses. A conclusión á que eu cheguei en Religion and Identity, Volume 5 da miña serie The Irish World Wide, foi a de que “se hai unha tarefa que os migrantes irlandeses, sexan católicos ou protestantes, cumpren polo mundo adiante, é a de afundir a tese de Weber (e non sei se dicir esto con orgullo ou con vergoña(23))”.

A medida que avanzamos na nosa tarefa encontrámonos con varios destes enguedellos de investigación e aseveración. Non temos espacio aquí máis que para falar brevemente dalgúns deles. A verdade é que habería que dedicar un capítulo –ou un libro– a cada cada un destes enguedellos para poder elucidar plenamente as complexidades todas e aclarar de que xeitos configuran o discurso do “irlandés”. Por exemplo, hai unha tea de material que se concentra no feito de que “os irlandeses foron un pobo rural na Irlanda e un pobo urbano nos Estados Unidos…”, como se iso fose unha especie de anomalía(24). Mais así é mesmamente como funcionan as cidades; este regalo constante de adultos libres que chegan das zonas rurais á cidade en crecemento é o motor da prosperidade urbana(25). No fondo desta tese estadounidense pódese detectar a influencia que exerceu nos historiadores a socioloxía da escola de Chicago, coa súa concentración no “problema” do inmigrante, e tamén a influencia doutro mito fundacional dos Estados Unidos, a “valorización” do Oeste, a “tese da fronteira” de Frederick Jackson Turner. Esto, estranamente, establece relación con outro mito fundacional, outra “valorización” de outro Oeste que se dá dentro da Irlanda, que xulga o estilo de vida rural do Oeste de Irlanda como a quintaesencia da “irlandesidade(26)”.

Moita da historiografía dos irlandeses na Gran Bretaña céntrase nos traballadores irlandeses pobres, nun programa que de feito trazouse para os irlandeses cos debates sobre “a condición da Inglaterra” da década de 1830. Moitos dos debates que se dan no marco dos Estudios da Diáspora Irlandesa están baseados en estatísticas. E esto poder ser unha boa cousa; a análise estadística valeu por exemplo para que o mundo dos especialistas se enterara da importancia das mulleres nos padróns da migración irlandesa. Pero un enfoque baseado na estatística imposibilita sen querer unha análise más completa da experiencia da migración irlandesa. As estatísticas identificarán grupos, que serán, naturalmente, grupos de traballadores irlandeses pobres que viven nos barrios baixos, segundo o padrón habitual da entrada dos migrantes nas cidades. O perigo de limitarse a confabularse cos debates da “condición da Inglaterra” e outros análogos é evidente. O resultado pode ser quedarse na simple repetición (aínda que sexa con moito aviso e advertencia comprensiva) da xa ben coñecida e ben estudiada hostilidade cara aos irlandeses pobres, sempre pintados como ladróns de empregos, portadores de doenzas, dunha inmoralidade contaxiosa, pendencieiros, lacazáns e revirados.

Hai tamén enguedellos de investigación e aseveración, semellantes e conexos, arredor doutros temas. Hai moito acerca dos irlandeses como xentes de “raza guerreira”, tema que enlazou cunha búsqueda irlandesa de aceptación e estimanza de si mesmos, pero que parece en definitiva xurdir da búsqueda de traballo do migrante e da tendencia dos imperios a valerse da idea do “soldado étnico(27)”. Hai unha morea de material centrado nos irlandeses e en relación con cuestións de saúde mental, e sobre todo de problemas de abuso do alcohol. Cabe sinalar que en todo isto hai cuestións delicadas, que estamos indagando nunha serie de proxectos de investigación(28). Os pobos –endemais cando se trata dun pobo migrante– precisan ter un coñecemento auténtico dos problemas reais que poden ter que confrontar. Pero cabe preguntar canto está xa desfigurado o conxunto da investigación polo prexuízo e o preconcepto.

Chegados aquí debería ser evidente que se pode pasar toda unha vida académica ou erudita –varias vidas de feito– estudiando os prexuízos, os preconceptos e os estereotipos do “irlandés” e as maneiras en que todo esto penetrou nas estructuras universitarias e distorsionou o corpus da investigación. Nunha Irlanda que ten prosperidade económica e que xa non é un país exportador en bruto de seres humanos, os irlandeses da Irlanda están cada vez máis protexidos de todo eso. Tal vez unha das defensas máis xenuínas do valor da independencia política é a de que polo menos coa independencia conséguese non ser insultado no país dun.


O desenvolvemento dos Estudios da Diáspora Irlandesa

Opresión, compensación, aportación

A finais da década de 1980 levaba eu algún tempo seguíndolle a pista ás maneiras en que se debatía, investigaba, estudiaba e ensinaba a diáspora irlandesa e se escribía acerca dela. Fixera eu tamén as miñas achegas a ese estudio. Na década de 1990 puiden facer a miña contribución máis substancial, ata agora. Establecín redes para elaborar, redactar e publicar, na Leicester University Press, a serie de seis volumes de estudios especializados titulada The Irish World Wide. Os seis volumes publicáronse con regularidade de 1992 a 1997, e a edición en rústica publicouse de 1997 a 2000(29).

Este non é o sitio para contar as vicisitudes de publicar unha serie de estudios especializados no ambiente de publicación da década de 1990. Haber houbo vicisitudes. Mais o proxecto terminouse coa a valentía dos editores e a paciencia e o empeño dos colaboradores.

