|
A acción exterior é un importante capítulo da acción pública en Galicia.
A nosa Comunidade Autónoma desenvolve unha significativa actuación neste ámbito, céntrandose
fundamentalmente nunha activa participación no movemento rexional europeo, no fomento das relacións
co veciño Portugal, e, en relación a América Latina, prioriza os intercambios de todo tipo
cos países da rexión do Mercosur. Aínda que lentamente, o convencemento acerca da utilidade
da acción exterior seduce o conxunto dos poderes públicos e facilita unha maior comprensión
desta actuación por parte dunha sociedade cada vez menos indiferente e implicada e cada vez máis
afastada do tópico viaxeiro e protocolario.
Imaxinar unha política exterior ó servicio dos intereses estratéxicos de Galicia quizais
podería parecer novidoso e recente, pero en realidade non é así. A formulación dos
grandes eixes que deberían orienta-la inserción de Galicia no mundo, xa foi trazada modernamente
polos movementos galeguistas no século pasado. A “Galicia, célula de universalidade” que soñaba
e reivindicaba o Partido Galeguista na súa Declaración de Principios viña a condensar esa
comprensión do ser galego no mundo, a través de tres vectores: pacifismo, federalismo internacional
e antiimperialismo.
Galicia conta cunha longa tradición de relación co mundo. O camiño de Santiago no seu día
e os fluxos migratorios máis tarde son exemplos coñecidos dese talante aberto e decidido da nosa
sociedade. O mapamundi está salpicado de centros galegos. Personaxes como Diego Sarmiento de Acuña,
conde de Gondomar, embaixador de Felipe II na corte de Inglaterra, fiel ó seu rei pero tamén á
súa Galicia natal, eloxiado polo propio Castelao na súa obra máis importante, Sempre en Galiza,
simbolizan unha traxectoria certamente tan exemplar como en xeral descoñecida; mesmo para unha boa parte
da sociedade galega actual. Na Galicia dos pasados anos 30, Vicente Risco e a chamada xeración Nós
mantiñan estreitos vínculos co máis selecto da intelectualidade europea do momento. Plácido
Ramón Castro del Río simboliza en boa medida esa confluencia da defensa da identidade de Galicia
cunha vocación de inserción internacional, a idea, tan actual, de progreso con identidade, que o
levou a participar no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, organismo adscrito a Sociedade das Nacións,
no ano 1933, e no que Galicia foi proclamada como unha nacionalidade europea. Intelectuais ou diplomáticos
como Lois Tobío e moitos outros completaban entón a súa formación na Alemaña
da Mitteleuropa sen pasar pola capital de España. Portugal ou o europeísmo, hoxe compoñentes
indiscutibles da nosa acción exterior, formaban parte xa do seu vocabulario común. Aqueles galeguistas
atopábanse entre os primeiros europeístas en España.
Esa visualización dunha Galicia no mundo adiantada polos galeguistas hoxe pode ser interpretada ou orientada
con matices diferenciados pero non poder ser xa negada por ninguén. Algúns contidos daquelas formulacións
poden parecer caducos, total ou parcialmente (o celtismo, transmutado quizais no atlantismo europeísta),
outros en modo algún (caso de Portugal), e, en xeral foron moi enriquecidos co incremento das relacións
con América e, no horizonte inmediato, coa África lusófona.
A interdependencia do mundo contemporáneo obríganos a todos a mirar cara ó mundo exterior
no que todo evoluciona a unha gran velocidade. Se falamos da pesca, un sector clave da economía galega,
falamos de Marrocos, ou de Tunicia ou de Cabo Verde, incluso de Omán; se analizámo-lo futuro dos
nosos estaleiros, é inevitable facer mención de Estados Unidos, de China ou de Corea do Sur; se queremos
asegura-las exportacións dos nosos granitos, Taiwán e outros afastados mercados asiáticos
deben reflectirse nas nosas proxeccións. Pensar, en suma, nas potencialidades e no futuro dos nosos sectores
productivos supón abordar unha internacionalización da empresa galega que esixe e precisa un respaldo
institucional para asentar os seus propios proxectos.
Unha acción exterior galega é obviamente necesaria como consecuencia da nosa implicación
das políticas comunitarias, xa sexa a nivel sectorial (industria, pesca, campo, etc) ou non sectorial (Europa
das rexións); para optimiza-la nosa veciñanza con Portugal (eurorrexión Galicia-Norte de Portugal);
ou para vertebrar fórmulas de entendemento e cooperación cos países do Mercosur e demais de
América Latina. Debería selo tamén para a nosa numerosa emigración, unha variable demográfica,
económica, política e cultural de primeira magnitude que, sen embargo, foi quedando reducida a un
perverso binomio asistencial-electoral. O exterior está presente na acción de moitos axentes: administracións
públicas, partidos, medios de comunicación, sindicatos, ongds, etc, dunha parte, por interese inmediato
de todos e cada un de eles xa que resulta inimaxinable o desenvolvemento das súas funcións sen unha
prolongación exterior, máis ou menos intensa; doutra parte, porque Galicia non soamente é
unha autonomía de España, senón tamén unha autonomía no mundo e esa proxección
internacional de Galicia reforza a súa vez esa identidade.
