|
A República Checa contempla con sentimentos encontrados a proximidade da ampliación da Unión
Europea ós países do Leste, unha aspiración longamente acariñada que sen mingua da
vivacidade do sentimento europeísta tan estendido nestes lares, hoxe provoca acedos debates mesmo entre
os sectores tradicionalmente máis comprometidos coa idea da integración, pero a cada paso máis
devotos dun pragmatismo que trata de tirar proveito dun desacougo social que electoralmente podería ser
rendibilizado por unha mascarada de euroescepticismo.
Situada no corazón de Europa, Chequia, sempre atractiva e seductora por unha cultura e unha sociedade
dotadas dunha enerxía capaz de xerar revoltas tan esperanzadoras como a “primavera de Praga”, nos difíciles
tempos da militancia de Alexander Dubcek a prol dun socialismo de rostro humano final e tristemente malogrado,
afaise agora ós novos rostros xurdidos despois da caída do muro. A “revolución de veludo”
de 1989 deixounos a imaxe dunha transición con ruptura pero sen a penas crispación, da man da perestroika
de Gorbachov e de entidades como “Público contra a violencia” en Eslovaquia ou o “Foro Cívico” na
República Checa, que aglutinaron a base social necesaria para alentar un cambio histórico que mudou
de raíz a aparencia da Europa coñecida e que xurdiu das cinzas da segunda guerra mundial.
Goethe caracterizaba este país como “un continente dentro doutro continente”, habida conta, dicía,
que tiña de todo, excepto costa. A maxestuosidade dos seus castelos, a beleza das súas rúas
empedradas, e a cultura musical que se respira en todos e cada un dos seus cafés, fan da terra da “Frauta
Máxica” de Mozart, un lugar especialmente atractivo. No ano 2000, xunto con Santiago de Compostela e outras
cidades europeas, Praga ostentou o título, ben acaído, de cidade cultural. Cunha enorme contribución
ás artes (dende Dvorak ata Milos Forman, pasando por Kafka ou Alfons Mucha), a modernidade camiña
aquí inseparablemente da man dun moi estendido verniz cultural.
Cambio económico e crise social
Se antes da segunda guerra mundial Chequia se atopaba entre os dez estados industrializados máis importantes
do mundo, a reconstrucción impulsada na posguerra permitiulle recuperar rapidamente os seus niveis normais
de desenvolvemento, no marco do grupo de países do COMECON que lideraba a URSS. Na década dos oitenta,
sen embargo, a súa economía comezaba a resentirse do estancamento común nos países
de economía planificada.
A transformación cara a unha economía de mercado impulsada dende 1989, pese a contar de partida
con excelentes condicións para unha óptima adecuación (dimensións territoriais reducidas,
cunha man de obra cualificada e un tecido industrial menos anquilosado que noutros países do bloque), o
país perdeu confianza por mor dos continuos escándalos de corrupción. A pesares da chegada
masiva dos fluxos estranxeiros que contribuíron a fraguar certa estabilidade macrofinanceira, as desvalorizacións
da moeda local, a coroa checa, agravaron os principais problemas desta etapa: recesión, inflación
ascendente, elevada taxa de desemprego. A apertura ó exterior, coa progresiva liberalización dos
intercambios comerciais –simplificación das barreiras alfandegueiras e dos procedementos inherentes ás
operacións de importación–, facilitou a progresiva aproximación á Unión Europea,
unhas das prioridades da política exterior checa.
Ata tres fases podiamos distinguir nesta nova etapa. A primeira (1989-1992) está condicionada pola intensidade
en tódolos dominios, especialmente no político, instrumentando os mecanismos fundamentais para operar
tamén o cambio de rumbo no económico. Fronte á ilusión da primeira fase, engaiolante
pero non menos dura no plano da realidade, na segunda (1993-1998), caracterizada pola progresiva consolidación
do novo escenario, abríronse paso os escándalos políticos e as primeiras e agudas crises (recesión
dos primeiros noventa que se reproduce a finais da década cun período intermedio de bonanza) que
provocan un desapego notable de amplas capas da poboación. A terceira fase, na que nos atopamos, ven marcada
pola intensa implementación de políticas orientadas a encarreira-la estructura do país a tódolos
niveis con vistas á ampliación da Unión Europea, de xeito que Chequia se atope entre os primeiros
candidatos admitidos de pleno dereito.