Este proxecto foi ao mesmo tempo un informe e unha demostración. Informou sobre a “situación do xogo” nos Estudios da Diáspora Irlandesa a comezos da década de 1990. Demostrou que disciplinas universitarias estaban contribuíndo a ese estudio, e como estaban contribuíndo(30). Investigou tamén a natureza desas achegas, e tratou de observar os padróns e as faltas que podía haber no conxunto da investigación que se levaba feita. Unha das cousas que resaltou a medida que o proxecto de serie The Irish World Wide se ía facendo foi que tería sido un gran erro presentar os capítulos que estaban redactados sen contexto ou antecedentes. Algúns capítulos xurdiron do mesmo miolo dos debates e dos entrelazamentos de comentario e investigación que sinalamos anteriormente. Deron moito traballo as sete introduccións que eu fixen, que foron a Introducción Xeral da serie e as seis introduccións particulares que leva cada un dos volumes dedicados a un tema. Tiven, por exemplo, que decidir como facer as referencias nos casos en que o estudio da diáspora irlandesa estaba relacionada cun deses entrelazamentos de publicacións de investigación. Limitarse sen máis a dar as fontes dos debates falando da manifestación máis recente e usando as palabras de moda do momento tería o efecto de ocultar ao lector a complexidade e longa historia deses debates. Conque utilicei o meu estilo de dar referencias apresentando “algo vello e algo novo”, para que polo menos destacase a complexidade.

Ao escribir as introduccións empecei a pensar en dúas palabras que saían moitas veces na conversa e na lectura: opresión e aportación. En moito do que se leva escrito sobre a diáspora irlandesa, preséntase a opresión como a causa única e suficiente da emigración irlandesa, o que enlaza coa descripción da emigración como “exilio” dun xeito que impide outras clases de análise, e a miúdo con moi pouco respecto polas regras que se aplican habitualmente ás probas e á cronoloxía. No estudio dos irlandeses no país novo e de chegada, resáltase a súa aportación ao benestar do novo país, unha achega que é case sempre económica, pero que con frecuencia é militar. Este tema –que eu chamei o “argumento de Fredericksburg”– é un dos temas que máis destacan na historiografía irlandesa-estadounidense(31).

Lembrei entón que tiña visto esas dúas palabras, opresión e aportación, nalgún outro sitio, formando parte dunha enumeración: opresión, compensación e aportación. A fonte que me veu á memoria era a clasificación da historia da muller que fai a historiadora feminista Gerda Lerner . Lerner sinalou que case todo o que se escribira sobre a muller entraba nesas tres categorías: os relatos da opresión masculina das mulleres levaban a buscar “compensación” (relatos de mulleres “famosas” ou “excepcionais”), e a dar un informe da aportación das mulleres, desde o punto de vista económico ou político. Esto significaba que o estudio da historia da muller estaba configurado polo opresor, e que non tiña en conta para nada o feito de que as mulleres “funcionaban nese mundo definido polos homes nos termos deles(32)”.

A conclusión á que cheguei foi a de que Lerner notara un padrón moi xeral: o de que cando un grupo oprimido, calquera grupo oprimido, empeza a recoller material acerca da súa propia historia, e empeza a escribir esa historia, o que sae é unha historiografía que se axusta a ese padrón de opresión, compensación e aportación. E que este enfoque conspira co opresor e deixa que este configure un programa tendencioso que deixa fóra moito do que habería que contar e interpretar.

Como teoría é tosca pero eficaz abondo. E decateime de que aos alumnos agrádalles usala, pois serve para clasificar o material antes aínda de que chegue a nós(33). Vale tamén para prognosticar, se queremos ir por ese vieiro “científico(34)”. Quero suliñar que aínda que eu poña “comiñas de precaución” arredor da palabra “opresión” non é que esté indicando que non houbo opresión. Na formulación de Lerner, “opresión, compensación e aportación” non é unha clasificación de categorías de experiencia, senón unha clasificación do que hai escrito. Non parece haber maneira ningunha de evitar esta clase de escrito, nin estou tampouco seguro de que conveña facelo. Pero o que se pode facer é transcendelo. Igual que pasa con algúns dos perigos dos que falamos, como é o das fontes, axiña que estamos alerta do perigo de estudiar unicamente o prexuízo, ou do perigo do enfoque dos “estudios dos medios de comunicación”, podemos ver as saídas. E, por suposto, a próxima vez que nos conten un chiste dun irlandés papón, podemos compensalo dando unha lista dos catro irlandeses que son Premio Nobel de Literatura(35).

A pesar das vicisitudes, o proxecto The Irish World Wide parece ter funcionado. Foi grato, por exemplo, recibir hai pouco un número especial do Journal of American Ethnic History no que figura unha serie de artigos sobre o “Ensino da historia irlandesa-estadounidense”, e ver que alí estaban capítulos da serie The Irish World Wide, e que se utilizaban para ensinar e traballar como estaba pensado que se utilizasen(36).

O migrante creativo

The Irish World Wide foi planeada ao primeiro como unha serie de cinco volumes. E resalta a valentía da editorial, que non se asustou cando dixen que quería engadir un volume máis sobre a relación entre as artes e a diáspora. Este foi o volume 4, The Creative Migrant (O migrante creativo), que se publicou en 1994. Neste volume figuran capítulos sobre autobiografía, poesía, teatro, cine, música e danza, como fenómenos da diáspora.

