Tempo Exterior nº 4 segunda época - xaneiro/xuño 2002Volver ó sumario
 
Entrevista a Claudio Lozano
“En Arxentina asistimos a unha crise de réxime”


Te
 
 

Te: ¿Cal é a natureza principal da crise arxentina? ¿De que fracaso estamos a falar?

Claudio Lozano: Paréceme importante destacar que non se trata dunha crise restrinxida a algún aspecto da vida da nosa sociedade senón que se trata dunha crise de carácter xeral. Cando digo xeral, refírome á crise dun réxime que implantou as súas bases a partir da dictadura militar, en 1976, e con trazos que se agudizaron de maneira moi importante durante a década pasada. Neste sentido, ó falar de crise de réxime debemos ter en conta que se trata dunha crise que comprende tódolos aspectos. Arxentina atravesa un colapso económico, social e político. A crise é de tal envergadura que resulta imposible imaxinar que se poida reproducir con cotas elementais de consenso. Para ser máis claro, diría incluso que se trata da primeira crise de hexemonía que viven os sectores dominantes na Arxentina dende a dictadura militar ata agora, unha crise na que, dunha banda, existe unha situación de conflicto no interior da estructura do poder, é dicir, as diferentes faccións do poder económico en Arxentina non logran sintetizar unha estratexia común nin logran realiza-los seus intereses sen conflictividade; e, ó mesmo tempo obsérvase tamén outro trazo que fai distinta esta crise respecto a outras anteriores: hoxe hai niveis de mobilización e de organización da sociedade en tódolos campos que teñen autonomía respecto ós factores de poder económico e político tradicionais.

Te: ¿En que medida están imbricados os factores exterior e interior na xestación da crise?

Claudio Lozano: O réxime de acumulación en Arxentina dende 1976 en diante contou con dous mecanismos fundamentais para instituírse que teñen que ver coa apertura xeral da economía arxentina e basicamente coa apertura simultánea, tanto da conta de comercio exterior do país como da conta de capitais, é dicir, tanto apertura ó ingreso irrestricto de bens como apertura ó ingreso e egreso de capitais. Esta dobre apertura brindou as condicións idóneas para o tipo de ordenamento que a Arxentina tivo en termos económicos, e ese ordenamento definiu a configuración dun réxime que se pode caracterizar como de acumulación financeira e transferencia permanente de recursos ó exterior que asentou en dous piares. Dunha banda, o factor do endebedamento externo que foi o punto de articulación fundamental da economía arxentina co sistema económico internacional, ¿de que maneira? O endebedamento externo transformouse nunha masa de fondos que a cúpula empresarial captaba a baixas taxas de interese no sistema internacional para logo colocar no sistema financeiro local a taxas máis elevadas; esa renda, transformada en divisas, derivábase ó exterior. Ese mecanismo de acumulación financeira instituíu a ganancia financeira como a clave arredor da cal se ordenaban o conxunto de procesos económicos. Este primeiro piar foi pois o endebedamento.

O segundo, que permitiu consolidar este proceso, foi o papel que cumpriu o Estado, que dalgunha maneira promoveu toda esta situación con tres mecanismos. En primeiro lugar, en distintos momentos foi absorbendo a débeda que tomaban os grupos privados. A súa función foi a de estatiza-los pasivos, as débedas dos grupos privados. A segunda función que cumpriu o Estado foi dar vida ó sostemento dun déficit fiscal importante, en grande medida inducido polo propio endebedamento. Incrementaba os niveis da taxa de interese tomando fondos no mercado local, co cal permitía que a taxa de interese local fora moi diferente e moito máis alta que a taxa internacional, é dicir, viabilizaba a diferencia en termos de renda financeira extraordinaria que se realizaba financeiramente na Arxentina. E en terceiro lugar, o propio Estado saíu a adquirir fondos, el mesmo, en divisas de fóra para que as ganancias financeiras dos grupos privados puideran pasarse de moeda local a moeda externa. En suma, o Estado absorbeu a débeda privada, mantivo un déficit para eleva-la taxa de interese e garantir unha renda financeira importante respecto á internacional, e, en terceiro lugar, endebedouse incluso para poder garanti-la fuga de recursos ó exterior.

