| Cabo Verde: a globalización dunha economía de subsistencia | ||||
Como os outros países do sur chamados menos avanzados, Cabo Verde non escapa tampouco ás regras, malia non ser posuidor de recursos naturais, dos planos de reaxuste estructural impostos polo FMI e BM, a saber: equilibrio macro económico, abertura dos mercados, diminución dos gastos públicos, privatizacións... A anulación da débeda exterior sería unha oportunidade para Cabo Verde de orientar máis eficazmente os obxectivos, incrementar o desenvolvemento do sector da pesca e crear infraestructuras turísticas, sectores que consideramos máis dinámicos e de menos riscos, e máis sensibles á creación de emprego, para un país que ten a necesidade de importar case todo para satisfacer a demanda interna de consumo, nomeadamente no campo da alimentación, que depende en parte da axuda internacional. Cabo Verde, pequeno país insular de dez illas, cunha poboación de 434.263 habitantes, situado no Atlántico a 500 km de Dakar, asiste pasivamente ao aumento das desigualdades Norte-Sur . Dun lado, un crecemento continuo da riqueza, e doutro, o empobrecemento e o aumento da dependencia, debido ao crédito financeiro imprescindíbel para facer respirar unha economía de subsistencia, pois o 70% da poboación activa depende directamente da agricultura, un sector francamente deficitario que presenta resultados negativos desde hai varios anos. Cabo Verde forma parte dos países do Sahel. A poboación de Cabo Verde é nova. Cunha taxa media de 23 anos, a esperanza de vida estímase entre os 63 e os 65 anos, respectivamente para homes e mulleres, cunha taxa de crecemento e de mortalidade relativamente baixa, comparada coas dos países con taxa de renda media ou do mesmo nivel socio económico. Como ningún país pode existir independentemente da súa historia, sentimos a necesidade de divulgar unha síntese histórica e cultural, a mellor maneira de facer comprender e coñecer o Cabo Verde actual. Segundo os portugueses, estas illas foran “descubertas” en 1460, polos navegantes Antonio de Nolli e Diogo Gomes, enviados polo rei Afonso V de Portugal; Cabo Verde comeza a ser poboado en 1462. Máis do 70% da sociedade caboverdiana é mestiza, formada por africanos e europeos. Mestizaxe fronte a adquisición cultural africano-ocidental: a conxugación deses valores fixo florecer unha cultura orixinal nun país que non coñece problemas de racismo. “Negro-mestizo-branco”, non ten importancia; todos son caboverdianos co mesmo título, independentemente da cor da pel. No ensaio A Aventura Crioula, o escritor portugués Manuel Ferreira, pregunta: “¿Cabo Verde África? ¿ou Europa?”, e conclúe: “Cabo Verde = Cabo Verde”, pondo así en evidencia a orixinalidade cultural caboverdiana, a “Morabeza”. A colonización, que durou 500 anos, tentou en van marxinar a influencia preponderante da cultura africana na cultura caboverdiana, pero moi cedo, o caboverdiano tomou consciencia da esencia da súa cultura, nacida da simbiose do africano e o europeo, e valorando sobre todo as súas raíces africanas. A literatura caboverdiana singulariza o carácter propio da caboverdianidade. Cando Leopold Sedar Senghor fala da “negritude”, refírese a unha estructura cultural intimamente ligada ao sistema africano típico. En Cabo Verde a poesía non traduce o movemento revolucionario da negritude, senón que evidencia unha realidade diferente, identificando a loita grandiosa e vital contra unha natureza hostil, contra a persistencia de seca e a erosión permanente debido ás “lestadas”, os ventos alisios. Os temas culturais máis correntes da literatura caboverdiana son: a seca, a fame, a emigración, o mar, a evasión, o illamento, a insularidade, o amor, a saudade ou a simplicidade dunha existencia pacífica... todo iso sobresaíndo nunha expresión única, a “caboverdianidade” ou, aínda