As identidades étnicas tenden a configurarse arredor das actividades recreativas. As prácticas rurais e habituais de traballo rara vez poden transferirse do país vello ao novo. No tempo libre é cando esa identidade pode ser atendida e confortada. Xa vimos o exemplo do Día de San Patricio. E hai máis cousas. Hai con frecuencia unha transformación aberta da cultura en mercadería, a medida que a transformación, ás veces encuberta, da cultura en mercadería na terra natal vira máis evidente. Ás veces tamén a diáspora valorará partes da cultura que a terra natal desvalora.

De 1903 a 1922 Francis O’Neill, un policía de Chicago irlandés de nacemento, publicou cinco recompilacións de música folclórica irlandesa, e dous libros máis de reminiscencias. O’Neill descubriu que Chicago era o sitio ideal para recompilar música folclórica irlandesa, porque alá había “exilados procedentes dos trinta e dous condados de Irlanda...”. O propio O’Neill nunca esperou que as súas iniciativas a favor da música irlandesa tradicional fosen apreciadas ou comprendidas “tendo en conta a indiferencia tanto con respecto á raza como ao país…”. O que sucedeu, de feito, foi que a principal colección de O’Neill, 1001 Gems (1001 xoias) acorda veneración e virou a Biblia dos músicos irlandeses. A excelente colección de música irlandesa do Capitán Francis O’Neill está agora na Biblioteca da Universidade de Notre Dame, de Chicago. Na Irlanda dos tempos de O’Neill non tería sido posíbel facer esta colección, e o máis seguro é que tampouco fose valorada.

En 1914, Michael Coleman, violinista de Sligo, en Irlanda, asentou nos EEUU. Na década de 1920, a industria estadounidense da gravación, que estaba empezando a florecer, ía aos sitios das grandes cidades dos Estados Unidos onde se bailaban danzas irlandesas para facer gravacións sonoras destinadas ao mercado “étnico”. Os emigrantes irlandenses enviaban a Irlanda gravacións de Coleman e doutros violinistas de Sligo. Estas “remesas culturais” espalláronse por toda Irlanda, e o “estilo dos violinistas de Sligo” –garrido, runfante e moi ornamentado– acabou case cos estilos musicais máis austeros doutros lugares. Un músico contoume que el, anticipando as técnicas do etnomusicólogo, dáballe co dedo ao disco rotante para poder captar todo o pormenor da ornamentación de Coleman.

Vense en todo esto procesos moi dinámicos e significativos, que encaixan pouco nas ideas folclóricas de autenticidade ou “atemporalidade”. Recordo que naqueles momentos tentei explicar todo esto a un colega universitario… e fracasei. En 1994 estaba ollando distraído para o Concurso da Eurovisión –como case todos facemos– cando de súpeto apareceu o grupo Riverdance. E viuse todo claro. Un dos principais bailaríns era de Chicago, e o outro de Nova York. O malo é que chegou tarde para poder falar de Riverdance en The Creative Migrant.

Tamén en 1994 foi cando se estableceu o Centro de Música Irlandesa Mundial na Universidade de Limerick, en Irlanda. Mentres tanto, sobre todo desde 1997, aumentou a parte do programa dedicada a música e artes de interpretación e execución irlandesas en Boston, nos EEUU. Destes e doutros centros está saíndo unha corrente –non un diluvio– de nova investigación feita por novos investigadores. Segue habendo tirantezas teóricas e prácticas, pero o labor estase facendo. O capitán Francis O’Neill había quedar contento.

A configuración do programa de investigación

Hai algún tempo preguntáronme por que non me afiliara á International Association for the Study of Anglo-Irish Literature (Asociación Internacional para o Estudio da Literatura Angloirlandesa). Contestei que non me afiliara porque non podía pensar en nada novo que dicir sobre W. B. Yeats. Esa Asociación foi fundada en 1969, e celebrou a súa reunión inaugural en 1970. Mudou o nome en 1998 e pasou a chamarse a International Association for the Study of Irish Literatures (Asociación Internacional para o Estudio das Literaturas Irlandesas), co ánimo de “reflectir a auténtica diversidade do interese do seus membros en todas as tradicións que hai na illa de escribir en irlandés e en inglés, así como na nova literatura irlandesa da Gran Bretaña, América e o resto do mundo”. Conque a Asociación ampliou o seu cometido, e agora comprende a literatura en lingua inglesa e en lingua irlandesa.

A Asociación acepta tamén agora que pode haber escritores fóra da Irlanda que recoñecen eles propios estar nas tradicións literarias irlandesas, e situánse a si mesmos nalgunha clase de discurso coa historia e a literatura irlandesa, e en particular coa historia da emigración e coa literatura da emigración. A Asociación é agora, pois, unha entidade de estudios que abarca a diáspora toda; de feito, a súa Conferencia de 2002, que tivo grande éxito, celebrouse no Brasil. Pero sen dúbida a Asociación segue fincada na disciplina académica que se configurou arredor do estudio da literatura, disciplina que foi Foucaultada a fondo e que aínda tende a centrarse na tarefa de crear novo comentario sobre un pequeno canon de textos doados de encontrar. Aínda así, eu encontrei ao cabo algo novo que dicir de Yeats, e son, agora que a organización mudou de nome, socio leal da Asociación.

