Leer el artículo en castellanoTempo Exterior nº 4 segunda época - xaneiro/xuño 2002Volver ó sumario
 
As relacións da Comunidade Autónoma de Galicia coa Arxentina


Enrique Peruzzotti e Marcela Villarrazo
 
 

Entre mediados do século XIX e a Gran Depresión, máis de 4 millóns de españois emigraron cara a América, aproximadamente 2.070.874 se estableceron en Arxentina, e máis da metade deles –o 54%– radicáronse de forma permanente. Cara a fins da Primeira Guerra Mundial, había 306.000 españois en Bos Aires, o cal equivale a dicir que había máis españois que en calquera outra cidade, coa excepción de Madrid e Barcelona. Os catro grupos asentados en Bos Aires –e, en boa medida, tamén no resto do país– foron os galegos, os vascos, os cataláns e os andaluces. En particular, cara a 1855, o 38% dos 5.800 españois de Bos Aires eran galegos. Os vascos constituían o 25% e os cataláns e andaluces o 12%(1). Se a mediados do século XIX os galegos constituían 4/10 do total de inmigrantes españois en Arxentina, ó longo das décadas seguintes estas proporcións se acentuarían: os galegos chegaron a constituí-lo 54% dos españois en Arxentina. De aquí a simplificación popular do apelativo galego referido a tódolos inmigrantes españois, calquera que fose a súa orixe(2). En canto á súa orixe específica, a inmigración galega a mediados do século XIX era oriúnda da provincia da Coruña e da provincia de Pontevedra. Nos anos posteriores, aumentou o número de inmigrantes procedentes das provincias do interior, Lugo e Ourense(3) e adquiriu tal magnitude que, a fins do primeiro tercio do século XX, vivían en Arxentina máis galegos que en ningún outro núcleo urbano do planeta(4).

Estas cifras soamente poden comprenderse mediante unha análise das condicións económicas, sociais e políticas de Galicia neste período histórico, que excede o propósito deste artigo. Abonda dicir, ata agora, que dada a estructura económica de Galicia cara a fins do século XIX, organizada en diminutas parcelas-pano, e ante un aumento importante da poboación –producto dunha mingua na mortalidade infantil–, o exceso de poboación rural veuse obrigado a desprazarse, tanto cara ó interior da península ibérica como cara ó resto de Europa e, sobre todo, cara a América(5).

En 1930 o goberno arxentino adoptou políticas migratorias para restrinxi-la chegada de novos inmigrantes. Este contexto estendeuse ata a segunda metade da década dos 40(6), cando, finalizada a Segunda Guerra Mundial, produciuse un rexurdimento das correntes migratorias a raíz da deteriorada situación da economía española. Se ben esta última corrente xamais alcanzaría os valores do primeiro tercio do século XX, representou fluxos numéricos relevantes. Calcúlase que, entre 1946 e 1960, 286.437 galegos –o 45% do total dos emigrantes españois neste período– dirixíronse cara América. Novamente, a Arxentina constituíuse como o principal destino, baixo o marco do convenio de emigración asinado entre Arxentina e España en 1948. Esta corrente migratoria estendeuse ata 1952, ano no que a economía arxentina se desmoronou(7).

De aí que as relacións entre Galicia e Arxentina estean intimamente ligadas ó emigrante, as súas actividades e as súas institucións. As autoridades de Galicia, ó longo do século XX, promoveron vínculos económicos, culturais e políticos co goberno arxentino e coa sociedade arxentina.

Este artigo intentará describi-la acción exterior de Galicia en Arxentina destinada ó fomento destes vínculos. Está dividido en tres partes: a primeira sección analizará as relacións económicas entre ambas rexións, a segunda sección describirá as actividades de promoción cultural e a terceira sección narrará as características da participación na política galega da comunidade galega en Arxentina. Por último, o artigo describirá un panorama da acción solidaria de Galicia, tanto das institucións gobernamentais como da sociedade civil, na actual crise institucional e económica que sacude a Arxentina. Ademais, dedicará algúns parágrafos ó asociacionismo galego en Arxentina, un elemento clave na construcción destas relacións.


Acción exterior oficial

É posible distinguir dúas etapas con respecto á acción exterior de Galicia en Arxentina. Na década de 1980, a relación Arxentina-Galicia estaba fundamentalmente dominada pola busca de vínculos máis estreitos entre a numerosa colectividade galega residente no país coa súa terra de orixe. Nos noventa, a axenda e o eixo da relación vaise a modificar substancialmente, sobre todo ó asumi-la presidencia da Xunta Manuel Fraga Iribarne. O seu estilo, en materia de Relacións Exteriores, é moito máis parecido ó presidente da Generalitat Catalana, Jordi Pujol, que ó seu antecesor Fernández Albor. Como o seu par catalán, Fraga Iribarne buscou unha maior proxección de Galicia ó exterior, ademais de fomentar maiores vínculos coa comunidade galega. Noutras palabras, buscou esta maior proxección, en gran medida, acrecentando os vínculos coa colectividade galega en Arxentina.

Durante toda a primeira etapa, a acción de Galicia na Arxentina tivo pouco contacto co goberno arxentino. Buscábase fortalece-las relacións cos emigrados, mediante as súas asociacións. O Centro Galego, ó que nos referiremos máis adiante, representou o instrumento central dende esta perspectiva.