Por moi reducida que sexa a súa dimensión, todo ente social vivo e dilixente se atopa hoxe ante
a inexorable tesitura de considera-la proxección internacional no ámbito das súas actividades
ou simplemente verse superado en breve prazo polos acontecementos, converténdose nun elemento marxinal,
nunha muda testemuña deste cambio de época que nos tocou vivir.
Relacións con América Latina
América Latina constituíu, en termos históricos, o punto de referencia extrapeninsular
máis importante para Galicia. Os múltiples intereses humanos, sociais, culturais e económicos
que vinculan os nosos cidadáns coa outra costa do océano xunto as perspectivas económicas
da rexión, ás veces problemáticas, pero en xeral valoradas como optimistas, xustifican a alta
prioridade concedida pola Xunta de Galicia ás actuacións institucionais e económicas en dita
zona.
Así pois, a aposta española por América Latina é seguida por Galicia para mellorar
alí a súa posición estratéxica, por medio dunha presencia activa, sólida e programada
a medio prazo, con especial énfase no económico e en áreas de asistencia técnica. As
tendencias de cooperación con América Latina foron, tradicionalmente enmarcadas nos ámbitos
de axuda humanitaria, apoio a programas de desenvolvemento rural, integración rexional e desenvolvemento
do sector da pesca marítima. Dende hai uns anos véñense rexistrando outro tipo de tendencias
máis modernizadoras, como a democratización e os dereitos humanos, a axuda financeira e técnica,
cooperación económica e cooperación científica e tecnolóxica. Sen prexuízo
doutras áreas, as actuacións galegas diríxense basicamente á zona Mercosur xa que ofrece
maiores posibilidades en canto á internacionalización da empresa galega.
A Xunta de Galicia dispón de dúas oficinas de enlace na área de Mercosur, unha situada
en Florianápolis (Santa Catarina-Brasil) e outra en Bos Aires (provincia de Formosa-Arxentina) que teñen
como principais funcións: dar cobertura e continuidade á acción institucional da Xunta de
Galicia, asesorar a empresas galegas nos procesos de internacionalización, comercialización e implantación
e apoialas na súa participación en misións, feiras e eventos; atender a ámbitos como
a cultura, o turismo, o idioma e a cooperación ó desenvolvemento; propoñer actuacións
e desenvolve-los contidos dos convenios de cooperación xa asinados pola Xunta; ou servir de medio de enlace
coa CRPM (Conferencia das Rexións Periféricas e Marítimas de Europa).
Entre os 41 consulados existentes en Galicia, Europa e América Latina son as rexións máis
representadas. Se no caso de Europa, o tráfico marítimo é a razón principal da súa
presencia, en relación a América Latina a causa reside na emigración galega que partía
cara ó continente americano dende os portos de Vigo e A Coruña. É tamén por esta razón
que moitos destes consulados se instalaron nos anos cincuenta e incluso antes, como é o caso de Uruguai,
que leva funcionando dende hai máis dun século, ou o de Venezuela, en activo dende hai máis
de cincuenta anos. Hoxe estes consulados desenvolven idénticas funcións, pero doutro signo: asesoran
e prestan axuda a emigrantes retornados ou ben atenden as necesidades dos seus nacionais que, agora en maior número,
emigran ó noso país.
A representación consular de América Latina, a pesar de ser inferior en número á
europea (que suma un total de 24 consulados), ten sen embargo, un valor cualitativo adicional. Dos catro diplomáticos
de carreira que ostentan o cargo consular, tres pertencen a dita rexión: Arxentina, Venezuela e Cuba.
A efectos da implementación da acción exterior, a Xunta de Galicia contempla os consulados como
un factor dinamizador a ter en conta na promoción e o estreitamento de relacións cos países
de América Latina.
As actuacións de Galicia en América Latina e máis concretamente na zona de Mercosur foron
moitas e de diversa índole. O diálogo cos entes públicos e privados da rexión viuse
favorecido polo Acordo Marco subscrito entre a UE e o Mercosur (1995) e o mandato que recibiu o presidente da Xunta
da Conferencia das Rexións Periféricas e Marítimas de Europa (La Rochelle, 09/10/1997) para
explora-las posibilidades reais de cooperación institucional e económica entre ambas entidades. Galicia
converteuse así en nexo de unión.
