Leer el artículo en castellanoTempo Exterior nº 4 segunda época - xaneiro/xuño 2002Volver ó sumario
 
Arxentina: tempo de crise


Daniel Pereyra
 
 

Os acontecementos ocorridos na Arxentina dende decembro de 2002 ata o presente, sorprenderon á opinión pública mundial polo inesperado, pero tamén ós arxentinos, que non se crían capaces dunha reacción coma a vivida. As consecuencias da rebelión popular aínda perduran. Tales feitos só poden entenderse se nos apartamos das explicacións doadas e buscamos no pasado os sinais anunciadores do que se aveciñaba.

Se actuamos así, veremos con claridade que na Arxentina se ten instalado unha crise estructural, que se afondaba dende hai un cuarto de século e que nalgún intre tiña que estoupar. Tal crise ten como eixo a aplicación dunha política económica neoliberal e exprésase en tódolos niveis: no político, no moral e, por suposto, no económico.


1. A crise económica e social

O rol da dictadura militar

En 1976, cando os militares tomaban o poder mediante un golpe de estado, puxeron a economía nacional nas mans dun equipo formado polo ministro de Economía Alfredo Martínez de la Hoz, e integrado entre outros por Juán Alemán como secretario de Facenda e polo secretario de Estado de Coordinación e Programación Económica, Guillermo Klein, fieis representantes do sector financeiro intimamente vinculado á banca internacional.

A política instrumentada, que con lixeiras variantes se viña aplicando ata a actualidade, consistía basicamente en especializa-lo país no mercado mundial como productor agropecuario, integralo no circuíto financeiro e bancario internacional e, acrecentando a súa débeda externa, reduci-lo peso da súa industria abrindo as portas á importación e ó investimento estranxeiro, reduci-lo custo do Estado mediante a privatización das empresas e impulsar á baixa o valor dos salarios. Tratábase en suma de instaurar un novo modelo de país máis dependente dos centros do poder internacionais, segundo a política do Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial.

O papel fundamental da represión exercida pola dictadura consistiu en facer posible a aplicación destes proxectos cunha mínima resistencia, efectos logrados moito despois da retirada dos militares do goberno en 1983. Efectivamente, a desaparición física de milleiros de activistas populares e o terror aplicado de xeito xeneralizado, lograron instaura-lo medo na sociedade arxentina ata datas moi recentes, facilitando a aplicación das medidas máis impopulares.

Esa política económica foi continuada polos sucesivos gobernos civís que seguiron ós militares, o da UCR (Unión Cívica Radical) con Raúl Alfonsín dende 1983 ata 1989, o do peronista Carlos Ménem dende esa data ata 1998, e o do radical Fernando de la Rúa ata a súa renuncia a consecuencia dos sucesos de decembro de 2001. Logo dun rápido paso pola presidencia de varios mandatarios no termo dunha semana, o 1 de xaneiro de 2002 accedeu ó cargo Eduardo Duhalde, quen pese a tódalas dificultades e o rexeitamento popular segue a aplicar idéntica liña económica.


Evolución económica dende 1976

Transcorridos 26 anos dende o comezo da dictadura pódese verificar que o país se endebedou vertixinosamente, que a súa industria se reduciu, ata o punto de desaparecer pólas enteiras da producción, que a importación abrangue numerosos productos que se elaboraban no país, que a desocupación case inexistente en 1976 abrangue na actualidade un 22% da poboación segundo estimacións oficiais e unha cifra similar de subocupados, e que a calidade de vida, medida en acceso á alimentación, á saúde, á educación, ó ocio e á cultura caeu ata extremos descoñecidos na Arxentina.


Débeda externa

O seguimento da evolución da débeda externa entre 1966 e 2000 (en millóns de dólares) é fundamental para explica-la crise estructural e a decadencia do país.


Período Goberno e presidente

Aumento

% do total

   

da débeda

 
1966-72 Militar: Onganía, Levingston, Lanusse

1.524

1,03

1973-75 Constitucional: Cámpora, Perón, Isable Martínez

3.000

2,03

1873-75 Militar: Videla, Galtieri, Bignone

37.300

25,26

1984-89 Constitucional: Alfonsín

20.200

13,68

1990-99 Constitucional: Ménem

80.919

54,80

2000 Constitucional: De la Rúa

1.448

0,99

 
Total débeda externa 1966-2000: 144.391 millóns de dólares
Débeda anterior a 1966: 3.276 millóns de dólares
Total débeda externa a 31/12/2000: 147.667 millóns de dólares (
1)


Tódolos gobernos, militares e civís, contribuíron a incrementa-la débeda externa, que foi crecendo co engadido dos intereses non pagados e coas renegociacións que aumentaron o capital adebedado. No ano 2001, o importe dos intereses a pagar ese ano era duns 15.000 millóns de dólares.

Os primeiros préstamos que se tomaron, foron a taxas de intereses negativas, por baixo dos índices de inflación. Logo esas taxas transformáronse bruscamente en positivas, sen que os sucesivos gobernos se negasen a satisfacer tales incrementos sobre un capital prestado con anterioridade ós novos intereses.

Dende 1976 ata 2000 Arxentina pagou por intereses da débeda 212.280 millóns de dólares, máis que o capital adebedado(2). Sen embargo, a súa débeda medrou ata a cifra actual, que supera os 150.000 millóns. Esta tremenda drenaxe de capital derivada cara á banca internacional é a principal explicación do brutal empobrecemento do país.

