| Tempo Exterior nº 3 segunda época - xullo/decembro 2001 Resume - Resumen - Abstract |
| Portugal na acción exterior de Galicia |
|
Manuel Fraga Iribarne |
|
Dicir que a acción exterior de Galicia non pode ser entendida sen considera-lo protagonismo de Portugal nela resulta tan obvio coma constatable. A conexión establecida entre nós, vinculada a unha manchea de circunstancias históricas, culturais, sociais e económicas, mesmo fai dubidoso por veces que as nosas relacións teñan que ser encadradas baixo o epígrafe de exterior. Nembargantes a realidade política e xurídica dunha fronteira secular que agora nos une e que noutros tempos nos separou resulta ineludible, aínda que sexa unha fronteira xa esvaída, difuminada e que continúa esmorecendo a cada paso de coordinación, cooperación e colaboración que emprendemos, ficando ó cabo coma límite xurisdiccional no trazo dun mapa administrativo. A sintonía mantida entre Portugal e Galicia transcende ás continxencias e os avatares políticos. Independentemente da aritmética parlamentaria cada un de nós sabe que a mellor opción para o mutuo desenvolvemento e para reforza-la nosa proxección común no resto de Europa pasa polo entendemento entre ámbalas dúas beiras do Miño. Nese sentido pode dicirse que tanto portugueses coma galegos temos ben claro que a relación luso-galaica é unha nidia cuestión vital. Teño que engadir, na miña calidade de Presidente da Xunta, que asemade congratúlome de que tódalas forzas políticas representadas no Parlamento galego compartamos esta percepción natural e que deixemos aparte neste terreo as nosas elementais diferencias conceptuais para dar testemuño dese consenso básico. A incorporación do Eixo Atlántico á Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal é unha proba de madurez política que a todos nos debe satisfacer. Non se trata xa que logo dunha cuestión menor. Como xa teño sostido en múltiples foros, ningunha outra circunstancia aledaría máis ós nosos competidores xeográficos no seo da Unión Europea que vernos desunidos e confrontados no tocante á nosa relación con Portugal, porque iso suporía que a competencia polo acceso a iniciativas, convocatorias e programas comunitarios sería menor, as nosas probabilidades de éxito inferiores e, consecuentemente, a súa particular rendibilidade política e orzamentaria seguramente tendería a medrar. En Galicia edificamos daquela un consenso básico exterior semellante ó construído polas forzas políticas lusas, e por riba, entre todos, conseguímo-la ensamblaxe de múltiples administracións de dúas nacionalidades distintas, de distintos chanzos territoriais e sempre casando as nosas normas internas co acervo comunitario e do socio conxunto. Non é en absoluto unha tarefa doada, pero hoxe, ó cabo dunha década de vida da nosa poxante e vizosa Comunidade de Traballo, podemos afirmar con lexítimo orgullo que somos algo máis ca un exemplo de cooperación transfronteiriza a nivel continental, como o teñen recoñecido ante terceiros responsables comunitarios tan cualificados como Guy Crauser, Director de Política Rexional da Comisión europea, ou o mesmo Comisario Michel Barnier. Esta é unha impagable tarxeta de presentación e non só en Europa. Alén o mar, no eido do MERCOSUR, as provincias arxentinas e os estados federados brasileiros asociados no seo do CODESUL-CRECENEA Litoral tentar tirar conclusións da nosa experiencia e adaptala ó seu entorno e necesidades. Non é fortuíto que Galicia sexa a primeira convidada, de entre toda a armazón rexional europea, a participar de seu naquel eido. Como tampouco o é que diferentes rexións dos países postulantes da adhesión á Comunidade europea se dirixan a nós na procura de asesoramento e consello, sendo como somos un país periférico no conxunto do mapa continental. Realizamos grandes avances, que se manifestan nas transcendentais obras de infraestructura e dotacións de capital social fixo que configuran xa a nosa Eurorrexión. Sen dúbida moito débese á sintonía existente co excepcional profesional e amigo que é D. Luís Braga da Cruz, presidente da Comisión de Coordinación da Rexión Norte de Portugal e hoxe Ministro de Economía da República irmá. A súa pegada ficará como herdanza nese mesto tecido cohesivo que uniu máis os nosos dous países, e a súa calidade técnica e humana sempre haberá ser recoñecida, como así o fixemos cando amablemente aceptou o noso convite para se integrar como membro de honra do Padroado da Fundación Galicia-Europa. Convén logo lembra-lo xa evidente. Para Galicia non existe outra alternativa exterior de meirande calado que o entendemento con Portugal. É posible que moitos concidadáns non o saiban, pero cómpre ter presente que, ademais dos vínculos de toda índole, o monto da relación comercial que mantemos no seo da Eurorrexión supera en termos absolutos ó que mantemos co conxunto de Latinoamérica. É posible ser máis prolixo, pero sen dúbida non cabe resumi-lo alcance do noso nexo con Portugal dunha maneira máis plástica, nidia e contundente. Nembargantes, á marxe da friaxe dos números e balances, hai que valorar dun xeito moi cualificado a existencia entre nós dunha relación de suma positiva. E é que a medida que imos dando pasos na consolidación da nosa Eurorrexión decatámonos da concorrencia dunhas sinerxías que superan con moito ás avantaxes naturais de toda economía de escada. Acadamos tamén que o elemento definitorio da nosa alianza sexa a complementariedade. Esto repercute moi favorablemente na mellora da percepción mutua e axuda a predispor dun xeito máis aberto a pechar superiores etapas de cooperación. Os nosos obxectivos instrumentais para afondar nesa tendencia feliz e proveitosamente encetada pasan agora, polos seguintes fitos:
O primeiro dos puntos referidos é, sen dúbida, o máis ambicioso polo que representa de mutación cultural e demoscópica. Ata o momento resulta evidente que o pulo integrador que caracteriza á cooperación entre o Norte de Portugal e Galicia tiña o seu berce nas respectivas administracións públicas territoriais. Eran estas as que emprendían, deseñaban, materializaban e desenvolvían os diferentes proxectos ata as súas últimas consecuencias, tanto fose no eido dos equipamentos como no da prestación de moi variados servicios á colectividade nos que, en hipótese, caberían perfectamente iniciativas privadas a carón das públicas. Pero este esquema de actuación non pode nin debe perpetuarse indefinidamente. Consonte imos queimando etapas de execución de infraestructuras físicas resulta máis perentorio edificar tamén un rico tecido de infraestructuras cívicas comúns. Refírome á consecución estable de redes en esferas tan diversas como a sindical e a empresarial, a de defensa dos consumidores e usuarios e a da cooperación directa interuniversitaria, sexa a nivel investigador, docente ou estudiantil, a formación de circuítos culturais permanentes ou a de asociacións profesionais conxuntas. Pola súa propia especificidade, para nós a relación coa Rexión Norte de Portugal non pode ficar reducida ó tráfico mercantil e a fluídas conversacións institucionais. Se así fose poderiamos considerar que gran parte do noso esforzo tería sido en balde. A posta en valor de moitas das nosas potencialidades ha vir precisamente desa sintonía diaria nos chanzos máis elementais do corpo social. As administracións axudamos a levanta-la estada imprescindible para facilitar esa ulterior tarefa, pero nunca o seu labor foi nin ha ser considerado como un fin en si mesmo. Hai pouco experimentámo-la enorme satisfacción de asistir á sinatura do Protocolo de Cooperación entre a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e o Consello Sindical Interrexional do mesmo ámbito, constituído polo Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia, a Unión Xeral de Traballadores de Galicia, a Unión Xeral de Traballadores de Portugal e maila Confederación Xeral dos Traballadores Portugueses. Este acordo demostra, por unha banda, que as institucións civís, neste caso do mundo do traballo, contan xa cunha conciencia de identificación coa Eurorrexión como espacio socioeconómico de seu e, por outra, que esas mesmas institucións ou actores sociais conxuntos aprecian a necesidade de colaborar coa Comunidade de Traballo, ó considerala a canle institucional pública máis axeitada para a consecución dos seus fins. Este proceso hase acelerar en maior medida cos novos acontecementos. Así, a distribución física do euro, que rachará definitivamente o veo da moeda nacional e permitirá unha inmediata comparanza do prezo de factores, productos e servicios, incentivará un adicional medre dos intercambios e do urxente de dar respostas comúns fronte a outros competidores dese inmenso mercado interior de máis de trescentos millóns de persoas que operaremos coa mesma moeda, e que a curto prazo aínda tenderá a incrementarse máis coa probable incorporación á Unión Económica e Monetaria dos tres Estados membros da Unión Europea aínda remisos e, a medio prazo, cos novos Estados adherintes, dos que algúns xa cumpren os criterios de converxencia anque teñan que agardar a demostra-la estabilidade do seu tipo de cambio, e iso con custes nominais e reais de producción (salariais, enerxéticos, inmobiliarios, ...) moi por baixo dos que gozamos portugueses e galegos. Velaí como tamén debemos supera-lo marco institucional e maila axenda deseñados polo proceso de construcción europea. En absoluto queremos desmerece-lo seu inxente valor como acicate e catalizador, pero as costuras do seu traxe véñennos estreitas. Sirva de exemplo constatar que a nosa propia Comunidade de Traballo tivo o seu asento xurídico non nunha disposición do acervo comunitario senón do Consello de Europa, ou como os instrumentos de intervención no campo da prestación común de servicios públicos non están convenientemente perfilados. Á marxe das parcialmente inaxeitadas agrupacións europeas de interese económico, non existen vías idóneas para desenvolver certas tarefas que agrupen a partícipes das dúas nacionalidades