Leer el artículo en castellanoTempo Exterior nº 4 segunda época - xaneiro/xuño 2002Volver ó sumario
 
Leccións por aprender do dominó balcánico


Ángel Segundo Gómez González
 
 

Iugoslavia, como é sabido, tivo dous períodos de existencia histórica. O último, mantido logo da Segunda Guerra Mundial por Josip Broz “Tito”, a penas sobreviviu á súa morte. O seu lema inspirador, “irmandade e unidade”, deu paso a anos cheos de episodios que foron un claro expoñente do contrario. As guerras en Eslovenia, Croacia, Bosnia Hercegovina, Cosova e canto temos visto ata hai pouco en Macedonia(1), amosáronno-lo peor do que é capaz o ser humano e enchéronnos de intranquilidade pola fractura case incurable que se abriu en comunidades nas que poucos anos atrás a integración interétnica, ou alomenos a convivencia paralela en respecto, era unha realidade cotiá(2). As cifras ben coñecidas da guerra en Bosnia e Hercegovina, permítennos comprende-la magnitude da catástrofe (Cadro 1).

Mortos 200.000
Feridos 250.000 (50.000 nenos)
Desprazados e refuxiados 2.500.000
Casas arrasadas ou danadas 60%
Hospitais destruídos 30%
Beneficiarios axuda tras da guerra 90% (en 1996)

Cadro 1(3)

A gradación no tempo con que se produciron os conflictos permitiunos observar cun ollo os recentes estalidos de Cosova e Macedonia mentres viamos co outro cómo evolucionaba a situación postconflicto nos anteriores estoupidos. A observación non permite o optimismo. O retorno de refuxiados/desprazados, a rexeneración política e institucional e a normalización social son disciplinas aínda pendentes (mesmo en Croacia). O 1998, declarado ano do retorno en Bosnia e Hercegovina pola comunidade internacional, saldouse (3 anos despois da sinatura dos acordos de Dayton) cun estrondoso fracaso pois a penas se produciu o 10% dos retornos pendentes. Este resultado foi debido non só á inseguridade relacionada coa animadversión intergrupal, senón tamén a factores que teñen que ver co complexísimo patrón con que se produciron os éxodos, a modo de autentico dominó humano no que os desprazados/refuxiados ocupaban vivendas alleas noutro lugar tras do abandono do seu ocupante ou provocándoo.

Durante os últimos anos proliferaron traballos coa pretensión de explica-lo conflicto. Moitos deles puxeron un intenso acento na historia como condicionante case ineludible que deu en desembocar nos acontecementos ós que asistimos.

“Os Balcáns están cargados de máis historia da que poden soportar”.

Deste contundente e atractivo modo refírese W. Churchill ó problema. Esta frase, repetida ata a saciedade en tempos recentes, substituíu a análises máis profundas e agrandou o mito da irresolubilidade do problema balcánico. Sen embargo, e sen esquece-la importancia da historia e sobre todo dos seus mitos tan presentes no presente dos Balcáns, non debe obviarse a revisión de factores máis achegados e moito máis decisivos para o proceso de desmembración sanguenta de Iugoslavia.

A coñecida conta atrás con que se pretendeu definir a Iugoslavia(4), non estaba abocada necesariamente á explosión, á sanguenta catástrofe na que acabou. A este respecto convén lembrar que o que se iniciou no Este de Europa en 1989 foi, en xeral, un proceso de veludo, unha saída do negro período comunista que se produciu de modo aceptablemente fluído e pacífico. Iugoslavia foi, por conseguinte, o contrapunto violento neste panorama. Unha violencia, unha sangría á que o pobo foi empurrado, en grande medida, por unha intoxicación informativa interesadamente dirixida polas antigas elites comunistas que inxectaron o virus do nacionalismo máis excluínte e agresivo en beneficio dos seus devezos persoais.

A Iugoslavia de Tito, aínda padecendo un evidente déficit de liberdades foi unha entidade política relativamente ben avida. O estado que construíu entre o autoritarismo personalista e o totalitarismo comunista, mantivo en equilibrio o mosaico Iugoslavo. Un mosaico no que ás diferencias culturais, relixiosas e de tradicións históricas, haberíanse de engadir desequilibrios económicos e de nivel de desenvolvemento. O norte rico de Eslovenia e Croacia tiña en fronte ó sur pobre de Montenegro, Cosova e Macedonia. Pero Tito tivo un verdadeiro empeño, case obsesión pola estabilidade e o equilibrio entre nacionalidades. O seu réxime teimou verdadeiramente en harmoniza-las relacións e establece-lo equilibrio no complexo mosaico balcánico que configurou como un único estado.

