| Tempo Exterior nº 4 segunda época - xaneiro/xuño 2002 |
| O fallido golpe contra Chávez: Un test de reflexos democráticos(*) |
|
José Antonio Fernández |
|
O presidente de Venezuela, Hugo Chávez, estivo no Cumio Eurolatinoamericano en Madrid os pasados 17 e 18 de maio como presidente de Venezuela. O ex presidente de Perú, Alberto Fujimori, está exiliado en Xapón, e Alejandro Toledo representará ó seu país como presidente lexítimo de Perú. As cousas poderían acontecer doutra maneira se non se impuxese a razón democrática nestes dous casos. Entre o 11 e o 14 de abril de 2002, os medios de comunicación foron o principal escenario dun golpe de estado en Caracas, golpe mediático, de “culebrón”, pola súa dose de virtualidade, polo protagonismo dalgúns medios de Venezuela e porque tivo varios capítulos. Moitos saudaron con euforia, comprensión ou tolerancia o atropelo televisado da democracia. Durante dous días os portavoces máis fiables do mundo libre (xornalistas, intelectuais, xefes de estado e de goberno de Estados Unidos de Norteamérica, Europa e América Latina) atrevéronse a ser politicamente incorrectos e non condenaron o que claramente era un golpe de estado sen reparos, chapuceiro e sen apoio xurídico. Días despois, varios gobernos e algúns xornais españois cambiaron o ton da súa información e o enfoque dos seus editoriais, sen lles dar ningunha explicación ós seus lectores, o que confirma a facilidade con que hoxe se pode ser urbi et orbi incoherente ou relativista cos principios. Por unhas horas algúns aledáronse. A maioría titubeou ata ver o que sucedía. Os máis respectables lamentaron as mortes na manifestación e a interrupción da orde constitucional (moitos medios, aberta ou solapadamente, quixeron dar a sensación de que o golpe se improvisou para frear a masacre). Algúns columnistas atinaron a esbozar os primeiros trazos do novo modelo de excepcionalidade democrática: era o primeiro golpe da sociedade civil. Os máis informados opinaban que a forzada interrupción sería transitoria, pois todos os asinantes da acta constitutiva do novo réxime tiñan impecables credenciais democráticas e conseguiran que os militares quedasen fóra de xogo. Os asinantes da “acta constitutiva dun goberno de transición e unidade nacional” foron un arcebispo, un político democristián, unha representante das ONG e outro dos medios de comunicación, un gobernador, un ex presidente da patronal da industria, o vicepresidente da actual cúpula empresarial e un sindicalista, o que despois, segundo di, enganaron. O que firmaron era pouca cosa, só once artigos nos que, á parte de nomear “presidente do goberno de transición democrática e de unidade nacional” ó presidente da patronal, Pedro Carmona, disolvían a Asemblea Nacional, destituían a todos os maxistrados do Tribunal Superior de Xustiza, revogaban as 49 leis que desataron a protesta o ano pasado, convocaban eleccións constituíntes para finais de ano e facultaban ó presidente para destituír e designar os titulares dos órganos dos poderes públicos nacionais, estatais e municipais, así como os representantes de Venezuela perante os parlamentos andinos e latinoamericanos. Polo demais, mantíñase o ordenamento xurídico, “sempre e cando non choque co presente decreto”. Xa se coñecen moitos máis datos do golpe e do contragolpe. Un deles é que, se ben a maioría dos golpistas do mundo comezan por declararse salvadores da democracia ameazada ou violada, case ningún o fai “anulando” no primeiro decreto a Constitución do país, plebiscitada por unha ampla maioría hai só vinteoito meses. Nin o golpe de estado do xeneral Augusto Pinochet se atreveu a tanto nun primeiro momento. En 1992, o tenente coronel de paracaidistas, Hugo Chávez, e outros catro comandantes intentaron derrocar a Carlos Andrés Pérez e fracasaron nun intento no que os F-16 tamén foron protagonistas. En 1994, Rafael Caldera liberou ós comandantes a cambio de deixar a milicia. En 1998, Chávez sae elixido presidente cun 56,2 por cento