Tempo Exterior nº 3 segunda época - xullo/decembro 2001Volver ó sumario
Libros
 
Yolanda Fernández Lommen, “China, la construcción de un estado moderno”
Los Libros de la Catarata, Madrid 2001, 300 páx.


Fani Fernández Míguez
 

As especiais características históricas e culturais que amosa a China fan deste gran territorio unha área afastada de todo o que estamos afeitos a tratar. O estudio desas especiais características é unha peza clave para entendermos a posición actual deste país no ámbito internacional. A República Popular Chinesa ocupa hoxe un papel moi salientable na economía mundial, e o seu futuro semella moi prometedor se atendemos ós anunciados beneficios que moitos lle auguran coa inminente entrada na OMC. Pero o camiño que tivo que percorrer ata chegar aquí non foi doado.

Para achegarnos a unha idea precisa da actualidade chinesa, a autora deste manual aborda un conciso percorrido polas múltiples dinastías do Imperio milenario, un percorrido necesario, indispensable, para entender as claves e o porqué da evolución que experimentaron tanto a economía como a sociedade chinesa, na que o forte e arraigado tradicionalismo choca a diario cunha modernidade asumida, en certa medida, como inevitable.

China non se comprende tampouco sen a agricultura, factor destacado no entorno tradicional productivo do país que emerxe novamente a comezos dos anos oitenta, tralo esgotamento dos efectos da reforma agraria, superando o lento crecemento da producción agrícola axexado por unha crecente presión demográfica. Hoxe téntase darlles solución ós problemas de irrigación dos campos de cultivo, e a preocupación polo medio comeza a gañar importancia na axenda estatal, especialmente a partir de finais dos noventa.

No ámbito socioeconómico, a China pasou, en soamente 20 anos, de ser recoñecida como unha das sociedades máis igualitarias do mundo a ocupar case o último lugar en termos distributivos de renda. Este trazo de modernidade provoca inestabilidade e descontento social, que se traduce en numerosas crises sociais e no éxito inesperado de sectas como Falun Gong que, aproveitando o baleiro na sociedade (provocado polo elevado desemprego e a fráxil cobertura social), gaña, paulatinamente e con facilidade, moitos adeptos nunha sociedade desorientada.

A autora analiza con precisión todos e cada un destes aspectos e moitos máis, e conclúe presentando o que define como as claves principais que poden sinalar o futuro do país e a súa proxección no mundo, habida conta que a China vai ocupar un papel moi destacado na futura economía internacional. O momento actual polo que atravesa China debe ser, segundo apunta, de consolidación dos espectaculares logros acadados, pois a pesar dos avances, da súa capacidade e habilidade para mobilizar con eficiencia o capital físico e humano, adaptar a tecnoloxía estranxeira ó seu ratio de factores productivos e aproveitar as vantaxes derivadas da especialización productiva, consecuencia da maior integración na economía mundial, aínda estamos a falar dun país relativamente pobre e en vías de desenvolvemento.

No ámbito político, Yolanda Fernández considera que nos próximos anos cabe esperar unha política máis orientada á toma colectiva de decisións que afaste definitivamente o patrón tradicional autocrático chinés. Esta idea apóiase no feito de que na nova elite que vai tomar proximamente o relevo gobernamental (moi afastada do prototipo de tecnócratas da terceira xeración formados na URSS) abondan expertos en temas económicos e legais, algúns deles doutorados en universidades occidentais, contan cunha perspectiva do panorama internacional máis ampla e os seus contactos con terceiros países son máis intensos. Nas súas mans está o futuro do socialismo de peculiaridades chinesas, ideado por Deng Xiaoping para combinar liberalización económica e prosperidade común.

A obra inclúe ademais unha ampla secuencia de anexos e apéndices que serven de apoio e dan rigor ó conxunto da exposición, reunindo todo o imprescindible para efectuar un primeiro achegamento ó pasado, presente e aos futuros retos que a China debe afrontar no inmediato.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/12/2001