A desintegración da República Federal de Iugoslavia comezou en Cosova e semella que vai ser no seu contorno onde remate. En boa medida canto ocorre en Macedonia está tan intrinsecamente relacionado con Cosova que semella ser unha simple continuación do mesmo sub-conflicto.

O pobo albano-cosovar padeceu durante anos unha situación de intolerable falta de liberdade e de perda dos dereitos culturais a partir da supresión do seu estatuto de autonomía. A resposta da poboación foi entón un magnífico exemplo de resistencia pacífica e a eclosión dunha sociedade civil parella ó estado sen parangón na historia recente (Taibo). Os albaneses de Cosova foron quen de por en marcha un sistema educativo(5), sanitario e de recadación, de base totalmente cidadá e sen relación coas institucións do estado que os excluía. Un sistema que soubo involucrar á diáspora albanesa no financiamento, a través de achegas “case sempre” voluntarias. Desgraciadamente o recurso á forza foi finalmente invocado por algúns e a constitución do Exército de Liberación de Cosova (UCK/ELK) deu a escusa, tal vez agardada, a Milosevic, e acendeu a mecha que deu lume ó círculo vicioso de violencia que seguiu e aínda continua.

Alguén dixo que a condición de víctimas e verdugos nos Balcáns, como presumiblemente noutras partes, é mais ben circunstancial e que o odio dos verdugos se transmite ás víctimas (Mitchnik, 2000) ata facer que superen en odio e saña ós seus agresores cando a ocasión o permite. Os exemplos na antiga Iugoslavia son tantos e tan coñecidos que non semella preciso insistir moito para remarcar esta afirmación. O recente caso de Cosova coas súas máis de 700 víctimas serbias (algúns anciáns e nenos) desde a intervención da OTAN é o mais recente expoñente a grande escala do anteriormente asegurado.

Logo da guerra de Bosnia Hercegovina, Richard Holbrooke, bo coñecedor dos Balcáns e os seus líderes, expresou rotundamente que asistiramos ó maior fracaso da seguridade colectiva de occidente desde os anos trinta. Esta é unha valoración que se compartiu de modo xeneralizado nos Estados Unidos e en Europa. Sen embargo non semella que se dixerira axeitadamente. As leccións aprendidas, se é que as houbo, non semellan facilita-lo futuro. A intervención internacional non semella encarrilar a rexión. Bosnia Hercegovina non remata de “arrancar”, Cosova está feito un verdadeiro desastre, e que podemos dicir da espléndida Macedonia que inspirou a belísima metáfora gastronómica(6) que se emprega para denominar ás ensaladas de froitas variadas que lembran ós mapas de distribución étnica da zona. Unha Macedonia que sucumbiu á violencia despois de tela evitado todos estes difíciles anos.

A dor e a pobreza son sempre terribles e non deben establecerse xerarquías do sufrimento, víctimas de primeira e segunda clase. Occidente semella telo esquecido. Hoxe en Cosova as víctimas son os serbios e a maioría dos que sufriron e a seguen a sufrir tiveron pouco que ver coa represión exercida en 1998-99.

A sociedade de Cosova está enfermando. Os guerrilleiros da UCK/ELK distinguidos na loita contra os serbios convertéronse, non xa en heroes, se non nunha nova elite político económica. Convertidos en xerarcas do TMK/KPC (Corpo de protección de Cosova, organización creada para encadrar ós antigos membros do ELK/UCK tras da súa desmilitarización) gozan hoxe dunha privilexiada situación e as súas evidentes relacións co crime organizado nunha sociedade con tradición nese campo e cunha estructura na que os clans/familias constitúense en soporte de escuras actividades; semellan asegurárlle-la permanencia na elite social. Ó mesmo tempo esta situación fai que o crime organizado transbalcánico se convertese nunha das principais ameazas ás liberdades. Mesmo para as dos serbios que fican en Cosova, pero tamén ás de calquera cidadán albano-kosovar que non queira entrar na “rolda” criminal.