A ACIS, que foi fundada en 1960 como o American Committee for Irish Studies, mudou máis adiante o nome e chámase agora a American Conference for Irish Studies. Hai agora varias organizacións irmás, como a British Association for Irish Studies, a Société Française d’Etudes Irlandaises e a Canadian Association for Irish Studies. Confíase en crear unha Australian Association for Irish Studies. Nótese que non hai ningunha Asociación Irlandesa de Estudios Irlandeses; o concepto de “Estudios Irlandeses” non está moi ben desenvolvido na República de Irlanda (observación que precisaría outra publicación para investigar o que supón ese feito). Na Irlanda do Norte hai o Institute of Irish Studies na Queens University de Belfast, que foi fundado en 1965. E que agora dis que está ameazado, a medida que aumenta a crise das universidades do Reino Unido. Cómpre mencionar tamén a traballadora Society for th Study of Nineteenth Century Ireland. E temos agora (2002/2003) a Federación Europea de Asociacións e Centros de Estudios Irlandeses (EFACIS), que –confiemos– valerá para defenderse do sentimento de soidade, e encaixará nos programas culturais e educativos da Unión Europea.

Hai agora varios Centros ou Institutos de Estudios Irlandeses e catedráticos e profesores universitarios de estudios irlandeses en todo mundo de fala inglesa: Nova York, Chicago, Boston, San Francisco, Illinois, Liverpool, Londres. Melbourne, en Australia, conseguiu atraer a Elizabeth Malcolm, que ten a cátedra dos Estudios Irlandeses, mentras que Sydney, a súa gran rival, aínda está tratando de conseguir alguén de importancia, a pesar de que a Universidade de New South Wales, de Sydney, é onde ten a súa base o grande historiador da Australia irlandesa, Patrick O’Farrell.

Conque, dunha maneira algo rara, o espallamento dos Estudios Irlandeses é de seu un fenómeno diaspórico. Mais este desenvolvemento dos Estudios Irlandeses non significa que teña habido desenvolvementos análogos nos Estudios da Diáspora Irlandesa. Agora, por fin, temos un Profesor nominal de Estudios da Diáspora Irlandesa, unha cátedra persoal que ostenta Bronwen Walter na Universidade Politécnica de Anglia, na Inglaterra. E temos o Centro de Estudios da Migración no Ulster-American Folk Park, en Omagh, que, baixo a dirección de Brian Lambkin, estableceu importantes vínculos entre os Estudios da Diáspora Irlandesa, os estudios de museo e a historia das familias(37).

Aínda así, é posible atopar algunhas tirantezas a distintos niveis. Algunhas destas tirantezas eran previsibles, se temos en conta o que se contaba nas primeiras partes deste artigo. O primeiro de todo é que os Estudios Irlandeses xa de seu son obxecto de ataque polas disciplinas básicas; sabemos, a nivel anecdótico, que algunhas das evolucións institucionais que se indicaron anteriormente foron combatidas no marco das institucións polas disciplinas académicas tradicionais. Ao que cabe engadir que hai moi pouquiñas carreiras en Estudios Irlandeses; as estructuras da carreira universitaria seguen baseándose nas disciplinas tradicionais. E así vemos, por exemplo, que as asociacións de estudios irlandeses quéixanse todo o tempo de que, cando os profesores de historia irlandesa se retiran dunha universidade, é moi improbable que os remplace nesa universidade outro profesor de historia irlandesa, e que máis ben os remplazará un profesor dalgunha outra especialidade. A estratexia a longo prazo dos Estudios Irlandeses terá que ser atrincheirarse, institucionalizar eses estudios, e ter financiamento propio e edificio propio. Cómpre mencionar un logro notable nesto –aínda que non sexa por forza o modelo que teña seguirse en todas partes–, que foi a creación da Glucksman Ireland House en Nova York, inaugurada oficialmente en 1993, e que está agora poñéndose á altura das circunstancias(38).

Os Estudios Irlandeses teñen en xeral na súa base un enfoque interdisplinar cara ao estudio da literatura e a historia. A relación entre literatura e historia está tal vez máis clara en Irlanda que en moitos outros países. Cando W. B. Yeats escribiu

“Did that play of mine send out
Certain men the English shot?”

(¿Instigou aquela miña obra de teatro a eses homes que os ingleses fusilaron?)

estaba facendo de verdade unha pregunta, unha pregunta que a historia non pide a moitos poetas que se pregunten da súa obra. Deixarei ao lector que decida cal é o poeta que vive en circunstancias máis felices, o poeta que ten influencia política e responsabilidade ética, ou o poeta que non ten nada deso. Sen dúbida esta dinámica é interesante, e vale a pena examinala (aos alumnos atráelles). Unha vez máis estamos manexando determinadas definicións da “irlandesidade”, estamos traballando dentro dun canon literario restrinxido, no marco dunha gran narrativa.

Os que estudian a diáspora irlandesa quéixanse seguido de que sucede demasiadas veces que hai unha conferencia de Estudios Irlandeses, organizada por unha das asociacións –como, por exemplo, a Conferencia Americana de Estudios Irlandeses– na que non se presenta nin unha comunicación sequera sobre a diáspora. Parecerá raro, visto o que dixen antes da cultura e a diáspora. Pero cómpre que saibamos as diversas forzas que configuran o programa tencionado da investigación e dos estudios.

Cada vez máis os estudiosos da diáspora irlandesa tratan de organizar as súas propias conferencias, con resultados diversos. Estas cousas leva moito tempo organizalas, e inclúen grandes custes e distancias. Mais unha Conferencia excelente que organizou Piaras Mac Éinrí, en 1997, no University College de Cork, da Irlanda, produciu un libro tamén excelente, que quero pensar que continúa a tradición do proxecto The Irish World Wide(39).

