Tempo Exterior nº 3 segunda época - xullo/decembro 2001Volver ó sumario
Resume - Resumen - Abstract
 
Unha Eurorrexión de seu: A proxección exterior de Galicia-Norte de Portugal


Sylvia Gómez Saborido
 

Cos elementos que configuran a identidade cultural (territorio, espacio, lingua, historia...) pode formarse a dimensión política desa realidade, proceso que acabará implicando unha descentralización do poder. Pérez Agote(1) pon como exemplo dese proceso a España, e tamén cómo o Estado español das autonomías se proxecta actualmente en Europa.

A nacionalidade histórica de Galicia organízase, a través da Xunta, Parlamento, Tribunal de Contas e Valedor do Pobo, en autonomía política. Con base no artigo 143 da Constitución, que determina cómo as provincias limítrofes con características históricas, culturais e económicas comúns poderán constituírse en Comunidades Autónomas para exercer o seu autogoberno, as provincias de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra constituíronse en Comunidade Autónoma de Galicia mediante unha lei básica: o Estatuto de Autonomía.

Pola contra, a Rexión Norte de Portugal non ten poderes de autogoberno, nin o seu territorio se corresponde co ámbito potestativo de ningunha institución con competencias legalmente recoñecidas. O interlocutor da Xunta na Comunidade de Traballo é a CCRN, Comissão de Coordenação da Região Norte, un órgano do Ministerio do Planeamento da República portuguesa, Estado unitario, que facendo uso das súas competencias para incentivar ós axentes económicos e sociais da rexión para que participen en proxectos de cooperación con entidades externas, asina, o 31 de outubro de 1991, tras unha década de diálogo político coa Xunta de Galicia, o Acordo Constitutivo da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, no que se verifica a necesidade de contaren cunha estructura que permita a continuidade e a permanencia dunha cooperación que se estima necesaria dentro da conxuntura comunitaria de entón.

Naturalmente, a constitución da Comunidade de Traballo está decisivamente determinada polos 35.000 millóns de pesetas, a maioría de financiamento comunitario, que se reciben nese momento, mais obedece tamén a unha dobre constatación:

1) A pouca influencia que dúas rexións arredadas dos centros económicos europeos podían ter nos centros políticos comunitarios (Bruxelas). Sería o temor común do illamento que supón estar na periferia xeográfica, reflectido no caso de Galicia nos iniciais efectos prexudiciais que supuxo a integración nun espacio económico superior, a Comunidade Europea, xa moi avanzado o Mercado Único e preparando a ampliación ó leste e a implantación da moeda única.

2) O feito de que só a través da creación dun marco de coordinación e harmonización de criterios se estaría en condicións de tirar o maior proveito das iniciativas comunitarias (axudas económicas dos Fondos Estructurais da Unión Europea para as rexións que non acadan o 75% da renda media comunitaria) nun contexto de crecente interdependencia rexional.

Co esvaecemento da fronteira na súa vertente financeira e económica puxéronse de manifesto as axeitadas características económico-productivas que facían de Galicia e a Rexión Norte un espacio único para unha maior integración, que xa se comezaba a materializar nunha activa realidade socioeconómica a través da iniciativa empresarial, a primeira en comprender os beneficios comúns de rachar efectivamente a fronteira. Doutra banda, as análises económico-estructurais amosaban un potencial de internacionalización conxunto moi superior, en principio, ó que poderían acadar as dúas rexións en solitario. De partida, configúrase un mercado maior (os 6,3 millóns de habitantes da Eurorrexión), a penetración no mercado portugués pola banda galega, e no galego-español pola banda portuguesa, con posibilidades tamén de alianza alén da Península Ibérica. En resumidas contas, trátase da construcción conxunta dunha plataforma territorial competitiva, atractiva para os investimentos privados estranxeiros.

O balance tras dez anos de cooperación institucionalizada na CTG-NP é bo no con respecto á dinamización económica entre as dúas rexións, pero unha análise menos superficial das medidas concretas tomadas na pasada década amosa a enorme dependencia do Interreg, reflectida no trato prioritario ás infraestructuras, primeiro de transporte e logo telemáticas, complementadas coas iniciativas de apoio ás pequenas e medianas empresas. Esta prioridade, imprescindible dadas as enormes carencias que tiñan Galicia e o Norte de Portugal en canto ás infraestructuras de comunicación, e ineludible en canto constituían os plans comunitarios de cohesión económica e social, implicou que quedasen á marxe outras medidas.