Este primeiro enfoque foi modificado por iniciativa do goberno arxentino. O primeiro goberno democrático arxentino, encabezado por Raúl Alfonsín, buscou no achegamento a Europa respaldos internacionais que permitisen o fortalecemento da precaria situación doméstica, creada pola crise da débeda externa e polas ameazas golpistas. Galicia, debido á súa nova situación autonómica e á importancia dos partidos “rexionais” para a formación do goberno español, volveuse ante o goberno arxentino unha posible ruta de contacto con España. En consecuencia, distintos personaxes políticos arxentinos comezaron a visitar asiduamente o Centro Galego e a participar nos distintos festexos e acontecementos. O propio dr. Alfonsín fíxoo en diversas oportunidades. En 1984 invitou a formar parte da comitiva oficial da viaxe presidencial a España a Antonio Fierro, presidente do Centro Galego. Esta nova estratexia, que consistía en apoiarse nas organizacións e contactos locais, nun principio tivo resultados positivos. De feito, en 1987, con motivo do octoxésimo aniversario do Centro Galego, o entón presidente da Xunta, Fernández Albor, viaxou a Arxentina. Diversas personalidades políticas asistiron ás celebracións, incluíndo ó presidente Alfonsín, ó entón intendente da cidade de Bos Aires, Suárez Lastra, e ó presidente da Cámara de Deputados da Nación, Pugliese, que puideron entrevistarse con Fernández Albor.

Nos anos seguintes, esta clase de encontros multiplicáronse. Tiveron, sen embargo, un alcance limitado. Para as autoridades arxentinas os encontros coa comunidade e os funcionarios galegos eran percibidos como unha porta de entrada a España e eventualmente a Europa. Esperaban deste maior achegamento un respaldo político e económico que servise para solidifica-lo proceso de consolidación democrática en curso. Pola contra, dende a perspectiva das autoridades galegas, estas actividades eran fundamentalmente vistas como unha estratexia para acrecenta-los vínculos coa comunidade galega en Arxentina e para outorgarlle a esta visibilidade e recoñecemento político. Xamais interpretaron esta maior aproximación do goberno arxentino como unha oportunidade para concretar actividades económicas, políticas ou culturais de interese mutuo.

Esta perspectiva foi modificada a partir dos anos noventa, durante a presidencia de Fraga Iribarne. Unha das primeiras medidas da nova administración da Xunta foi a apertura, en Bos Aires, dunha oficina delegada da súa Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas, encargada de organiza-las axudas para as comunidades no exterior. A oficina foi instalada na sede do Centro Galego e estaba dirixida por antigos membros desa institución. A Xunta continuou financiando moitos dos proxectos das institucións galego-arxentinas e multiplicou o importe do financiamento na última década. Ademais, a través da delegación, a Xunta de Galicia comezou a dispensar axuda á comunidade por fóra das institucións xa establecidas. Esta axuda –aínda vixente– consiste en ofrecer servicios asistenciais a emigrados galegos, en robustecer no exterior os centros de formación educativa para mozos descendentes de galegos e en incentiva-las actividades orientadas a preservar e fomenta-la cultura e os costumes galegos nas colectividades de ultramar(8).


Relacións Económicas

Na última década, Galicia contou con tres ferramentas para a promoción económica na Arxentina, as viaxes oficiais, a vinculación coa colectividade Galega na Arxentina e as oficinas no exterior.

Fraga Iribarne intentou desenvolver e impulsa-las relacións económicas de Galicia coa Arxentina mediante visitas frecuentes e numerosas actividades oficiais no noso país. A maioría das viaxes tiñan como fin declarado a promoción comercial entre ambos gobernos e o achegamento de Galicia á comunidade galega residente en Arxentina. Nestas ocasións, realizáronse numerosas mostras e conferencias que alentaban as posibilidades de inversión e comercio galego no noso país. As feiras de promoción da industria galega Expo-Galicia, por exemplo, contaron coa participación masiva de máis de sesenta empresas de dita comunidade que operan no país.

Ó mesmo tempo reforzáronse os vínculos coas institucións galegas en Arxentina, aumentando substancialmente os importes de axuda oficial ás mesmas. Fraga sempre se ocupou de subliñar en tódalas súas viaxes que as súas visitas non tiñan fins unicamente económicos senón que buscaban tamén promover un maior achegamento ós seus paisanos(9). Máis aínda, sostiña que os desexos de establecer maiores relacións financeiras e comerciais eran outra forma de consolida-la irmandade existente entre Arxentina e Galicia, resultado da grande cantidade de emigrantes de dita colectividade no noso país. Neste sentido, Fraga declarou que as relacións económicas e a integración debe facerse con xente que se entenda, que se coñeza, que fale o mesmo idioma e que teñan o mesmo concepto de familia e empresa(10).

O comercio e, sobre todo, as inversións galegas aumentaron considerablemente nos últimos anos. Entre 1994 e 1999, as exportacións galegas a Arxentinas pasaron de 2.700 millóns de pesetas a 11.866 millóns. No mesmo período as inversións galegas en Arxentina pasaron de 651 millóns de pesetas a 33.785 millóns. De tódolos xeitos, estas cifras representan soamente unha pequena proporción das relacións económicas internacionais da Autonomía e están moi lonxe de converter Arxentina nun dos principais socios económicos de Galicia. No ano 2000, Arxentina ocupaba o 25º lugar como destino das exportacións galegas. A pesar disto, Galicia despregou en Arxentina tódalas ferramentas de que dispón para a promoción económica.

