|
Na constelación contemporánea dos estados centro europeos, Moravia foi totalmente arrasada como
entidade histórica independente. Obviamente existe, aínda que oficialmente non foi recoñecida
como territorio étnico distinto. Coma moitos outros países europeos, Moravia tamén ten o seu
propio pasado glorioso. A diferencia é que os nenos moravos non o coñecen nin poden coñecelo.
Moravia tamén ten a súa cultura e mitoloxía características que parecen constituír
a base dunha nación. Sen embargo, á nación morava negóuselle a existencia propia, tanto
na antiga Checoslovaquia, como na formulación actual que se coñece e que provén dese legado,
a República Checa. Como cabe pensar e deducir, na olla do poder europeo, a denegación da existencia
de Moravia obedece a razóns exclusivamente políticas. No fondo, nas circunstancias actuais, Moravia
foi considerada e equiparada no estado checo a aquel outro indeseable.
A abrogación incesante dos dereitos e privilexios históricos de Moravia coincide co nacemento
posbellum de Checoslovaquia en 1918 cando sacrificaron as aspiracións nacionais de Moravia a prol da unidade
eslava oposta ás ambicións autocráticas alemanas e húngaras. Sen embargo, tamén
no molde do novo estado checoslovaco, os moravos en Europa conseguiron preservar un mínimo da súa
independencia cultural e económica dentro do sistema administrativo dos territorios autónomos da
república. O territorio de Moravia e Silesia como unidade administrativa puido empurrar e, de feito, promoveu
ata certo punto o carácter idiosincrásico do pobo moravo por contraste, aínda que ligado historicamente
ós propios checos.
A verdadeira etapa negra na historia de Moravia empeza co adventismo do réxime comunista na antigua Checoslovaquia
en 1948. Non soamente simboliza un período de odio social e a dictadura da élite política
checa, senón tamén a indiferencia descarada e a represión da memoria histórica. Gradualmente
disolvéronse institucións culturais que apoiaban o rexurdir da conciencia nacional do pobo moravo
e prohibíuselles funcionar. Despois da invasión soviética de 1968, o sentimento antimoravo
intensificouse ata proporcións case xenocidas. Os comunistas checos e eslovacos aproveitáronse do
estancamento político e dividiron os restos entre eles. Checoslovaquia federalizouse con pouco xeito. Como
resultado, trataron ós moravos e ó seu país como súbditos coloniais e como vertedeiro
industrial de Bohemia e Eslovaquia.
O famoso disidente checo Vaclav Benda recoñeceu e describiu claramente a política antimorava do
goberno socialista checoslovaco no seu artigo “Cristiandade e política, outra vez: seguindo a peregrinaxe
Velehrad” (Samizdat Stredni Evropa/Central Europe, Praga, november 1985, pp27-28).
Son os moravos os que poden desesperarse verdadeiramente nesta república (Checoslovaquia) porque os seus
dereitos nacionais viólanse continuamente polos checos e, ademais, os eslovacos enganáronos no momento
decisivo da súa propia historia nacional. A continuación, foi o primeiro goberno poscomunista dos
disidentes checoslovacos quen fixo todo tipo de promesas sobre a resurrección da independencia administrativa
de Moravia. Non se cumpriu ningunha daquelas promesas. Ó contrario, dende 1993 a República Checa
embarcouse nunha política de exaltación do nacionalismo checo, que centralizou a vida cultural e
económica, imitando o antiguo modelo comunista autoritario. Unha vez máis, ridiculizáronse
as demandas do pobo moravo a prol dun trato de igualdade no estado común, deturpándose a súa
imaxe nos medios de comunicación públicos oficiais e, por último, reducindo a súa existencia
ó nivel da resistencia silenciosa.
Durante as épocas máis turbulentas de Europa central, os moravos acostumáronse a deixar
a súa terra na búsqueda de mellores condicións de vida. O éxodo moravo ós Estados
Unidos, na segunda metade do século XIX, tamén marca o nacemento da auto-afirmación nacional
de Moravia. Campesiños, a maioría de profesión, tenderon a establecerse no novo estado de
Texas onde a terra era abundante e dispoñible. Por outra banda, a meirande parte dos moravos eran católicos.
Como consecuencia os recén chegados crearon as súas propias comunidades dentro das cales conseguiron
preservar o seu idioma e a súa cultura. Os pobos e cidades moravos dispersáronse de Brownsville e
Galveston ata o extremo norte, Ennis e Dallas. Na actualidade, a poboación morava achégase ó
millón de persoas. A súa lingua é a terceira máis falada en Texas, despois do inglés
e do español.