dos votos. Ós dous meses xura como presidente unha Constitución que cualifica de moribunda (escandalizando ós golpistas actuais). Un 88 por cento dos votantes apoia en referendo a proposta de elixir unha Asemblea Nacional Constituinte en abril de 1999. En xullo son elixidos os deputados, 124 “chavistas” dos 131 que redactarán a nova Constitución. En agosto Chávez xura de novo o seu cargo ante a nova Asemblea, da que desapareceron a maioría dos políticos dos vellos partidos. O 15 de decembro, os venezolanos aproban por maioría a nova Constitución Bolivariana, que entra en vigor o día 30, menos de once meses despois de tomar posesión Chávez, e que substituíu á vixente dende 1961. As eleccións para lexitimar os novos poderes públicos e axustalos ó novo marco constitucional realizáronse en dúas fases. En xullo de 2000, Chávez foi reelixido presidente co 59 por cento dos votos, un 22 por cento máis que Francisco Arias Cárdenas, un camarada militar de Chávez no intento golpista de 1992. Unha vez celebradas todas as eleccións, o chavismo controla a Asemblea Nacional, as rexións e os municipios. O 19 de agosto de 2000, Chávez xurou por terceira vez en dous anos como presidente da república. Con esa acumulación de poder comezou a circular a idea de que iso non era un goberno, senón un réxime. E é certo que Chávez, Luis Miquilena e José Vicente Rangel encheron todos os ocos coa súa xente de confianza, aínda que convén destacar que, con maioría de máis de dous tercios na Asemblea, fixeron unhas concesións ás minorías que non son frecuentes nestes pagos. Así pois, convén deixar clara a lexitimidade democrática de Chávez. É certo que a lexitimidade de orixe pode perderse polo uso ilexítimo do poder. Pero o mal goberno, e incluso o delicto dun gobernante, non lexitiman un golpe de estado. Ese foi o argumento de Pinochet para derrocar a Salvador Allende. E postos a comparar situacións, resulta chocante a tolerancia con que gobernos e medios de comunicación trataron durante anos ó presidente arxentino Carlos Menem, e a Fujimori, aínda cando xa eran patentes os manexos turbios do primeiro e os atropelos á legalidade e ós dereitos humanos do segundo, xunto a Vladimiro Montesinos. Mentres se configuraba o novo aparato do Estado por vías democráticas, había que gobernar e Chávez fíxoo. Mal, pero fíxoo(1). Gañou as eleccións varrendo do mapa á clase política tradicional montado nos dous prexuízos máis enraizados na cultura popular de case todos os países, pero que en Venezuela, dada á súa riqueza petrolífera, foron tan naturais como as arepas: “Somos un país rico” é a primeira idea. A segunda é que a corrupción política e a burocracia empobrecen o país. Chávez seguía con ese discurso mentres gobernaba, como se falar fose suficiente para rematar coa infinidade de prácticas corruptas ou burocráticas. Malia algúns intentos desartellados por poñer en marcha plans de emprego ou de reactivación das “PEMES”, o tecido productivo do país non se saneou nin enriqueceu. A pobreza aumentou. O petróleo segue sendo a vaca leiteira, sobre todo unha vez superada a crise dos baixos prezos de 1999, pero hai que dicir que o goberno de Chávez creou o tan desexado fondo de inversión para a estabilidade macroeconómica (FIEM), para aforrar en tempos de altos prezos petroleiros, algo que, aínda que pareza incrible, non se puidera facer ata agora. A política e a estratexia petroleira global, incluída a diplomacia internacional, tan deostada por quen quere ver escuras intencións políticas nas viaxes de Chávez a Iraq e Libia, é tal vez o activo máis notable deste goberno, que designou a Alí Rodríguez como secretario xeral da Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP). Pero a xestión de Petróleos de Venezuela (PDVSE) foi lamentable, como demostra o continuo cambio de dirección. Con carácter máis xeral, en tres anos non se deu ningún paso en firme para cambiar o rumbo económico de Venezuela, de maneira que mellorasen as condicións de vida da