A estratexia de Fraga parece apuntar máis ben ó longo prazo. O presidente da Xunta mostrouse especialmente interesado no desenvolvemento do MERCOSUR, sobre todo na formación dun mercado único entre Arxentina e Brasil. O achegamento a esta zona iniciase en 1998, cando Galicia adquiriu o status de observador da estructura Codesul-Crecenea-Litoral. Dita estructura constitúe un foro de cooperación transfronteirizo interrexional entre entidades da Arxentina e Brasil –estados federados do Sur do Brasil e as provincias do Norte de Arxentina–, que naceu a partir do desenvolvemento do MERCOSUR. Esta asociación é aínda incipiente e non posúe unha estructura propia; consiste, unicamente, en reunións periódicas entre os gobernadores.

En 1998, Galicia asinou un acordo con Brasil para a construcción dun centro MERCOSUR da Xunta en Florianópolis (Santa Catarina, Brasil) que actuaría como instrumento de apoio á cooperación e ó labor de conexión entre a CRPM, a Conferencia de Rexións Periféricas de Europa, e o MERCOSUR(11). Este acordo era de carácter multilateral, no seu conxunto, xa que Galicia o asinaba na súa condición de presidente do grupo da Conferencia de Rexións Periféricas de Europa para América Latina. Noutras palabras, a través de Galicia, este foro de rexións intra-MERCOSUR entraba en contacto cun grupo de rexións intra-europeo. Este acordo orientouse sobre tres eixes, a cooperación institucional, o intercambio económico e o intercambio cultural e universitario. Estas actividades implicaron que Galicia conservara a súa posición de nexo entre ambos grupos, debido a súa experiencia gañada na cooperación con esta zona.

Dentro deste enfoque, Galicia afondou a súa política de inserción nesta zona asinando un acordo de cooperación coa provincia de Formosa, compoñente arxentino do grupo intra-MERCOSUR. Tal acordo permitiría, por un lado, o pulo das exportacións formoseñas a Galicia, así como apoio técnico e financeiro para proxectos de infraestructura. Por outro, a través do acordo, Galicia adquiriu un acceso máis fluído dos seus productos ás economías do Nordeste arxentino e o Sur brasileiro. Finalmente, na súa última viaxe, Fraga mostrou o seu interese pola explotación dos portos sobre a hidrovía Paraguai-Paraná, un dos principais canais de comunicación comercial entre os países do MERCOSUR.

O achegamento de Galicia ó MERCOSUR amosa unha constante da acción económica desta comunidade autónoma en Arxentina e Latinoamérica: a súa actuación segue as fronteiras fixadas polos intereses e as realidades económicas, e non se inhibe ante as fronteiras políticas. En opinión de Fraga, unha das principais vantaxes que proporcionaba a formación da UE era a posibilidade que esta brindaba ás distintas rexións de Europa de achegarse a outras rexións, independentemente dos intereses dos estados dos que tales rexións son parte. Así, a Xunta de Galicia non busca achegarse a Arxentina, senón, en particular, á zona coa que atopa unha complementariedade económica. Dita zona non pertence exclusivamente ó territorio arxentino: comprende tamén parte do territorio brasileiro.

A promoción económica impulsada por Fraga na década dos 90 foi notablemente dinámica: considerou a promoción económica como un elo máis na cadea que une á comunidade galega en Arxentina coa súa terra natal. Fraga soubo aproveita-las institucións e a iniciativa que esa comunidade ofrece no noso país para fomentar actividades comerciais.


Promoción cultural

Na década dos 80, a axuda da Xunta á colectividade residente en Arxentina era reducida. Así, a asistencia da Comunidade Autónoma limitábase a unha rede de auxilio e contacto no interior de España. Sen embargo, nos últimos anos, a actividade asistencial incrementouse e o goberno da autonomía comezou a financiar actividades de promoción da cultura galega nos distintos centros da comunidade arxentina.

A primeira medida adoptada nesta dirección pola Xunta, xunto ó Instituto Español de Emigración e o Ministerio de Cultura de España, foi outorgar cincuenta bolsas para mozos profesionais descendentes de emigrantes. Logo, na súa primeira viaxe en 1998, Fraga inaugurou a cátedra Alfonso R. Castelao, que fora fundada mediante un convenio entre a Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Bos Aires (UBA) e a Comunidade Autónoma de Galicia. Esta cátedra ten como obxectivo o estudio da lingua e a sociedade galegas. O primeiro dos seminarios no marco desa cátedra, titulado “Lingua e sociedade en Galicia”, divídese nos módulos de lingua, sociedade, política e historia. O programa da cátedra inclúe o estudio das crenzas máxico-relixiosas, como as bruxas, meigas e meigallos, así como as festas populares de Santo André de Teixido e Nosa Señora do Corpiño, pertencentes á tradición galega. O primeiro de outubro de 1998, Fraga presentou, no Centro Cultural Borges, o Xacobeo 99 no marco da inauguración da mostra “Pegadas Xacobeas”. Tratábase dunha mostra itinerante na que habería que percorrer 21 cidades de todo o mundo para promove-la celebración do Ano Santo Compostelán.