mellor, a “morabeza”. Para se expresar, o caboverdiano utiliza no cotián da súa vida o crioulo, que podemos definir como portugués clásico, con algunhas formas semellantes ao galego; encontramos no crioulo palabras con raíces en portugués, mais tamén palabras con orixe nas expresións vindas de dialectos africanos. O crioulo é unha lingua única e común, con algunhas diferencias de pronuncia e de vocabulario entre o grupo das illas do sur, chamado sotavento, e o grupo das illas do norte, chamado barlovento. O crioulo é expresivo e musical, é a lingua que traduce mellor o lirismo popular coñecido hoxe internacionalmente a través da música, gracias á diva dos pés nus, Cesaria Evora. A lingua portuguesa, considerada polo fundador da nacionalidade caboverdiana, Amilcar Cabral, como a mellor herdanza do colonialismo, é unha lingua administrativa e oficial. A pesar de non ter apoio escolar, o crioulo comezou a ser utilizado como lingua literaria a partir de fins do século XIX, e obtivo éxito cos escritores Eugénio Tavares e Pedro Cardoso, que influíron na creación en 1936 da revista “Claridade”, ou no principio de literatura moderna caboverdiana cunha poesía de loita, que pon en evidencia o ambiente socio cultural, económico e político das illas; unha poesía sen resignación nin fatalismo, como ensinaba a igrexa colonial, da que o único punto positivo foi o de poder estar na orixe da difusión do ensino en Cabo Verde, facendo que o país puidese coñecer cedo os seus escritores e homes de letras, como: Antonio Pedro, Jorge Barbosa, Baltasar Lopes, Manuel Lopes, Jaime de Figueiredo, Gabriel Mariano e moitos outros.
En 1956, Amilcar Cabral fundou o PAIGC (Partido Africano para a Independencia de Guinea e Cabo Verde ) e iniciou a loita para a independencia en Guinea. En 1974, despois de asinar un acordo entre o PAIGC e a xunta militar no poder en Portugal, instaurouse un goberno de transición, para preparar as eleccións dunha Asemblea Nacional Popular, que proclamou a independencia nacional o 5 de xullo de 1975. De 1975 a 1991, Cabo Verde foi gobernado polo partido único PAIGC/PAICV. As primeiras eleccións plurais, coa institución dunha democracia parlamentaria, só aconteceron en 1991. O partido gañador das eleccións foi o MPD (Movemento para a Democracia), liderado por Carlos Veiga, que destronou ao PAICV. Despois de dez anos de goberno de orientación centrista liberal do MPD, o pobo foi chamado ás urnas e, descontento co goberno desastroso –socialmente falando– e impopular do Movemento para a Democracia, escolleu de novo como alternativa ao PAICV de esquerda que, despois dunha oposición activa de 10 anos, presentou unha nova xeración de políticos liderada por Jose Maria Neves, que orientou e planificou a súa política para combater os erros herdados, para tentar inverter a balanza con programas como a loita contra a pobreza e conseguir melloras socioeconómicas dun lado, e cunha política de reaxuste da xestión económica por outro lado, que nun curto prazo aumentou o custo da vida para os cidadáns caboverdianos, e retomou o proceso das privatizacións comezadas e negociadas polo réxime político anterior. O caboverdiano ficou nunha situación de cortes de enerxía eléctrica e de teléfono, puntualmente, cando se atrasaba no pagamento das facturas de consumo. Os xestores de Electra (distribución de auga e electricidade) e Telecom teñen que lles presentar aos seus accionistas as contas, con probas de rendibilidade, e contan co monopolio na xestión e distribución dos seus productos e servicios de utilidade pública de primeira necesidade. Outra empresa estratéxica tamén privatizada foi a Enacol, distribución de combustíbeis; a mala xestión da privatización contribuíu á caída do MPD, con sospeitas de fraude de dous millóns de escudos caboverdianos; o expediente foi levado ao xulgado, e