¿Que produce a crise hoxe? Como durante os últimos 25 anos prodúcese cando algunha destas dúas magnitudes, o endebedamento ou o Estado se ven dalgunha maneira alterados. En 1982 deuse a primeira crise, producida porque houbo un cambio de orientación nos fluxos financeiros internacionais que deixaron de ir cara a países coma o noso e comezaron a ir cara o centro; o punto de inflexión foi a crise mexicana; aí se produce a primeira crise deste réxime en Arxentina. O segundo momento de crise no país foi en 1989; daquela o problema non era tanto a modificación no cadro internacional senón o feito de que o Estado se endebedara ata tal limite que directamente quebraba, o que produciu un proceso hiperinflaccionario. En 1995, no marco do que se deu en chamar o “efecto tequila”, produciuse un recorte no ingreso de fondos na Arxentina e decreta outra terceira crise.

A crise na que estamos hoxe, a cuarta, é moito máis profunda porque se dan os dous factores simultaneamente. Dende mediados de 1998 rexístranse cambios no funcionamento da economía mundial que inciden no destino dos fondos e reducen os destinados ós nosos países, pero ó mesmo tempo Arxentina presenta unha situación na que o Estado aparece absolutamente sobreendebedado e cun balance de divisas que é alarmantemente negativo. Polo tanto, nin hai a mesma posibilidade de endebedarse nin o Estado arxentino está en condicións de soste-lo seu papel activo como promotor do endebedamento que tivo no pasado. A superposición de ambos factores decreta o final do réxime, o seu colapso, abrindo un esquema de reordenación do conxunto da economía e do proceso de acumulación local para comezar a transferir de maneira neta sen ingreso algún.

Te: ¿Como se reparten os papeis a dictadura Alfonsín e Ménem?

Claudio Lozano: A dictadura é o momento de implantación deste réxime sobre a base do xenocidio dictatorial, e a apertura simultánea da conta de capital e da conta de comercio exterior. A dictadura cumpre a función de rachar, por vía do xenocidio, toda a resistencia política que puidera existir en Arxentina a unha orde desa natureza; e, en segundo lugar, xeneraliza, por vía da apertura, as condicións para a vixencia deste réxime. A tendencia da economía arxentina nos últimos 25 anos foi a seguinte: maximizou a inversión financeira e deteriorou a inversión productiva. O fenómeno ten que ver non soamente coa maneira de operar dos bancos. As grandes firmas nos diferentes mercados que calculaban a posibilidade de multiplica-los seus excedentes no campo financeiro, destinaban os fondos apropiados nos seus mercados pola actividade productiva a reproducirse no circuíto financeiro dominantemente. A baixa inversión productiva, nun contexto de apertura e ingreso de producción importada provoca o inevitable deterioro da estructura productiva e un profundo proceso de desindustrialización, que implica unha expansión da taxa de desocupación que preme á baixa os niveis de ingreso do conxunto da poboación e fundamentalmente dos asalariados.

Ese esquema implantado pola dictadura funcionou tamén durante o réxime institucional, máis alá dalgúns intentos de reordena-la situación que fracasaron e que basicamente son os impulsados durante a etapa de Alfonsín, o período que vai de 1984 a 1986-7. A xestión alfonsinista capitulou fronte ós intereses que promovían o statu quo e directamente, Ménem asume, dunha maneira orgánica, a representación e afondamento deste tipo de rumbo. Tanto no caso do peronismo como do radicalismo, as transformacións que se foron dando na Arxentina, propiciaron a ruptura das condicións sociais que permitiran emerxer ós movementos políticos de signo popular que tanto o peronismo como o radicalismo encarnaban, é dicir, que no momento en que asume o radicalismo con Alfonsín, no momento en que asume Ménem co peronismo, as coalicións sociais que algunha vez representaran directamente deixaran de existir. Consecuentemente, a capacidade de sustenta-las mesmas estratexias que nalgún momento impulsaron, pereceron rapidamente.

Te: O proxecto de destrucción da capacidade industrial do país ¿agrávase con Ménem?