Os programas educativos e culturais tiveron un importante impacto na colectividade galega, posto que o groso dos seus actuais integrantes naceu no país, sendo descendentes directos de inmigrantes galegos. Isto reflíctese nas porcentaxes de socios galegos das diferentes institucións da comunidade en Arxentina: en 1997 soamente o 24% dos socios do Centro Galego de Bos Aires nacera na nai patria, mentres que no Centro Galicia este era dun 27%. En calquera caso, en ningún dos centros con máis de 500 socios esta porcentaxe superaba o 30%.

En 1992 a Xunta e o Centro Galicia asinaron un convenio de colaboración no que estableceron as bases para a construcción do primeiro centro educativo arxentino-galego, o colexio Santiago Apóstol, que abriu as súas portas seis anos despois, en 1998. Catro anos máis tarde creouse a Fundación Galicia-América, que quedaría a cargo da dirección dese centro educativo. O financiamento da Fundación repártese equitativamente entre a Xunta e o Centro Galicia, sendo, ata a data, Fraga Iribarne o seu presidente. Aínda que o obxectivo inicial era a creación dun colexio primario e secundario cun título que permitise a continuación dos estudios superiores en Galicia, ata o momento, soamente funcionan os programas preescolares e da escola primaria. Impártense, ademais, clases de galego para adultos. Actualmente, conta con 170 alumnos e a maioría dos docentes son galegos enviados pola Administración galega. Esta achega, anualmente, 140.000 euros para o seu funcionamento.


A rede de organizacións da colectividade

Os galegos conforman un dos principais continxentes migratorios que integraron o “crisol de razas” da sociedade arxentina. No século pasado, a comunidade distinguiuse doutros grupos de inmigrantes pola súa cohesión. Así, mentres os descendentes doutros grupos inmigratorios perdían o seu sentimento de pertenza á súa comunidade orixinaria, moitos fillos de galegos continuaron aferrados a esta identidade. Este sentimento viuse plasmado, dende principios de século, nunha serie de institucións (de espallamento, médicas, de seguridade social, etc) que reunían e axudaban ós inmigrantes galegos e a súa descendencia.

Se ben esta clase de institucións era frecuente entre os distintos grupos inmigrantes, as organizacións galegas sorprenderon pola súa distinción e, en especial, por sobrevivir ó paso do tempo. Esta lonxevidade débese a que os vínculos coa comunidade de orixe perduraron no tempo e, fundamentalmente, a que tales vínculos privilexiaron os aspectos comunitarios e culturais sobre os políticos(12). Neste sentido, os lazos con Galicia e España non se viron interrompidos durante o período franquista, como foi o caso das organizacións doutras comunidades que se opoñían abertamente ó réxime. Durante este período, as institucións destas outras colectividades en Arxentina, que viron interrompido o contacto coa terra de orixe, minguaron en poucos anos. A posición contestataria das institucións da colectividade catalana cara ó réxime franquista, por exemplo, xeraron divisións no interior da comunidade catalana en Arxentina. Lonxe deste enfoque contestatario, os centros galegos conservaron ós así chamados “notables”, sen a conseguinte perda de prestixio nin das súas importantes achegas económicas. Así, mentres os centros doutras comunidades, como a catalana, desvanecíanse, os galegos mantiveron unha actividade asociativa plena. Cando, en 1979, Galicia recuperou a súa autonomía, os centros na Arxentina eran fortes, numerosos e, sobre todo, independentes. Non soamente constituían centros de promoción cultural senón que eran capaces, por si sos, de brindar ós seus membros toda unha serie de servicios asistenciais e de seguridade social.

Estas institucións representan un nexo insubstituíble para os contactos entre a Xunta e as autoridades e a sociedade arxentina, que non está a disposición doutras comunidades autónomas. É interesante notar como a Xunta comezou e explotar só recentemente estas institucións como unha ferramenta útil para a promoción económica ou política.

Actualmente, existen uns vintecinco centros galegos na República Arxentina. É preciso agregar a esta cifra uns cincuenta centros que reúnen a galegos procedentes de zonas (rexións, cidades, municipios) particulares de Galicia (Asociación Fillos do Concello de Boiro, Centro Fillos de Buján, etc).

Nº de membros

Nº de centros con esa cantidade de afiliados

Menos de 100

6

De 100 a 500

10

De 501 a 1.000

4

De 1.001 a 5.000

4

13.000

1

45.000

1

(Fonte: Galleguidad en la Argentina).

Boa parte das institucións con ata 5.000 afiliados constitúen centros de recreación e conservación da cultura galega, que están repartidos por todo o país, aínda que a maior parte deles se emprazan en Bos Aires. As organizacións con maior número de afiliados son, sen embargo, centros asistenciais e de seguridade social, como o Centro Gallego de Jubilados y Pensionados de la República Argentina, ou centros culturais de cidades do interior do país con importante presencia galega, como é o Centro Galicia de Buenos Aires, que conta con 13.000 socios. Esta entidade nace en 1979, a partir da fusión de catro grandes centros provinciais de Bos Aires –o Centro Lucense, o Pontevedrés, o Coruñés e o Ourensán. Os obxectivos do Centro Galicia de Buenos Aires son o fortalecemento da colectividade na cidade de Bos Aires e a conservación e promoción da cultura e os costumes galegos.