O que hoxe é unha evidencia, a imposibilidade de que os países dependentes poidan paga-la súa débeda externa, xa fora alertado por moitos economistas, algúns deles fóra de toda sospeita. Así Aldo Ferrer, ministro de Economía do xeneral Levingston no 1970 e consultor de numerosas entidades latinoamericanas, a CEPAL (Comisión Económica para a América Latina) entre outras, escribiu en 1982:

“Tres factores contribuíron a desencadea-las tensións nas que se debate hoxe o sistema financeiro internacional. En primeiro lugar, o continuado deterioro da capacidade de pagos externos dos países debedores polo debilitamento do comercio internacional e a caída dos seus termos de intercambio. En segundo termo, o brusco aumento da taxa de interese internacional debido ás políticas monetarias restrictivas seguidas nos Estados Unidos dende finais da Administración Carter. Finalmente, a dimensión acadada polo endebedamento dos países comprometidos. En tales condicións os servicios da débeda exceden amplamente a capacidade de pagamento dos debedores e converten en inviables as tradicionais políticas de axuste. Estas foron concibidas para enfrontar desequilibrios menores dos pagamentos externos. Nunca para resolver situacións nas cales os intereses da débeda roldan ou exceden o 50% dos ingresos de exportación(3)”.

Se isto era así no 1982, con 41.000 millóns de débeda, moito peor é actualmente e moito máis inviable o seu pagamento, un endebedamento de 150.000 millóns.

Pero é que ademais, a política do equipo económico da dictadura estimulou ex profeso o endebedamento externo do país, coma o sinala Ferrer no libro citado:

“A canalización de créditos do exterior non foi unha consecuencia das tendencias do desenvolvemento e da demanda do financiamento externo do sistema productivo. Converteuse nunha fin en si mesma a través da cal se xerarían cuantiosos beneficios como comisións e spread dos participantes do proceso. Non pode comprenderse a dinámica do endebedamento se non se ten en conta este papel autónomo dos grupos vinculados á mobilización dos créditos da banca internacional”.

E ese estímulo mantívose a través de tódolos gobernos. Foi o de Carlos Ménem o que máis avanzou por ese camiño, xa que totalizou nos seus 10 anos de goberno o 54,80% do total da débeda, ademais de se-lo artífice da maioría das privatizacións das empresas nacionais.


A creba industrial e as privatizacións

A política económica implantada en 1976 conduciu a unha desindustrialización do país, en beneficio, por unha banda, da importación de bens estranxeiros e, pola outra, da concentración empresarial en mans de poucos e poderosos grupos económicos.

“A dictadura militar instaurada en 1976, no canto de moderniza-la industria, fixo táboa rasa con ela, mediante a sobrevaloración monetaria, que provocou unha desindustrialización restaurativa de importacións, o que converteu a Arxentina en paradigma da globalización. En oito anos de neoliberalismo e terrorismo de Estado, a industria reduciuse ó 22% do PIB, crebando o complexo metal e electromecánico, o máis dinámico e xerador de emprego(4)”.

Segundo a EPH (Enquisa Permanente de Fogares) de maio de 2001 para o Gran Bos Aires, a proporción de obreiros industriais sobre o total de ocupados foi do 17,7%, mentres que en maio de 1992 era do 29,5%, o que reflicte a perda de peso da industria no conxunto do traballo(5).

Esa política foi continuada e acompañada pola privatización dos servicios públicos, que pasaron a mans privadas, xeralmente de grandes empresas estranxeiras. Isto ocorreu cos ferrocarrís, teléfonos, gas, auga, electricidade, aviación, subterráneos, e outros sectores.

As privatizacións non tendían a unha mellora dos servicios, como se proclamou, senón a contribuír ó pagamento dos intereses da débeda; ademais, causouse ó país unha perda duns 60.000 millóns de dólares pola forma en como se realizaron as vendas. Todo o proceso foi sumamente opaco, detectáronse numerosos casos de suborno e enriquecemento ilícito de funcionarios públicos. Tal vez o caso máis escandaloso foi o da privatización de YPF (Xacementos Petrolíferos Fiscais), a avaliación da cal foi confiada á consultora norteamericana Merril Lynch, que taxou pola metade do seu valor os xacementos propiedade de YPF, finalmente adxudicada á empresa española REPSOL. Colateralmente a este proceso privatizador, consumouse unha apertura indiscriminada das importacións, que mediante a total supresión de barreiras aduaneiras permitiu a entrada no país de bens de consumo anteriormente producidos no país, o que ocasionou a creba de sectores enteiros da industria de capital nacional.


Efectos sociais na clase obreira

A consecuencia combinada destes procesos foi que a taxa de desemprego, que era mínima en 1975, se elevara ó actual 23%, cifra que se duplica se se ten en conta ós subempregados, traballadores a tempo parcial e precarios. Simultaneamente, o salario industrial medio caeu máis dun 30% ata 1998. Só entre 1990 e 1998 tivo unha baixa do 18,5%, mentres que na construcción retrocedeu un 11,2% en igual período(6).

¿Canto máis caeu entre 1999 e a actualidade? Non hai estatísticas ó día, pero só considerando os efectos da desvalorización entre xaneiro e marzo de 2002, estímase nun 15% de descenso do valor real do salario. Os traballadores sufriron dende descensos directos de salarios impostos polos patróns, ata os descensos indirectos, causados polo non pagamento de horas extraordinarias e pola perda de beneficios existentes, coma a provisión de roupa de traballo, o pago do transporte, etc. Numerosas actividades veñen cubertas por empresas contratistas ou por traballadores eventuais que carecen de toda protección social. Os xubilados e traballadores do Estado que percibían salarios de máis de 500 dólares, foron castigados durante o goberno de De la Rúa cunha diminución do 13% dos seus ingresos, sen máis razón que a necesidade do Estado de recadar diñeiro para cubri-lo déficit orzamentario.