maioría. A política macroeconómica non é máis heterodoxa que a de outros países, tal vez ata foi moi ortodoxa en materia de débeda, déficit público e taxa de cambio, incluída a recente flotación do bolívar por requirimento do Fondo Monetario Internacional (FMI). Os resultados macroeconómicos resultan envexables para a maioría dos países da rexión: un crecemento do tres por cento en 2001, a inflación controlada, reservas monetarias de 20.000 millóns de dólares, incluídos os 7.100 millóns no FIEM. A parte negativa da situación é a caída da inversión estranxeira directa e do turismo, e o persistente aumento da saída de capitais, variables todas ligadas á imaxe e ó grao de confianza no país e nos seus gobernantes que, obviamente, é cada día máis baixo. Pero o peor é que, no medio da cotiá diatriba política, o goberno foi incapaz de relanzar a economía productiva e o emprego. Os lectores da prensa española están informados polo miúdo das reaccións da patronal, os sindicatos e os medios venezolanos ante os abusos, supostos ou reais, de Chávez, aínda que moito menos sobre o que este intentaba facer. O problema non é que estivese emprendendo reformas para “cubanizar” Venezuela, senón que, na mellor tradición do país, estaba cambiando moitas leis sen cambiar a situación. Outra vez, non estaba facendo ningunha revolución: a súa política foi conservadora do statu quo descrito por Naím no citado artigo. O goberno estaba atrapado. Por un lado, debía manterse fiel á ortodoxia nun punto crucial: non vai ser máis empresario do que é a través de PVDSA. Por este motivo, as iniciativas económicas deben acometelas os empresarios reais, sobre todo, as novas vocacións empresariais, incluídas as dos máis pobres, nun país no que o petróleo afogou a capacidade emprendedora. Para relanzar a economía é obvio que goberno, patronais, sindicatos e a sociedade en xeral, terían que esforzarse para facer cambios culturais, de mentalidade, administrativos, nos criterios e procedementos de outorgamento de créditos... Para iso, terían que sentar e falar; e iso é o que non se fixo. O primeiro responsable é, sen dúbida, o goberno, como recorda Teodoro Petkoff, unha das cabezas máis lúcidas da Venezuela actual, nas páxinas de Talcual e na súa columna “Los jueves de Teodoro en Terra”. A caótica personalidade de Chávez tivo moito que ver na inanidade dos seus sucesivos gobernos, que foron responsables da situación de atonía económica que acentuou os niveis de pobreza e creou un xigantesco “sentimento opositor, difuso e inorgánico, sen conducción política, dinamizado basicamente pola clase media”, que foi o caldo de cultivo do golpe, “estación terminal dun longo proceso político, ó longo do cal Chávez foi perdendo o apoio da clase media, da Igrexa, dos medios de comunicación, dos empresarios, do sindicalismo e da clase obreira e, finalmente, da Forza Armada Nacional (Petkoff). O enfado era xeneralizado e sectores importantes da clase media atrevéronse a ocupar a rúa, antes dominada polo chavismo popular. “Foi a materialización dun estraño paradoxo político: Chávez, que non fixo ningunha revolución, fixo nacer unha contrarrevolución”. Petkoff ten razón, pero tal vez pase por alto o obvio: que calquera movemento social, por espontáneo que sexa o seu nacemento, non se mantén nin medra se non é alimentado cun discurso e cunha certa conducción. E iso é o que fixo o discurso sobre o “totalitarismo comunista” do que había que librarse “fose como fose”. É certo que o estilo de Chávez colaborou para fortalecer un espírito de cruzada nunha parte dos seus adversarios, que serviu para aglutinar nas últimas semanas a un conglomerado de esquerdistas e fascistas, xunto a unha inmensa porción de demócratas alleos a calquera proposición extremista. Cun anaco de inxenuo entusiasmo, Carlos Alberto Montaner dicía en ABC: “El arco de apoyo (al golpe civil) era tan asombrosamente amplio que comenzaba en la derecha conservadora y terminaba en los trotskistas de Bandera Roja”. É