Malia que a actividade económica é, e será, primordialmente nacional, rexional e, sobre todo, local, a proxección internacional fai que os intereses rexionais transcendan do ámbito interno e que xurdan as combinatorias dos acordos rexionais e a busca de maiores vantaxes comparativas nunha maior integración/maior forza das potencialidades rexionais.

Subxacente a ese obxectivo prioritario está a ecuación identidade cultural-identidade política-presencia política, progresión non historicamente lineal, amosada en Galicia, onde o terceiro elemento non acompaña efectivamente ós dous primeiros. No caso de Galicia e o Norte de Portugal, identidade cultural non coincide con identidade política, como tampouco a rexión económica representada na Eurorrexión coincide cunha rexión política.

A asimetría de atribucións Xunta-CCRN caracteriza a estructura operacional da CTG-NP dende os seus inicios. A CTG-NP, compromiso político entre as dúas administracións carente de personalidade xurídica, é aínda un embrión administrativo na procura dun marco institucional axeitado. Deste asunto, e do tratamento que lle dea o novo Tratado sobre Cooperación Transfronteiriza hispano-luso fálase noutro artigo deste número, ó que remito ó lector.

Cómpre engadir a estes puntos os anunciados cambios na forma de xestionar que propiciarán as transformacións do programa Interreg no deseño dunha renovada CTG-NP. O momento coincide coa vontade de dar un necesario salto cualitativo nos seus obxectivos. Así, no Programa de Actuación Conxunta Galicia-Norte de Portugal 2000-2006, introdúcese unha nova liña de acción: a proxección exterior.

Ata o de agora, as medidas propostas no seo da CTG-NP no eido da proxección exterior, ou promoción exterior, céntranse case exclusivamente na Comisión de Dinamización Económica. Xunto cunha perspectiva máis ampla que contemple outros factores susceptibles de potencia-la presencia da Eurorrexión no mundo, cómpre repensa-la realización dun fortalecemento das débiles estructuras da CTG-NP, inicialmente ideada só como organizadora dos traballos de coordinación dos representantes da Galicia e a Rexión Norte de Portugal para captar e aproveitar mellor as axudas comunitarias.

Formada por dez comisións sectoriais e catro territoriais, carece, hoxe en día, dun órgano (chámese Comisión Sectorial ou Observatorio Exterior) que organice e canalice o novo obxectivo da proxección exterior, proxecto este que necesita unha estratexia, necesita articula-los novos factores de proxección do territorio e unha mínima infraestructura que lle dea soporte ó intercambio de ideas.

Con todo, as perspectivas actuais espertan tamén a dúbida sobre a continuidade, fortalecemento ou esvaecemento da liña de cooperación iniciada na CTG-NP, e máis sobre a vontade e posibilidades reais de facer algo máis.


Os contidos do espacio público da Eurorrexión

As relacións que as rexións teñen, ben entre si (CRPME, ARFE, ARE...), ben coa Unión Europea, configuran unha multiplicidade de espacios funcionais baseados no entrecruzamento de varias tendencias. Álvarez Pousa, en “A identidade fronte á rede”(2), caracterízaas así: a) rexionalízase a política europea; b) européizase a política rexional; c) européizase e rexionalízase á vez a política nacional.

A UE fomenta, alenta, e tamén alimenta a Europa das Rexións, liberando un pouco ós entes subestatais, no convencemento, retoricamente inspirado na idea da Europa dos pobos, de que non se poderá acadar un nivel aceptable de cohesión económica e social sen diminuí-lo atraso que lles segue a afectar a moitas rexións de varios Estados membros, golpeadas aínda polas propias políticas sectoriais comunitarias. Amén diso, sen ese nivel de cohesión, a UE sabe que non se dará asentado como grupo negociador protagonista no internacional.

Agora ben, cos Fondos Estructurais só garantidos ata o ano 2006 e ante unha segura diminución do fluxo comunitario, Galicia e o Norte de Portugal están aínda no medio da silandeira loita por acada-la converxencia real, non só nominal (consulta-la recente historia da integración monetaria europea), coa media do desenvolvemento do contorno máis próximo.

O último informe da Comisión Europea, presentado a comezos deste ano, espertou unha agre polémica no seo da sociedade galega e entre os teóricos da converxencia. Os datos reflectían que Galicia está cada vez máis lonxe das rexións ricas da UE, ademais de non achegarse aínda ós niveis de riqueza media de España (o estudio da evolución da ratio PIB Galicia-España de 1997 sitúanos no mesmo sitio que en 1983). Nin que Eurostat constatase esta realidade, nin os datos sobre o nivel educativo e de instrucción das persoas (67% baixo, 14% medio, 19% alto) foron, nembargantes, a causa da discordia: o Norte luso superaba por primeira vez en riqueza a Galicia en 1998 cun PIB per cápita do 66,0% fronte ó 64,2% galego no ano 1999(3).