Con esta diminución de postos de traballo e a perda de poder adquisitivo dos salarios e pensións, produciuse un incremento notable da pobreza e mesmo da indixencia, fenómeno que era descoñecido na Arxentina. Calcúlase nun 30% a poboación que vive baixo a liña da pobreza –que a penas satisfán as necesidades básicas da alimentación–, e nun 15% os que están na indixencia, é dicir, que o que gañan non lles chega para comer regularmente. Estes indixentes son basicamente as persoas con ocupacións precarias, como os recolledores de cartón, que lles proporciona uns ingresos mínimos e irregulares, ou os que carecen de toda fonte de ingresos.

Este retroceso nas condicións de vida da clase traballadora viuse acompañado cunha baixa da conflictividade sindical. Adrián Piva sostén que: “A evolución da conflictividade entre 1989 e 2000 amosa unha clara tendencia á diminución. Tendo en conta que esta caída dos conflictos prodúcese no marco dunha sostida ofensiva do capital, podemos interpretala como un retroceso da clase obreira. Os conflictos, ó mesmo tempo, adquiriron un carácter predominantemente defensivo, tanto pola tendencia ó aumento dos conflictos por suspensións, despedimentos e atrasos no pagamento dos salarios, como sobre todo pola forte caída dos conflictos en reclamo de aumentos salariais(7)”.


A clase media

A medida que a crise se agudizaba nos últimos anos, a clase media experimentou un lento retroceso nos seus ingresos, particularmente nas súas capas asalariadas máis baixas. Non obstante, Arxentina mantiña un sector de clase media bastante amplo, se se toma como referencia o resto de América Latina. Este sector beneficiábase da paridade peso-dólar, o que lle permitía altos niveis de medicina e educación privadas, así como gastos en lecer elevados, depósitos a prazo fixo en dólares dos que obtiñan ganancias extra, etc.

A clase media foi golpeada en decembro de 2001, cando foi expropiada polo goberno ó cancela-la libre dispoñibilidade dos seus aforros, co chamado corralito. Decenas de miles de millóns de dólares foron inmobilizados nas súas contas, alegando o goberno que non existía diñeiro para poder paga-los depósitos. Esta auténtica expropiación, esta negación da propiedade privada, foi causada porque os fondos foron utilizados polos gobernantes para paga-los gastos correntes do Estado; entre outros, os intereses da débeda externa. Ó cesa-lo ingreso de investimentos e préstamos do exterior, recurso fundamental do que se alimentaba o orzamento nos últimos anos, os gobernos apelaron a tódolos fondos existentes. Tanto ós depósitos bancarios, como ós fondos xubilatorios, ou calquera outra forma de financiamento posible, saltándose ledamente a legalidade que facía que ditos recursos fosen intocables.

Deste xeito e dun só golpe, a clase media perdeu como mínimo a metade dos seus aforros, se se calcula que se lle devolverán en pesos a razón de 1,40 por cada dólar, que se cotiza actualmente a 3,50, co agregado de que a devolución farase efectiva de xeito aprazado, o que incrementa a perda. Esta estafa, ademais do trauma que significou para os aforradores, colocou a moita xente que vivía deses fondos, anciáns sobre todo, en situacións desesperadas.


2. Crise político-moral

Tal crise económica foi acompañada por unha desfeita na orde política e moral, que deixou fondamente conmocionada á sociedade arxentina.

Os fenómenos de corrupción producidos en Brasil, Perú, México e Rusia, amosan que non se trata dun feito exclusivo da Arxentina, nin sequera de América Latina, senón dunha característica do capitalismo neoliberal.

A última década estivo contaxiada de casos máis ou menos espectaculares, onde non faltaron as comisións ilegais para obter contratos oficiais, como o da empresa IBM, ou o suborno ó Senado para obte-la votación favorable da lexislación antiobreira. A detención do ex presidente Carlos Ménem acusado de participación no contrabando de armas con destino a Ecuador e Croacia, así como a súa exculpación por parte da Corte Suprema de Xustiza, é un dos asuntos máis ferintes da corrupción. Non cabe esquecer que a maioría desa Corte foi nomeada polo propio Ménem. Esta lacra salpicou a tódolos estamentos da sociedade, dende o sindicalismo ata a xudicatura, pasando polos executivos patronais e dirixentes políticos.

É xustamente neste último sector, en particular nos niveis de goberno, onde se vén centrando a indignación popular, ó responsabilizar ó goberno de De la Rúa primeiro, e ó de Duhalde despois, das consecuencias nefastas do corralito.

Precisamente estas medidas son as que foron respondidas masivamente cos cacerolazos, fundamentalmente pola clase media urbana, principal damnificada pola conxelación dos depósitos bancarios. O intento de De la Rúa de reprimi-lo descontento popular, primeiro coa declaración do Estado de Sitio e logo coa represión policial, non fixeron máis que aumenta-la protesta e provoca-la súa estrepitosa caída.

As manifestacións masivas que se sucederon entre o 19 e o 28 de decembro en Bos Aires e outras cidades do país, o resoar incansable das cacerolas provocado por un sector social habitualmente pacífico, testemuña a fondura da crise.