A nivel institucional concedese particular interese ó afondamento nas relacións cos órganos
de natureza eminentemente gobernamental (Mercosur), as súas estructuras comúns e instrumentos técnicos
están aínda en fase de consolidación. Ademais do anteriormente exposto, Galicia asinou un
Memorando de cooperación coa Asociación Latinoamericana de Integración (ALADI), un feito sen
precedentes (trátase do primeiro caso no que unha unidade subestatal asina un protocolo de colaboración
cunha organización económica de ámbito internacional) que supón un asentamento das
bases institucionais para facilita-la presencia de Galicia nesa ampla área latinoamericana, nos campos comercial,
económico, cultural ou universitario. Os obxectivos de dito acordo céntranse no intercambio de información,
realización de cursos, seminarios, etc, sobre aspectos relativos á integración; tamén
inclúe o intercambio de técnicos en áreas de interese común. A Xunta de Galicia tamén
subscribiu un Acordo Multilateral con Codesul-Crecenea (conxunto de estados brasileiros do sur e provincias arxentinas
fronteirizas do noroeste, de carácter integrador), foro no que Galicia pode participar como observadora.
Así mesmo, Galicia é a encargada de establece-los contactos entre a CRPM e ALADI.
En Caracas ten a súa sede o “Programa Bolívar”, unha organización internacional de carácter
privado nacida en 1992 e a súa misión é promove-lo desenvolvemento e a mellora da concorrencia
das pequenas e medianas empresas latinoamericanas, así como a integración tecnolóxica, productiva,
financeira e comercial entre os países da rexión, e destes con outras zonas do mundo. Conta con 22
oficinas de enlace e a correspondente a España opera en Santiago de Compostela dende a primavera de 1997.
No ano 2000, o Foro Bolívar reuniuse, por primeira vez , en territorio europeo, para o que escolleu á
capital galega, por considerar a esta Comunidade Autónoma un lugar privilexiado á hora de fomentar
e estimula-las relacións de cooperación económica e comercial entre as rexións dun
e outro lado do Atlántico.
A Xunta de Galicia asinou na rexión convenios bilaterais caracterizados, ben polo seu ámbito territorial
(cidade de Bos Aires, certos estados brasileiros), ben pola súa especificidade estatal (Ministerio de Integración
de Paraguai ou Secretaría de Estado de Industria e Minería da República Arxentina). No seu
conxunto, todos estes convenios e protocolos subscritos constitúen unha ampla rede de vontades políticas
de cooperación a partir das cales cada consellería afectada debe vertebrar actuacións concretas
en aplicación do seu ámbito competencial.
A nivel económico, estimulouse o fomento xeral dos contactos entre empresarios galegos e dos países
visitados, subliñando o interese de constituír empresas mixtas que permitan establecer unha base
de partida para a cooperación empresarial en know-how, tecnoloxía e asistencia técnica en
xeral en sectores como a agricultura, madeira, pesca, acuicultura, marisqueo, turismo ou pedras ornamentais. Igualmente,
procurouse identificar os sectores afíns a fin de acoutar áreas de cooperación concretas e
de contactar con grupos galegos con intereses efectivos nalgunhas ramas.
Importancia da emigración nas relacións con América Latina
O fenómeno migratorio é o principal vínculo histórico que une estreitamente a Galicia
con América Latina. A diáspora galega reside en gran parte en América, principalmente na zona
sur deste continente. O número de galegos residentes en América Latina ascende a 554.100, onde destacan
pola súa importancia as colonias de Arxentina (330.000), Venezuela (100.000) e Brasil (95.000); México
(17.000) e Uruguai (36.000) aínda conservan trazos notables desa presencia.
O auxe demográfico que afectou a Galicia no século XIX foi un dos desencadeantes do éxodo
cara as Américas. Naquel momento, Galicia contaba cunha base económica moi precaria, practicamente
de subsistencia, pero, aínda así, de enorme estabilidade, xa que permitía certo mercado para
paga-la renda agraria, o décimo e os crecentes impostos. Sempre á alza, a presión impositiva
obrigou a complementa-la actividade agraria tradicional con actividades auxiliares. A pesca, o marisqueo, e a elaboración
do liño formaban parte desas actividades complementarias que nun primeiro momento permitiron alivia-las
tensións económicas e sociais. Pero a crise agraria era moi profunda e a súa combinación
co incremento da poboación, situou o problema demográfico nun primeiro plano.
A inexistencia dun sector industrial que fose quen de absorbe-lo excedente de man de obra liberado do agro,
unido á progresiva desaparición dalgunhas das actividades auxiliares que permitían certa supervivencia,
provocaron, a partir de 1840, un novo tipo de emigración, ata entón descoñecida. A emigración
en Galicia sempre foi unha variable económica e social moi presente, pero articulábase de forma temporal:
eran moitos os galegos que traballaban na sementeira en terras de Castela ou na recollida da oliva en Andalucía.