Por último, o Centro Gallego de Buenos Aires é unha entidade que pode ser considerada a representante máxima do asociacionismo e mutualismo galego na Arxentina. Fundado en 1907, conta actualmente cuns 47.000 socios. Os seus obxectivos son a asistencia médica, cultural e acción social, servicios ós que se accede mediante o pago dunha cota mensual. O Centro Gallego de Buenos Aires foi a institución predilecta pola Xunta á hora de entrar en contacto cos seus irmáns na Arxentina e, máis tarde, foi o principal nexo para as autoridades arxentinas e para a comunidade autónoma á hora de buscar contactos coa súa contraparte ó outro lado do Atlántico.

Non pode deixar de mencionarse a existencia de numerosas entidades máis pequenas. Algunhas delas constitúen verdadeiros centros de promoción e investigación da cultura galego-arxentina. Están integradas por académicos, homes de negocios, avogados da comunidade que, polo xeral, teñen postos de relevancia no Centro Gallego e, en menor medida, no Centro Galicia de Buenos Aires. Esta estreita relación entre asociacións grandes e pequenas permite unha maior difusión das actividades ofrecidas polas últimas. Este é o caso do Instituto Argentino de Cultura Gallega ou o Grupo NÓS.

A partir da iniciativa do Centro Gallego e do Centro Galicia de Buenos Aires, xurdiu unha rede informal de asociacións galegas creadas dende Galicia despois de ser establecida a autonomía. O mesmo Estatuto de autonomía de Galicia establece o dereito das comunidades galegas no exterior de participar, colaborar e comparti-la vida social e cultural do pobo galego. A lei de Recoñecemento da Galeguidade, aprobada polo Parlamento de Galicia en 1983, é o elemento legal que dá efectividade práctica a este dereito, e que crea, ademais, o órgano de representación e participación da Galicia exterior, o Consello de Comunidades Galegas. Así na toma de posesión do primeiro goberno da Xunta, unha serie de notables galego-arxentinos foron especialmente invitados como representantes da colectividade na Arxentina, tódolos membros do Centro Gallego, entre eles o entón presidente do centro, Sánchez Millares. O mesmo ano, visitou o noso país unha comitiva da CCAA, encabezada polo presidente da Xunta Fernández Albor, para participar nos festexos do 75º aniversario do Centro Gallego.

Ademais da mencionada oficina delegada da Secretaría Xeral da Xunta, a Comunidade Autónoma de Galicia abriu unha oficina de representación da Xunta na Casa de Formosa na cidade de Bos Aires. Esta sede, que dende Bos Aires representa a toda a rexión do nordeste litoral arxentino, actuará tamén como centro de información para enlazar a Galicia e ás demais rexións que conforman a Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas de Europa, fomentará a cooperación, a promoción do comercio internacional e a integración rexional. Por último, débese recorda-la apertura dun centro MERCOSUR da Xunta en Brasil mencionada anteriormente.

Estas asociacións significaron un instrumento único para a acción de Galicia en Arxentina. Non só presentaron un espacio xeográfico no cal puideron desenvolverse moitas das actividades que a Xunta promove activamente, senón que tamén constituíron o espacio no que a comunidade galega residente en Arxentina conservou os seus costumes e se preservou a si mesma(13).


Participación política

Tódolas accións emprendidas pola Xunta, analizadas nos apartados anteriores, tiveron resultados satisfactorios e, en consecuencia, a comunidade galega que vive en Arxentina parece sentirse moi próxima a Galicia. De feito, se nas eleccións autonómicas de 1985 se canalizaron 13.000 votos dende Arxentina, para os comicios de 1997 este caudal crecera ata 30.000 sufraxios. Nos comicios de outubro de 2001, preto de 80.000 arxentinos estaban anotados no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA).

Por outra banda, o crecente apoio a Fraga por parte do “voto emigrante”, é dicir, o voto dos galegos que viven noutras rexións do mundo, pode ser interpretado no mesmo sentido. Do 36% dos votos logrados en 1989 no exterior, o Partido Popular de Fraga alcanzou un 68,8% en 1997, proporción que, por primeira vez, permitiu modifica-lo resultado en Galicia e, así, gañarlle un escano ó Bloque Nacionalista Galego, por Ourense. Nas eleccións de 1997 quedou claro, ademais, que o “voto emigrante” podía ter un peso significativo nos resultados finais daquelas comunidades que contasen cunha maior proporción de “votos estranxeiros”.

De feito, na actualidade máis de dous millóns de galegos viven fóra de Galicia. Do total, aproximadamente 525.000 establecéronse no resto de España, 330.000 en Arxentina, 100.000 en Venezuela e 95.000 en Brasil. Ante a grande cantidade de cidadáns galegos que quixeron ou tiveron que reface-la súa vida fóra da Autonomía, España e a Comunidade Autónoma apoian e promoven o dereito ó voto dos galegos que viven no exterior. O denominado “voto estranxeiro” ou “voto emigrante” execútase por correo e é administrado a través do CERA –o Censo Electoral de Residentes Ausentes–, que conta actualmente con 254.000 electores(14). En particular, nas eleccións autonómicas de outubro de 2001, contáronse un total de 65.241 votos válidos emitidos por emigrantes, co que se logrou un incremento de case 9.000 sufraxios con respecto ós 56.594 votos correspondentes ás eleccións autonómicas de 1997. Esta cifra non é depreciable, tendo en conta que Santiago de Compostela ten 89.000 habitantes(15). Inclusive, nalgunhas rexións de Galicia, os votos no exterior corresponden ó trinta por cento dos votos emitidos. De aí a súa repercusión entre os partidos políticos galegos(16).