arriscado e case sempre estéril aventurar cál é a raíz dunha conxuntura política dada. Pero, asumindo o risco, parece que a situación desvelada eses días (a “semana santa” de Chávez) é o resultado da interacción entre tres factores: a súa personalidade actuando como representante do pobo e, ambiguamente, das forzas armadas; a incapacidade de levantar a cabeza por parte dos vellos partidos e de articulación doutros novos; e, como retroalimentador destes dous aspectos, na sombra primeiro, despois abertamente, o comportamento do grupo de poder que se destapou o 11 de abril. Sobre a algarabía de Chávez os lectores españois sabémolo todo, ata o punto de comprender o grao de desgusto dos telespectadores venezolanos ós que Chávez chegou a privar dalgúns episodios de “Betty la fea”, para aburrilos ou irritalos coa súa cháchara, que entra a “todos os trapos” dos xornalistas ou dos empresarios e viceversa. O resultado é que non se debate nin se negocia sobre cómo sacar o país adiante, senón que se gastan todas as enerxías en defender ou atacar proxectos de lei, ás veces perfectamente inocuas e inútiles, como se da revolución se tratase. As palabras baleiras ou, peor, cheas de xenreira, fóronse impoñendo sobre a discusión serena. Chávez e as súas cadeas de radio e televisión fixéronse odiosos, sobre todo, para a clase media que o apoiou, aínda que sectores das clases baixas se identifican coas súas verdades e ata co seu ton chocalleiro. No fondo, hai un goberno e un movemento político cunha gran maioría parlamentaria que non logra ter un proxecto político claro, nin equipos cohesionados que actúen e falen no mesmo sentido. Non cremos na teoría conspirativa do Plan B de Chávez. Todos os indicios reais, non os imaxinarios, obrigan a pensar no caso extremo do grupo que enche un baleiro de poder cunha visión simplista e unha vontade moi forte de transformación. Ó carecer dunha maquinaria partidaria engraxada, non hai forma de elaborar sobre a marcha un plano de goberno, nin tampouco pode funcionar a cadea de mando calado pero eficaz desas máquinas. Polo mesmo, só se oíu a voz do xefe. E cando falaban outros, Rangel e Miquilena basicamente, as súas palabras interpelábanse á luz do que Chávez dicía e non dicía. Todo facía ruído e nada tiña sentido. De aí o personalismo exacerbado, os bandazos, os nomeamentos e as destitucións baseadas na lealdade, as saídas e regresos ó curral do oficialismo, non só de persoas, senón de partidos enteiros como Patria para Todos (PPT), mentor do suposto plano “sovietizador”. Este é a non desdeñable achega de Chávez á rúa sen saída que rebentou a noite do 11 ó 12 de abril. Os antichavistas, ou non creron que se trataba só de incompetencia política e organizativa, ou pensaron que, axiña, a xente do Movemento ó Socialismo (MAS) e a súa fracción revolucionaria, o Movemento V República (MVR), podían comezar a baixar ó xefe do pedestal, a ordenar o balbordo, a poñer en marcha unha máquina que funcionase. Grosso modo, eles sabíano mellor que ninguén, as cousas non ían mal polo lado económico, pois non fixeron grandes disparates, como os de Arxentina. Sexa como fose, o que é indiscutible é que os dirixentes non esgotaron as vías para obrigar ó goberno a sentarse a negociar. Os empresarios que se foron facendo co control da patronal Fedecámaras saben que os seus referentes políticos, o Comité de Organización Política Electoral Independente (Copei) e o partido de Acción Democrática (AD), feneceron e, dalgunha maneira, tratan de suplantalos, non de colaborar para reconstruílos. Nas eleccións presidenciais de 2000 a estrepitosa derrota de Cárdenas Arias foi o comezo da estratexia suicida do equipo que se fixo co poder da nacente sociedade civil antichavista. Practicamente dende entón, comezaron a barallarse fórmulas para se librar de Chávez pola vía legal. Varios constitucionalistas emitiron informes ó respecto. Dada a correlación de forzas na Asemblea, declarar louco a Chávez era a menos imposible das fórmulas. Polo