A consigna “QUE SE VAYAN TODOS!” expresa e sintetiza un sentimento xeneralizado de rexeitamento ós gobernantes e políticos do sistema, sinalados coma máximos responsables da crise. Este rexeitamento non xorde do corralito, nin é patrimonio exclusivo da clase media. Ten a súa orixe anos antes, cando comezou a medrar nas eleccións o voto en branco ou a abstención, e alcanzou un punto moi alto en 2001, cando en outubro un 40% dos votantes se abstivo, votou nulo ou en branco. Anécdota significativa son os votos recollidos por Clemente, personaxe de tira cómica que carece de brazos, porque “non pode roubar”, segundo a explicación popular.

Tamén son dignos de mención os resultados obtidos pola esquerda, que a pesares de presentarse dividida en varias listas, acadou os resultados máis importantes da historia.

E non menos destacable é a realización o 15 de decembro da “Consulta Popular”, convocada pola CTA (Central de Traballadores Arxentinos), a favor dun salario mínimo para os desocupados, á que sorprendentemente acudiron 3 millóns de persoas, pese ó seu carácter non vinculante.

Todos estes indicios amosan que existía un fondo descontento, que se expresaba de diversas maneiras, e que se concentrou finalmente no cacerolazo, as manifestacións e as loitas dos parados, e no rexeitamento e a desconfianza á acción do goberno e dos políticos.

Hoxe se asiste na Arxentina a unha crise total de representatividade, onde non se cre no que din ou fan os partidos políticos e os chamados representantes, mesmo os votados democraticamente, e onde, mesmo nas novas formas asemblearias xurdidas a partir das loitas destes meses, rexeitase sistematicamente toda forma organizativa que signifique unha delegación de mandatos por parte dos asembleístas.


3. Novas formas de organización e representación

Esa crise de representatividade acompaña ás distintas manifestacións de protesta que se teñen sucedido nos últimos anos. Practicamente cada nova loita producida asumiu formas organizativas novidosas, ou cando menos distintas do que era habitual. Así, no eido sindical, dende hai unha década, xurdiu unha nova central, a CTA (Central de Traballadores Arxentinos), que se opón ós manexos antidemocráticos da burocracia dirixente. É precisamente esta organización a que creou unha estructura novidosa no movemento sindical arxentino; tal é a Federación que agrupa ós desocupados, os popularmente coñecidos como piqueteros. É un feito insólito que un sindicato se preocupe de organizar e brindar asistencia a aqueles que teñen perdido o seu traballo. Na Federación atópase un dos sectores piqueteros máis importantes, o Movemento de Traballadores Desocupados de La Matanza, concello emprazado no Oeste do Gran Bos Aires.


Os piqueteros

Sen dúbida o fenómeno máis importante, tivo a súa orixe anos atrás cando se sucederon unha serie de protestas populares, en forma de motín, en distintas poboacións do interior do país. En 1993 en Santiago del Estero –provincia pobrísima do Norte– unha manifestación arrasou edificios públicos pola falla de pagamento dos salarios ós empregados públicos. En 1996 en Cutral-Có, unha poboación da sureña provincia de Neuquén, produciuse o primeiro piquete, cando máis de 1.000 desocupados e veciños cortaron a ruta nacional 22. Días despois 20.000 persoas acamparon na estrada e impediron o desaloxo ordenado por un xuíz, e que tentaba executar á Xendarmería Nacional.

Varios destes feitos foron motivados polos despedimentos producidos pola multinacional española REPSOL, (8.000 no caso de Cutral-Có), que tras mercar YPF se librou dunha gran parte do persoal, deixando poboacións enteiras que vivían do petróleo na máis absoluta miseria ó privarlles da súa fonte de traballo.

A forma de loita que emprenderon estes parados foi corta-las rúas e camiños próximos ás súas poboacións, interrompendo o tráfico para esixir solucións ós seus problemas. Estes cortes estaban protagonizados por un centenar de persoas, homes, mulleres e nenos, que acampaban sobre as rutas e resistían en moitos casos o asedio policial. En distintas oportunidades estas situacións culminaron con represión policial e mortes entre os manifestantes.

Estes piquetes foron estendéndose gradualmente por todo o país, alcanzando o Gran Bos Aires en 2001, e o seu funcionamento é completamente democrático, resolvéndose as cuestións en asembleas, onde mesmo se considera a marcha das negociacións, resolvéndose a continuidade ou non das medidas de forza adoptadas.

Algúns destes movementos xestáronse inicialmente pola toma de terras, o que responde á necesidade de vivenda de persoas expulsadas das cidades pola imposibilidade de paga-los elevados alugamentos, a consecuencia da perda do traballo. E é que na periferia das cidades como Bos Aires, onde centenares de milleiros de persoas viven en chabolas, e que carecen moitas veces de auga, electricidade e servicios sanitarios, onde estas organizacións se teñen desenvolvido con maior intensidade. Case sempre a loita piquetera foi acompañada de iniciativas asociativas e productivas diversas, a partires da achega dos mesmos veciños de parte dos Planes Trabajar que lles foron outorgados polos concellos e gobernos provinciais, e que se traduciron en cooperativas que producen pan ou outros productos de primeira necesidade, ou en sistemas de troco onde se cambian bens e servicios, paliando deste xeito as necesidades máis perentorias.

Parte destas organizacións acostuman a se-las ollas populares, verdadeiros comedores onde os participantes nos piquetes e os veciños poden comer, obtendo a solidariedade do pequeno comercio da zona. A localización xeográfica e social deste movemento dáse nas capas máis pobres da poboación e nos barrios e localidades máis deprimidas, onde son maioría os que carecen de ingresos regulares. As organizacións piqueteras máis importantes atópanse no sur e oeste de Bos Aires, onde están as maiores bolsas de pobreza e de precariedade laboral e habitacional.