A industria checa experimentou un intenso proceso de reestructuración, liquidou primeiro as empresas
mastodónticas, reconvertidas en firmas de mediano e pequeno tamaño, e favoreceu a súa inserción
na industria europea. Pero aínda que a súa presencia aumentou significativamente nos últimos
anos, resulta arriscado afirmar que a economía checa descansa nas pemes, xa que en 1999, por exemplo, as
750.000 pequenas e medianas empresas soamente contribuían nun 23 por cento do PIB e un 36 por cento das
exportacións. A industria checa amosa grandes vantaxes comparativas debido á elevada cualificación
da súa man de obra e uns menores salarios relativos, se ben padece aínda carencias nas áreas
de xestión e modernización da súa capacidade productiva. Actualmente, a participación
dos distintos sectores no PIB é moi similar á existente na maioría dos países desenvolvidos.
En 1998, o Financial Times consideraba a Chequia un dos países máis prometedores da rexión,
tanto pola súa localización xeográfica, como pola densidade do seu tecido industrial e outras
circunstancias xa sinaladas. O promotor externo atopa un réxime legal de investimentos plenamente asentado
e que lle confire idéntico trato ós locais. As primeiras restriccións foron totalmente eliminadas
e soamente a Czech Invest (Axencia Nacional para os Investimentos estranxeiros) mantén un mínimo
dirixismo para promove-la asistencia técnica. En abril de 1998 aprobouse un novo paquete de incentivos para
tratar de orienta-lo capital estranxeiro ás zonas máis deprimidas do territorio checo e dinamiza-los
proxectos máis viables (caso da adquisición da fábrica de camións Tatra pola sueca
Volvo). Por detrás de Hungría e Polonia, Chequia vén sendo o país da rexión
preferido polos inversores foráneos.
Respecto do proceso privatizador da propiedade pública da extinta República Socialista de Checoslovaquia,
cómpre sinalar que, a imaxe e semellanza do acontecido nos demais países do Leste, todo o procedemento
estivo condicionado por esa ambivalencia dúbida/crítica a respecto tanto da orientación final
coma do método a aplicar. A privatización non derivou en excesivos ingresos a maiores para un orzamento
estatal como moitos agardaban para financia-lo saneamento do sistema económico, incrementa-los niveis de
aforro da poboación e proporcionar un colchón que amortecese a inflación dos primeiros anos
da transición e os inevitables incrementos de prezos de artigos de primeira necesidade. Pola contra, as
privatizacións salpicaron a partidos e líderes políticos acusados de corrupción e de
enriquecemento ilícito. Foi o único elemento que realmente funcionou como constante entre tódolos
métodos experimentados, a modo de laboratorio de políticas económicas que a penas moi parcialmente
contribuíron a unha mellora significativa na percepción dunha cidadanía cada vez máis
desconfiada e distante respecto dos principais actores que impulsaron o cambio político e largamente beneficiados
por el.
O tránsito dunha agricultura en mans do sector público ata 1989 a outra privatizada, basicamente
culminado a día de hoxe, tivo especiais consecuencias negativas para a productividade que só agora
comeza a repuntar minimamente. No conxunto do sector primario, a propiedade privada é absolutamente dominante,
a excepción do sector mineiro. No secundario, acontece outro tanto, salvo nas grandes empresas siderúrxicas
e nas productoras de gas e de electricidade, en vías de reestructuración. O sector servicios tamén
está privatizado.
No ámbito financeiro, dos catro bancos comerciais checos máis importantes, o Banco de Comercio
segue a ser de propiedade estatal. O Banco de investimentos e de Correos, ó igual que o Banco Comercial
Checoslovaco e a Caixa de Aforros Checa foron privatizados recentemente.