ultimamente o procurador xeral da república tomou a decisión de arquivalo. Na axenda das privatizacións fican aínda pendentes os TACV, a liña aérea nacional, a Empa, empresa de distribución, e a Transcor, empresa de transportes. O réxime caboverdiano é do tipo parlamentario, constituído nos termos da constitución nacional por un mínimo de 66 e un máximo de 72 deputados. A lexislación actual iniciouse o 13 de febreiro de 2001, cunha distribución parlamentaria de 40 deputados para o PAICV (Partido Africano para a Independencia de Cabo Verde); 30 deputados para o MPD (Movemento para a Democracia); 1 deputado para o PCD (Partido de Converxencia Democrática), 1 deputado para o PTS (Partido de Traballo e Solidariedade). A bipolarización parlamentaria é máis que evidente. Os edís municipais, ben que mal, fan a xestión dos municipios procurando, e realizando ás veces con éxito, irmandades con municipios europeos, principalmente en Portugal, España, Francia, Luxemburgo e Italia. O municipio da Praia, Illa do Santiago, con un cuarto da poboación total do país, ten os mellores recursos financeiros, e o máis pobre é o do Porto Novo, en Santo Antão. O municipio de Mindelo, en S.Vicente, bate a marca do desemprego, estimado nun 25%. O PIB foi de 604 millóns de euros no 2000, o PIB per cápita foi de 1.418 euros. O total das importacións en 1999 foi de 26.915 mil contos caboverdianos, (un conto=1.000 escudos caboverdianos). O desemprego no cuarto trimestre do 2000 foi o 21,3%. O país dispón de 88 hoteis con 2.391 cuartos e 4.475 camas. En 1999 entraron no país 65.279 estranxeiros. A diáspora caboverdiana contribúe moito á vida económica do país, con envíos das divisas para a subsistencia das familias na terra. A poboación emigrante é maior que a residente. As causas da emigración veñen dos problemas económicos e de traballo no país. Actualmente, a maior colonia de caboverdianos emigrados encóntrase nos Estados Unidos de Norteamérica; a seguir vén Portugal, Francia e Holanda. A flota da mariña mercante caboverdiana componse de 29 navíos, dos que 11 son para enlaces de longo percorrido e os restantes para viaxes entre as illas. O país conta con 500 pesqueiros e unicamente 334 están matriculados na capitanía dos portos. A flota envellecida é deficitaria neste sector tan importante para a economía nacional, fraqueza aproveitada pola competencia internacional. O goberno do PAICV estudia a posibilidade de convenios para cubrir estas fraquezas e pretende transformar a Dirección Xeral da Mariña nun Instituto Marítimo e promover, aínda neste ano, as accións concretas necesarias para que Cabo Verde pase a ofrecer un servicio internacional de rexistro de navíos. O instituto estará dotado de recursos humanos e materiais suficientes para o desempeño das accións de fiscalización e inspección, certificar pesqueiros, aplicar a lexislación marítima convencional, rexistros de navíos e xestión costeira. Son actividades susceptíbeis de crear empregos (extractos de A Semana). O gusto polo consumo e a abertura ao modernismo empurrou ao país cara ao modelo de economía liberal que se traduciu nunha desestructuración nacional baixo a forma de privatizacións de servicios públicos estratéxicos, como a distribución de auga e electricidade. Nun pasado recente, o non pagamento inmediato das facturas de consumo deses productos de primeira necesidade non implicaba necesariamente cortes arbitrarios, nun país onde ata o estado paga aos seus funcionarios con atrasos ás veces de meses. Despois da independencia, Cabo Verde explota a súa posición xeoestratéxica cunha maior aproximación e relación coa África continental, como membro efectivo da OUA (Organización da Unidade Africana) e a CDEAO (Comunidade de Países de Expresión Francesa do Oeste Africano). Voos comerciais Praia-Dakar son explotados conxuntamente