Este informe debera servir como punto de inflexión no reestructuración, na busca dunha solución integrada no campo da educación e o I+D para a baixa productividade, moi por debaixo da media europea, que sofren os sectores da agricultura, industria e servicios, todos, de Galicia e da Rexión Norte de Portugal. Este sería un primeiro paso para mirar ó exterior, tendo en conta que a integración económica da Eurorrexión pode chegar a ser moi elevada, como o amosa o feito de que o investimento público dos dez últimos anos para conectar Galicia e o Norte de Portugal representa menos do 10% do rendemento económico que, só este ano, conseguiron as empresas da Eurorrexión que operan a ámbolos dous lados da fronteira(4). Pero nada se dixo entón de planos conxuntos.

Nembargantes, o devandito informe si supuxo un pulso á opinión pública, e introduciu a relación Galicia-Norte de Portugal nos temas do día. O resultado puxo de manifesto o que moitos xa sospeitabamos: a Eurorrexión dos cidadáns non goza de tan boa saúde coma a dos empresarios.

O proxecto de proxección exterior non sería entón máis ca comunicación ós demais, a presencia entre os demais, dos elementos e actividades que conforman a Eurorrexión, a rexión conxunta. Agora ben, isto presupón unha visibilidade interna dun proceso que realmente se está a operar, a existencia dun grao importante de identificación dos cidadáns co mesmo, unha, en definitiva, proxección interior. Isto conséguese enchendo de contidos o marco das estructuras, comunicando algo, dirixindo os proxectos ós cidadáns que serán, finalmente, os actores exteriores da Eurorrexión.

O perigo de construír unha Eurorrexión a imaxe e semellanza da construcción europea está en preguntarse sempre o qué (obxecto, estructura, realidade xurídica) sen reparar no quén (o suxeito, o activo). No presente caso, os activos reduciríanse ás elites (políticas, intelectuais, empresariais) por unha banda, e, por outra, ós habitantes das Comunidades Territoriais raianas, onde a relación e o contacto diario existiu sempre. Hai varios factores que o poden explicar:

Malia o caudal de declaracións que seguen a unha reunión da CTG-NP ou do Eixo Atlántico, existe unha carencia de contidos no discurso, no diálogo político, no clima político. No caso de Galicia, non hai un fortalecemento da identidade no interior debido, principalmente, a que non se asume a mesma e a condicionantes políticos integrados no sentir cidadán de xeito dirixido e incompleto. Este estado de cousas coexiste cun fortalecemento da identidade no exterior, moi limitado ó turístico. A propia imaxe fórxase a partir da caricatura que reflicten os outros, a resultas da cal se forma unha identidade allea(5).

O anterior provoca que unha das fortalezas da relación Galicia-Norte de Portugal, a identidade cultural, veña determinada pola intencionada debilidade dunha política cultural anecdótica que interesa, nembargantes, como parte do discurso. O discurso cultural comunitario que identifica en Carlomagno e a unidade da Cristiandade a esencia cultural de identidade que uniría ós europeos, trasládase aquí ó discurso Gallaecia, que, por suposto, engloba moito máis cá histórica unidade, pero que non pode constituí-la base da construcción do espacio público, da comunicación da sociedade actual.

A construcción desa identidade común non se pode facer a expensas do Norte portugués, onde non se pode dar por asumida a identidade conxunta. A causa non pode se-lo falido intento de rexionalización do ano 98. Porto é un gran centro económico que precisa reflectir esa forza nunha maior capacidade de decisión política fronte a Lisboa. A presión económico-política non atopa un fundamento maioritario, neste caso, nun distinto senso de pertenza ou na asunción dunha identidade diferenciada.

Con todo, o anterior pode explicar un pouco a debilidade dos contidos do espacio público, de identificación, pero en ningún caso debería determinalo. A razón estaría no que consideremos como identidade.

A definición de Barth semella axustarse ó caso; para este autor, a identidade “configúrase a partir das relacións sociais que uns individuos establecen con outros, ata chegaren a compartir unha serie de pautas comúns, experiencias e símbolos, a partir das cales os actores acaban por sentirse grupo. A clave estaría, pois, na conciencia que se ten de pertencer a un grupo e de compartir algo cos demais(6)”. Velaí unha efectiva desaparición do efecto fronteira.