En 1997 invitoume o Consello de Investigación Económica e Social, o principal organismo de financiamento e formación do Reino Unido, a asistir a unha reunión na que se poñería en marcha unha nova e importante iniciativa sobre “Comunidades transnacionais”. En cinco anos, gastáronse 3,8 millóns de libras esterlinas en 19 proxectos de investigación. Non é que queira criticar a algúns estudiosos ben capacitados, pero é moi notable que eses proxectos de investigación estivesen centrados nos temas de disciplinas de estudio particulares, especialmente da antropoloxía, e non nas necesidades dalgunha “comunidade transnacional” en particular.

No noso planeta, a vida vívese dentro de nacións estado, dun tipo ou doutro. O estudio dun fenómeno que abrangue todo o planeta darase seguramente nunha nación estado, estará financiado dalgún xeito por ese estado, e estará configurado polos medos e as preocupacións que predominen nese estado neses momentos. A comezos deste ano de 2002, asistín ao acto público final dese programa de investigación que costou 3,8 millóns de libras esterlinas, e vin como o debate remataba nun debate acerca da política británica actual sobre inmigración e asilo político, debate que, na Gran Bretaña, está configurado pola prensa de dereitas.

irishdiaspora.net

Finalizado 1997, e rematado o proxecto The Irish World Wide, empecei a traballar no que é agora o meu proxecto principal, unha historia narrativa da diáspora irlandesa, que ten o título provisional de Beyond Ireland (Alén da Irlanda). O interesante dunha historia narrativa é que –como se desprende de todo o que levamos dito– unha inmensa cantidade do que se leva escrito acerca do “irlandés” ten que ser rexeitado. Non axuda á narrativa. Non é “coñecemento”, senón “ruído”. E o que pasou foi que, conxuntamente coa miña historia narrativa, encontreime escribindo unha historiografía crítica da diáspora irlandesa.

Como era de esperar, encontreime tamén buscando maneiras de poder seguir “contribuíndo”. Víase que se poderían usar novas técnicas da tecnoloxía da información e da informática para resolver algún dos problemas que voltaban a cotío, tales como o de mellorar o diálogo entre os estudiosos da materia das distintas partes do mundo o no marco das distintas disciplinas, o de crear un rexistro acumulativo de investigación, o de integrar a diáspora irlandesa nos programas de investigación, e todo o resto. En novembro do 1997, aproveitando as redes establecidas para o proxecto The Irish World Wide, empecei a crear unha lista informática da diáspora irlandesa, o que supón, basicamente, trasladar a comunicación do papel ao correo electrónico, e virar a comunicación practicamente instantánea, e tamén acumulativa.

En linguaxe informática, unha “lista” de correo electrónica chámase a doito unha “lista” porque un programa nun ordenador central garda unha lista verdadeira dos enderezos electrónicos dos que forman parte do grupo, que teñen dereito a enviar e recibir mensaxes por correo electrónico valéndose dese grupo. Cada vez máis as organizacións comerciais están abandonando a palabra “lista” e usando en troques palabras tais como “comunidade”, “rede” ou “grupo”. Este alongamento do sentido desas palabras existentes plantexa problemas. En xeral, a comunidade erudita segue usando a palabra “lista”.

A lista da diáspora irlandesa empezou sen máis recursos que un pequeno equipo de voluntarios. Os problemas técnicos fómolos resolvendo, un por un. Por exemplo, as solucións que había para arquivar eran moi custosas, en termos de tempo, diñeiro e pericia. A solución obvia foi a de crear unha base de datos co seu propio enderezo electrónico. Coa axuda do Dr. Stephen Sobol, da Universidade de Leeds, puidemos creala, e temos agora máis de catro anos de mensaxes e conversa na lista da diáspora irlandesa nunha base de datos protexida con contrasinal, na que se pode facer búsquedas, e que é accesible en http://www.irishdiaspora.net/. Esta base de datos constitúe en si mesma un recurso de investigación excepcional, e utilízana deseguido estudiosos da materia que son socios da lista da diáspora irlandesa e outros estudiosos “invitados” que foron autorizados.

Gracias a unha novidade da mesma tecnoloxía podemos mostrar material na Internet mediante un simple procedemento de copiar e pegar. Neste sitio en Internet tamén podemos “acoller” e mostrar o labor de outros estudiosos da diáspora irlandesa, que a miúdo ofrecen recursos considerables de investigación, como a Guide to Irish Military History (Guía da historia militar irlandesa) de Paul Walsh ou a Bibliographic Guide to the History of the Irish in South America (Guía bibliográfica da historia dos irlandeses en Sudamérica) de Brian McGinn.

De feito, a Guía de Brian McGinn ofrece un estudio de caso práctico do que se pode conseguir nestas cousas. En marzo de 1999, Brian McGinn, un especialista independente nese campo, baseado en Washington (EEUU), envioume a súa breve Guía bibliográfica dos irlandeses en Suramérica. El e máis eu decidimos levar a cousa máis alá. En abril de 1999 fixen chegar o borrador da Guía a persoas interesadas no asunto, entre as que había algunhas que eran membros da lista da diáspora irlandesa e outras que non eran membros, e pedinlles adicións e comentarios. A finais de abril Brian McGinn cotexara todo ese novo material, e en maio de 1999 publicamos a Guía bibliográfica completa no sitio de Internet. Nun mes, a configuración dos Estudios da Diáspora Irlandesa mudou no mundo enteiro, pois podiamos ver o que se escribira acerca dos irlandeses en Suramérica. Máis importante aínda foi que, como sinalou un eminente erudito, podiamos ver o que quedaba por escribir, e iso animou ao McGinn a emprender un importante estudio do asentamento dos irlandeses no Brasil.