Arxentina pode resultar, neste sentido, indispensable, debido a que, do total dos emigrantes galegos anotados no censo, 79.029 viven neste país. Noutras palabras, máis do trinta por cento dos electores estranxeiros son arxentinos. En períodos preelectorais, políticos pertencentes ós tres principais partidos de Galicia –o PP, o PSOE e o BNG(17)– visitan o Río da Prata con asiduidade(18).

Así, nas eleccións do 21 de outubro de 2001, o candidato a presidente da Xunta polo Partido Socialista Obreiro Español (PSOE), Emilio Pérez Touriño, visitou Bos Aires para presenta-lo seu programa político e, en particular, os seus proxectos dirixidos ós emigrantes. Durante a súa estancia, entrevistouse cos principais diarios da capital –onde explicou de forma detallada o seu programa de emigración– e co entón presidente, Fernando De la Rúa. Co mesmo propósito, o 4 e 7 de outubro, o BNG e PP visitaron o Centro Gallego de Buenos Aires e a Federación de Sociedades Gallegas, dúas das máis tradicionais asociacións da colectividade galega. As visitas foron amplamente anunciadas pola prensa local. Ademais, tódolos partidos repartiron propaganda política por correo, e enviaron folletos ós inscritos no CERA.

Entre as principais propostas dos tres partidos figuran a atención sanitaria e a garantía dun mínimo de actividades culturais. Outros aspectos tratados teñen como meta facilita-la reinserción laboral dos emigrantes e os procesos de adquisición da nacionalidade española. Nos programas, os partidos contemplan a asistencia individual a galegos que padecen carencias económicas e móstranse dispostos a completa-la asistencia que o Estado arxentino non pode proporcionar.

Tódolos partidos –en especial os partidos da oposición– fixeron pública a súa preocupación por asegurar eleccións limpas. Se ben o voto por correo permite que os familiares de persoas anciáns rexistradas nos padróns poidan emiti-lo seu voto, esta modalidade de sufraxio implica riscos, sobre todo, no que fai referencia á integridade das eleccións. Mediante o sistema actual, os inscritos dunha familia no censo reciben os sobres cunha carta que certifica a súa identidade e, ante a falta de control no momento da votación, calquera persoa pode presentar esta nota para votar. Pode incluso votar mediante o certificado dunha persoa que faleceu. O censo –que creceu un quince por cento dende a última consulta– non está actualizado e hai inscritos que faleceron, o que facilita as irregularidades(19). Nas últimas eleccións, este tema ocasionou un duro debate en Galicia e absorbeu boa parte da discusión pública –case toda– en torno ó voto dos emigrantes(20).

O voto da comunidade galega xera obrigas ós políticos galegos. En Arxentina, debido ó actual contexto de crise política e económica, os galegos demandan ós seus representantes en Galicia respostas rápidas con respecto ó regreso á terra natal e ós problemas particulares que afectan á comunidade, como pode se-la falta de alimentos, medicamentos ou asistencia médica. Por este motivo, as autoridades de Galicia viaxaron a Arxentina e se reuniron co goberno e coa comunidade galega, para informarse exhaustivamente sobre as condicións de vida dos membros da comunidade. A través de reunións que tiveron lugar nos numerosos centros galegos do gran Bos Aires, os representantes galegos escoitaron as queixas e os reclamos dalgúns cidadáns galego-arxentinos. A motivación destes encontros foi defini-las necesidades primordiais da comunidade galega, para logo poder organizar dende Galicia un sistema de asistencia e axuda adecuado ás urxencias reais dos cidadáns.

O sábado 16 de febreiro, Emilio Pérez Touriño e un grupo de socialistas galegos visitaron Bos Aires. Mantiveron contactos coa prensa arxentina e coa prensa da colectividade galega, e realizaron numerosas visitas ás asociacións e centros de xubilados(21). Ademais, organizaron varios encontros cos emigrantes en reunións abertas ó público. Un destes encontros tivo lugar no “Centro Gallego de Jubilados y Pensionados de la República Argentina” e a “Asociación Civil Hijos del Ayuntamiento de Boiro”, á que asistiron sesenta persoas(22).

Por outra parte, dous deputados do BNG no Parlamento galego, Xosé Manuel Beiras (líder da oposición) e Xosé Francisco Ferreira Abelleira, xunto a José López Gama, presidente do Consello de Residentes Españois en Arxentina (CRE) e a Francisco Lores Mascato, presidente da Federación de Sociedades Galegas e membro de CRE, organizaron unha reunión no auditorio da Federación de Sociedades Galegas. Numerosos integrantes da colectividade galega tiveron, novamente, a oportunidade de formula-los problemas que deben afronta-la raíz da crise económica e a inestabilidade política.

En todas estas reunións, os integrantes da comunidade, en canto cidadáns de Galicia, reclamaron un maior compromiso por parte das institucións españolas e galegas. Neste sentido, moitos deles criticaron o papel da Embaixada española en Arxentina e do Consulado e fixeron pública a súa determinación de esixir respecto e atención das autoridades españolas cos cidadáns galegos residentes en Arxentina, así como a cidadanía arxentina comezou a facelo coas súas autoridades. Fixéronse pedidos específicos en referencia ó Código Civil para que os fillos de nai galega teñan os mesmos dereitos que os fillos de pai galego. Ademais, a comunidade instou ás autoridades a simplifica-los trámites para facilita-lo regreso a Galicia dos emigrantes e da súa descendencia. Por último, cada un dos presentes tivo a oportunidade de expresa-las necesidades económicas e asistenciais da comunidade.