mesmo, o bloque antichavista foise deitando cara á estratexia do derrocamento. A preparación do paro cívico de Fedecámaras do 10 de decembro de 2001 foi un momento clave da estratexia que, sen dicilo, implicaba a declaración de impotencia dos partidos políticos de oposición, os vellos e os novos. Estes reaccionaron tres semanas antes do paro patronal contra Chávez. Máis de 30.000 persoas participaron nunha manifestación de protesta organizada por AD, á que se sumaron os outros partidos de oposición: Copei, Unión, Primero Justicia; é dicir, todo o arco opositor. O 22 de novembro a rúa deixou de ser de Chávez por unhas horas. A manifestación de AD, segundo partido do país, era un síntoma de que podía comezar a recuperarse a oposición castigada nas urnas en todas as eleccións recentes e derrotada por Chávez sen piedade. A revitalización do histórico Partido Blanco, fundado en 1941, e ó redor do cal se estructurou a democracia venezolana por catro décadas, tiña outros síntomas: a victoria de Ortega nas eleccións sindicais, contestada aínda por irregularidades, pero victoria ó fin e, algo sorprendente hoxe, dicíase que Carmona era próximo ós “adecos”. Na manifestación estaban todos os dirixentes oficialistas e os que marcharon cando medrou o furacán Chávez: William Dávila, ex gobernador de Mérida; Claudio Fermín, dúas veces candidato presidencial; Antonio Ledezma, ex alcalde de Caracas... A multitude saudou xubilosa os xestos de reconciliación dos dirixentes e ex dirixentes de AD. Pero houbo un altercado dos manifestantes cos grupos chavistas en torno ás cámaras de Globovisión. A prensa e a televisión limitáronse a falar del e, unhas semanas despois, xa non había rastro na prensa sobre un feito tan cheo de sentido. O paro cívico de Fedecámaras ocupou columnas e columnas na prensa semanas antes de realizarse. Segundo algúns analistas, a oposición xenérica, a das clases medias ou da sociedade civil, orquestrada por poderosos medios de comunicación, é tan antiadeca como antichavista. É dicir, trátase dunha oposición antipolítica. O director da axencia Aipe, Carlos Ball, un dos forxadores máis cualificados do discurso do derrocamento, dicía nunha entrevista en 1999: “Non parecería que Chávez vaia estar á cabeza dun poder executivo máis débil que o dos seus antecesores, polo que, independentemente das frases grandilocuentes da nova Constitución, cambiaremos o dereito de elixir a un dictador cada cinco anos pola elección dun dictador por seis ou sete anos, reelixible inmediatamente a un segundo período”. Na cruzada antichavista confluíron intereses moi dispares: dende os “talibáns” do neoliberalismo, que seguen tendo como ídolo a Pinochet (algúns colaboradores de Aipe), ata un sector importante dos empresarios venezolanos, que non romperon coa idea de que o Estado é o seu colchón e o seu consolo en tempos de tribulación, aínda que a corrección política actual obriga a recitar a Vulgata do discurso empresarial global. A confrontación entre as patronais e os medios co goberno de quenda non comezou con Chávez. Algúns recordan en voz baixa que cando Luis Herrera Campins se atreveu a polemizar con Fedecámaras e con Radio Caracas Televisión, foi vetado nas informacións desta canle e en El Diario de Caracas. Chávez aguillóaos porque o sabe, ó tempo que non é capaz de organizar un goberno que rompa co clientelismo e as prebendas (os militares serían os usufructuarios das migallas do Estado neste período), impulse ós verdadeiros empresarios e, de paso deixe ó descuberto a quen viviu do Estado sen arriscar xamais nada. Os pobres seguen pobres porque non hai novas empresas, aínda que, antes e durante o golpe, a maioría deles aínda cre máis en Chávez que nos empresarios e nos vellos partidos. É un fraco consolo para un goberno que malgastou un capital social que ningún gobernante tivo antes en Venezuela. Non cremos que quen organizou o golpe crese de veras que Chávez tiña un proxecto oculto, un sinistro plan B, como Fidel Castro