A lista da diáspora irlandesa ten membros espallados por cinco continentes. O número de membros oscila case sempre entre 200 e 300, que non é unha cantidade enorme, pero de feito representa unha proporción substancial das persoas que hai no mundo que teñen un interese erudito no estudio da diáspora irlandesa. Como a nosa rúbrica di, somos particularmente útiles para os estudiosos da materia que están “máis aillados”, e inclúome entre eles. A regra básica que rexe todos os grupos de conversa por correo electrónico é: “A mala conversa non deixa que haxa a boa”. A lista da diáspora irlandesa está “moderada”: vixíase o contido, o xeito e a idoneidade de todas as mensaxes antes de distribuílas. Hai a quen esto lle parece censura; a min paréceme que é crear un lugar seguro no que pode haber unha conversa entre estudiosos da materia. Non se pode ser irlandés de non ser que...

Ao comezo do ano 2001, o Public Record Office, isto é, o Arquivo Público de Inglaterra e Gales, que está en Kew, puxo a disposición do público no seu sitio en Internet todos os censos de Inglaterra e Gales correspondentes ao ano 1901. Tanto foi o interese que espertaron eses rexistros de hai cen anos que o sistema non puido coa carga, rompeu, e houbo que retiralo e volvelo a deseñar. Neste ano de 2002, está por fin establecido un sistema máis cauteloso e limitado. O que pasou foi que o Arquivo Público non estaba preparado para o grande interese que hai agora en obter acceso a arquivos e rexistros, e non se decatou do interese que hai en todo o mundo pola xenealoxía e a historia das familias. Se é certo que as identidades étnicas tenden a configurarse arredor de actividades que se fan no tempo libre, tamén o é que a averiguación da identidade pasou a ser un uso do tempo libre.

Todo estudioso da diáspora e da migración que ten presencia na Internet recibirá con regularidade, e non é exaxeración, centos de mensaxes por correo electrónico pedíndolle axuda para que resolva algunha cuestión sobre a historia dunha familia. O habitual é que esas preguntas procedan de persoas que están nas primeiras etapas da construcción da historia da súa familia, ou que toparon dificultades ao facelo, e que simplemente descoñecen os métodos normais que usa o historiador da familia, e os problemas que presenta a historia da familia. A historia da familia é, de feito, o tipo de investigación de arquivos máis cara e que leva máis tempo.

Agora xa dei cunha resposta que vale para contestar a todas esas perguntas, e o que fago é explicar as limitacións coas que ten que traballar o meu pequeno departamento de investigación, os problemas que plantexa facer a historia das familias e cousas así. En xeral, o que precisan estas persoas é simplemente que se lles indique onde poden encontrar orientación, redes e recursos, que poden ser a Web Rootsweb, GENUKI, ou as moitas sociedades e clubes locais de historia das familias que existen en moitos sitios. Pero tamén se ve na Internet unha proliferación de recursos comerciais e caros de historia das familias. E este é outro tema do que non me ocupo neste artigo: o da diáspora irlandesa como algo que pode ser explotado comercialmente(40).

Pero a cuestión é máis fonda. Eu pediría ao lector que contemple o material reseñado neste artigo, todas esas complexidades, confusións e puros desatinos dos que falamos. E que depois imaxine a alguén en particular, unha persoa irlandesa ou unha persona de estirpe irlandesa, que queira entenderse a si mesma e entender esa estirpe. ¿Ten sentido pedirlle a esa persoa que entre nese labirinto e o explore sen un mapa? A rede dos estudiosos da materia, na que eu penso case sempre como a irishdiaspora.net –porque ese é o nome do dominio– apenas ten financiación. Depende da boa vontade dos seus membros, e sobrevivirá mentres sexa útil. Poder non ten... pero ten influencia.

Patrick O’Sullivan é director da Irish Diaspora Research Unit, no Departamento de Ciencias Sociais e Humanidades da Universidade de Bradford (Yorkshire, Inglaterra).

(Traducción do texto orixinal en inglés por Teresa Barro e Fernando Pérez-Barreiro Nolla).

 
 

Notas

(1) Pode servir de exemplo desa colaboración a miña serie de seis volumes: O’SULLIVAN, Patrick (ed.): The Irish World Wide, publicada por Leicester University Press, London. Os seis volumes da serie son: 1) Patterns of Migration, 1992; 2) The Irish in the New Communities, 1992; 3) The Creative Migrant, 1994; 4) Irish Women and Irish Migration, 1995; 5) Religion and Identity, 1996; 6) The Meaning of the Famine, 1997. Referireime a eses volumes no sucesivo coa abreviatura IWW e o número do volume: IWW1, etc. Poder verse o índice deses volumes na miña páxina web http://www.irishdiaspora.net/.

(2) O texto fundamental é, por suposto, KUHN: The Structure of Scientific Revolutions, University of Chicago Press, Chicago, 1962. A cita de Copérnico está na páxina 83 desa edición, e tamén en KUHN: The Copernican Revolution: Planetary Astronomy in the Development of Western Thought, Harvard University Press, 1957, p138.

(3) A miña propia declaración a ese respecto pode encontrarse en O’SULLIVAN, Patrick: ‘General Introduction’, en O’SULLIVAN(ed.): Patterns of Migration, en IWW1. Véxase tamén, por exemplo, BRETTELL, Caroline B. e HOLLIFIELD, James (eds): Migration Theory: Talking Across Disciplines’, Routledge, London & New York, 2000, Preface, p. vii: ‘As migracións son un tema que está clamando por un enfoque interdisciplinar...’.