O movemento piquetero comezou a coordinarse, formouse un Bloque Nacional Piquetero, no que non conflúen tódolos agrupamentos existentes, debido a diferencias nas reivindicacións e na metodoloxía de reivindicación e de loita.

O domingo 17 de febreiro de 2002 efectuouse unha Asemblea Nacional de Traballadores, integrada fundamentalmente polas organizacións de desocupados máis radicalizadas e sectores sindicais en conflicto, con 1.500 delegados de todo o país, na que se tomaron diversas decisións, entre as que cómpre destaca-las que seguen:

Responsabilizar ó goberno de Duhalde da situación pola súa supeditación á política do FMI e reclama-la súa expulsión mediante unha saída popular de conxunto, repudia-la política de “concertación” apoiada por partidos políticos e centrais sindicais en apoio do goberno, e chamar á loita de piqueteros, asembleas de barrio e traballadores en activo, polas seguintes reivindicacións:

1. Liberdade ós compañeiros presos e desprocesamento dos axuizados.

2. Xuízo e castigo ós responsables intelectuais e materiais dos mortos do 19-20 de decembro e outros ocorridos nos últimos meses.

3. Non pagamento da débeda externa.

4. Nacionalización da banca, empresas fundamentais e xestoras de pensións.

5. Posta en marcha baixo control obreiro das empresas pechadas.

6. Devolución dos depósitos ós pequenos aforradores.

7. Loita polo traballo permanente, mediante o reparto de horas sen afecta-lo salario.

8. Salario mínimo e subsidio ó parado, acordo ó custo da vida.

E logo de moitas outras reclamacións sobre loitas e situacións concretas conclúe a resolución reclamando un goberno dos traballadores.


Os cacerolazos e as Asembleas Veciñais

A outra forma nova de organización e loita xurdiu a partir dos cacerolazos. Estes iniciáronse nas esquinas dos barrios, cando pequenos grupos de veciños facían soa-las súas cacerolas e decidían qué facer a continuación. Moitas voltas se acordaba marchar cara a Praza de Maio ou cara a algún outro punto de concentración no mesmo barrio, ou pola contra, quedaban en reunirse a noite seguinte no mesmo punto de encontro inicial. A idea que xermolou foi a de facer actividades en conxunto logo dunha deliberación democrática. En pouco tempo, dende o primeiro cacerolazo do 19 de decembro, comezaron a xurdir en tódolos barrios de Bos Aires, o que a pouco andar se fixo extensivo a outras cidades, as Asembleas Veciñais. Tomando como punto de reunión algunha praza do barrio, os veciños comezaron a reunirse a deliberar. Pouco a pouco estas asembleas foron dotándose dunha mecánica de funcionamento, nomeamento de dúas persoas para presidilas, outorga-la palabra ó que a pedira por 3 minutos, votación ó remate do debate. En xeral rexeitábase a presencia de organizacións ou partidos, mesmo da esquerda. Dende finais de xaneiro de 2002 comezou a funcionar no Parque Centenario de Bos Aires unha Asemblea interbarrial, con delegacións de tódalas asembleas, rexidas por similares normas. O 17 de marzo efectuouse unha reunión con alcance nacional e presencia de 150 delegacións, onde se aprobou un programa de reivindicacións e accións a emprenderse colectivamente.

Entre as resolucións máis importantes figuran: o non pagamento da débeda externa, a estatalización das empresas privatizadas e das AFJP (xestoras privadas de pensións), a nacionalización da banca, a estatalización das empresas quebradas e a súa posta en marcha baixo control obreiro, entre outras. Como continuación da consigna “Que se vayan todos” resolveuse efectuar un cacerolazo mensual os días 20, en troco das convocatorias semanais. Tamén concorrer á marcha do 24 de marzo, aniversario do golpe militar de 1976, e manifestarse o 1º de maio, repudiando á CGT (Confederación Xeral de Traballadores) burocratizada.

Este movemento asembleario experimenta altibaixos no seu desenvolvemento. Por unha banda, séguese estendendo a novos barrios e cidades, pero por outra, acostuma a decae-la cantidade de asistentes. Igualmente, hai un desfase entre as resolucións que se votan, e a posta en práctica das mesmas. Dependendo xeralmente do tipo de tarefas votadas: se son temas sentidos polo barrio, como o funcionamento do hospital local, ou a loita contra a alza dos prezos do supermercado próximo, é común contar cun apoio importante dos veciños. Este apoio diminúe en función do máis complexo ou abstracto da resolución de que se trate, ou do grao de compromiso que esixa.

Un estudio realizado pola consultora Centro de Estudios para a Nova Maioría, dirixida por Rosendo Fraga, conclúe que o fenómeno do cacerolazo, “se ben ten perdido participación, vaise transformando nunha estructura de mobilización social permanente, integrada por 272 asembleas de barrio que se reúnen regularmente”. Tamén conclúe que son os barrios de clase media e media alta os que teñen maior cantidade de asembleas, e que as provincias con menos ingreso per cápita son as que contan con menos ou ningunha asemblea. Desas 272 asembleas, 112 funcionan na capital, 105 na provincia de Bos Aires, 37 en Santa Fe e 11 en Córdoba(8).

Ese carácter de estructura de mobilización social permanente é o que lle confire ó movemento dos barrios a súa maior importancia cara ó futuro.


4. ¿Cara a un novo xeito de facer política?