durante os dous primeiros anos de revolución humanista antes de declararse comunista. En Venezuela botaron man dun discurso útil, crible, tanto que o repiten moi respectados medios de comunicación de todo o mundo, que reprochan a Chávez non tomar nota do que pasou o 11-S nos EUA. Ese núcleo duro da denominada sociedade civil si tiña un proxecto político: derrocar a Chávez e volver a empezar de cero en 1998, proxecto desatinado por basearse nas mentiras e verdades a medias dos seus propios arquitectos e porque non leva a ningunha parte boa e si a todas as malas que se poidan imaxinar, unha das cales foi a torpe asonada do 11 de abril. As desercións de chavistas comezaron cedo, e cada unha delas servía para ir alimentando o mito de que Chávez quería levar Venezuela cara á dictadura. Unha inocua reforma da inspección educativa fixo clamar contra a “sovietización” do ensino. Os conflictos sociais, xustificados por razóns económicas, foron instrumentados en clave de protesta contra o modelo cubano ou libio, segundo os casos. Cada exabrupto de Chávez merecía unha réplica en clave ideolóxica e así foi engrosando o acervo doutrinal do antichavismo. E Chávez entraba no xogo e radicalizaba máis as posturas, utilizando unha linguaxe ameazadora, grandilocuente ou chocalleira segundo a ocasión. Ata o propio Castro se alarmaría do extremismo verbal e aconsellaría que non fixese demasiados inimigos gratis. O embrión do discurso, que foi aglutinando á chamada “oposición xenérica”, foi o de Arias Cárdenas nas eleccións de 2000. Dende a segunda toma de posesión de Chávez, en agosto dese ano, sen que os seus autores tomasen nota de que Arias foi humillado en elección libres, o discurso incorporou, mes a mes, novos argumentos ó servicio de dúas ideas preconcibidas: Chávez é totalitario e quere impoñer un réxime como o de Cuba; hai que derrocalo como sexa. O discurso da oposición parte do suposto de que Chávez é un totalitario, non por que fose golpista (tamén o foron varios dos líderes actuais opositores, como o propio Arias Cárdenas), senón porque o seu obxectivo sería o poder político total para impoñer un réxime estatalista no terreo económico, a exemplo de Cuba. Nesa clave fóronse interpretando todas as palabras e actitudes de Chávez e os seus ministros e, o que é peor, embazáronse os actos e os resultados positivos de política internacional e a económica. Se o PIB crecía un 3,1 por cento a finais de 2001, o discurso opositor acentuaba o leve retardo subxacente e silenciaba as condicións internacionais de recesión en que tal crecemento se produce. Se bancos como Citibank ou Morgan Stanley fan estimacións positivas sobre a economía venezolana, insinúase que están vendidos polos contratos que teñen co goberno. Se a Asociación Bancaria titubea sobre participar ou non no paro de Fedecámaras, sempre hai un columnista disposto a insultalos. Se Petkoff, crítico en profundidade do goberno, non canta o himno común opositor é acusado de criptochavista. Cada certo tempo Chávez serve un novo argumento para enriquecer o discurso apocalíptico opositor, como se esa fose a gota que colma o vaso: o globo sonda do estado de excepción; un operativo policial contra a evasión fiscal; o conflicto co sector privado do ensino; os roces con medios de comunicación ou a Igrexa; os intentos, maiormente frustrados dende dentro do MVR, de poñer en marcha os “círculos bolivarianos da revolución” e, sobre todo, as longas xiras presidenciais, subliñando as visitas a Cuba, Libia, Irán e Iraq, sen miralas na clave da diplomacia petroleira tradicional de Venezuela, senón como xestos desafiantes de Chávez cara ós EUA. Dise que a Cuba lle regalan 53.000 barrís de petróleo diarios, a sabendas de que é mentira, pois paga o mesmo que os demais países caribeños, por estar dentro de mesmo acordo, aínda que se lle concedesen algunhas facilidades na forma e prazos de pagamento. Non é visible a avalancha de comisarios políticos que anunciaron hai meses entre a lista de