Nunha sociedade así, as incipientes institucións kosovares (xudicatura, KPS: Servicio de Policía de Cosova; KPC...) non resultan minimamente fiables desde o punto de vista democrático (PELEMAN, 1999) e deben ser tuteladas, ou inspeccionadas, pola comunidade internacional a un custo escasamente inferior ó que suporía a súa substitución por unha estructura totalmente internacional (non kosovar). Sen embargo este esforzo estase a facer co convencemento de que o crime é hoxe un dos obstáculos máis importantes no tortuoso camiño da democracia e os dereitos humanos en Cosova e en tódolos Balcáns.

En Cosova hai moitos automóbiles de luxo e este é un dos contrastes desta sociedade enferma que máis chaman a atención do visitante. A maioría son de procedencia ilegal pero circulan matriculados, por tanto regularizados, coa nova matrícula establecida polo protectorado internacional. A rexión era e é moi pobre (probablemente o territorio europeo máis pobre despois de Albania) e nin sequera a inxección económica da axuda que chega, gobernamental ou cidadá, maquilla a aparencia de padecer un gran subdesenvolvemento. Neste escenario, os referidos automóbiles son un doloroso contraste nunha sociedade na que as novas elites están a situarse ó outro lado dunha crecente fenda que os separa das penurias dos seus concidadáns.

Algúns datos fan doada a descrición da pobreza actual e o déficit de desenvolvemento de Cosova:

Atención sanitaria

· 1 pediatra por cada 30.000 cidadáns(7).
· 1% da poboación usa métodos anticonceptivos.
· 2,2 camas hospitalarias por cada 1.000 habitantes(8)(9).
· Taxa de natalidade(10) e taxa de mortalidade de lactantes máis altas de Europa(11).

Educación

· 14% de nenos sen escolarizar(12).

Economía e emprego

· Taxa de desemprego: 70%.
· Renda per cápita: 400 us$ (semellante á de Costa de Marfil).
· Poboación baixo o limiar de pobreza extrema: 53%(13).

Auga

· Acceso da poboación rural á auga corrente: 8,4%(14).

O problema de Cosova non era descoñecido para o mundo. Mesmo os máis “despistados” tiveran ocasión de se decatar das sucesivas crises acontecidas con anterioridade ó estalido da definitiva en 1998/99. Sen embargo a magnitude e as características do problema que se presentou entón na provincia serbia foron de tal dimensión que puidemos volver falar, con propiedade, de que a crise superou a capacidade de previsión e de reacción de Occidente.

A magnitude da catástrofe humanitaria, abanou as sociedades occidentais que observaban estarrecidas as terribles imaxes do sufrimento dos albano-cosovares. Abríronse debates nos ámbitos político e académico acerca da inxerencia humanitaria, sobre a súa natureza de deber ou de dereito. En consecuencia, sobre a legalidade ou non dunha acción militar. Sobre o principio de inviolabilidade das fronteiras, sobre a necesidade de declaración de guerra para iniciar accións militares ofensivas, etc. O debate que seguiu e que se prolongaría e reavivaría a partir da intervención da OTAN situou a moitos analistas nunha posición moi difícil. Os reproches ós países occidentais pola súa pasividade diante da agresión gobernamental iugoslava contra os albano-kosovares, non semellaban coherentes contra as críticas ó recurso á forza militar para resolve-lo problema. ¿Que alternativas ficaban diante do fracaso das negociacións e o mantemento da agresión?

O terrible dilema levou, como mencionei, a parte do mundo intelectual e académico a unha situación de incómoda e grave contradicción interna. Algúns recoñeceron que dadas as circunstancias, a acción militar era lexítima. Nalgúns casos o dogmático apego a posicións contrarias desembocou nun canellón sen saída racional.

O debate debe reabrirse agora de novo, de modo que Europa escolla o seu patrón de actuación diante de situacións como as vividas nos Balcáns que desgraciadamente é probable que se volvan producir no futuro e que sempre esixirán a nosa actuación por razóns éticas e diplomáticas. Razóns de humanidade que acabarán por dirixirnos na mesma dirección que as razóns de interese político, pois a concepción clásica de dous modelos de acción exterior mutuamente excluíntes (Realpolitik-Realismo vs. Idealismo) demostrou ter unha capacidade moi limitada de explicación da realidade. O bo e o ético remata por ser, non só o correcto, senón tamén o axeitado e o único politicamente rendible.