O estado actual da Eurorrexión vén así configurado como un subsistema económico de integración máis que aceptable, en clara e rápida progresión, aínda que nos seus inicios, que contrasta coa magreza da actividade de comunicación social no espacio das identidades.

A semellanza do modelo de integración europeo no que se encadra, a Eurorrexión segue sen ofrecer recursos institucionais para fortalecer o que o Programa de Actuación Conxunta Galicia-Norte de Portugal 2000-2006 sinala como unha das fortalezas da Eurorrexión (“identidade cultural entre ámbolos dous espacios rexionais”), e a súa idoneidade de cara a conseguir un obxectivo declarado, isto é, “a finalidade é transcende-la nova cooperación administrativa e conseguir unha progresiva integración de ámbalas dúas sociedades civís” (no Programa de Acción Exterior da Xunta de Galicia 2000-2004 con referencia á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal).

As principais accións realizadas ata o de agora, infraestructuras físicas (estradas, pontes,...) e telemáticas (cable, Internet, Red-It), baséanse no seu enorme potencial como factores de modificación da xeografía en prol das zonas afastadas, pero é que ademais son a canle pola que discorren persoas e información.

Certo que a información, ou a economía da información(7), é “o que permite o expansionismo empresarial transfronteirizo”, mais do grao de utilización, frecuencia e, sobre todo, do contido deses fluxos depende a efectiva ruptura das distancias físicas. Así e todo, parece que a maior proximidade e simultaneidade acadada nos últimos dez anos seguen sen producir vinculación cultural ou conciencia transfronteiriza euro-rexional entre as persoas de Galicia e do Norte portugués. O cidadán non é o destinatario da Eurorrexión: con respecto ás infraestructuras de transporte, fallan os transportes públicos (non tren, non autobús); con respecto ás infraestructuras telemáticas, é moi pouco realista pensar que se dean formado e achegado á cidadanía da Eurorrexión e, moito menos, pensar que vaian se-lo factor único de desenvolvemento socioeconómico da rexión conxunta, subtraendo a Galicia e ó Norte de Portugal da nefasta condición de rexións Obxectivo 1.

Por riba de todo isto falla, principalmente, a dimensión de comunicación social desas novas redes ou, máis graficamente, falla un espacio de interacción que dea xuntado o espacio dos fluxos (que Baudrillard identifica coa mundialización: técnicas, mercado, información) co espacio dos lugares/identidades. Este último espacio sería o da universalidade (dereitos humanos, liberdades, cultura e democracia, para o mesmo autor) e implicaría unha especie de reterritorialización das culturas, quizais o modelo de convivencia plurinacional, pluricultural e plurilingüístico, que proclama a berros o empobrecemento relacional da sociedade actual de principios do século XXI(8).

A proxección dese espacio, que sería a parte máis universalizable, completaría e enriquecería enormemente a parte dos fluxos do mercado e os negocios e maila súa buscada e necesaria inserción económica no internacional. O mercado global, do Mercado Único ou máis extenso, supón que para ser competitivos cómpre utilizarmos estratexias que superen política, tecnolóxica e empresarialmente tódalas fronteiras. A estratexia da identidade, da cultura se se prefire, como factor clave da cooperación transfronteiriza non é aleatoria; cómpre lembrar que os intercambios socioeconómicos son comerciais, financeiros, empresariais, turísticos, artísticos, culturais... Certo que o proceso será máis complexo, pero tamén máis completo, e revelará ata qué punto o mundo está formado por diversidades coherentes, que agora deben afrontar unha nova coherencia de vocación universal(9), e abrirá a moi proveitosa interrogante ¿é universalizable a miña cultura?

Realizar actividades conxuntas nestes ámbitos, máis que presentar conxuntamente as actividades realizadas cada un pola súa banda (estado actual) terá unha relevancia máxima na presentación e no recoñecemento da Eurorrexión polas comunidades internacionais, ben sexan políticas ou doutra natureza. O seguinte exemplo pode da-la medida da translación á realidade do anterior: o feito de que a porcentaxe de empresas do Norte portugués que declara actuar nos países africanos de lingua oficial portuguesa (PALOP) sexa case cinco veces superior á das empresas galegas que declararon o mesmo(10), asociación dúas veces maior no caso de Brasil, ou que a porcentaxe de empresas galegas que declararon vender nos países latinoamericanos de lingua española é case tres veces superior á do Norte portugués, amosa a destacable incidencia do factor cultural na determinación dos fluxos internacionais, ademais de abri-la posibilidade da utilización eventual de esquemas de cooperación compartidos entre as empresas de Galicia e a Rexión Norte de Portugal para potenciar a presencia naqueles.

