| Tempo Exterior nº 3 segunda época - xullo/decembro 2001 Libros |
| Raymonda Hawa-Tawil, “Palestina, toda una vida” Barcelona, Mondadori 2001, 181 páx. |
|
Marta G. Cabrera |
|
Raymonda Hawa-Tawil aborda nestas memorias un simple pero profundo percorrido por unha realidade vital, reveladora de moitos acontecementos e feitos históricos que nos levan ata hoxe. A obra abarca un período histórico relativamente amplo pero moi intenso: dende o contexto previo a 1948, cando se proclama o Estado de Israel, ata aproximadamente 1999, a piques de comezar a Intifada de Al-Aqsa. Non é un relato cronolóxico dos acontecementos, nin sequera unha concatenación de feitos históricos. Raymonda Tawil quere darnos a coñecer a realidade palestina, a que se vive en Cisxordania, en Gaza, no propio Israel, día a día, e dende as súas vivencias como palestina. Deste xeito, Raymonda imprímelle un carácter especial e une a visión de palestina, de muller, de exiliada, coa de periodista que aposta polo diálogo como camiño para a paz. É unha lectura particular dos acontecementos máis significativos dun conflicto moi presente nos medios de comunicación, pero sen perder o fío desa realidade humana na que a autora se ve inmersa dende o seu nacemento. Se a súa vida a conduce por diferentes camiños, faranos vivir múltiples perspectivas dun mesmo mundo e dun mesmo conflicto, o palestino. Non busquemos, pois, aquí, un tratamento científico sobre o conflicto palestino-israelí; si atoparemos a grandeza dunha visión propia de quen experimenta a realidade do problema, ben na propia terra, ben no exilio, co rigor e estilo propios do seu oficio. O lector sentirase inmerso no libro dende o primeiro momento e, máis alá das palabras da autora, indagará ata atopar esa colectividade integrada por persoas coma nós, podendo sentir o seu sufrimento e compartir as súas esperanzas de paz. A humanidade é unha constante en toda a obra, na que nos achega a moitas personalidades, unhas máis coñecidas, outras menos, situadas nun laborioso segundo plano. Tamén, sen ser a intención da obra, Raymonda chega a desenmascarar a quen, ó abeiro dunha imaxe de respecto proxectada na prensa internacional, actúa nun contexto de total impunidade. A obra derruba mitos e fai xurdir outros, fainos observar as diferentes caras dun mesmo acontecemento e ensínanos a desapaixonar un conflicto quente, como paso necesario para pensar na súa solución. Quizais a principal atracción desta obra radique precisamente nesa lectura crítica e desapaixonada que Raymonda lle imprime, sen perder o carácter de implicación de calquera memoria e, inevitablemente, de calquera palestino. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/12/2001
|