En España e, en especial, en Galicia organizáronse programas de asistencia ós cidadáns galegos en Arxentina(23). A Consellería de Emigración –departamento dirixido por Aurelio Miras Portugal– enviou cinco cargamentos de medicamentos. O último deles foi enviado o día 5 de febreiro de 2002, case un mes despois do inicio oficial do plan, o 14 de xaneiro. Enviaron un total de 1.204 quilos de productos farmacolóxicos, valorados en 1.658.387 euros, que foron distribuídos polo departamento de farmacia do Hospital do Centro Gallego. Ademais, a Consellería de Emigración prevé enviar alimentos. Así, empresas de elaboración de productos galegos non perecedoiros están doando alimentos ó Hogar de Ancianos de Domselar, nas aforas de Bos Aires.

Por último, foi creado en Bos Aires o Comité de Axuda Solidaria a Emigrantes, que ten como primeiro obxectivo conseguir colaboracións para o colectivo galego en Arxentina. O seu traballo voluntario consistirá en solicitar e distribuír tal axuda entre os máis necesitados(24).


Conclusións

Neste artigo foron formuladas as liñas principais da acción exterior de Galicia na Arxentina. Tanto en materia económica, como política e cultural, as actividades de Galicia neste país aumentaron considerablemente na última década. Fraga emprendeu negociacións comerciais e propuxo promover inversións en Arxentina, como parte do seu obxectivo cardinal que consistía en abrir Galicia ó mundo. Para isto, Fraga soubo aproveita-lo esqueleto asociativo formado polos emigrantes galegos neste país, e entrelazou a promoción económica e cultural como parte dunha política común.

Se ben parte da opinión pública considera aínda insuficiente a acción exterior de Galicia en Arxentina, e argumenta que a mesma está suxeita ás ambicións electorais dos políticos galegos, non se pode negar que aínda que estas percepcións sexan certas, estes emprendementos adquiriron maior dinamismo na década dos 90. Para que a acción exterior se perfeccione, a Xunta debería, en principio, interpretar correctamente os reclamos realizados pola comunidade e, dende alí, emendar erros, adecúa-los programas dirixidos á inmigración –e, en xeral, ó país– de acordo ó novo contexto.

Lamentablemente quedaron fóra da análise as iniciativas que, nesta dirección, xera a sociedade civil. Dentro e fóra do marco gobernamental, a comunidade galega en Arxentina e os habitantes de Galicia descubriron numerosos camiños para vigoriza-los lazos e a comunicación entre si. Internet ofrece un camiño posible, entre outros.

Moitos anos transcorreron dende que os primeiros galegos chegaron a Arxentina. Hoxe, que o fluxo migratorio parece inverterse, comprende-las relacións entre Galicia e Arxentina adquire especial relevancia como base de políticas consistentes coa realidade que permitan desenvolver programas efectivos de colaboración entre elas.


Enrique Peruzzotti é profesor na Universidade Torcuato di Tella en Buenos Aires (República Argentina); Marcela Villarrazo é licenciada en Ciencias Políticas, UTDT (Universidade Torcuato di Tella).

 
 

Notas

(1) MOYA, José C.: Los gallegos en Buenos Aires durante el siglo XIX: inmigración, adaptación ocupacional e imaginario sexual”. Xosé Núñez: La Galicia Austral. La inmigración gallega en Argentina. Biblos, Bos Aires, 2001, p70.

(2) MOYA, José C.: Cousins and Strangers. Spanish Immigrants in Buenos Aires 1850-1930. University of California Press, Los Angeles, 1998, p17.

(3) MOYA, José C.: Cousins and Strangers. Spanish Inmigrants in Buenos Aires 1850-1930. University of California Press, Los Angeles, 1998, pp8-10.

(4) SEIXAS, Xosé Núñez: La Galicia Austral. La inmigración gallega en Argentina. Biblos, Bos Aires, 2001, p11.

(5) CARR, Reymond: España 1802-1975. Editorial Ariel, Barcelona, 1999, p397.

(6) SCHWARZSTEIN, Dora: Actores sociales y política inmigratoria en la Argentina. La llegada de los Republicanos españoles. Estudios Migratorios Latinoamericanos, ano 12, nº 37, 1997, pp423-445.

(7) FERNÁNDEZ SANTIAGO, Marcelino X.: Asociacionismo gallego en Buenos Aires (1936-1960). SEIXAS, Xosé Núñez: La Galicia Austral. La inmigración gallega en Argentina. Biblos, Bos Aires, 2001, pp181-182.

(8) O Proxecto de Gastos da Xunta de Galicia de 2002 asigna 332.559 euros á creación de lectorados e centros de estudios galegos.

(9) Diario La Nación, 07/03/1998.

(10) Diario La Nación, 23/10/2000. No caso das Pemes isto último pode cumprir un papel relevante. Neste sentido, as viaxes organizadas pola Xunta para empresarios da pequena e mediana empresa coa colaboración do Centro Galego representan un instrumento útil para establecer nexos entre potenciais socios empresarios de ambos lados do Atlántico.

(11) No proxecto de Gastos de Galicia para 2002, o importe asignado á oficina de Florianópolis é de 88.349 euros.