A conxunción destas crises e a incapacidade para resolve-las contradiccións do momento polas vías
tradicionais, abriu as portas da emigración a América, nun volume cada vez maior.
Ademais dos factores internos sinalados, outros procesos, de natureza externa, influíron en gran medida
no auxe e desenvolvemento do feito migratorio. As crises arxentinas de 1880 e 1890, que coartaron a saída
de emigrantes en determinados anos, a guerra de Cuba ou a crise finisecular española unida a unha nova lei
de emigración favoreceron a apertura de novos camiños a América para a man de obra excedente
do agro representada por varóns novos. Xa no século XX, o estalido da Gran Guerra europea e a crise
de 1929 deron un novo pulo á emigración. Tamén despois da Guerra Civil española rexistrouse
unha nova onda migratoria que se incrementa ata os anos 50, se ben se trata dunha emigración cun perfil
distinto no que destaca a compoñente exiliada dos que se viron obrigados a abandona-la súa terra
por ser militares no bando republicano. Os exiliados, con achegados ou parentes vivindo na outra beira do Atlántico,
atoparon en América a xenerosidade e o apoio que lles eran negados en Europa.
A polémica sobre as consecuencias da emigración segue vixente aínda. Por unha banda, produciu
alteracións substanciais na pirámide poboacional: ó reducirse a poboación en idade
fértil diminúe a natalidade, aumenta a taxa de feminidade e prodúcese un empobrecemento xeral
da poboación. Por outra banda, a emigración en idade laboral, influíu decisivamente na difícil
vertebración dos movementos sociais de carácter revolucionario e facilitou a consolidación
de estructuras e prácticas sociais de natureza conservadora.
Dende o punto de vista estrictamente económico, os efectos inmediatos da emigración ofrecen un
balance desigual. As transferencias de recursos, as chamadas remesas de emigrantes, foron un factor clave no desenvolvemento
da economía galega que en moitas ocasións permitiu ós familiares liberarse da presión
foral do sistema feudal que seguía vixente en moitas zonas. Por outra banda, as remesas enviadas polos emigrantes
eran invertidas maioritariamente na adquisición de terras, o valor máis sólido e coñecido,
pero tamén drenadas cara outras rexións de España para financiar unha puxante industrialización.
As remesas de emigrantes eran a principal fonte de liquidez, por riba mesmo da comercialización de productos
agrarios. A maioría das remesas reinvestíronse no sector agropecuario, evitando así a proletarización
do agro galego, e ademais de liberalo da súa presión demográfica, contribuíron a aumenta-la
súa productividade: adquisición de terras de arrendo, mecanización, etc. Moitas das remesas
enviadas tamén se destinaban o obxectivos culturais: creación de escolas primarias, sociedades agrarias,
periódicos locais... A última vía de inversión foi o fomento de máis emigración:
pagando pasaxes, buscando empregos en América. A emigración contribuíu a industrializar Galicia
e España, aínda que non eran os emigrantes os que invertían en industrias innovadoras senón
os intermediarios.
No seu conxunto, a emigración en Galicia ofrece un balance contradictorio, con aspectos positivos e negativos.
En calquera caso, resulta indubidable que deixou un rastro de influencia o suficientemente importante como para
ser, aínda hoxe, o principal vínculo con América Latina, unha relación de especial
fortaleza que nos últimos anos adquiriu un novo rumbo, o político electoral. A esta nova orientación
contribúe o Estatuto de autonomía, no seu artigo 7, onde se establece o dereito das comunidades galegas
ó recoñecemento da súa galeguidade entendida como o dereito a colaborar e comparti-la vida
social e cultural do pobo galego. A diáspora é a cuarta cidade de Galicia en número de sufraxios.
A participación dos emigrantes nos comicios galegos multiplicouse por seis dende 1989. Chegado o caso, o
voto exterior pode ser decisivo para determinar o color político do goberno en Galicia. Nos comicios de
1997, o PP conquistou sete de cada dez votos procedentes do exterior.
A idea de galeguidade é a base do discurso político impulsado pola actual Administración,
un concepto que pretende desenvolver un sentido de pertenza comunal (non nacionalista) entre tódolos galegos
e os seus descendentes, con independencia do seu lugar de residencia ou afastamento temporal dende a súa
partida de Galicia. Manuel Fraga definiuna como unha “interpretación de matricidade orixinaria, que é
maternidade sen límites xeracional nin funcional, que permanece no transcorrer da vida, non cabe a diferencia
entre os emigrados e os seus descendentes con aqueles outros que ó longo das súas vidas residiron
sempre dentro de Galicia”. Enúnciase como un concepto integrador que pretende adaptarse ás novas
realidades económicas e sociais dotándoas dun sentido universalista, e cunha intención mobilizadora.