abusos que fixeran caer a Chávez. Nestes e outros asuntos é indubidable a torpeza comunicativa do goberno. Ás veces, sobre todo ó principio, podíase pensar que todas esas palabras eran unha provocación intencionada. Despois, foi simplemente un maiúsculo erro conservar a linguaxe e algúns xestos revolucionarios mentres se facía unha política “de andar pola casa”. Nas relacións coas guerrillas colombianas faltou claridade política por parte dos dous gobernos. Houbo un caso moi famoso en que Venezuela actuaba de acordo co goberno colombiano, pero durante semanas apareceu como conivencia de Chávez e o seu entorno cunha guerrilla colombiana. Noutros casos, como o asunto Montesinos, as dúbidas persisten, pero os xornalistas e os políticos españois, coñecedores dos métodos dos servicios de espionaxe e contraespionaxe para combater a un grupo clandestino, a cabalo entre dúas ou máis fronteiras, deberan ser máis coidadosos antes de avalar a tese simplista de que Chávez protexe á guerrilla ou amparou a Montesinos. Cando explicou na visita a Francia o ano pasado as razóns da súa intervención a favor do seu concidadán Carlos Ramírez, Chacal, outro dos moitos conflictos que Chávez se crea innecesariamente, as autoridades e os medios franceses tomaron a beneficio de inventario o aceno romántico de Chávez ó interesarse por un compatriota preso. Hai sobrados indicios de que o discurso cristalizado sobre Chávez e o chavismo foi unha adaptación dun discurso elaborado dende moito antes, aínda que é obvio que o período foi fecundo en ideas e episodios para enriquecelo. Invito ó lector a cotexar os enfoques dos editoriais do sábado 13 de abril, todos os asuntos tocados nos artigos dos correspondentes españois dende moito antes dos días do golpe, incluído o “golpe por goteo” das semanas previas, co discurso reiterado en multitude de artigos escritos dende 1999, que se poden ler nas páxinas de www.aipenet.com ou nos seus vínculos: a The Future of Freedom Foundation, o Cato Institute, a axencia Stratfor e outras fundacións, que constitúen unha rede de neoliberalismo con gran mística, tal vez precursores do cambio político que algúns preconizan: a liberdade e a democracia sen partidos políticos e con moi pouco estado. Cando se len loanzas a Pinochet como defensor desa liberdade nalgún dos colaboradores permanentes de Aipenet, comézase a entender algo das reviravoltas do golpe de Venezuela. Ó final, non sabe un de qué asombrarse máis: se da chapuza organizativa dun golpe que se viña preparando durante un bo tempo, ou da acollida tan positiva que tivo nos sitios menos impensables do mundo occidental, tan celoso da democracia. O ano pasado a prensa anunciaba ós catro ventos a constitución da Coordinadora de Acción Cívica (CAC), na que confluían un chamado Frente Institucional Militar, o Foro Democrático, a Mesa Democrática e o Comité de Resistencia Civil. Non se coñecen máis actos de ningún deles que o da súa creación. Cada certo tempo, a oposición encarnábase nalgún líder novo ou vello, que era presentado como o mesías de quenda: Salas Römer, Antonio Ledesma e Francisco Arias foron as estrelas máis ou menos fugaces da nova oposición que, logo, aplaudía a Alfredo Peña, alcalde de Caracas, home de modais semellantes ós de Chávez. Cando foi elixido Pedro Carmona presidente de Fedecámaras, destacouse a derrota do candidato de Chávez, silenciando que Carmona, próximo a AD, era partidario do diálogo co goberno, aínda que, unha vez electo, viuse arrastrado a posicións cada vez máis radicais pola incontinencia verbal de Chávez e por quen manexa a estratexia do golpe da sociedade civil. O paro de decembro foi o comezo das manobras da coñecida estratexia da tensión. O plano da nomenclatura técnica de PVDSA polo nomeamento dunha nova dirección foi o signo de non retorno. A manifestación estaba deseñada para concluír dentro do palacio e alí só se entraba se os xenerais abrían a porta. Os mortos no enfrontamento cos manifestantes chavistas apostados á