O proceso privatizador en Chequia presenta aínda dous graves problemas por resolver: en primeiro lugar,
como converte-las antigas grandes empresas estatais en firmas eficientes nunha economía de mercado; en segundo
lugar, como xestionalas adecuadamente nun marco totalmente diferente a aquel no que foron creadas e que viña
a ser, en boa medida, a antítese do actual.
Nese controvertido proceso de cambio, as forzas sindicais, que sempre reclamaron maior transparencia e participación
nos procesos de reconversión e privatización, sitúan sobre a mesa os custes sociais. Entre
1998 e 1999, a taxa de desemprego chegou ata o 9,1 por cento e agárdase un significativo incremento unha
vez que a banca privatizada aplique novos plans de regulación de emprego. O sector terciario amósase
incapaz de absorbe-los novos excedentes. As axudas ós desempregados non alcanzan a toda a masa laboral desocupada,
as xubilacións anticipadas ós 55 anos estanse a ver con lupa e nos fogares a liquidez vai a menos.
En parello consolidase un grupo social minoritario que acumula grandes fortunas. Os desequilibrios sociais, moi
dispares en termos rexionais, derivan en ocasións en crises abertas que utilizan como chibo expiatorio á
poboación xitana, cada vez máis presente nas páxinas de sucesos dos xornais.
As autoridades checas amósanse totalmente incapaces de controlar con eficacia a inmigración que
vén do Leste. País ponte cara a riqueza abraiante da Europa comunitaria, a obriga de visados ós
seus antigos irmáns na causa proletaria (rusos, ucraínos, rusos brancos, etc), medidas introducidas
en ocasións baixo o pretexto do combate a unha criminalidade organizada que foi a máis en toda a
rexión, estimulou a xeneralización de practicas clandestinas que alimentan un suculento negocio.
En marzo do ano pasado os partidos extraparlamentarios de extrema dereita formaron un Bloque Nacionalsocialista,
de tinguiduras abertamente xenófobas.
O novo contexto político
O mapa político-partidario que xurdiu da desfeita de 1989 veuse caracterizando por unha intensa fragmentación,
máis suavizada hoxe pero non superada de todo. Nas primeiras eleccións de 1990 e 1992 compareceron
numerosas formacións que, pouco a pouco, erosionadas polas denuncias de corrupción, a indefinición
de obxectivos e o propio asentamento da política local, foron desaparecendo na súa inmensa maioría.
Entre as principais formacións políticas podemos citar ó Partido Socialdemócrata (CSSD)
de Milos Zeman, actual primeiro ministro, beneficiado nos últimos tempos polo pulo a unha campaña
de loita contra a corrupción e a pesar da criticada ausencia de cohesión nas súas políticas
públicas. O CSSD gañou as eleccións celebradas en 1998 cun programa fervorosamente partidario
da incorporación á Unión Europea, á OTAN e de estreitamento das relacións comerciais
con tódolos seus veciños. O Partido Democrático Cívico (ODS), de orientación
conservadora, é o principal partido da oposición. Está liderado por Vaclav Klaus, quen xa
foi primeiro ministro e se viu obrigado a dimitir en 1997 no epicentro dunha grave crise forzada polos escándalos
financeiros que se saldaron ademais coa escisión do propio partido, o que deu orixe á Unión
para a Liberdade (US). Cómpre citar tamén á coalición de centrodereita integrada pola
Unión Demócrata Cristiá e o Partido do Pobo Checoslovaco, a KDU-CSL. O Partido Comunista de
Chequia e Moravia, de Miroslav Grebenicek, conta con 24 deputados (12%) e 3 senadores (3,7%).
O sistema institucional é bicameral. Na Cámara de deputados asentan 200 titulares elixidos cada
catro anos por un sistema de representación proporcional. No Senado, 81 titulares elixidos polo sistema
maioritario, son elixidos cada seis anos. A lei electoral establece unha barreira mínima do 5 por cento
para restrinxi-lo acceso á Cámara das numerosas formacións políticas, se ben deste
xeito tamén contribúe a fomenta-la aparición de coalicións a miúdo inestables.