A relación cultural impulsada pola CTG-NP no interior, non debe estar limitada a accións puntuais: un festival, a celebración dun premio ou duns xogos rexionais. Tampouco se debera esperar a ve-la sorte que corre a proposición aprobada polo Parlamento galego en novembro de 1982, na que se pedía un Tratado con Portugal que establecese relacións culturais, incriblemente retida nun nó procesal(11) tras ser aprobada por unanimidade. Mais se lembramos que o Estatuto de Autonomía de Galicia preceptúa no art.35.3 que Galicia pode solicitar do Goberno de España que celebre tratados ou convenios que permitan establecer relacións culturais cos Estados cos que manteña particulares vínculos culturais ou lingüísticos, non podemos máis que pensar que esa é a canle axeitada para crear ese espacio de relación galego-portugués-lusófono enunciado pola CTG-NP. De calquera xeito, a saúde da relación sociocultural entre Galicia e o Norte de Portugal non pode depender da celebración dun tratado, como tampouco a relación con outros pobos.

Galicia, parca en exportación de mercadorías, é sen embargo líder en exportación humana. Milleiros de galegos e norportugueses internacionalizáronse a través da emigración antes de recompoñer este novo camiño de integración xuntos. A resultas desa emigración, os galegos contamos hoxe cun abraiante número de Casas de Galicia espalladas polo mundo enteiro, se ben, sen embargo, non hai en Portugal ningún Centro que represente a Galicia e que poña en contacto ós diferentes actores da Eurorrexión. A existencia dun centro de semellantes características podería estar propiciado pola apertura dunha oficina de información e consulta ós cidadáns na propia CTG-NP, dándolles cabida nos proxectos comúns e proporcionándolle visibilidade a un proxecto que aínda permanece alleo á maioría da poboación. A colaboración iniciada na CTG-NP precisa tamén a infraestructura material de Centros permanentes de encontro directo, que acheguen a colaboración á sociedade da área e acometan a tarefa inxente da Proxección Interior.


Estratexias de proxección

Xunto cun reforzamento da cohesión interna que lle dea corpo a un senso de pertenza común, cómpre agora atopar un lugar na resituación da Eurorrexión nun entorno internacional eminentemente xerarquizado, isto é, mesturarse no espacio dos fluxos e no das identidades. ¿Que liñas de acción habería que adoptar para presenta-la Eurorrexión entre os demais? A Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal propón un programa de Promoción Exterior que atende á creación dunha nova imaxe do espacio conxunto, e tamén ó desenvolvemento do seu potencial de internacionalización.

No seu Programa de Actuación Conxunta Galicia-Norte de Portugal 2000-2006(12), a CTG-NP adianta propostas: promoción turística conxunta; participación conxunta en Feiras e Exposicións, tanto no interior da Eurorrexión coma fóra dela; penetración en novos mercados e misións empresariais conxuntas, ocupando, en cada caso, as infraestructuras de telecomunicacións o lugar máis elevado na escala de prioridades.

O estado tecnolóxico de Galicia non é óptimo. Exportamos sete pesetas por cada cen importadas. Segundo un recente estudio da Universidade de Santiago(13), o déficit tecnolóxico é do 93,4% no período 98-99, un 97,3% se excluímos os ingresos das tres Universidades. A dependencia do exterior é enorme. É un feito probado que as zonas que destinan unha maior parte dos orzamentos á innovación tecnolóxica son tamén as que posúen un maior desenvolvemento industrial, principal motor do crecemento económico rexional. Destinar unha maior parte dos orzamentos a I+D non é suficiente; nesta área débense necesariamente incluír tamén a educación e os propios contidos.

Cando falamos de novas tecnoloxías falamos, sobre todo, de tecnoloxías da información, e esta é unha industria de contidos: audiovisual, prensa, radio, televisión e cinema, que xeran anualmente en Galicia máis de 60.000 millóns de pesetas, 150.000 millóns se incluímos tódalas comunicacións e a actividade cultural no seu sentido máis amplo. A producción audiovisual é, dende mediados do pasado século, un dos factores de internacionalización máis poderosos, e o intercambio de producción de cultura audiovisual é un dos alicerces da cooperación, como xa sinalaba a Declaración de Río do Cumio UE-América Latina-Caribe de xuño do 99. Pois ben, o sinal de “Galicia TV” chega a un millón de fogares en Europa e a máis de cinco millóns en América; o galego é unha das únicas catro linguas menos estendidas da Europa comunitaria que conta cun sistema televisivo estable; as productoras galegas, recentemente aliadas, comezan agora a coproducir con Portugal e a mirar cara ó mercado americano.