Claudio Lozano: Esa tendencia de maximiza-la inversión financeira e minimiza-la inversión productiva comeza a partir da dictadura militar. Agrávase durante a década peronista, pero comeza coa dictadura militar. Hai catro tendencias permanentes no último cuarto de século na República Arxentina. En primeiro lugar, o sistemático e permanente proceso de expansión do endebedamento externo. A débeda pasa desde 7.500 millóns de dólares en 1975 ata practicamente 140.000 millóns de dólares en termos de débeda pública e case 200.000 millóns de dólares se un toma débeda pública e privada. O segundo proceso é o da reestructuración productiva que implica a desindustrialización do país cunha caída do peso relativo da industria respecto ó total da economía de Arxentina e unha profunda concentración en poucas mans do poder económico, á par que unha ruptura das relacións de productividade entre os diferentes sectores onde as grandes firmas que operan na Arxentina en lugar de contar con provedores dentro do país, acoden ó exterior. A terceira tendencia é a distribución inxusta do ingreso que se vai agrandando durante toda esta etapa. E a cuarta tendencia é a privatización progresiva das funcións do aparato estatal, tanto en termos regulatorios como a directa e expresa expulsión do Estado de certas actividades que retiña como actor empresarial.

Te: ¿Como se chegou á caída da Alianza e á sucesión de cinco presidentes en dúas semanas?

Claudio Lozano: En termos sociais, na Arxentina do último cuarto de século hai unha verdadeira estratexia da desigualdade que se expresa en termos dun permanente proceso de pauperización das diferentes capas da poboación. Para dicilo con números concretos, en 1975, Arxentina tiña 22 millóns de habitantes e menos de 2 millóns de pobres; hoxe Arxentina ten 37 millóns de habitantes e 15 millóns de pobres. En 25 anos expandiuse en 15 millóns a poboación e en 13 millóns a pobreza. É unha expresión bastante gráfica da dimensión da involución social no noso país.

Esta involución define outro trazo clave do proceso social que ten que ver coa tendencia ó declive das capas medias que foron sempre o signo principal que diferenciou a Arxentina do resto de países de América Latina. É patente unha caída brutal do nivel de vida das capas medias. Cando un observa a composición dos sectores que se atopan baixo a liña de pobreza, seis de cada dez pobres proceden desas capas. Durante todo este tempo os sectores dominantes do país, da man deste réxime de acumulación financeira lograron independiza-la súa sorte da evolución do ciclo económico, é dicir, non soamente gañan cando a economía crece senón que tamén cando a economía está en depresión. Consecuentemente, o que se produce é un fenómeno onde cando a economía crece eles crecen máis, e cando a economía declina, eles seguen crecendo. Isto conduce a un proceso profundo de ruptura de calquera tipo de pacto o que orixina unha significativa desagregación social que subverte as bases elementais para configurar un proceso democrático.

Estas son as razóns do colapso social. Por outra banda, témo-lo colapso político. Se ben un pode afirmar que a dictadura foi o momento de implantación, dos 25 anos de réxime, 19 déronse durante a presente etapa institucional, é dicir, baixo un sistema teoricamente democrático, polo tanto comeza a percibirse tamén que 3 de cada 4 anos dos transcorridos se viviron baixo este réxime institucional e isto implica que o conxunto das institucións que o sostiveron quedaron fronte a sociedade como validadoras do proceso de declive que a Arxentina viviu. É dicir, hai un profundo proceso de deslexitimación que incorpora o outro elemento, a crise política, en termos de crise de representación que non ten que ver estrictamente co partidario senón que atravesa o conxunto das institucións: partidos, sindicatos, igrexa e demais; implica o desprestixio do Parlamento, da Xustiza, e ten que ver co feito de que institucións ou organizacións que son ou deberan ser portadoras de intereses colectivos son percibidas polo conxunto da sociedade como subordinadas ó interese privado.

No colapso que se vive hoxe sobreimprímense as tres crises. É o final dun réxime de acumulación e ó mesmo tempo un desbordamento do proceso de desigualdade do último cuarto de século, é unha situación diría case extrema en termos de crise de representación. Isto é todo o que está por detrás do que comeza a acontecer e manifestarse cos diferentes cambios en materia institucional que tivo Arxentina que revelan a dificultade do sistema político tradicional para estabiliza-la situación tanto porque o réxime de acumulación está colapsado como porque a súa crise de representación é tan formidable que non ten capacidade algunha para reverter cotas elementais de consenso no contexto social actual.

Te: ¿Que papel desempeñan os movementos sociais na crise, refírome ós piqueteros, as asembleas populares e outros?