Algo indubidable é que piqueteros e veciños fan política, pese a que declaran moi a miúdo que rexeitan a política. Tal vez se podería afirmar que o que rexeitan é a politiquería, entendida como o accionar de caudillos e burócratas. Que rexeitan a representatividade falsa, que consiste en reclama-lo posto de representante para logo de ser elixido face-lo contrario do que se prometeu e do que desexan os representados.

A sociedade civil a través dos dramáticos acontecementos dos últimos anos experimentou un crecente divorcio con respecto ó poder político. Percibiu que era enganada, que os seus representantes non a representaban; que no nome do ben común, tan manido recurso nas vésperas de eleccións, tomábanse decisións en beneficio duns poucos; que a proclamada honestidade nos cargos transformábase en enriquecemento ilícito; que a intocable soberanía nacional se entregaba ás multinacionais.

Todas estas constatacións empíricas, acumuladas ó longo dos anos, multiplicáronse cando a clase media se viu de golpe literalmente roubada, cando os traballadores e os pensionistas viron que os seus salarios eran reducidos por decretos, e cando millóns de persoas se viron abocadas ó paro e á fame, nun país rico en recursos naturais. Esa experiencia popular sintetizouse na consigna, QUE SE VAYAN TODOS, QUE NO QUEDE NINGUNO! Que se popularizou nas asembleas e manifestacións nas rúas das cidades arxentinas. Esa consigna condensa todo o repudio que xeran os políticos tradicionais, estean ou non no goberno, e xa se manifestou nas últimas eleccións onde un 40% dos cidadáns abstívose ou votou en branco.

Xunto a esa consigna negativa foi xurdindo unha resposta positiva, aínda incompleta, que parte da deliberación popular, democrática, sen censuras, sen burocracias, onde todos poidan expresarse libremente e que se vai concretando, se non nun programa, si nun listado de reivindicacións. Este exercicio de democracia participativa realízase nas asembleas de barrio, nas asembleas dos cortes de ruta, e elévase a un nivel superior nas asembleas coordinadoras de piqueteros ou veciños. Tamén se desenvolven formas básicas de cooperación económica, de producción, de troco, xestionadas colectivamente e controladas de forma democrática.

Este movemento constitúe un avance enorme, posto que implica a participación activa de centenares de milleiros de persoas na política, na autoxestión democrática, na organización da vida comunitaria. É un importante paso adiante con respecto ó pasado recente, cando o que primaba era o individualismo e os intereses particulares.

Mais este avance constitúe o comezo dun camiño, incerto e cheo de obstáculos, onde son máis as preguntas que as certezas: ¿Estas organizacións substituirán ós partidos políticos tradicionais? ¿Poderán desenvolver un proxecto de acción política pola súa conta? ¿Cómo resolverán o problema da representación? ¿Poderán por si mesmas constituírense en alternativa política? ¿Xurdirá algunha forma de unión ou fronte entre estas novas formas de facer política e os vellos partidos?

O que está claro polo momento é que se rexeita toda forma de representación na que non estea garantida a opinión dos representados e que as asembleas son as únicas formas aceptables de resolución dos problemas a través do debate e o voto. Os intentos de restauración das vellas formas de actuación, dos caudillos e burócratas, contan co repudio das grandes maiorías, polo menos mentres dure o actual espírito de mobilización.


5. O marco internacional da crise arxentina

É evidente, ata para os menos decatados, que unha parte substancial das chaves da crise cómpre buscala fóra do país. A responsabilidade do FMI e do Banco Mundial na débeda externa é absoluta. As condicións usuarias dos créditos e as renegociacións leoninas que se teñen realizado da débeda son do seu exclusivo dominio. En canto ás normas do comercio internacional, o prezo das materias primas e o custo de seguros e transporte, está nas mans da OMC (Organización Mundial do Comercio) que privilexia ás grandes potencias en detrimento dos países máis pobres.

As esixencias do FMI, que Arxentina seguiu ó pé da letra, teñen levado ó país á penosa situación na que se atopa. O resultado obxectivo desta política é que Arxentina pagou máis de 200.000 millóns de dólares de intereses en 25 anos; que se enviaron ó estranxeiro milleiros de millóns de ganancias das multinacionais; que a través das privatizacións de empresas nacionais o país empobreceu; que os seus servicios esenciais quedaron deteriorados. E que, por outra banda, a poboación, na súa maioría, caeu na pobreza ou na indixencia, no desemprego, e que se perderon os niveis de educación e saúde pública que a caracterizaban.

Malia estes negativos resultados o FMI persiste en recomendar máis da mesma menciña, esixindo un maior empequenecemento do Estado e unha maior reducción dos salarios, de tal xeito que Arxentina siga a nutrir cos seus pagamentos as arcas da banca internacional. E négase a facilitar novos créditos, aínda a sabendas de que o goberno de Duhalde pende dun fío, tal coma xa fixo cando a crise de De la Rúa e o corralito. ¿É que o FMI deixa caer conscientemente Arxentina? Non é o que se fixo nos casos de México, Brasil, ou Rusia, onde acudiu rapidamente con gran despregamento de recursos. Varias explicacións poden darse desta política. Por unha banda é un feito que a Administración republicana do presidente Bush preocúpase moito máis da política interna que da internacional. E que esta lle interesa fundamentalmente cando repercute sobre o seu mesmo país, ou cando os seus intereses económicos e políticos poden verse afectados, como é o caso do petróleo de Oriente Medio e toda a situación xeoestratéxica desa rexión.