Malia ese panorama, superficialmente alentador, “tres instancias rexionais específicas da UE mailos carísimos programas comunitarios de cohesión non dan normalizada a recepción do sinal de radio e Tv transfronteiriza da que se benefician xa tódalas extremas do continente. Enriquecémonos a diario da mundialización das comunicacións pero a Galicia non chega nin a Televisión do veciño(14)”.

Respecto ó seguinte punto, o desenvolvemento dunha promoción turística conxunta, sería a lóxica consecuencia da natural rexión xeográfica que forman Galicia e o Norte de Portugal, e que non debera, en principio, ter problemas para levarse a cabo. Con todo, a promoción turística conxunta, como tipo de colaboración entre as rexións, entre as administracións públicas, adoita atopar importantes limitacións, como o amosa o caso da evolución da España Verde, protocolo que a dez anos da súa sinatura non fructificou aínda nunha coordinación da promoción exterior das Comunidades Autónomas que o integran.

O caso da Eurorrexión é distinto, sobre todo respecto ó visitante estranxeiro. Malia non existir aínda promoción conxunta ningunha, cada verán hai unha gran cantidade de turistas europeos que utilizan o tren Vigo-Porto (40-50 km/h), facendo o contínuum turístico do Eixo Atlántico a contracorrente, o que pode levar a pensar que a Eurorrexión é percibida xa, sen necesidade de grandes programas de promoción, como unha área turística única. O abandono que sofre esta variable, compatible con feitos paradoxais como a recente apertura dunha liña aérea A Coruña-Lisboa, non axuda moito a ese cambio de imaxe (a máxica fórmula tradición+modernidade) alentado nos escritos. Non hai turista de calidade ou carente dela; hai, máis ben, instalacións, estructuras ou servicios turísticos de calidade ou carentes dela.

Cómpre, no caso turístico, a formación e o estudio de novos factores de proxección, pois as posibilidades de innovar son abondosas. Por exemplo, no caso de Galicia, no que o circuíto turístico é moi dependente de Compostela, están desaproveitadas as múltiples conexións do Camiño, moi especialmente o Camiño portugués, ou a promoción do único Parque natural transfronteirizo europeo, Baixa Limia-Serra de Xurés, factores ambos de unión co veciño Norte de Portugal.

Hai tamén factores de internacionalización non inmediatamente evidentes; Allariz acaba de ser distinguido pola ONU pola súa acción no eido da política ambiental, conservación do medio e desenvolvemento sustentado, inserindo así o nome dunha pequena vila do interior galego entre as atraccións polas que se interesan os turistas á súa chegada a Galicia. Outro tanto podiamos dicir do recoñecemento da muralla romana de Lugo por parte da UNESCO.

As accións de promoción exterior complétanse no Programa de Acción cos proxectos de penetración en novos mercados e envío de misións comerciais conxuntas, a potenciación da imaxe da Eurorrexión, e maila celebración de Feiras e Exposicións sectoriais e subsectoriais, tanto dentro coma fóra da Eurorrexión.

O desenvolvemento destas accións en prol da internacionalización do espacio Galicia-Norte de Portugal, apela á formación de alianzas estratéxicas no exterior, que virían complementa-las liñas de internacionalización singulares de cada rexión. Estes obxectivos precisan, xa que logo, un plano rector que sinale os intereses rexionais conxuntos, tanto xeográfica como sectorialmente, e mailos instrumentos dispoñibles.

Malia o feito de que a iniciativa privada é soberana e non comparte onde pode tirar proveito soa, as liñas exteriores de Galicia e a Rexión Norte de Portugal son paralelas e complementarias; o problema é acada-los puntos de intersección operativos, é dicir, a posibilidade de utilización recíproca dos medios.

Xeograficamente, a acción exterior da Comunidade Autónoma de Galicia concéntrase hoxe en tres radios de acción: o Norte portugués, a Unión Europea e América Latina, con especial atención ó Mercosur. A este cadro habería que engadirlle, a través dunha posible coordinación coa Rexión Norte de Portugal, a relación cos países de lingua portuguesa, PALOP, extensivo radio de acción que abrangue dende o Brasil (América), a Macau (Asia), pasando por Angola (África). Esta última vía está case enteiramente por explorar e, pese á súa complementariedade e posibilidades, é máis un proxecto de futuro ca unha realidade no presente.