As liñas precedentes pretenderon dar unhas pinceladas sobre un problema difícil de entender. Un problema composto de moitos outros interrrelacionados entre si. Os Balcáns, ese segredo recheo de misterio e envolvido nun enigma como dicía W. Churchill, ofrecen un campo inesgotable para os estudios ou os investigadores. Sen embargo, o estudio dos Balcáns e o contacto coa súa realidade vólvenos moi prudentes á hora de facer afirmacións rotundas sobre as causas do ocorrido ou recomendacións acerca das liñas de acción máis axeitadas para resolver un ou outro problema. Por cada razón de lexitimidade histórica xorde outra ou outras en sentido contrario. Baixo cada causa aparente para un comportamento ou unha reacción descansa outra soterrada, que en moitos casos non é sinxelamente visible.

As leccións por aprender son moitas e, a pesar do título que encabeza estas liñas, a penas chegaron a insinuarse aquí. Quen isto escribe non ten moitas destas leccións aprendidas pero si algunhas ideas sobre o que se ten de aprender. Apuntarei algunhas: A cooperación, de iniciativa pública ou cidadá, debe mellorar moito para conseguir que os recursos dispoñibles se distribúan sobre o terreo dun xeito razoable e equitativo. Deben desenvolverse mecanismos de intervención e auditoría que impidan as fugas de recursos a destinatarios distintos dos pretendidos (lémbrese o caso de enriquecemento ilícito do fillo do Itzegvegovic, copresidente bosníaco-musulmán de Bosnia e Hercegovina). E isto ten que facerse co convencemento de que o desenvolvemento é unha precondición para unha estabilidade e paz duradeira.

Os programas de acción cultural, a miúdo esquecidos e frecuentemente considerados case unha frivolidade en rexións con necesidades aparentemente máis básicas, deben te-lo seu sitio na acción pacificadora. Un dos obxectivos prioritarios deberá se-la limpeza do odio nos corazóns como paso previo á pacificación das rúas e campos.

A coordinación de esforzos internacionais é outra das disciplinas pendentes. OHR (Secretaria do alto Representante para Bosnia e Hercegovina), OSCE (Organización para a Seguridade e Cooperación en Europa), EUMM (Misión de Monitorización da Unión Europea), SFOR (Forza de Estabilización para Bosnia e Hercegovina), KFOR (Forza da OTAN en Cosova), IPTF (Forza Internacional de Policía para Bosnia e Hercegovina), UNCA (Axencia da ONU para os Asuntos Civís), ACNUR (Alto Comisariado da ONU para os Refuxiados), WFP (Programa Mundial de Alimentos), WHO (Organización Mundial da Saúde), UNMIK (Misión da ONU para Cosova)... A ensalada de acrónimos que precede só é unha representación dalgunhas das axencias máis importantes que operan na zona. A esta lista hai que engadir moitas outras de menor importancia e as ramificacións de algunhas delas que a miúdo toman outros nomes. O labor de tanta organización sen un liderado nin unha axenda común crea un verdadeiro inferno para a xestión da crise permanente na que viven as rexións balcánicas. Se a isto sumámo-la acción das ONGs, que desenvolven programas que exceden o simple reparto de axuda, e comparten a miúdo espacios de actuación coas axencias e organizacións oficiais; o caos esta servido.

Por outro lado, o propio funcionamento interno das organizacións internacionais, e sobre todo dos organismos dependentes de Nacións Unidas, é moi deficiente. Sen dúbida hai moitas razóns, pero entre as máis notorias atópase a multinacionalidade e os seus problemas, sobre todo lingüísticos, pero tamén culturais. Tamén é notoria a actitude de “funcionarios”, no sentido máis pexorativo do termo, de boa parte do persoal da ONU, así como a falta dun claro liderado. Lembremos, por certo, o rexeitamento que algúns cidadáns de Bosnia e Hercegovina ou Cosova senten polos policías de Nacións Unidas (IPTF e UNMIK-P) de orixe africana ou asiática. Estes membros da presencia pacificadora internacional que deben supervisa-lo labor das policías indíxenas, non son rexeitados pola súa condición de estranxeiros, senón por procederen de países subdesenvolvidos. Así mesmo a dificultade para consegui-la continuidade no posto dos funcionarios internacionais nun contorno no que se fai duro vivir para os occidentais máis aló dalgúns meses, crea tamén problemas ó funcionamento das organizacións.