(4) NISSANI, Moti: Ten Cheers for Interdisciplinarity: The Case for Interdisciplinary Knowledge and Research, en The Social Science Journal, 1997, volume 4, number 2, pp201-216, é un útil resume dos argumentos sobre este asunto.

(5) MITCHEL, John: Jail Journal, Sphere Books, London, 1983, p. xvii. O texto orixinal foi escrito a partir do 1848, cando Mitchel foi transportado a Van Dieman’s Land (Tasmania) por “grave delicto de traizón”.

(6) Citado en O’FARREL, Patrick: The Irish in Australia, UNSW Press, 3ª edition, 2000, p269.

(7) QUINLIVAN, Patrick: Hunting the Fenians en O’SULLIVAN (ed.): The Creative Migrant, en IWW3, p149.

(8) O’SULLIVAN, Patrick: The Irish joke, en IWW3.

(9) E véxase a exposición do tema en WEINER, Michael (ed.): Japan’s Minorities: The Illusion of Homogeneity, Routledge, London, 1997.

(10) NEAL, Frank: Black ‘47: Britain and the Famine Irish, Macmillan, Basingstoke & London/St. Martin’s Press, New York, 1998. No sistema inglés, o coroner fai as primeiras dilixencias de instrucción en casos de morte repentina ou sen explicar. En Irlanda, ese procedemento desfíxose, máis ou menos, desbordado pola cantidade de casos e socabado pola política. En Inglaterra e Gales os coroners seguiron investigando, con solemnidade, cada morte sospeitosa. Cando un irlandés fuxitivo da fame morría en Inglaterra, os seus familiares sobrevivintes eran atendidos e curados, se fose preciso, e declaraban ante o coroner , co que nos deixaron narración en primeira persoa das súas experiencias.

(11) Por exemplo, O’SULLIVAN, Patrick: The Irish joke, en IWW2, ou DAVIES, Christie: The Irish joke as a social phenomenon, en DURANT, John e MILLER, JONATHAN (eds): Laughing Matters: a serious look at humour, Harlow, Longmans, London, 1988.

(12) A guía fundamental para este tema é a de CAIRNS, David e RICHARDS, Shaun: Writing Ireland: Colonialism, nationalism and culture, Manchester University Press, 1988.

(13) SAID, Edward W.: Orientalism, Penguin, London, 1995; a edición orixinal é de 1978. Para Said sobre Irlanda véxase a súa obra Nationalism, colonialism and literature - Yeats and decolonization, Field Day, Derry, 1988.

(14) BONN, Moritz Julius: Wandering Scholar, Cohen & West, London, 1949.

(15) Cando era mozo Davitt fora membro dos Feniáns na Inglaterra, metérono no cárcere moitos anos e, cando o soltaron, axudou todo o que puido, cunha falta de egoísmo excepcional, á principal figura do nacionalismo parlamentar irlandés, Charles Parnell. O estudio básico dos anos de mocedade do Davitt é MOODY, T.W.: Davitt and Irish revolution 1846-82, Clarendon Press, Oxford, 1982. Véxase tamén o máis recente estudio de KING, Carla: Michael Davitt, Dundalgan Press, Dundalk, 1999.

(16) O texto capital de Borges neste aspecto é Tema del traidor y del héroe, pero tamén son importantes La forma de la espada y El jardín de senderos que se bifurcan.

(17) É bastante ampla a bibliografía sobre as representacións de Irlanda no cine. Pero, como lles digo sempre aos estudiantes: “Non pensedes que ides aprender moito sobre Irlanda e os irlandeses; pensade que ides aprender moito sobre as esixencias do xénero”. Sobre o “film noir”, véxase, por exemplo, HILL, John: Images of Violence, en ROCKETT, GIBBONS and HILL: Cinema and Ireland, Croom Helm, London. 1987.

(18) CRONIN, Mike e ADAIR, Daryl: The Wearing of the Green: A History of St. Patrick’s Day, Routledge, London, 2002. Véxase tamén MARSTON, Sallie A.: Making difference: conflict over Irish identity in the New York City St. Patrick’s Day parade, en Political Geography, volume 21, issue 3, 2002; negáraselle tomar parte na marcha á Organización dos gays e as lesbianas irlandeses.

(19) Hai un número considerable de publicacións sobre a evolución da lingua irlandesa: véxase CROWLEY, Tony: The politics of language in Ireland, Routledge, London, 2000. Véxase tamén a polémica obra do meu colega HINDLEY, Reg: The death of the Irish language: a qualified obituary, Routledge, London, 1990.

(20) Citado en CORRIGAN, Karen P.: For God’s sake teach the children English: emigration and the Irish language in the nineteenth century, en O’SULLIVAN (ed.): IWW2.

(21) BRAUDEL, Fernand, The Wheels of Commerce, Fontana, 1985, p568. A edición orixinal en francés é de 1975.

(22) Trato desas cuestións polo miúdo na miña Introducción a IWW5, Religion and Identity.

(23) O’SULLIVAN, Patrick: Introduction: Religion and Identity, IWW5, p8.

(24) A cita procede de SHANNON, V.: The American Irish (New York: Macmillan, 1963), p27. Véxase o debate en O’SULLIVAN: Introduction, pp6-9, a O’SULLIVAN (ed.): The Irish in the New Communities.