(12) Neste parágrafo referímonos, estrictamente, ás asociacións principais. Os galegos participaron na vida política arxentina, en especial, no movemento obreiro e anarquista. Para máis información, ver VIEITES TORREIRO, Dolores: La participación de los gallegos en el movimiento obrero argentino (1880-1930). SEIXAS, Xosé Nuñez: La Galicia Austral. La inmigración gallega en Argentina. Biblos, Bos Aires, 2001, pp161-180.

(13) O proxecto de gastos para 2002 non especifica os fondos destinados ás asociacións Arxentinas. Sen embargo, dedica 288.344 euros ó cumprimento da lei 4/83. Destina, ademais, 599.318 euros a novos centros e promoción de novos centros asistenciais e 1.198.069 euros á dotación e rehabilitación de centros no exterior.

(14) A todos aqueles inscritos no censo se lles envían as papeletas e os sobres, xunto cun certificado de inscrición no Censo. Os sobres que conteñen os votos son enviados por correo ás Mesas Electorais.

(15) Diario La Nación, 08/09/2001, páxina 03, Sección Exterior.

(16) “En condiciones normales, el voto extranjero no debería alterar el resultado que se registre dentro de Galicia. Pero si, por ejemplo, el PP sufriera un retroceso tal que le colocase por debajo del umbral de la mayoría absoluta y el sufragio de los emigrantes mantuviera la orientación de los comicios anteriores, Manuel Fraga podría controlar la emergencia con los votos de ultramar. Así, si bien el voto de los emigrantes no es decisivo, puede llegar a ser una herramienta útil. En las autonómicas de 1997 sólo hubo dos escaños que se disputaron con ciertas apreturas: uno en A Coruña y, en menor medida, otro en Ourense. Los votos de la emigración decantaron el primero, que en principio había ido al BNG y finalmente se lo llevó el PP. En Ourense, tras el escrutinio de los residentes ausentes, el PSOE, con mayor ventaja previa, logró defender su diputado ante los populares. El ejemplo parece corroborar que los socialistas son, en principio, los menos afectados por los sufragios exteriores, ya que en América el PSOE se mantiene en unas cotas electorales parecidas a las de Galicia. De ahí que, salvo en situaciones de empate técnico, los emigrantes teóricamente sólo dirimirían los escaños reñidos entre populares y nacionalistas, porque en este caso la desproporción entre los votos del exterior y los del interior sí es determinante: en 1997, el PP acaparó dos de cada tres sufragios internacionales, mientras el BNG recogía un testimonial 5%”. De Xosé Hermida, El País, 09/06/2001.

(17) O Partido Popular, o Partido Socialista Obreiro Español e o Bloque Nacionalista Galego.

(18) O PP é a forza máis votada na emigración, cun total de 45.964 sufraxios nas catro provincias galegas, o que supón máis do 70 por cento dun total de 65.241 votos emitidos. O PP suma así un total de 121.908 votos nas eleccións de 2001, para obter 41 deputados. A segunda forza máis votada na emigración foi o PSdeG, ó contrario que en Galicia, onde é superado polo Bloque. Os socialistas conseguiron un total de 14.184 votos, o 21,7% por cento do total, fronte ós 4.223 do BNG, o 6,5 por cento.

(19) O 3,2% do total dos residentes en Arxentina, inscritos no CERA, era nonaxenario, fronte ó 0,7% correspondente ás catro provincias continentais.

(20) Aínda que non son esenciais neste texto, achegamos os resultados das eleccións en Galicia. A través do voto emitido en Galicia, Fraga conseguiu o 50,8% dos votos, o que supón 41 escanos, un menos dos que tiña na anterior Cámara galega, composta por 75 lexisladores. O Bloque Nacionalista Galego (BNG), unha formación de esquerda liderada por Xosé Manuel Beiras, obtivo o 23,3% dos votos e empatou en 17 escanos co Partido Socialista Obreiro Español (PSOE), que alcanzou un 21,9% coa candidatura de Emilio Pérez Touriño.

(21) Os obxectivos tratados por Touriño con respecto á situación da comunidade galega son de dous tipos. O primeiro é palía-lo déficit asistencial e de vivenda que sofren algúns cidadáns galegos en Arxentina. Neste sentido, Galicia intentaría dotar de equipamento social e comunitario ás zonas pobres. O segundo consiste na creación a longo prazo de 10.000 postos de traballo. O parlamentario galego pensa nun programa de 60.000.000 de euros a dous anos.

(22) A mesa receptora de queixas estivo integrada polo presidente do centro de xubilados, Perfecto Marcote, Daniel Pequeño (vicepresidente do centro de xubilados e moderador do debate), a deputada Marisol Soneira Tajes e o propio Emilio Pérez Touriño.

(23) Os que non puideron estar presentes fixeron chega-lo seu apoio e solidariedade a través de artigos de diario. O alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias, publicou unha carta de lectores en La Nación o 03/02/2002, dirixida ó “Lalinense da Arxentina”.

(24) No presuposto para 2002 de Galicia sinálase como obxectivo central favorece-lo retorno dos mozos para a súa incorporación no mercado laboral, así como a creación dunha Fundación, que tería por finalidade canalizar tódalas actuacións que tenden a mellora-la situación dos emigrantes. O importe asignado a Emigración e Cooperación Exterior é de 13.663 euros, un 0,2% do presuposto total.

 
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/08/2002