Outra cuestión é que Estados Unidos aposta na América Latina por un mercado común continental, como é o ALCA (Asociación de Libre Comercio das Américas) onde tería un peso directo, e nese senso non ve con bos ollos o eixo Brasil-Arxentina, estructurado no Mercosur. A crise arxentina debilita ese pacto rexional aumentando as posibilidades do ALCA. E a man dura no tema da débeda será esgrimida como unha advertencia fronte a tódolos países latinoamericanos debedores, do que podería ocorrerlles se caesen na tentación de eludi-lo pagamento.

Xunto co ALCA, a outra base fundamental da política norteamericana en América Latina é hoxe a preparación dunha futura intervención militar se a consideran necesaria. Tomando como eixo o Plan Colombia e a suposta loita contra o narcotráfico, Estados Unidos está a asentar bases militares en case tódolos países da área, como é o caso de Panamá, Ecuador, Bolivia, Perú coa recente visita de Bush, e mesmo na Arxentina. A posibilidade de graves crises sociais e a extensión da rebelión contra a situación social e económica existente torna ominosa esa presencia militar estranxeira. Pero tamén amplía a base de posible solidariedade entre os movementos populares dos países latinoamericanos fronte a calquera intervención.

Por outra banda, cómpre ter en conta a rivalidade existente entre Estados Unidos e a Unión Europea polo mercado latinoamericano. Un debilitamento da posición española e doutros países europeos na Arxentina, sen dúbida facilitaría a entrada de capitais norteamericanos, particularmente no caso do petróleo.

Tal vez sexa correcto apuntar a unha suma destes factores como explicación da actitude de Estados Unidos perante a crise.

Máis difícil de explicar é a política ou a ausencia de política activa por parte da Unión Europea. No tema da débeda alíñase totalmente coa posición do FMI, o que é dicir coa de Estados Unidos. A Presidencia europea, neste semestre ocupada polo goberno español, estase limitando á defensa dos intereses das propias empresas sen visualiza-lo papel que podería xogar en defensa de Arxentina, o que redundaría posteriormente a favor dos seus intereses xerais. Notouse a falla de xestos políticos, supeditando todo o seu accionar á posición de Estados Unidos. Por exemplo, perante a visita de todo un equipo de funcionarios do FMI a Bos Aires, a presencia da troica comunitaria podería alivia-la presión brutal que se exerce sobre Arxentina. Presencia que sería decisiva se se concretase na anulación da débeda que Arxentina ten cos países europeos, que xa foi pagada con creces.

En canto ás empresas españolas, cómpre lembrar que se beneficiaron coas extraordinarias ganancias obtidas coas privatizacións, realizadas nas peores condicións entre funcionarios corruptos e corruptores estranxeiros. Falar hoxe de posibles perdas só é falar de menos ganancias. A presión que exerceu o goberno español nos primeiros momentos da crise coa visita do ministro Piqué, non é a mellor actitude cara un país ó que a maioría dos españois lembran con cariño, pola axuda prestada en malos tempos para España. Esta política contrasta coa actitude espontánea de milleiros de cidadáns españois contribuíndo xenerosamente con medicamentos e alimentos a palia-las consecuencias da crise. Tampouco é moi xenerosa a actitude fronte ós milleiros de arxentinos que desexan emigrar a España, ós que se lles pechan unhas fronteiras que estiveron abertas de par en par cando a situación era a inversa á da actualidade e os españois debían partir por millóns ó estranxeiro para poder gaña-la vida.


6. ¿Que futuro se presenta para Arxentina?

Como diciamos ó comezo do artigo, non se trata só dunha crise económica, por grave que esta sexa, senón fundamentalmente unha crise política e moral. Ningún gobernante dos que se sucederon nos últimos meses conta co apoio da poboación, xa que están descualificados moral e politicamente, algo inédito na Arxentina. É unha situación infinitamente máis grave que a ocorrida en 1989, cando o presidente Alfonsín tivo que acurta-lo seu mandato pola hiperinflacción. Hoxe o país atópase ó borde dunha nova escalada do custo da vida, impulsada pola desvalorización que xa ten elevado os prezos dos artigos de primeira necesidade nun 50% e que ameazan con seguir trepando. A cotización do dólar, arrastrada pola desconfianza cidadá, contribúe a produci-lo mesmo efecto, xa que é un dos indicadores básicos para determinalo prezo das mercadorías.

Por outra banda, a carencia dun liderado recoñecido favorece a loita das distintas fraccións do capital e das diversas administracións provinciais e locais por facerse donas da maior parte da torta, ignorando toda posible disciplina económica. É a situación na que se atopa o goberno de Duhalde, que non acada representar a tódolos sectores das clases dominantes para formular un proxecto que sexa quen de saca-lo país da crise, nin pode disciplina-la poboación para que acepte maiores axustes. O grave enfrontamento entre a Corte Suprema en torno ó problema do corralito é un exemplo diso. Esta dictou resolucións polas que de feito libera os depósitos do corralito e o executivo oponse con tódolos seus medios ó non contar con medios para pagar.

O goberno non conta co respaldo popular pola política que desenvolve e polo vencello co pasado hoxe repudiado maioritariamente. Por iso trátase dun goberno sumamente débil, cun futuro incerto, que pode caer en calquera momento. As relacións entre o goberno e a sociedade amosan un completo divorcio, agravado polas múltiples manifestacións de descontento da poboación, expresado día a día na rúa. Non é estraño que comecen a resoar vellos chamamentos dende a dereita máis reaccionaria a restaura-la orde, vence-lo caos e a anarquía, implanta-la disciplina. Un serio analista da dereita visualiza así a situación da Arxentina: “A política arxentina sabe cales son os prazos de Duhalde. Un deles é o que lle impediría vivir por tres meses máis sen axuda externa... A sociedade nacional xa ten feito demasiados esforzos como para que lle segan pedindo o mesmo. Ai catro anos que padece unha economía en recesión; os salarios privados foron axustados antes da desvalorización e novamente axustados pola acción natural desta; a desocupación encamíñase cara o 30% e a caída do PIB está a rolda-lo 15%(9).