Farían falla varios volumes para completar a enumeración de tódolos logros dos moravos
que se estableceron en Estados Unidos. Son tanto homes de negocio, eruditos, científicos, como artistas
de grande éxito. Fixéronse tan prósperos coma nostálxicos. Destino frecuente das súas
viaxes é o país dos seus antergos. Nos montes ondeados de Moravia, os moravos americanos buscaron
as súas abandonadas orixes e ós seus familiares perdidos para tentar reconstruír o seu pasado,
esquecido hai moito tempo en América.
O goberno socialista checoslovaco comprendeu ese sentimento do retorno ó fogar por parte dos moravos
americanos e deseñaron varias institucións oficiais para satisfacer o desexo dos emigrantes de vivir
a herencia dos seus antepasados. O primeiro paso na propaganda do socialismo real consistía en convencer
ós americanos moravos de que eles e os seus antepasados, en realidade, sempre foran checos. Era imprescindible
convencer ós moravos de que calquera pretensión de recoñecemento dunha especie de nacionalidade
morava non sería máis que unha aberración histórica. A explicación oficial era
que, soamente, checos e eslovacos constituían Checoslovaquia.
En prexuízo da causa morava, algúns dos líderes dos moravos establecidos en Texas eran
o suficientemente crédulos como para crer a propaganda comunista e convertéronse en artífices
desa confirmación da noción de moravos coma checos. O argumento dos que seguían rexeitando
a conciencia nacional morava a prol da nacional checa baseouse na cuestión lingüística. Como
non existe ningunha lingua morava codificada e como a maioría dos moravos soamente fala dialectos rexionais
(aínda que aparecen na vella e na actual literatura baixo o termo técnico de “Moravianismos”), que
se relacionan coa linguaxe literaria checa, a conciencia nacional morava descartouse como unha expresión
do nacionalismo máis extremo e irracional. Ningún dos defensores do criterio lingüístico
semellaba darse conta de que os americanos inglés parlantes non podían ser clasificados como ingleses
nin británicos xa que constituían unha nación distinta, a pesar da súa relación
lingüística co pobo inglés.
Os entusiastas propagandistas do programa checo entre os texanos moravos ignoraron o feito de que os descendentes
dos inmigrantes moravos se chamaron moravos (Moravci) e non checos nin bohemios, coma os denominaban despectivamente
os texanos: “Bohonks”. Co gallo de distanciarse da mala imaxe dos bohonks checos, os texanos moravos insistiron
en chamarse moravos aínda a sabendas de que iso implicaba, tamén, certas connotacións relixiosas.
O Brethern moravo apareceu nos Estados Unidos no século XVII. Os Brethern moravos, que eran de crenza
protestante, chegaron a América cos colonialistas alemáns e holandeses. Establecéronse nas
Carolinas, en Pennsylvania e despois nos demáis estados da Unión. En Bethlehem, Pennsylvania fundaron
unha das primeiras universidades americanas, a Universidade Morava (1742). Levaron a riqueza da tradición
musical europea e a tolerancia de distintas denominacións relixiosas. Nas Carolinas promoveron as industrias
manufactureiras americanas de tabaco e a producción de cráckers e galletas. Os “Hutterites” de Moravia
tamén se trasladaron ós EEUU na procura de liberdade relixiosa. Igual fixeron os Pietistos e Anabaptistas
ós que, despois de establecerse primeiro en Moravia, expulsaron das súas casas novas, o que os obrigou
a emigrar.
Moravia e o seu pobo, situados no cruce de Europa, sempre foron propensos a aceptar distintas nacionalidades
no seu medio. Así que non sorprende que os verdadeiros moravos sexan unha mestura asombrosa de diferentes
características étnicas: eslavas, latinas, celtas, alemanas, xudías, todas deixaron a súa
pegada na terra e no espíritu moravos. O feito de que os moravos falen en dialecto eslavo non implica que
se adhiran sen máis á súa herdanza eslava, descoidando outros rasgos posibles presentes no
seu carácter. Ó contrario, unha gran cantidade de familias moravas é consciente da súa
orixe histórica. E, sen embargo, recoñécense como moravos.
Hai tempo que se abandonou a noción romántica de nación, baseada en parámetros referidos
á existencia dun carácter lingüístico único. Polo tanto, é sorprendente
que algunhas figuras políticas na república checa aínda hoxe se adhiran ó concepto,
proto-romántico e estalinista, de nación como un grupo étnico cunha lingua nacional distinta.
Abonda con confirmar que unha lingua non é o criterio primario do modelo actual de nación. É,
efectivamente, neste modelo no que os moravos presentes en Europa e América deberían basear as súas
esixencias. Unha vez acabado este proceso, tanto os moravos americanos coma os moravos europeos terán a
oportunidade de corrixir o erro histórico de clasificalos como checos recuperando a súa verdadeira
identidade: a morava.
Joseph M. Rostinsky (Universidade de Tokai, Tokio).
(Traducción do texto orixinal en inglés por Marielle Saegaert).
|