polas compañías aéreas Cabo Verde Airlines (TACV) e a Air Senegal. A compañía caboverdiana fai tamén enlaces coas Illas Canarias e algunhas cidades da costa africana, nomeadamente para Guinea Bissau. O país ten boas relacións de cooperación coas outras antigas colonias portuguesas, en especial con Angola, cun activo de varios acordos de cooperación económica e cultural. Cabo Verde é membro do PALOP (Países Africanos de Lingua Oficial Portuguesa) e forma tamén parte integrante da CPLP (Comunidade de Países de Lingua Portuguesa: Cabo Verde, Guinea Bissau, S.Tomé Príncipe, Angola, Mozambique, Portugal, Brasil). Dunha posición de colonizador, nunha situación de sociedade estratéxica e económica, con acordo de cooperación no cambio que estipula a convertibilidade do escudo caboverdiano fronte á moeda portuguesa, hoxe euro, Portugal pasou a ser un investidor case que privilexiado en Cabo Verde, como accionista das empresas e servicios caboverdianos xa privatizados. Se Cabo Verde pasou a ter a súa primeira universidade (privada) na Praia no ano académico en curso, a formación de cadros nacionais ficará aínda durante algúns anos dependente das universidades estranxeiras. Cabo Verde ten voos comerciais ata as principais cidades europeas, nos países de residencia da diáspora: Lisboa, París, Amsterdam, e voos semanais aos Estados Unidos de Norteamérica e a Italia. A acción moderadora do Atlántico e dos ventos alisios produce nas illas un tipo de clima ameno: a época das chuvias vai de xullo a setembro; a media de temperatura anual é de 25ºC, cun máximo de 30ºC, un clima ideal que garante a posibilidade de poder ter turismo durante todo o ano. As principais produccións agrícolas son: cana de azucre para a elaboración de “grogue”, un tipo especial de ron caboverdiano, e mel da cana de azucre; froitas tropicais; banana; feixóns; mandioca; cabaciña; millo; café; batata doce. Un pequeno sector industrial está en pleno desenvolvemento: vestiario, tintas, calzado, conserva de pescado. Cremos que os verdadeiros sectores de desenvolvemento do arquipélago serán a pesca, actualmente explotada por Europa e países doutros continentes, e o incremento dun turismo que debera ser de tipo integrado e ecolóxico, a mellor maneira de preservar a nosa cultura, o ambiente e o equilibrio e a paz social deste pequeno país insular. A modernización en Cabo Verde entra no contexto dos países pobres do sur, periféricos ao occidente industrializado egoísta que impón implacablemente regras máis que nocivas para o equilibrio entre a democracia e a propia modernización, que non toma en consideración o modelo do capital cultural da economía emerxente para dinamizala. O mesmo occidente que hipocritamente esquece para unha economía de subsistencia, como é a economía caboverdiana, o perdón total das débedas externas. É a mellor oportunidade para crear unha dinamización e unha nova reorganización financeira sen sacrificar demais o social que, no caso concreto caboverdiano, precisa ese osíxeno para sobrevivir. Cabo Verde é un país sen recursos naturais, con dificultades suplementarias de xestión, debido á súa insularidade. Os sectores da pesca e do turismo son máis que viábeis a medio prazo. As responsabilidades históricas do occidente rico e industrializado poderían materializarse no caso concreto de Cabo Verde no perdón total das débedas externas e con axudas concretas, forma obxectiva de testemuñar fraternidade e incentivar, mellor que con bos discursos, o desencadeamento da loita difícil para modernizar a economía e a sociedade e para dignificar a todos os caboverdianos, que sufriran na pel 500 anos de colonización, sen odio nin violencia, convencidos da liberdade democrática e coa responsabilidade de todo o seu pobo, no país e na diáspora.
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/09/2002
|