Tempo Exterior nº 4 segunda época - xaneiro/xuño 2002Volver ó sumario
 
Carta aos lectores


Te
 
 

Canto máis alguén se empeña en reducir os problemas e contradiccións da sociedade internacional contemporánea ao maniqueo binomio terrorismo-antiterrorismo, máis o mundo se complica. Fronte ás esperanzas que timidamente emerxen en conflictos enquistados como o de Angola, de Arxentina ou Colombia ou Caxemira, as decepcións medran en mil e un lugares. Mesmo irrompen na vella Europa (Austria, Francia, Holanda, e se me apuran, Portugal) en forma de desencanto e frustración que o populismo dereitista consegue atraer para si, ante o desconcerto xeral duns actores políticos que non se recoñecen na súa propia mensaxe.

A complexidade do mundo actual mal acepta, sequera transitoriamente, simplismos que ocultan un empeño desmedido por asentar o dominio universal non soamente da hiperpotencia residual da guerra fría senón tamén dos Estados Unidos máis conservadores, máis preocupados por alentar o conflicto que por pacificar realmente. Pero non sabemos aínda o elevado prezo a pagar por descubrir a xenerosa inevitabilidade do mundo multipolar. Dende o 11 de setembro de 2001 imos a cabalo dunha nova volta de rosca sobre esa mutación histórica que arranca de 1989 e que cuestiona a fondo o valor dos diversos actores e dos discursos tradicionais.

En Tempo Exterior seguimos de preto o acontecer internacional procurando atender nesta entrega a dúas crises: a arxentina (Daniel Pereyra, Claudio Lozano), que afecta moi directamente aos galegos de aquí e de ultramar; e outra, a que afecta ás relacións de Occidente co mundo árabe musulmán (Chao Rego, Bichara Khader) que está no cerne da actual estratexia da Administración estadounidense. Completan o número a indispensable actualidade (Venezuela), a información e a reflexión (Cabo Verde, Balcáns, Chequia), acompañados dunha primeira entrega sobre a acción exterior de Galicia en América Latina, con contraste de perspectivas que incorporan puntos de vista desde a nosa comunidade autónoma (María Xosé Viqueira) e da outra beira do Atlántico (Enrique Peruzzotti e Marcela Villarrazo e Mónica Lorenzo).

Levamos anos dicindo que Galicia non pode desentenderse da evolución internacional. Non estamos limitados polas dimensións territoriais ou demográficas. O tempo que vivimos presenta desafíos e oportunidades que deben ser cabalmente aprehendidas e aproveitadas polos principais actores da nosa sociedade. Por iso cómpre pensar o exterior, pensar a relación de Galicia con Europa e co mundo, poñer a punto todos os nosos recursos, internos e externos, para propiciar esa integración democratizadora dunha sociedade internacional que ou é plural e diversa ou non é. Saudamos por iso dende estas páxinas a iniciativa de elaboración dun Libro Branco da acción exterior (http://www.libroaexga.com), que debe significar un punto de inflexión na percepción da importancia do exterior e na interiorización dese reconfortante discurso solidario e universalista que é tradición en Galicia.


O director.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/08/2002