porta do palacio de Miraflores foron o pretexto. Todo estaba preparado, incluído o decreto único do goberno transitorio. Os disparos que causaron varios mortos e moito pánico procederon de varias partes, pero os atribuídos ós chavistas parece que procederon do grupo Bandera Roja, á esquerda de oposición civil a Chávez, como recorda Montaner. Na trama civil do golpe había fisuras, silencios e desconfianzas. A descrición das distintas faccións militares que querían cambiar o rumbo do goberno ou derrocalo, así como as súas conexións con diferentes grupos civís, describíronse polo miúdo ó longo dos meses nas revistas. Habería un grupo de coroneis do exército apoiado pola CIA, un grupo de xenerais conquistado polos organismos empresariais e ata unha facción que querería radicalizar máis o proceso, tal vez para levar á práctica o réxime imaxinado polo discurso opositor radical. A maioría dos mandos probablemente era e é institucional, é dicir, non quere meterse en leas. O que pasou exactamente vaise sabendo pouco a pouco. O éxito inicial débese a que o groso dos militares, salvo o coronel dos F-16 de Maracay, convenceuse de que, dadas as circunstancias, era mellor que Chávez marchase. Este fixo reconto de efectivos leais e manifestouse disposto a marchar, pero non asinou nada. Mentres tanto, apareceron millares de persoas apoiándoo a el e á democracia, aínda que os medios nacionais e internacionais, salvo a BBC, o silenciaron. Estouparon as contradiccións entre civís e desatáronse as ambicións dos militares. Ó non haber acordo posible, todo volveu ó punto de partida da normalidade. Chávez regresou e Carmona retirouse como se todo fose unha falcatruada. Agora, tras o fracaso, case ninguén sabía nada ou crían que ía ser doutro xeito, pero é indubidable que uns poucos si estaban ó tanto. Aínda que o deba ser para a xustiza e para os políticos venezolanos, no é o máis importante especular aquí sobre a implicación de certos empresarios ou sobre se Carmona foi un home de palla sacrificado no altar doutras ambicións. Chávez dá signos de ter a lección aprendida. Aínda que os seus arrepentimentos precedentes non foron duradeiros, esta vez deu pasos moi sensatos. Nomeou a Alí Rodríguez presidente de PDVSA e irá acompañado por unha xunta directiva apegada ós principios da meritocracia, ou sexa, o que pedían antes do golpe. Nomeou novo ministro de Finanzas a Jesús Bermúdez, actual viceministro de Xestión Financeira, un tecnócrata con boa imaxe como negociador. Puxo en marcha un mecanismo institucionalizado de diálogo. É posible que o traumatismo do golpe se torne no catalizador de tantas ideas e proxectos que poderían poñer en marcha a Venezuela, nesta conxuntura un dos países latinoamericanos con maior capacidade obxectiva de crecemento se os suxeitos colaboran. É de esperar que Fedecámaras e os sindicatos aprendan a lección. As présas dos embaixadores dos EUA e de España para saudar a Carmona foron sorprendentes. En canto ó FMI, estamos seguros de que os arxentinos esperan un desmentido rotundo das autoridades do Fondo sobre a súa suposta dispoñibilidade para axudar como fose a Carmona. Tanta présa incondicional con este contrasta coa parsimonia condicionadísima en axudar a Arxentina. É certo que a Venezuela de Chávez non está endebedada... Chávez e Toledo estarán no Cumio Eurolatinoamericano de Madrid. Carmona e Fujimori, non. Son dúas boas noticias. Sería interesante que cada un dos presentes, incluídos os empresarios e os xornalistas, puidesen preguntarse o que fixeron ou non, para que estea Toledo en lugar de Fujimori e Chávez en vez de Carmona. A algúns segue interesándonos descubrir se somos ou non somos dos nosos; é dicir, dos demócratas sen condicións. |
|
|
|
Notas: (*) Artigo publicado en Política Exterior, nº 87, maio/xuño 2002. Traducción: Silvia Costas Marcote. (1) Véxase NAÍM, Moisés: La Venezuela de Chávez, Política Exterior, núm 82, xullo/agosto 2001. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/09/2002
|