O Presidente é elixido cada cinco anos, por maioría simple das dúas Cámaras sen posibilidade
de reelección máis dun mandato. As próximas eleccións presidenciais terán lugar
en xaneiro de 2003. En 2002 deben renovarse a Cámara de deputados e o Senado.
O pluralismo e os mecanismos propios de toda democracia formal están presentes na vida política
checa. Pasada a relativa confusión dos primeiros anos da transición, a oferta política semella
rumbo de consolidarse, aínda que poden producirse algunhas recomposicións.
O actual goberno de Milos Zeman iniciou o seu andar minoritario en xullo de 1998, sen que ninguén apostara
en firme daquela pola culminación dunha lexislatura que está a piques de rematar. Sen embargo, soubo
gañarse a confianza do mundo dos negocios e tamén da propia poboación, dunha banda, ó
modera-lo proceso privatizador, doutra, ó retoma-la senda do crecemento a partir do 2000 e mesmo atraendo
unha cifra récord de investimento estranxeiro (4,5 millóns de dólares), o que controlou a
inflación e aumentou os salarios. No seu debe cómpre non perder de vista o elevado endebedamento
público que ascende ó 20,4% do PIB e o saldo negativo da balanza comercial. O programa de salvamento
da banca IPB, consistente simplemente na súa renacionalización, moi criticada no exterior (ó
igual que o parón da desregulamentación de prezos), que evitou unha catástrofe económica
e social de imprevisibles consecuencias.
Ese balance de xestión, globalmente positivo, non foi ata agora rendibilizado electoralmente polo CSSD.
Tanto nas eleccións parciais ó Senado de novembro de 2000 como no primeiro escrutinio rexional do
12 de novembro, ambos procesos resultaron gañados pola oposición. As perspectivas dunha alianza de
partidos minoritarios de centro dereita, aguilloada pola formación demócrata cristiá de Cyril
Svoboda, ábrese camiño no escenario político como único medio para derrotar ó
CSSD. Nas filas do partido gobernante, a sucesión de Milos Zeman, en primeira liña dende 1993, condiciona
o horizonte político inmediato. No Congreso celebrado na primavera de 2001, os socialdemócratas decidiron
apostar por Vladimir Spidla, ministro de emprego e asuntos sociais, para tratar de gaña-lo voto perdido
pola esquerda, mesmo sen renunciar a unha hipotética cooperación cos comunistas de Grebenicek que
manteñen unha cota electoral consolidada e respectable.
A sociedade civil mantén, por outra banda, o seu vigor tradicional. Abonde lembra-la ocupación
dos locais da televisión pública en decembro de 2000 por un grupo de xornalistas que transformaron
un conflicto inicialmente laboral noutro de dimensións totalmente diferentes, coa loita pola defensa da
liberdade de expresión como bandeira e na que participaron numerosos cidadáns con manifestacións
colosais de apoio na rúa durante varias semanas. Na calor dese movemento xurdiu a Liga Cívica e nesa
experiencia apóianse outros sectores para impulsar unha nova forza que aspira a influencia-la vida política,
o club Fénix Azul, que agrupa a numerosas personalidades da elite do país.
O divorcio de Eslovaquia
Os líderes checos e eslovacos permaneceron unidos durante a revolución de veludo pero pouco máis.
Esa unidade, cada vez máis circunstancial, atizada primeiro polas diverxencias entre Havel e Dubcek, atoparía
cada día obstáculos engadidos para afrontar un futuro en común. Dende a denominación
da República, ata o reparto de cargos (Havel presidente e Dubcek reducido a un papel simbólico) ou
a organización institucional do poder político nas dúas comunidades nacionais, as fendas abertas
abrían o camiño da secesión e a independencia, un vello ideal da clase política eslovaca
que atopou terreo abonado para sostela nos novos grupos políticos eslovacos que reclamaban unha transición
constitucional e democrática propia para o seu país. A victoria de Vladimir Meciar nas eleccións
de 1992 empuxa definitivamente o proceso de disolución da Federación. O 1 de xaneiro de 1993 nacían
dous novos estados en Centroeuropa, previa disolución de Checoslovaquia, mediante unha fórmula que
moitos eloxiaron como pacífica, certamente, o que non quere dicir exenta de tensións, non entre as
sociedades, pero si entre os principais líderes (Klaus e Meciar) e os seus respectivos gobernos.