(25) Estas cuestións debátense máis amplamente en O’SULLIVAN, Patrick e CRAIG, A. Bailey: London and the Union: Ireland’s Capital, Ireland’s Colony, en STEWART, Bruce (ed.): Hearts and Minds: Irish Culture and Society under the Act of Union, Princess Grace Irish Library 13, Colin Smythe, Gerrards Cross, 2001.

(26) Véxase, por exemplo, o discurso do Día de San Patricio de 1943 do líder irlandés Eamon de Valera e a súa versión citada a cotío da “Irlanda que soñabamos”: “o lar dun pobo que valora a riqueza material nada máis que como base para unha vida digna, un pobo que queda contento cun benestar frugal e dedica o tempo libre ás cousas do espírito”. Citado en BROWN, Terence: Ireland, A Social and Cultural History (London: Fontana, 1981), p146.

(27) Véxase o debate en BARTLETT, Thomas e KEITH, Jeffrey (eds.): A Military History of Ireland, Cambridge University Press, 1996, especialmente o capítulo “An Irish military tradition?”. Véxase tamén Enloe, Cynthia: Ethnic Soldiers: State security in divided societies, Penguin, Harmondsworth, 1980.

(28) Acaba de publicarse o primeiro destes, BRACKEN, Patrick J. e O’SULLIVAN, Patrick: The Invisibility of Irish Migrants in British Health Research en Irish Studies Review, vol. 9, nº 1, 2001.

(29) Véxanse os títulos e as datas de The Irish World Wide na nota 1.

(30) Pregúntanme sempre qué disciplinas académicas non contribuíron a The Irish World Wide . Non encontrei nada pertinente na Psicoloxía. E non fun capaz de convencer aos folcloristas de que participasen, o que non deixa de ser sorprendente, pois que Irlanda ten moito folclore en asuntos de emigración (por exemplo, o ‘velorio americano’, que transfire á saída do emigrante para América as prácticas habituais de cando alguén morre ). Coido que esto ten algo que ver coa présa destas dúas disciplinas por universalizarse, e de integrar a psicoloxía e o folclore na antropoloxía.

(31) Na batalla de Fredericksburg, en 1862, na Guerra de Secesión, a Brigada Irlandesa, ao servicio do Norte, atacou e tomou unha posición ben defendida dos Confederados. En 1988, nos Estados Unidos, un representante do Movemento de Reforma da Inmigración Irlandesa, comentando que só podían entrar legalmente nos EE.UU. 800 irlandeses por ano, sinalou que eses eran 120 menos que os que morreran naquela batalla en defensa da unión. Véxase O’SULLIVAN, Patrick: Introduction, p4, en IWW1.

(32) LERNER, Gerda: The majority finds its past: placing women in history, Oxford University Press, 1979.

(33) Eso me di Graham Davis, que desenvolveu os Estudios Irlandeses no Bath Spa University College, en Inglaterra. Graham Davis resumiu, moito mellor que eu mesmo, as miñas ideas no seu estudio do tema irlandés na historiografía de Texas. Véxase DAVIES, Graham: Models of Migration: The historiography of the Irish pioneers in South Texas, en Southwestern Historical Quarterly, XCIX, 3, 1996, e DAVIS, Graham: Land! Irish pioneers in Mexican and Revolutionary Texas, Texas A & M University Press, 2002. E, máis dunha vez, encontramos os problemas de lealdade nunha comunidade migratoria: algúns irlandeses seguiron leais ao seu país de adopción, México, mentres que outros puxéronse do lado dos revolucionarios de Texas.

(34) Dous libros recentes que veñen “prognosticados” pola teoría: CAHILL, Thomas: How the Irish Saved Civilization: The Untold Story of Ireland’s Heroic Role from the Fall of Rome to the Rise of Medieval Europe, Anchor Books, 1996; O’CALLAGHAN, Sean: To Hell or Barbados: The Ethnic Cleansing of Ireland, Longman, Harlow, 2000.

(35) William Butler Yeats, George Bernard Shaw, Samuel Beckett e Seamus Heaney.

(36) KENNY, Kevin: Teaching Irish-American History, en Journal of American Ethnic History, volume 21, number 4, 2002, con comentarios de Jay P. Dolan (Chicago), Marion R. Casey (Nova York) e Timothy J. Meagher (Washington). Kevin Kenny está baseado en Boston, e é o autor dunha excelente obra de síntese, The American Irish: a history, Longman, Harlow, 2000.

(37) Polo que máis adiante digo da historia das familias, quero indicar que no verán, nos meses de turismo, o Centro de Estudios da Migración emprega un investigador que acolle as familias visitantes, escoita as preguntas que fan sobre as súas familias e as orienta no primeiros pasos do manexo das bases de datos e demais recursos.

(38) Véxase http://www.nyu.edu/pages/irelandhouse/.

(39) Véxase http://migration.ucc.ie/. O libro é BIELENBERG, Andy (ed): The Irish Diaspora, Longman, Harlow, 2000.

(40) Fálase moito de dús cifras: a dos “44 millóns de irlandeses” que hai nos EEUU, e a dos “70 millóns de irlandeses” (xentes de estirpe ou ascendencia irlandesa) que hai en todo o mundo. Escríbanse esas dúas frases nun buscador de Internet, e verase exactamente o que quero dicir cando falo de que o irlandés é “algo que pode ser explotado comercialmente”. O menos que podemos dicir da base en que se asentan esas cifras é que non está clara.

 
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 12/03/2003