e con recursos asentados nas dúas beiras da fronteira nunha empresa mancomunada. Hoxe por hoxe resulta inaudito que traballadores luso-galaicos non poidan constituír unha única cooperativa ou mesmo unha sociedade anónima laboral sen se atopar con múltiples problemas no tocante á diferencia de normas de seguridade social, de control financeiro e contable externo, laboral ou de fiscalidade. Por iso nós pretendemos avanzar máis fonda e rapidamente no proceso integrador e harmonizador, tentando que o futuro Tratado de cooperación entre a República Portuguesa e España habilite vieiros xurídico-públicos que deixen expedito o progreso nesa dirección. Na nosa condición non podemos conformarnos con restrinxi-lo noso vínculo a Portugal ó senlleiro marco transfronteirizo ou a xestión de iniciativas como a do Interreg. Formulalo dende esa perspectiva sería un erro e un fracaso, unha derrama de expectativas e oportunidades que non estamos en disposición de poder admitir. Aquí, outra volta, a nosa común sociedade civil debe aprender a desenvolver novos camiños de colaboración permanente, de federación e integración estable. Os suxeitos particulares, sexa no terreo cultural, artístico, universitario ou científico, como no empresarial e económico, deben explota-la súa forza innovadora e emprendedora, solicitando a axuda das administracións para remove-los atrancos precisos, pero nunca poden ser substituídos por funcionarios e empregados públicos no exercicio dos roles que lles son propios nas sociedades abertas, plurais e democráticas. O que si debemos acomete-las administracións nese espírito de superación do molde comunitario é un labor persistente de posicionamento da nosa Eurorrexión na escena mundial. Este terceiro fito convértese así na resposta estratéxica á propia evolución da sociedade internacional en xeral e á dinámica experimentada pola Unión Europea en particular. Se coa ampliación desta por medio da adhesión de Austria, Finlandia e Suecia, Galicia e o Norte de Portugal convertéronse en algo máis periféricas respecto dun centro da Unión que correu cara ó leste, coa inminente incorporación de Polonia, Hungría, a República Checa e outros estados orientais, así como coa instalación definitiva das institucións federais alemanas en Berlín, aquela experiencia repetiríase nun grao superior, co problema engadido da imprescindible redefinición dunha chea de políticas comúns que na ampliación precedente non precisaron de reestructuración, tal é o caso das políticas rexional e da cohesión ou agraria. Gañar centralidade mediante a acción concertada de impulsar, xunto con outras rexións comunitarias, unha estratexia de desenvolvemento policéntrica que pivote sobor da fachada atlántica do continente, e á vez por medio do reforzo da nosa privilexiada relación con Latinoamérica, convértese nunha opción imprescindible que non atura outras alternativas veraces. Así debe ser para que as nosas empresas se convertan en socios de referencia doutros axentes económicos foráneos e o noso espacio atraia máis investimentos productivos, que non só completen e pechen eiquí os ciclos de creación de valor engadido que parten das nosas materias primas, senón que tamén colaboren a encetar novas actividades nas que podemos aportar unha significativa avantaxe competitiva por mor da cualificación do noso capital humano e do avanzado dos nosos novos equipamentos colectivos. Non podemos erguer unha xenuína Eurorrexión para pecharnos nela mesma, para atrincheirarnos refractariamente perante a evolución dos acontecementos e fluxos que se suceden nunha economía acelerada e progresivamente mundializada. O Norte de Portugal e Galicia teñen moito que gañar abríndose a ese fenómeno e aproveitando as oportunidades que vai xestando. Por fortuna, os nosos riscos e problemas son menores ós que presuntamente poden padecer outras rexións europeas menos agraciadas ca nós por herdanza histórica, lingüística e localización xeográfica. Témo-la certeza de que, sexa cal fose o panorama político existente ó norte ou ó sur da nosa Eurorrexión, a bondade e a calidade da obra xa chantada, a solidez dos seus alicerces e o acertado do seu deseño, garantirán que as diferentes administracións manteremos e melloraremos paulatinamente os nosos compromisos e propostas, sempre co mesmo horizonte. Se cadra aí poida ficar un puntal feble da nosa estructura, se cremos que a falla de alternativas estratéxicas non deixa marxe para as iniciativas e a ilusión remata ensumida polo ritual e este en baleira rutina. Estou convencido de que a progresión dos resultados e mailos réditos da nosa cooperación ha servir para que os axentes sociais e os actores cívicos descubran novas oportunidades, retroalimenten as súas expectativas e estimulen a mellora constante da calidade da acción pública. Dende a Xunta de Galicia non imos aforrar ningún esforzo nese sentido. Manuel Fraga Iribarne é presidente da Xunta de Galicia e presidente da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 09/12/2001
|