A poboación galega emigrada tendeu sempre a establecer mecanismos de autoorganización e autoprotección.
En América Latina existen un total de 131 centros galegos que supoñen o 50,38% do total de existentes
no mundo. Na relación ó conxunto da poboación residente, o seu nivel de afiliación
é bastante baixo, entorno ó 10%, aínda que as cifras varían en función da dispersión
xeográfica (moi concentrados en Arxentina ou Venezuela, moi dispersos en Chile, por exemplo). Nalgúns
casos (Arxentina, Uruguai, Cuba), os diversos Centros Galegos federáronse a escala de todo o país.
As súas funcións principais oriéntase ó cultivo do cultural autóctono, organización
de actividades recreativas e tamén de natureza sanitaria e asistencial. Algúns centros poderosos
(Arxentina) contan incluso coas súas propias infraestructuras hospitalarias.
Despois dun período de certo decaemento, nos últimos tempos, os centros, parecen entrar nunha
etapa de esplendor. Moi divididos durante o franquismo pola fronteira de lealdade á República (Federación
de Sociedades Galegas de Bos Aires ou o Padroado da Cultura Galega de Montevideo) ou a súa adhesión
ó réxime triunfante da Guerra Civil (moitos centros de Brasil e algúns de Arxentina), a conxunción
do interese da Galicia autonómica por establecer lazos coa emigración e a profunda crise socioeconómica
e política existente en moitos países da rexión converteu a reivindicación da galeguidade
nunha especie de sortilexio para confirmar novas esperanzas. O espectacular crecemento do Censo de Residentes Ausentes
obedece a esa dobre motivación e nisto influíu o recuperado dinamismo dos centros locais.
Á par desa autoorganización, convén sinalar que a emigración galega integrouse sen
grande dificultade nas sociedades receptoras, non só a nivel económico e social, senón tamén
político. Fillos daqueles emigrados ocupan hoxe importantes responsabilidades en numerosos países
de América Latina, xa sexa a nivel federal, rexional, provincial ou municipal, tanto na orde executiva como
lexislativa ou xudicial.
A cooperación ó desenvolvemento
A cooperación ó desenvolvemento ten un escaso reflexo orzamentario en Galicia. Os fondos dedicados
pola Administración autonómica a este fin incrementáronse dende os 30,2 millóns (1994)
ós 120 millóns (2000). Estas cifras non esgotan as axudas á cooperación, pois tanto
a Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior como algunhas consellerías
e departamentos manexan fondos propios e menores para accións desta natureza, pero, no seu conxunto, non
superan o 0,03 % dos orzamentos da Comunidade (2000).
A pesares da existencia de fondos extraordinarios para paliar catástrofes naturais ou convenios particulares
para accións singulares como a desenvolta en Bolivia cofinanciada pola UE, a xestión fundamental
realízase a través da convocatoria pública de axudas, realizada anualmente e dirixida as ONGDs.
Da análise do destino dos case 450 millóns de todo o período 1994-2000 resulta que a maior
concentración xeográfica se produce en América Latina. Máis de dous tercios do total
concéntrase en sete países (Perú, Bolivia, Ecuador, Nicaragua, Guatemala, República
Dominicana e Cuba, por orde de importancia).
A nivel municipalista, en 1997 creouse o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que hoxe agrupa
a máis de sesenta entidades locais e provinciais que, no seu conxunto, representan a máis do 50,56%
da poboación da Comunidade. O Fondo Galego realiza unha convocatoria pública de axudas cunhas bases
pactadas coas ONGs, pero tamén con escasos recursos: 31,40 millóns no período 1998-2000. A
maior parte destas axudas tamén se canalizan cara a América Latina. No 2000, o Fondo Galego iniciou
a cooperación directa con entidades municipalistas de Nicaragua e Guatemala. En paralelo, algúns
concellos manteñen as súas propias convocatorias, pero, no seu conxunto, a achega municipalista á
cooperación ó desenvolvemento rolda os 50 millóns anuais e os incrementos rexistrados son
lentos e, polo momento, pouco significativos.
Na reducida importancia das políticas de cooperación ó desenvolvemento en Galicia inflúen
varios factores. En primeiro lugar, o crónico atraso económico e social desta comunidade que só
nos últimos anos puido superarse en virtude dunha política de grandes inversións destinada
a creba-las súas máis graves carencias estructurais. En segundo lugar, a debilidade dunha cultura
política que non valora suficientemente a importancia da cooperación ó desenvolvemento, producto
en boa medida da premisa anterior, e que, con lixeiros matices, afecta a tódalas forzas partidarias por
igual, xa sexan, conservadoras ou progresistas, nacionalistas ou non. En terceiro lugar, o minifundismo do movemento
solidario (no 2001 rexistrábanse oficialmente 88 ONGs) que dificulta a realización de accións
de sensibilización de envergadura que contribúan a modifica-la actual situación. En cuarto
lugar, a carencia de infraestructuras sólidas que aglutinen e impulsen as iniciativas solidarias en Galicia.