Non ocorre así no caso do Mercosur, onde a Xunta de Galicia conta cun nutrido conxunto de acordos rexionais que permitiron, por exemplo, a apertura de dúas Oficinas de representación no Brasil e Arxentina, países onde se da unha importante concentración xeográfica de emigración galega. A vontade de facerse cun rol como conxugadora da oferta e a demanda entre as dúas beiras do Atlántico reflíctese no feito de que as oficinas actúan tamén como enlaces UE-Mercosur, e mesmo se contempla a posibilidade de instalar unha antena informativa do Mercosur en Bruxelas a través da Fundación Galicia-Europa, que actúa como representante dos intereses de Galicia na capital comunitaria (Acordo Complementario de Cooperación Xunta de Galicia-Ministerio de Integración da República de Paraguay, marzo de 1998).

Sen embargo, estes acordos non contemplan a creación dun centro de representación do Mercosur na Comunidade Autónoma. A vontade de cooperación que xurda entre os axentes e as forzas sociais non ten en Galicia un interlocutor que reúna a oferta/demanda empresarial, universitaria, cultural, asociativa, do espacio Mercosur, como, por outra banda, tampouco o teñen na Rexión Norte de Portugal.

A idoneidade dun programa de estratexia exterior radica, en gran parte, en que os radios de acción elixidos poidan complementarse e articularse axeitadamente para tirar proveito das súas sinerxías. No caso dos intereses de Galicia, Europa e América efectivamente atópanse, cando menos, na existencia deses centros ou antenas informativas, en tanto que a prioritaria liña de coordinación co Norte portugués non acha acomodo nas novas estructuras.

Si hai unha referencia ós “especiais vínculos históricos, lingüísticos, económicos...” coas comunidades de lingua lusitana no texto dos acordos con Brasil, e mesmo a CTG-NP aparece como obrigado modelo de referencia nas experiencias de integración rexional nos memorandos asinados con Codesul-Crecenea, organización rexional transfronteiriza no marco do Mercosur, pero neses acordos o Norte de Portugal é un simple espectador.

O diálogo directo entre os axentes económicos e as negociacións entre empresarios seguen a se-la parte máis fortalecida, tanto das relacións galego-americanas como das galego-portuguesas. É por isto que, mentres a actual configuración xurídica da CTG-NP non favoreza o desenvolvemento efectivo das relacións con terceiros espacios, unha parte da proxección exterior da Eurorrexión podería ter unha pragmático inclusión no seo das estructuras de colaboración empresarial xa creadas, pero non conectadas entre si ata o momento.

A Eurorrexión conta, dende hai pouco, cun Centro de Cooperación, Desenvolvemento e Servicios Empresariais Transfronteirizo, o CECOTRAN, onde se prestan servicios especializados en materia de comercio exterior e exportación cara á internacionalización do espacio conxunto.

Galicia conta cunha boa cantidade de institucións económico-empresariais que miran ó exterior; entre elas destaca o IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica), que promove a cooperación e a internacionalización da empresa galega a través dos seus numerosos centros de promoción de negocios en Europa, América e Asia, e contando no seu Comité de Coordinación coa presencia do Inesga (Investimentos Estratéxicos de Galicia). O Mercosur ten no GEICOS (Grupo Empresario Interrexional do Centro-Oeste Americano) o organismo, non dependente dos Estados membros, que asocia ós axentes socioeconómicos e ó sector empresarial da zona.

O Norte de Portugal conta con EXPONOR (Asociación dos Parques de Exposición do Norte) e mailas súas delegacións en Porto, Vigo, Alemaña, Brasil, Italia, Extremo Oriente (Macau), Sudáfrica e Mozambique. Exponor está considerado como o Parque ibérico coa mellor posición no que atinxe á internacionalización, xa que concentra a tódolos sectores industriais do Noroeste da Península.

Se as vontades acompañan ás declaracións e existe unha confluencia nos intereses exteriores, é un sen sentido que estas estructuras, ó igual que outras, non atopen mecanismos que, cando menos, permitan que a información e as relacións recollidas singularmente sirvan ó proxecto conxunto.

Retomando as liñas estratéxicas da proxección exterior da Eurorrexión, darlle prioridade á relación americana non debera significa que se esqueza a fronte europea. Os acordos rexionais europeos carecen en xeral de contidos que superen o declarativo. Galicia e o Norte de Portugal, territorios do norte dentro dun espacio sur-mediterráneo, posúen unha capacidade de relación única con outras rexións do Arco Atlántico historicamente desaproveitada.