As formas de representación tradicionais, partidos e sindicatos, perderon toda a credibilidade e, ó contrario, a súa mera presencia xera irritación. Por iso mesmo son incapaces de exerce-lo seu tradicional papel de mediadores entre a sociedade e o poder, e mesmo as tentativas da Igrexa nese sentido, xunto algúns líderes sindicais e políticos, non teñen acadado éxito.

Fronte esa deslexitimación das estructuras tradicionais nos últimos anos xurdiron novas formas de organización e representación dos sectores populares. Ese proceso acelerouse notablemente dende o 19 de decembro. Trátase dun fenómeno incompleto, en pleno desenvolvemento, relativamente espontáneo na medida en que non ten unha dirección recoñecida, pero que recolle toda a experiencia social e política do pobo arxentino. Característica central deste proceso é que xorde directamente da base da sociedade, a través da achega dos cidadáns, que se van dando as formas de organización que cren axeitadas, baseadas na participación e a democracia plena. Así intégranse mulleres e homes, mozos e vellos, traballadores activos e desempregados, clase media e xubilados. As asembleas son o nervio desta organización popular. Así dáse no movemento de desocupados –o primeiro en organizarse– e, máis recentemente, nas asembleas de barrio das cidades. O dereito ó uso da palabra escrupulosamente respectado, os tempos iguais para todos, a presidencia da asemblea suxeita á substitución cando esta o crea oportuno, o rexeitamento á permanencia das mesmas persoas en calquera tarefa que implique delegación, son sinais de identidade recoñecidas.

Dende estas novas formas está a xurdir un programa de loita popular no que teñen cabida dende as reclamacións máis inmediatas referentes á alimentación, sanidade, educación, ata os problemas máis xerais, como facer fronte á débeda externa, ou como plasma-la consigna “Que se vayan todos!” nunha forma de goberno ou xestión nacional.

Pero é un programa con baleiros e contradiccións, asumido aínda por unha minoría social, que é a que se organiza e participa activamente, e que non se traduce nunha actividade centralizada, salvo en raras ocasións.

Estas organizacións e programas son, pese á súa precariedade, o novo que xorde. É a esperanza dunha rexeneración democrática da vida política e social arxentina. Rexeneración que esixe o fin dos caudillos, dos corruptos e dos burócratas. Nunha palabra, que cómpre outro xeito de facer política.

Este cambio fondo non é condición suficiente, pero si indispensable para que Arxentina poida supera-la crise que a atenaza. Os vellos partidos, os políticos profesionais corruptos, os dirixentes sindicais burocratizados perderon credibilidade e posibilidades. Poderán subsistir un tempo mentres que o movemento popular non consiga consolidarse, mais a súa sorte está botada. As formas representativas parlamentarias, xurdidas de eleccións que se realizan cada catro anos, tampouco saíron ben paradas desta rebelión. Os deputados, senadores, alcaldes e concelleiros que se sintan liberados de todo compromiso cos seus votantes perderon lexitimidade.

Non obstante non pode descartarse a posibilidade de que perante unha crise grave, ou unha eventual caída do goberno Duhalde, se convoquen eleccións, nas que poderían competir vellos partidos e algúns novos, como o que lidera a deputada Alicia Carrió, que tenta ser unha opción diferente en base á loita contra a corrupción. Aínda no suposto que triunfase nunhas hipotéticas eleccións, a cuestión de fondo é qué política estaría disposta a desenvolver. Sen un cambio realmente fondo, sen unha rotura cos dictados do FMI, sería máis do mesmo e dificilmente contaría co respaldo popular. Tamén está a incógnita do papel que poden xoga-las organizacións políticas de esquerda, que eran febles pola súa división, que creceron nas eleccións de outubro e que actúan dentro dos movementos que se teñen constituído aínda que seguen divididos dentro destes, o que sen dúbida resta peso á súa influencia.

A mellor esperanza dunha Arxentina democrática, sen condicionantes externos, liberada da miseria, con sanidade, educación e cultura recuperadas, está nos novos movementos que xorden dende o máis fondo da sociedade. Do xeito en que evolucionen xurdirán as respostas das que hoxe carece a sociedade arxentina. Polo intre trátase dun proceso aberto pragueado de incertezas.


Daniel Pereyra é analista especializado en temas latinoamericanos.

 
 

Notas

(1) Cash; “Suma Cero”, suplemento económico, p12, 31/12/2001, p2.

(2) TOUSSAINT, Eric: El Observatorio de las transnacionales. 09/01/2002, con fontes do World Bank e do BCRA (Banco Central da República Arxentina).

(3) FERRER, Aldo: ¿Puede Argentina pagar su deuda externa?. El Cid Editor, Arxentina, 1982.

(4) FONSECA, Jorge: Argentina y la piedra filosofal. El País, 08/02/2002.

(5) PIVA, Adrián: La década perdida. Cuadernos del Sur, nº 32, Bos Aires, 2001.

(6) Clarín, 08/11/1999.

(7) PIVA, Adrián: artigo citado.

(8) La Nación, 25/03/2002.

(9) MORALES SOLA, Joaquín. La Nación, 24/03/2002.

 
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/09/2002