Non obstante, en todos estes dominios poden adiviñarse signos de transformación positiva que aventuran
esperanzas de cambio.
Apreciación xeral sobre os intercambios económicos de Galicia con América
Latina
Nas relacións económicas de Galicia con América Latina podemos advertir dous tipos de situacións.
Unha primeira, que afectaría ó grupo de países menos significativo, cun intercambio máis
variable, altibaixos e fluctuacións temporais (Bolivia, Belice, O Salvador, Haití, etc). Unha segunda,
formada polos principais socios comerciais (Arxentina, México, Brasil, Venezuela, etc) cos que o fluxo comercial
é sostido. Xustamente é nestes países onde se concentra tamén a maior parte da emigración
galega e os seus descendentes.
O intercambio económico e comercial entre as dúas beiras do Atlántico é unha das
constantes do comercio exterior de Galicia. O perfil dos productos que se exportan é moi definido, principalmente
productos agropecuarios, concretamente pescados e derivados, pero incorporando, en xeral, o perfil de especialización
da economía galega (sector do automóbil, industria madeireira, conxelados, agroindustria ou distribución
alimentaria). A pesca e os seus derivados constitúe un dos capítulos máis relevantes no ámbito
da importación realizada dende os países do Cono Sur, principalmente Arxentina.
No conxunto da rexión, o comercio bilateral evolucionou da seguinte forma: as exportacións pasaron
dos 9.495,806 millóns (1991) a 68.062,513 millóns (1999), é dicir, multiplicáronse
por 7,16 veces en dito período. Pola súa banda, as importacións de Galicia pasaron dos 47.347,343
millóns (1991) a 115.115,457 millóns (1999) é dicir, un aumento de case 2,5 veces. O balance
sempre deficitario para a nosa Comunidade, pasou dos 37.851,537 millóns (1991) a 47.092,944 millóns
(1999), é dicir, viuse lixeiramente incrementado (1,24 veces), pero moi mitigado polo substancial orzamento
das exportacións.
Relacións con distintas áreas
A. Mercosur
Se consideramos algunha constante no comercio exterior galego, esta é a súa clara aposta polo
grupo de estados que conforman Mercosur, xa que son os maiores receptores de productos galegos e dos que Galicia
importa boa parte das súas compras. A estratexia das autoridades autonómicas confírelle ademais
unha función de ponte cos mercados asiáticos, habida conta da súa localización xeoeconómica
da que tamén poderían obterse claras vantaxes de cara ós extraordinarios mercados de consumo
do Pacífico.
Destes países, o máis destacado é Arxentina, obxectivo claro na economía galega,
seguido de Brasil a nivel importador e cunha significativa relevancia de Uruguai, segundo mercado exportador da
zona. As exportacións a rexión multiplicáronse por 14 veces no período 1991-99, se
ben persiste aínda a condición deficitaria para Galicia no ámbito bilateral global resultando
positivo unicamente no caso de Uruguai. Tanto en Arxentina como en Brasil organizáronse feiras de promoción
industrial (ExpoGalicia) coas que se pretende ofrecer unha imaxe moderna e competitiva da nosa comunidade, á
altura das máis elevadas esixencias do comercio internacional e a vía máis idónea para
acceder a Europa sumando as oportunidades que lle brinda a consolidación do espacio eurorrexional co Norte
de Portugal, a zona máis desenvolta do país veciño.
Con respecto a Chile que subscribiu xunto con Bolivia un acordo de asociación co Mercosur, as exportacións
en similar período, multiplicáronse por catro, mentres que as importacións descenderon. O
déficit bilateral reduciuse á metade.
Se a cooperación ó desenvolvemento a penas ten proxección na rexión, no ámbito
educativo e máis concretamente, universitario, a apertura dunha cátedra Mercosur na Universidade
de Santiago de Compostela, xestionada conxuntamente polas facultades de Dereito e CC Económicas, realiza
un importante labor de achegamento do proceso de integración de América do Sur ó alumnado
a través de cursos, seminarios etc, e facilita o intercambio académico entre a comunidade docente.