Claudio Lozano: Ten que ver co que intentaba propor como dato diferenciador da crise, ó entender esta como unha crise de hexemonía, como a primeira crise de hexemonía que se produce na Arxentina despois da derrota popular vivida a mediados dos setenta por efecto da dictadura militar. O ano 2001 é un punto de inflexión histórica na experiencia política dos sectores populares na Arxentina. Dende 1976 en diante houbo no noso país diferentes momentos de resistencia encarados dende distintos niveis con distintas magnitudes, algúns fracasaron, outros creceron, pero houbo unha experiencia de cuestionamento da orde que se estaba implantando. Pero o ano 2001 é un ano de formidable mobilización popular que non comeza o 19 e 20 de decembro como dalgunha maneira se suxire ás veces. A comezos de ano, o goberno da Alianza intentou nomear como ministro de economía a López Murfy, un paladín do liberalismo arxentino. A simple mención do seu nomeamento implicou unha mobilización social formidable cunha fractura a nivel do goberno da Alianza que impediu a súa toma de posesión. Cando asume Domingo Cavallo como titular dese ministerio o fai cun discurso diferente ó que historicamente o caracterizara. Algúns analistas chegaran a dicir que estabamos en presencia dun Cavallo reactivador, keynesiano e demais. Rapidamente modificou o seu discurso e comezou a aplica-la política de déficit cero pero cun nivel de mobilización importante en todo o país. Logo tivémo-las eleccións do 14 de outubro nas que a advertencia da sociedade foi moi importante porque o goberno de De la Rúa perdeu en só 2 anos 5 millóns e medio de votos e o Partido Xusticialista, que gañou as eleccións, gañou cun millón de votos menos que os recollidos 2 anos antes, é dicir, quen gaña, gaña perdendo. En parello, prodúcese unha expansión notable de electores que deciden non ir votar, que anulan o seu voto explicitamente ou que votan en branco. Se sumámo-los tres niveis, a súa magnitude supera incluso á primeira forza electoral. Houbo unha expresión concreta da sociedade.

Por último, previamente ó 19D houbo unha xornada de mobilización popular moi significativa, unha experiencia que fomos impulsando algúns sectores que converxemos no chamado Fronte Nacional contra a Pobreza. Convocamos unha consulta popular dende as propias organizacións para consegui-lo aval da sociedade a un proxecto de redistribución do ingreso como criterio do reordenamento do proceso económico. Nesa consulta popular, que non era convocada institucionalmente, que se organizaba dende a propia sociedade, votaron máis de 3 millóns de persoas, superando calquera das expectativas que nós mesmos tiñamos. Houbo, pois, un proceso de acumulación e de mobilización social moi importante que termina materializándose e expresándose o 19 e 20 de decembro fronte ó que, en todo caso, debemos caracterizar como unha estratexia de desestabilización institucional. O 19D non obedece a unha estratexia discutida por parte das organizacións que impulsan os movementos sociais senón que foi unha estratexia institucional de desestabilización inducida polo Partido Xusticialista co apoio de certos grupos de empresarios para desprazar a De la Rúa e abrir unha nova etapa no funcionamento da economía.

Te: Na súa opinión entón, ¿os saqueos foron resultado da manipulación?

Claudio Lozano: Absolutamente. Pero a diferencia dun proceso similar que vivimos en 1989 (a saída de Raúl Alfonsín e a solución de Ménem foi precedida dun proceso de saqueo e demais inducido polo Partido Xusticialista) a capacidade de control sobre o conflicto e a mobilización social foi menor. Daquela existía unha oferta política do sistema tradicional, había un goberno que asumía, era o goberno de Ménem, con plena lexitimidade electoral e ó mesmo tempo contaba cunha estructura sindical tradicional vinculada ó Partido Xusticialista que tiña capacidade de control sobre a mobilización e o conflicto social. Polo tanto podíase pensar que os saqueos se podían controlar. Pero dende aquela foron crecendo novas organizacións, novas centrais sindicais, novos movementos sociais, novas experiencias a nivel empresarial de pequena e media empresa, todo un conxunto de novas realidades. E os vellos manipuladores que inducen o proceso de desestabilización non logran despois frea-lo nivel de mobilización social que se produce. Consecuentemente, irrompe a sociedade mesmo cando se insinúa a restricción das liberdades institucionais por medio do estado de sitio, ocupando literalmente as rúas do país. A sociedade interveu para pór límites á desestabilización institucional.

Hoxe existen na Arxentina numerosas organizacións sociais e incluso novas experiencias partidarias que se están xestando, autónomas respecto ós factores de poder económico e político tradicional. Esta é a diferencia clave e que por outra parte lle connota a situación de crise actual co dobre contido de ser unha situación social sumamente delicada pero ó mesmo tempo cunha considerable potencialidade en termos de abrirlle a porta a unha experiencia política máis interesante.