O camiño da independencia resultou especialmente abrupto para Eslovaquia. Con cinco millóns de
habitantes, fronte ás ricas terras checas (Bohemia e Moravia) partía dunha situación tradicionalmente
máis desfavorable. Á inevitable perda das subvencións de Praga debeu suma-los gastos xerados
pola necesidade de organiza-la súa presencia política e económica exterior nas capitais máis
importantes do mundo. Un dos argumentos que alentaron a ruptura consistía precisamente en que a Bratislava
chegaba unha mínima parte (un 8 por cento, aproximadamente) do investimento estranxeiro total que recibía
o país e que prioritariamente se dirixía ós territorios checos. O empuxe económico
inicial do goberno de Meciar (ata un 7 por cento de crecemento do PIB) baseouse en empréstitos estranxeiros
que transmitiron socialmente a idea de que coa independencia podía irlles mellor, pero non se gañou
tempo ningún para evita-lo inevitable: a realización de reformas estructurais que de non efectuarse
podían levar ó colapso. De 1993 ata hoxe, os investimentos exteriores captados por Eslovaquia foron
moi reducidos (2.000 millóns de dólares fronte aos 9.000 de Chequia ou os 20.000 de Hungría).
A depreciación da coroa eslovaca en 1999 foi a consecuencia previsible dun déficit de orzamento crecente,
acompañado do negativo desenvolvemento da balanza de pagos.
No marco bilateral, os gobernos de Praga e Bratislava manteñen un bo nivel de cooperación. O comercio
non se viu alterado pola ruptura, facilitado pola fluidez do transporte a tódolos niveis entre os dous estados.
A rede ferroviaria é continua, aspecto de gran relevancia, e a rede de estradas e autoestradas foi mellorada
sensiblemente. O importante transporte fluvial, a través fundamentalmente do Vltava e o Labe que permiten
a navegación dende a mesma praga ata o Mar do Norte (Hamburgo), pero tamén do Danubio que alcanza
cidades austríacas e eslovacas, moi ben comunicadas con Chequia, facilitan o mantemento de relacións
económicas normais. No ámbito político, o intercambio de impresións e os acordos en
materia de migracións, defensa, cultura ou medios de comunicación, forman parte da dinámica
de relacións habitual entre os dous gobernos.
O grupo de Visegrad
A carón de Chequia, o grupo de Visegrad reúne a Hungría, Polonia e Eslovaquia. A constitución
desta alianza en 1991 respondeu á necesidade de desenvolver estratexias conxuntas e harmonizadoras dos procesos
de transición nos seus respectivos países, coa mirada posta na necesidade de impulsar unha rápida
aproximación á Europa comunitaria. Exceptuando Eslovaquia, todos eles foron admitidos na Alianza
Atlántica o 12 de marzo de 1999 e nos vindeiros anos protagonizarán o primeiro alongamento ó
Leste da Unión. Esa integración obrigará a reformula-los acordos asinados no seo do grupo,
a fin de se adaptar ás regulamentacións de Bruxelas. Eslovaquia non poderá a partir de entón
beneficiarse dos acordos arancelarios asinados, co que se liquidará en boa medida o espírito daquel
acordo.
Chequia, ¿un länder alemán?