A revalorización, dentro do continente europeo, da fachada atlántica virá, como ben sabe a CRPME (Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas de Europa) da man das rexións ou, simplemente, non virá. Acompañando ós distintos procesos de integración rexional de tipo funcional que se están a desenvolver ó mesmo tempo na América Latina e en Europa, nos últimos tempos varios representantes dos gobernos do Mercosur apoian a idea de pór en marcha o “Club das Rexións de América Latina e Europa” para fortalece-lo desafío das relacións entre a UE e o Mercosur. A persistente debilidade que caracteriza a relación actual entre as rexións atlánticas europeas dificilmente se obviaría coa participación nun foro de tales características, que redundaría en novas declaracións sen resultados.

Os Interreg eran a fonte de financiamento das rexións atlánticas, pero o Interreg III inclúe por primeira vez as rexións adriática e balcánica. A UE ten as miras postas nas súas fronteiras exteriores, polo leste. No capítulo da cooperación transfronteiriza dedica unha atención prioritaria ó fomento da integración do mercado laboral e a inclusión social: realismo manda. Este realismo debera estar tamén nos planos conxuntos da Eurorrexión. Conseguir un elevado grao de integración económica parece ser, certamente, o camiño para que o espacio conxunto se valorice e non permaneza á cola das velocidades europeas. Din que a maior integración económica propiciará tamén a cohesión do mercado laboral e o achegamento dos niveis de benestar entre os habitantes da Eurorrexión, pero para que así sexa cómpre tamén intervir nesa áreas.

Que o espacio formado por Galicia e o Norte de Portugal pode constituír, a longo prazo, unha entidade forte que efectivamente “resitúe” a súa posición socioeconómica no interior da Península e do continente, é incontestable; os cambios do futuro tamén o son. Agora ben, unha proposta a medio-longo prazo require introducir aspectos da integración que superen os enteiramente económicos, porque darán a medida do salto cualitativo.

O desenvolvemento futuro da Eurorrexión esixe tamén unha reflexión previa. En primeiro lugar, arredor do papel desenvolvido polos entes interrexionais e pola presión exercida sobre as instancias nacionais e europeas para reivindica-lo rol das áreas xeográficas subrexionais; en segundo lugar, sobre a responsabilidade propia en xera-la imprescindible atmosfera política, social, económica e cultural necesaria para alentar tal presión(15).

En calquera caso, que a construcción dunha imaxe conxunta cara ó exterior, “posicionamento atractivo”, atope na captación do investimento estranxeiro directo a súa razón de ser, contesta á pregunta fundamental: ¿Que é, ou que queremos que sexa, a Eurorrexión?


Sylvia Gómez Saborido é investigadora no IGADI.

 
 

Notas

(1) Pérez Agote, A. “Modelo fenomenológico-genético para el análisis comparativo de la dimensión de las identidades colectivas en el Estado de las autonomías”. En VVAA (1994), Nationalism in Europe... pax 307-323.

(2) Álvarez Pousa, Luís. A identidade fronte á rede. O reto mediático de Galicia na sociedade da información. Xerais,1999, pax.78.

(3) Informe de Cohesión Económica e Social da Comisión Europea. Eurostat, 2001.

(4) Entrevista a M.V. Sola, 14/05/2001.

(5) Chao Rego, Xosé. Itinerario da conciencia galega. Ed. Laiovento, 2001, pax.31.

(6) Barth, F. Los grupos étnicos y sus fronteras. Fondo de Cultura Económica. México, 1976.

(7) Castells, M. La era de la información. Vol.I. Alianza, pax.93.

(8) Álvarez Pousa, Luís. A identidade fronte á rede. O reto mediático de Galicia na sociedade da información. Xerais,1999, pax.19.

(9) Weber, Edgar. Las culturas en el proceso de mundialización. Revista Cidob d’Afers Internacionals, nº 50, 2000, pax.12.

(10) Galicia e a Rexión Norte de Portugal: un espacio económico europeo. CIEF. Ed. Fundación Caixa Galicia, 2001.

(11) Pérez González, Pueyo Losa e Martínez Puñal. Cooperación transfronteriza y relaciones luso-galaicas, con especial referencia a la política cultural: bases jurídico-internacionales para su institucionalización. Foro Gallego, nº 183, 1987.

(12) Programa de Actuación Conxunta Galicia-Norte de Portugal. Estratexia para o período 2000-2006. Santiago-Porto, maio 1999. Liña estratéxica III.1: Promoción Exterior.

(13) En La Voz de Galicia, 18/03/2001.

(14) Entrevista a Gustavo Luca de Tena, 04/06/2001.

(15) Laxe González, Fernando. El “mallage” europeo; en la Voz de Galicia, 24/01/2000.
 
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/12/2001