Te: ¿Pode haber espacios para pensar ou construír algún tipo de proxecto común alternativo?

Claudio Lozano: Como sempre acontece cando se dá unha crise de hexemonía hai dúas grandes posibilidades. Unha é que se consolide por diferentes modalidades un retomar o rumbo por parte dos sectores que expresan os intereses dominantes, é dicir, que novamente a dereita logre reordena-la situación. Por ela apostan os vinculados ó conxunto do sistema político tradicional, os factores de poder económico máis importantes na Arxentina e que se beneficiaron directamente de todo este proceso. Esta estratexia articúlase arredor de tres grandes claves: a primeira consiste en mante-la capacidade de desestabilizar economicamente cando se precisa, é dicir, mante-lo control sobre as principais variables do proceso económico para poder inducir por vía dunha maior crise procesos de reordenamento que lles favorezan; neste sentido, o goberno de Duhalde como goberno de transición non conseguiu aínda retomar minimamente as cotas de control que lle permitan resolver este problema. En realidade, Arxentina é hoxe fortemente dependente do que ocorra cos principais grupos empresariais que manteñen o control da oferta de divisas no país e do que ocorra con quen lle abre ou pecha o acceso ó financiamento externo como é o FMI. A primeira premisa é, pois, para a dereita, mante-la capacidade de desestabilizar economicamente. A segunda variable da estratexia consiste en profunda-la fractura e a fragmentación na sociedade, ¿por que vía? Garantindo que múltiples demandas que circulan hoxe nunha Arxentina en colapso non se poidan atopar nin sintetizar nunha estratexia común, é dicir, fractura-las demandas existentes. E a terceira característica consiste en situa-la responsabilidade da crise no sistema político. É dicir, o problema arxentino non é económico senón que obedece á corrupción do seu sistema político. Deste xeito, excúlpase o rumbo que tivo a economía sobre a crise e situase esta no campo da política. ¿Que se pretende? Atopar condicións materiais e simbólicas para retoma-lo rumbo con maiores cotas de autoritarismo e ordena-lo proceso arxentino na dirección que menos afecte ós seus intereses.

A estratexia que permitiría abrir unha perspectiva mais interesante implica, por unha banda, evita-la fragmentación, consensuar unha liña de actuación no campo dos sectores populares que permita unifica-las diferentes e múltiples demandas existentes, e en segundo lugar, revitaliza-lo sentido da política amosando a existencia de novas representacións, de novas experiencias sociais que efectivamente lle outorguen sentido á disputa pola construcción dunha sociedade distinta. Nese aspecto hai unha primeira experiencia que se está materializando que é a consulta popular organizada 48 horas antes da gran crise, impulsada por un abano moi grande de organizacións sociais e a Fronte Nacional contra a Pobreza. Logra manterse, esta opción garante a confluencia das diferentes reivindicacións e permite ir avanzando nun proceso de síntese que lle porá limites á estratexia de maior autoritarismo, transformando unha crise de hexemonía nunha crise orgánica.

Te: ¿Que forzas integran a Fronte Nacional contra a Pobreza?

Claudio Lozano: Está integrada polo que foi a primeira experiencia de resistencia da sociedade arxentina a partir da dictadura, o movemento de dereitos humanos, unha parte significativa das organizacións do movemento de dereitos humanos son parte desa Fronte Nacional. En segundo lugar, está integrada pola nova experiencia sindical, que se construíu no país, a CTA, que integra dentro de si a experiencia dos piqueteros. En terceiro lugar, acolle a todo un segmento de pequenos e medianos empresarios tanto do ámbito rural como industrial que se constituíron autonomamente respecto das vellas cámaras gobernadas polos grandes grupos de empresarios do país. Inclúe todo un espectro do movemento cooperativo, incluso co apoio de certo sector da banca cooperativa que conserva un peso aínda dentro do mundo financeiro arxentino. E finalmente recolle experiencias partidarias que se foron constituíndo sobre a base do debilitamento dos partidos tradicionais, nun polo que poderiamos definir como de centroesquerda e mesmo de esquerda como alternativa ás propostas actuais ou tradicionais. Todo ese abano é o que está integrado nesa Fronte: experiencias sociais, sindicais, empresariais e político-partidarias.