As tensións entre Chequia e Alemaña son tan tradicionais como a veciñanza. Se en setembro
de 1938 Hitler procedía á anexión das rexións fronteirizas, despois da segunda guerra
mundial, os checos vingábanse expulsando a tres millóns de xermanos. Os que se quedaron no país
padeceron durante anos non poucas discriminacións sen que ninguén erguera a máis mínima
voz de protesta contra os atropelos. Despois de 1989, a presencia alemana regresaba ás súas prazas
e rúas e sobre todo á súa economía. Bonn, alargando o seu hínterland, ofrecía
financiamento xeneroso para unha transición rápida, cun nivel de entusiasmo e comprensión
que ningún outro país occidental estaba en condicións de realizar. En 1993, o Institut für
Weltwirtschaft, en Kiel, suxería que as fronteiras de Alemaña cos países do Leste crearían
unha especie de versión europea das maquiladoras, é dicir, unha economía fronteiriza do estilo
da existente entre México e Estados Unidos. A finais dese ano, o 10 por cento do total dos investimentos
estranxeiros directos de Alemaña realizábase na Europa do Leste. E na rexión de Visegrad,
Alemaña soamente era superada por Estados Unidos, a moita distancia dos demais países. Todos recoñecen
que Bonn é o país europeo que máis fortemente aposta pola ampliación ó Leste.
En xuño do pasado ano, o “Fondo de Futuro” constituído por Alemaña para indemnizar a 80 000
checos condenados a traballos forzados, dotado con 423 millóns de DM, comezou a efectúa-los primeiros
pagos, despois de dous anos de intensas conversas.
As negociacións coa Unión Europea progresan e novos capítulos se van pechando aproveitando
a orientación proeuropea tanto dos socialdemócratas como da maior parte das forzas políticas.
Un feito que contrasta co denominado eurorrealismo de V. Klaus, especie de euroescepticismo local que gaña
adeptos: segundo unha sondaxe de Sofres-Factum realizada en abril de 2001, menos do 50% dos entrevistados se pronuncian
a favor da entrada do seu país na UE. A compensación de poder participar nas eleccións europarlamentarias
de 2004 semella ós ollos de moitos claramente pírrica fronte ás numerosas restriccións
e sacrificios que deberán facer nos próximos anos ante a escasa receptividade de Bruxelas respecto
da solicitada introducción de períodos transitorios o máis extensos posibles para evitar situacións
traumáticas nalgúns sectores económicos.
Relacións entre Galicia e Chequia
A Cámara de Comercio de Lugo organizou o ano pasado unha visita á República Checa co propósito
de internarse no coñecemento deste mercado, pouco frecuentado polo empresariado galego. Toda unha norma
no que se refire ó conxunto dos mercados da rexión e que confirma o noso excesivo timoratismo, traducida
case sempre en ocasións perdidas. As nosas exportacións céntranse no área comunitaria
e moi escasamente nos PECO, onde, paradoxalmente, os nosos productos gozan de boa sona entre o público.
A balanza comercial con Chequia é deficitaria para Galicia por mor das importacións enerxéticas.
Ademais de coches (Skoda), os artigos téxtiles, plásticos e manufacturas constitúen o abano
esencial das importacións. Pouco a pouco, con menor ritmo do desexado, as empresas galegas van incrementando
a súa participación no mercado checo. Numerosos estudios reiteran dende comezos dos anos noventa
o gran potencial que representa toda esta rexión para a nosa economía, se ben no caso checo, unicamente
en 1994 a nosa presencia exportadora resulta minimamente digna de mención. As cifras, comparadas con Rusia
ou Polonia, son aínda insignificantes. O descoñecemento do país é probablemente a causa
principal que explica unha orfandade galega que portugueses, franceses e naturalmente alemáns aproveitan
en moito maior grado.
Noutro ámbito, as relacións universitarias nútrense esencialmente dos intercambios que
favorecen as becas Erasmus. En Galicia soamente dúas Universidades (Santiago de Compostela e Vigo) asinaron
convenios con outras tantas de Chequia. Na capital galega impártense clases de checo na Escola de Idiomas.
Houbo clases de lingua e cultura galegas na Karolinum Univerzita, pero o posto quedou baleiro e non parece haber
moito interese en cubri-la vacante. Na mesma Universidade, o catalán vai dispor dunha cátedra propia
e a lingua vasca conta cada vez con máis seguidores checos. ¿Será que Galicia soamente aspira
a ter unha presencia futura en Chequia e nos países do área tamén de veludo?
Beatriz Urgal Puentes é licenciada en Ciencias Políticas e colaboradora do IGADI.
|