A nivel político, os países de Mercosur constitúen o principal destino das xiras dos líderes
galegos. Máis alá do ámbito europeo, a primeira viaxe ó exterior do actual presidente
da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, realizouse a Arxentina e Uruguai (1990), xira que dende entón repetiuse
nun total de seis veces. O seu antecesor no cargo, Fernández Albor, visitou Arxentina en 1987. Tamén
Brasil foi visitado en cinco ocasións e Paraguai en dúas. Con independencia de circunstancias concretas
(participación nalgún congreso mundial da FEGAEX ou recepción de condecoracións e outras
distincións), o esquema destas viaxes presenta un perfil moi definido: contactos coas colectividades galegas
presentes na zona, encontros políticos e institucionais ó máximo nivel e presencia de empresarios
nas comitivas presidenciais, a fluidez dos contactos políticos cos máximos mandatarios da rexión
é notoria. O intercambio de visitas desenvólvese con total naturalidade e o presidente da Xunta incorpórase
os principais foros de debate político promovidos na rexión como o círculo de Montevideo que
lidera o ex-presidente de Uruguai Julio María Sanguinetti. Se sucesivos presidentes arxentinos e uruguaios
visitan Galicia, tamén Santiago de Compostela acolle unha das sesións anuais de dito foro. Chile
foi visitado en dúas ocasións (1994 e 2000).
B. Zona Andina
As relacións económicas coa rexión Andina non son especialmente relevantes, e presentan
o mesmo cadro de tendencias que percorre toda América Latina: un balance bilateral para Galicia deficitario
–salvo no caso de Bolivia–, se ben progresivamente reducido ó amparo dun notable empuxe das exportacións.
O principal destino exportador é Venezuela, seguido de Colombia e Ecuador e moi de preto por Perú.
As principais exportacións galegas proveñen de Venezuela, Ecuador e Perú.
Venezuela é o principal punto de referencia da rexión. Conta cun total de 13 centros galegos.
Os galegos residentes en Venezuela representan a derradeira onda de emigración a América, producida
nos anos 50 polo que aínda quedan alí moitos emigrantes da primeira xeración. Venezuela foi
visitada polo presidente da Xunta en tres ocasións (1993, 1995 e 2001).
Outro país da rexión que foi obxecto da cobertura institucional é Bolivia, visitado por
Manuel Fraga no ano 2000. A escasa presencia emigrante reduce á mínima expresión o número
de centros galegos nos demais países da zona (un en Colombia e outro en Perú). Sen embargo, a cooperación
ó desenvolvemento presenta aquí a maior relevancia de toda América Latina, con especial repercusión,
por esta orde, en Perú, Bolivia e Ecuador, países que encabezan a lista de axudas. A maior parte
dos proxectos son xestionados por ONGDs e algunhas, con tradicional implantación están especializadas
en Perú (Amigos Escaes ou Inti). As súas contrapartes peruanas visitaron Galicia en varias ocasións.
En decembro do 2000 a Xunta de Galicia asinou un convenio coa Comunidade Andina que establece un marco xenérico
para potencia-la colaboración en temas de interese común, como a axenda social e a participación
cidadá, o desenvolvemento rexional e o turismo como a innovación tecnolóxica en área
empresarial, a mellora das cadeas productivas en sectores de interese mutuo e a política educativa e ambiental.
No ámbito universitario existen varios convenios cos países desta zona: Universidade Católica
Andrés Bello de Caracas, Universidade Central de Venezuela, Universidade de Ecuador, de S. Bernardo de Tarija
(Bolivia), Universidade de Santa Cruz e a Privada da Paz. A escasa repercusión socioeducativa destes convenios
débese fundamentalmente á súa deficiente divulgación.
C. Caribe
Cuba é o mercado máis dinámico da subrexión caribeña, e tamén deficitario
para Galicia. Polo contrario, con Haití ou a República Dominicana, as cifras, se ben sensiblemente
menores, son favorables para a nosa Comunidade.
Cuba conta con 23 centros galegos implantados, federados a escala de todo o país. As relacións
de Galicia e Cuba, a pesar de serias diverxencias ideolóxicas que separan a Manuel Fraga e a Fidel Castro,
desenvólvense nun marco xeral de entendemento, que se estende tamén a outros líderes políticos
da oposición (en especial Xosé Manuel Beiras, do BNG). Os vínculos afectivos cimentan un comercio
bilateral que evolucionou moi favorablemente para Cuba, en especial a partir de 1996. A Habana foi visitada en
dúas ocasións (1991 e 1998) cunha devolución da visita por parte do mandatario cubano en 1997.
A República Dominicana foi visitada en 1995. Ambos países forman parte do grupo de estados máis
beneficiados pola nosa escasa axuda ó desenvolvemento. Xunto con México, Arxentina e Brasil son os
principais importadores que Galicia ten en América Latina alcanzando en 1999 a cifra de 4.438.209 millóns
de pesetas.
A nivel educativo, a cooperación universitaria ocupa un lugar importante, sobre todo, coa Universidade
da Habana. Os convenios subscritos inclúen o intercambio de experiencias e de persoal investigador, docente
e bolseiros, así como documentación e estudios, e o desenvolvemento de proxectos conxuntos.