Te: ¿Como contempla-la saída da crise actual? ¿Podemos estar ante algo novo en Arxentina?

Claudio Lozano: Considero que hai boas perspectivas para que en Arxentina naza unha experiencia política. As propias enquisas revelan ese feito e vén sendo a explicación última de por qué razón hoxe, por primeira vez, o Partido Xusticialista goberna sen ser elixido. Non houbo eleccións anticipadas para elixi-lo novo presidente porque se hai eleccións, o candidato máis votado estaría fóra das estructuras tradicionais. Quen encabeza hoxe as enquisas é unha persoa que non pertence nin ó Partido Xusticialista nin ó Partido Radical. Refírome a Elisa Carrió que provén dunha escisión do radicalismo e que conformou un polo de centroesquerda que cuestiona permanentemente o rumbo actual. E sendo isto así tamén acontece que a un 60% non lle interesa ninguén. Ata a mellor candidata revela o final de certa forma de construír política en Arxentina, sostida fundamentalmente na idea de estructurar todo arredor dunha candidatura que resolva as cousas. Estase colapsando tamén esa forma de construcción. Requírense experiencias un pouco máis importantes que sexan capaces por unha banda de situar ideas, por outra, de garantir apoios máis transversais e que impliquen un nivel de participación da sociedade no control do proceso político.

A sociedade ten medo a delegar en alguén. Por iso cómpre abrir un proceso político de maior profundidade, que someta a discusión social os proxectos. Hai unha demanda dun cambio substantivo nas formas de construcción política e existen tanto a potencialidade como a perspectiva de que teña un desenvolvemento exitoso.

Te: Ademais da crise de representación hai límites para o movemento asembleario. ¿En que se debe transformar?

Claudio Lozano: O colapso do sistema político e a crise de representación é tan importante que baleirou en gran medida o discurso. Non chega con enunciar, para construír política cómpre vincula-lo discurso cunha acción concreta. Dalgunha forma esgotouse aquela maneira de conducirse consistente en reivindicar do Estado para que sexa quen todo o resolva. O problema das asembleas nese sentido é que rematan nun clima de reivindicación que de non realizarse rapidamente conduce ó retiro da sociedade dese espírito de discusión que se foi xeneralizando. O único que lle pode dar perspectiva ás asembleas populares é que ademais dese enunciar cousas que deben facerse, poida asumir con este maior nivel de mobilización, o control da xestión da situación de emerxencia que se está vivindo. É dicir, que se poida materializa-la participación nunha nova institucionalidade que asuma o control dos recursos que hoxe xa se asignan. Por exemplo, que os proxectos sociais programados polo Estado, en vez de asignalos por vía dos mecanismos de corrupción vixentes, que sexa a sociedade quen empece a determinar como se asignan. A experiencia está amosando que as asembleas que crecen son aquelas onde as persoas comezan a organizar modos de resolución concreta dos seus problemas, por exemplo, compras comunitarias que permiten abastecer ás familias, que discuten como se asignan os proxectos laborais, estratexias de novas formas de organización económica (troco), modos de garantir que actividades expulsadas do mercado poidan ser revaloradas pola comunidade e lles permitan resolver problemas de supervivencia.

Te: ¿Pode estar interesado Estados Unidos en continua-la crise para escarmentar ós europeos, dificulta-lo Mercosur e facilita-la imposición do ALCA?

Claudio Lozano: A estratexia norteamericana para a rexión obviamente non ten como obxectivo soamente Arxentina. O ALCA e o Plan Colombia son claves fundamentais dunha nova reordenación continental que pretende despraza-lo papel relevante que o capital europeo tivo en distintos países e, sobre todo, nos máis importantes, Brasil e Arxentina. Esa liña de actuación pretende afirmarse e segundo resulten os procesos sociais e políticos que se van dando pode atopar distintas maneiras de expresión. Non é imposible mesmamente que se o goberno de Duhalde non logra ordenar minimamente as disputas existentes no seo do bloque dominante, se aceleren situacións de caos que abran o camiño á gravidade do rumbo anterior e que sobre condicións e bases máis autoritarias pretendan reordena-lo rumbo en favor dos intereses americanos.