O emprego de forzas militares en funcións como as que se desenvolven actualmente en Bosnia Hercegovina, Cosova e Macedonia tamén merece certa reflexión. Non hai dúbida de que nin o equipamento, nin a formación do groso das mesmas son as máis adecuadas para moitas das tarefas que se levan a cabo: control de masas, orde pública, seguridade de enclaves con minorías, etc…Nalgúns casos sería bo mudar soldados por policías.

Outros aspectos a comentar superan amplamente o ámbito da actuación nos Balcáns e teñen que ver coa utopía dunha nova orde internacional. A chamada Comunidade Internacional é un concepto oco, case carente de significado ó que, sen embargo, se invoca a miúdo nas zonas de conflicto. Nin sequera, como se dixo, equivale a “Occidente”, pois en materia de acción exterior occidente tampouco non significa nada. Cada estado “occidental” semella te-la súa propia axenda. Isto foi moi visible nos Balcáns. Sen embargo, compre actuar cun rumbo fixo e sen cambaleos, é necesario para que a presión pacificadora exterior teña efecto. Resulta, pois, preciso dotar de voz e personalidade política á chamada Comunidade Internacional.

Por outro lado deberían facerse esforzos para a potenciación da compoñente civil nos primeiros momentos das intervención pacificadora, para facilita-la súa integración ou polos menos a súa coordinación estreita coa acción militar e policial.

Por último unha das poucas certezas neste “mar” de leccións por aprender, é que a pacificación e democratización duradeira na zona ten que pasar por un proxecto que considere ós Balcáns como unha rexión xeopolítica. Unha rexión preñada de nacionalidades, sensibilidades, linguas e culturas diversas pero con problemas compartidos e con intereses que deberán tamén aprender a compartir. Esta é a súa única esperanza.


Ángel Segundo Gómez González é capitán do Exército de Terra; xefe dun equipo de observadores da misión da Unión Europea en Bosnia e Hercegovina, (1998); formador de supervisores electorais da OSCE (BiH. 1998); oficial de operacións da Brigada Multinacional Oeste de KFOR (2000-01); secretario do Comité Rexional Conxunto de Seguridade da Rexión de Pec/Pejë (Oeste de Cosova).

 
 

 

Referencias bibliográficas

ANDRIC, Ivo: Bosnian chronicle. Arcade Publishing Inc, New York, 1993.

BARRY, Robert: Put OSCE in charge of Balkan Policy. Wall Street Journal, european edition, London, 1999.

BENNETT, Christopher: Iugoslavia bloody collapse (causes, course and consequences). Hurst&Co, Londres, 1995.

CAMBIGIOSU, Carlo (chefe de KFOR IV): COMKFOR’s message for the new year. Dialogue (publicación periódica de KFOR), special new year issue, 2001.

Canadian Peacebuilding Coordinating Committee: Towards a lessons learned framework for NGOs in Peacekeeping, A preliminary report by the Otawa, march 1999.

DJORJEVICH, Jovan: Yugoslavia. Democracia Socialista. Fondo de cultura económica, colección popular, Mexico, 1961.

European Commission, Unmik Reconstruction Dept.: Kosovo: Reconstruction 2000, april 2000.

GARTON ASH, Timothy: Estamos perdiendo la paz. El País, Madrid, 2000.

HAYDEN, Robert: Bosnia: The contradictions of democracy without consent. East European Constitutional Review 7:2 , 1998, pp47-51.

HOLBROOKE, Richard: America, an European power. Foreign Affairs magazine, march/april, Council of Foreign Relations Inc, 1995.

HOLBROOKE, Richard: El mayor fracaso colectivo de Occidente. Estudios de política exterior, SA, Madrid, 1999, pp85-97.

HOLBROOKE, Richard: Para acabar una Guerra. Ed. Biblioteca Nueva, colección de política exterior, Madrid, 1999.

HUNTINGTON, Samuel: The clash of civilizations and the remaking of world order. Simon & Schuster, Nova York, 1997.

International Crise Group Reports: Waiting for UNMIK: Local administration in Kosovo, Balkans report num 79, Pristina/Washington/Brussels, 18 october 1999; What happened to the KLA, Balkans report num 88, Pristina/Washington/Brussels, 3 march 2000; Montenegro: In the shadow of the volcano, Balkans report num 89, Pristina/Washington/Brussels, 2000.

International Management Group: Sanitation damage assessment, outubro 1999; Transport management assessment, 1999; Kosovo building assessment, april 2000.

JAKOBSEN, Peter Viggo: Western use of coercive diplomacy: A challenge for theory and practice. Houndsmill, Macmillan Press Ltd, 1998.