D. Centroamérica-México
México é a principal praza da rexión. A pesar do deficitario que resulta para Galicia o
comercio bilateral, convén resaltar que as exportacións da nosa Comunidade multiplicáronse
por dez na última década, mentres que as importacións dobráronse. A relación
positiva para Galicia mantense con Costa Rica, O Salvador, Guatemala e Panamá, que rexistraron nos últimos
anos un notable pulo. En tempos recentes foron producíndose importantes inversións por parte de operadores
galegos do sector pesqueiro, como é o caso da conserveira Calvo, principalmente en Guatemala e O Salvador.
A nivel político, as visitas institucionais concentráronse en México (1992,1998 e 2001),
onde existe unha importante comunidade galega, tanto cualitativa como cuantitativamente. Esta circunstancia anima
ó empresariado galego ó contemplar México con optimismo nos seus proxectos de internacionalización.
Algunhas cámaras de comercio (A Coruña, sobre todo) centraron boa parte das súas actividades
na promoción do mercados deste país, cualificado nalgúns medios como “o novo Dorado”. Tamén
Guatemala foi visitada en dúas ocasións (1998, 1999) e Panamá (1991), onde sempre se incluíu
nos contidos un significativo interese empresarial.
Os países centroamericanos destacan como destinos da cooperación ó desenvolvemento, sobre
todo no Salvador onde, tralo último terremoto, a necesidade de reconstrucción fai que numerosas ONGs
centren os seus proxectos nese país.
Conclusións
De todo o exposto anteriormente cabe deducir o seguinte:
• A acción exterior constitúe para a Comunidade Autónoma de Galicia un ámbito irrenunciable
da súa acción pública, que gañou nos últimos anos un considerable peso específico
e mellorou a súa vertebración orgánica. Pese a isto, subsiste aínda certa fragmentación
interna susceptible de mellora, que contribuiría a dotar de maior eficacia ó conxunto das actuacións
que se proxectan cara ó exterior.
• América Latina, e moi especialmente a alianza Mercosur, constitúe un ámbito preferente
das actuacións exteriores de Galicia. Os progresos advertidos nas relacións económicas bilaterais,
aínda sen ser de todo satisfactorios pola súa connotación deficitaria, evidencian a utilidade
do impulso exterior. Se ben nin todo é mérito nin todo é responsabilidade da Administración,
é indubidable que a colectividade empresarial puido atopar nela o amparo institucional necesario para desenvolve-los
seus proxectos de internacionalización, sempre difíciles e complexos nun marco como o galego que
carece dun número elevado de grandes empresas e se conduce xeralmente de forma conservadora nas súas
ofensivas ó exterior.
• Xunto ó económico, o factor cultural e emigrante, ó igual que a promoción da imaxe
dunha Galicia desenvolvida, na vangarda das experiencias integradoras europeas, son as constantes dun discurso
de aproximación a América Latina que se beneficiou do pulo e a continuidade dun mesmo proxecto político
no goberno autónomo, pero que configurou aínda escasas infraestructuras para transcender un omnipresente
factor persoal.
• A numerosa comunidade emigrante constitúe unha referencia ineludible para valora-la proxección
de Galicia en América Latina. Ata agora, sen embargo, fracasaron, na súa maioría, os intentos
de converte-lo factor migratorio nun organizado elemento dinamizador das relacións económicas bilaterais.
Nisto influíu tanto o contido preferente das actuacións desenvolvidas polos centros galegos no exterior,
moi centrados no cultural e asistencial, a ausencia de estratexias perseverantes que atendan a súa formulación
como hipotéticos grupos de influencia, e o elevado e crecente peso da súa significación política-electoral.
Por outra banda, a reivindicación da galeguidade entre os colectivos emigrados obedece prioritariamente
á lexitima aspiración de verse beneficiados polas melloras sociais impulsadas dende o goberno autónomo,
no que ocupa un lugar secundario o maior compromiso cos intereses de Galicia nos países que residen. A recente
creación dunha consellería específica de emigración e cooperación exterior abre
un novo horizonte de innovación nas dinámicas tradicionais.
• As cifras que indican o nivel de compromiso de Galicia coa cooperación ó desenvolvemento son
lamentables. Máis aínda, tendo en conta o xeneroso esforzo rexistrado en boa parte dos países
da rexión que acolleron os nosos emigrantes en épocas nas que o subdesenvolvemento e a ausencia de
liberdades impedían o noso acceso ó benestar.
• Galicia aspira a desenvolver un importante papel na conformación da Comunidade Iberoamericana de Nacións
e a vertebra-las súas relacións con Europa, pero a pesar de contar con algúns factores favorables,
a debilidade da súa proxección económica na rexión, hipoteca seriamente as súas
expectativas políticas.
María Xosé Viqueira Cores é licenciada en Ciencias Políticas
pola USC e investigadora do IGADI.
|