Tamén se está a discutir iso na Arxentina na medida en que existen estratexias de asentamento de bases no sur do país ligadas ó proxecto de escudo antimísiles. Arxentina, por exemplo, ten dificultades certas para poder acordar co FMI porque o apoio do Tesouro americano aparece condicionado. Por unha banda, Arxentina debe acompañar o voto contra Cuba na Asemblea de Nacións Unidas. Por outro, debe incorporarse como parte no conflicto bélico interno de Colombia. Por último, ademais da admisión das bases no seu territorio, a inclusión no ALCA debe ser expresa.

Pero cómpre dicir algo máis: en tanto o capital europeo se viu afectado na realización das súas ganancias extraordinarias por mor da desvalorización, asume unha postura de especial dureza co goberno arxentino, por exemplo, no interior do FMI. Unha postura así por parte de Europa e de España facilita e alenta aínda máis o aliñamento arredor do ALCA.

Pero calquera explicación que pretenda facer descansar nun único factor as causas da crise é unha explicación simplista e equivocada. Debemos ter claro que tódolos elementos compoñen a crise. Non é que Estados Unidos necesariamente vaia provocar un caos, pode darse se o contexto político así o permite.

Te: ¿Como vai afecta-la crise arxentina ó futuro do Mercosur?

Claudio Lozano: O Mercosur está en situación de terapia intensiva. Polas características do seu comezo, do nivel de dinamismo que implicou para a economía arxentina e o propio feito de darse o proceso de integración nun marco político de carácter neoliberal eliminou a posibilidade de que se afondase na integración real. Non hai tal cousa. Máis ben o que existe é un proceso no que se incrementou nalgún sentido o volume comercial, pero a integración en realidade non chegou a operarse como proceso certo. Ó contrario, Arxentina foi durante os últimos tempos un apéndice das estratexias norteamericanas na rexión o que debilitou ó extremo a realización do Mercosur e que se negou mesmo a establecer unha discusión sincera arredor do ALCA, como propuña o goberno de Brasil, que ó non ser seguida por Arxentina medita agora as condicións do ingreso no ALCA, deixando a un lado a estratexia de confrontación que foi a orixinaria. Se non se produce unha reversión das estratexias económicas e políticas na Arxentina, a capacidade de subsistencia do Mercosur vai ser moi baixa.

Te: ¿Como ve o papel de Europa, dunha Europa presidida por España, na crise?

Claudio Lozano: Foi moi evidente a actuación de España como representante dos intereses das empresas establecidas en Arxentina. Creo que incluso adiantou na súa presencia na crise. Piqué estivo con Rodríguez Sáa para tratar de evita-la desvalorización e os custes que suporía ós intereses empresariais españois. O que se observou foi unha decisión moi acentuada do Estado español de intervir como axente en representación das empresas españolas en Arxentina. A partir do momento en que se produce a desvalorización, as presións de parte española son cada vez maiores. No seu conxunto, Europa é máis esixente que Estados Unidos no FMI.

Te: Cunhas eleccións ás portas en Brasil, a resistencia de Chávez, a fortaleza do movemento indíxena en Ecuador, etc, ¿poderiamos falar da formación a curto prazo dun polo de poder en América latina?

Claudio Lozano: Hai un punto de inflexión a nivel internacional. Máis alá da crise arxentina, toda a estratexia iniciada despois da caída do muro baseada nunha inevitable asociación entre neoliberalismo e consolidación democrática, está visiblemente golpeada como pulo xeral. Promoveu ata o extremo a concentración, vulnerou a posibilidade de afirmacións democráticas, e coido que está na base da emerxencia de espacios de aglutinación como poder se-lo caso do Foro Social de Porto Alegre, fronte á experiencia de Davos. Hai signos en diferentes lugares do mundo e en América Latina en particular que amosan a emerxencia de estratexias distintas, no caso de Brasil pode ser así, igualmente no de Chiapas, o de Venezuela é o mesmo e certamente nese marco é onde se observa a tendencia a transformar ese reordenamento mundial sobre a base dunha estratexia absolutamente terrorista e xenocida como é a de Bush. Inventar unha guerra que está sostida sobre a base de combater unha pantasma que se despraza como obxectivo segundo corresponda, indica a existencia dun intento moi importante de tratar de preserva-los seus intereses con políticas de extrema dureza. Os funcionarios da Administración Bush para América Latina son do peor que podía haber, aqueles que teñen o historial máis tenebroso dos últimos tempos.


Claudio Lozano é director do Instituto de Estudios e Formación da CTA (Central de Traballadores de Arxentina).

 
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/09/2002