JAKOBSEN, Peter Viggo: The strategy of coercive diplomacy: Refining existing theory to post Cold War realities (En Strategic coercion: concepts and cases). Oxford, Lawrance Freedman Eds, 1998, pp61-85.

KOSTOVIC, Denisa & CIRKAJOVIC, Zoran: On the precipice. (Consultado en Internet), 1998.

LAYNE, Christopher: Faulty justifications and omninous prospects. NATO’s victory in Cosova. Policy analysis, (consultado en Internet), 1999.

LEFEVRE-CHOLAY, Helene: Maternal, Child and reproductive health in Cosova. Organización Mundial da Saúde, 1999.

MALCOM, Noel: Bosnia: A short history. New York University Press, Nova York, 1996.

MICHNIK, Adam: En los armarios de Europa hay fantasmas. El País, 16 de abril de 2000.

PANTIC, Drazen: After the fall. Meia issus journal (volume 13, num 3), The freedom forum, Nova York, 1999.

PELEMAN, Johan: Gli stati-máfia: Dietro lle quinte dei regimi balcanici. Roma, Revista Italiana dei Geopolítica (quaderni speciali: Cosova, l’Italia in guerra, suplemento ó nº 1/99, pp59-72.

Regional Environmental Centre for Central and Eastern Europe: Cosova within: Strategic environmental anlysis of Albania, Bosnia and Herzegovina, Kosovo and Macedonia, june 2000.

TAIBO, Carlos: Para entender el conflicto de Kosovo. Los libros de la catarata. Madrid, 1999.

United Nations Development Group: Kosovo-United Nations partnership for human development strategy, 17 november 1999.

VIDAL-FOLCH, Jaime: Bernard Kouchner: Gobernador de Kosovo. El País Semanal, 26 de diciembre de 1999.

WEST, Rebecca: Black lamb and grey falcon. A journey through Yugoslavia. Canongate Classics, Edimbourg, 1997.

WESTENDORP, Carlos: Lessons Bosnia taught us. The Wall Street Journal. Nova York, 1999.

World Bank, European Commission: Towards stability and prosperitá. A program for reconstruction and recovery, november 1999.

ZIMMERMANN, Warren: The last Ambassador. Foreign Affairs magazine, march/april 1995, Council of Foreign Relations Inc.

 
 

 

Notas

(1) Como ben se sabe o nome oficial de Macedonia no ámbito internacional é o de FYROM (Former Yugoslav Republic of Macedonia) /ARYM (Antiga República Iugoslava de Macedonia).

(2) “Logo de viaxar por Bosnia durante quince anos, e de vivir en aldeas musulmanas, croatas e serbias, non podo cre-la afirmación de que o país sempre ferveu en odios étnicos”. Malcolm, Noel, 1994. Citado en HOLBROOKE, Richard: Para acabar una Guerra. Ed. Biblioteca Nueva, colección de política exterior, Madrid, 1999, p87).

(3) Os datos que aparecen no cadro 1 deben lerse tendo presente que a poboación en Bosnia e Hercegovina antes da guerra era escasamente superior ós 4 millóns de habitantes.

(4) 7 eran os veciños de Iugoslavia; 6 as repúblicas constituíntes; 5 as nacionalidades; 4 as linguas faladas; 3 as relixións practicadas; 2 os alfabetos; ...e 1 único partido político e un único estado no que se encadraban todos.

(5) Tiven ocasión de coñecer de primeira man de habitantes de Pec/Peja relatos de como se impartían as clases ós nenos en casas particulares que ían mudando periodicamente coa finalidade de reparti-la carga e de reduci-lo risco de ser descubertos.

(6) Ver voz Macédoine na Enciclopedia Larouse Gastronomique, Humlyn publishing group, Londres, 1998.

(7) LEFEVRE-CHOLAY, Helene: Maternal, child and reproductive health in Kosovo. WHO, 1999.

(8) Kosovo building assessment. International Management Group, abril 2000.

(9) Fronte a 7,3/1000 que é a media europea.

(10) LEFEVRE-CHOLAY, Helene: Maternal, child and reproductive health in Kosovo. WHO, 1999.

(11) Idem.

(12) Orzamento definitivo de Kosovo 2000.

(13) Towards stability and prosperity. A program for reconstruction and recovery. European Commission / World Bank, november 1999, p37.

(14) European Agency for Reconstruction.

 
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/09/2002