Tempo Exterior nº 3 segunda época - xullo/decembro 2001Volver ó sumario
Libros
 
Mariano Aguirre e Mabel González (coord.), “Políticas mundiales, tendencias peligrosas. Anuario CIP 2001”
Icaria, Barcelona 2001, 312 páx.


David Reinero González
 

Anuario do Centro de Investigación para la Paz (CIP) preséntase na súa edición de 2001 baixo o título Políticas mundiales, tendencias peligrosas. Nel recóllense un total de trece ensaios nos que se analizan unha ducia de conflictos bélicos da trintena de guerras activas de media durante os últimos cincuenta anos. A principal liña argumental que enlaza a maioría destes estudios céntrase nas implicacións económicas das guerras: o seu impacto económico e os seus beneficios. Ademais, inclúense análises sobre as políticas migratorias europeas, os cambios en Marrocos ou os procesos internacionais sobre os dereitos humanos.

Autores como William Reno, Michael T. Klare ou David Lord estudian cómo se promove a desintegración dos estados en función da explotación dos seus recursos e do beneficio económico das elites militares, políticas ou empresariais, tanto nacionais como estranxeiras. Agora, a loita, nunha gran porcentaxe das guerras do mundo, céntrase no control dos recursos naturais que veñen a substituír en moitos países, trala fin da Guerra Fría, á vella confrontación de valores sociais. Esta situación pódese apreciar especialmente nos conflictos africanos e os autores parecen chegar á pesimista conclusión de que, mentres nestas zonas existan recursos naturais de extracción rendible, as guerras seguirán sendo endémicas.

Dese parecer é William Reno, que aborda o estudio dos conflictos rexionais africanos: un arredor da República Democrática do Congo e outro que iría dende Senegal ata Liberia. Entre ambas guerras atoparíanse implicados un total de quince países, nos que Reno analiza o concepto de “Estado na Sombra” como “aquel que se constrúe detrás da fachada de leis e institucións gobernamentais”. No desenvolvemento dos conflictos pasaríase dunha teoría do monopolio da violencia por parte do Estado, coma garante da estabilidade, a outro contexto no que o requirimento para evitar o completo caos nos países desestructurados sería o monopolio da corrupción por parte dos gobernantes.

Os casos particulares de Serra Leona e Angola –estudiados por David Lord e Mbuyi Kabunda- e en xeral da meirande parte da África subsahariana, poñen de manifesto a vixencia do debate sobre o comercio ilegal de diamantes. A eficaz aplicación de medidas de control e identificación das pedras preciosas podería evitar que estas continuaran funcionando coma fonte de financiamento das guerras.

Pola súa parte, Xulio Ríos fai un repaso á situación en Chechenia, no que destaca a importancia do petróleo na zona, non tanto a nivel de extracción (fonte de financiamento unicamente relevante para as mafias locais) como en canto lugar de paso do mesmo entre o Caspio e o Mar Negro e, por tanto, cun valor estratéxico para Rusia. Chechenia serviría tanto a Ieltsin coma a Putin, con desigual resultado, como elemento de distracción de cara ás eleccións ante a falta de programas políticos e como conflicto catalizador do centralismo ruso.

Colombia tamén atrae a atención do Anuario. O conflicto que vive o país ten parte da súa orixe noutro “recurso natural”: a cocaína. Pero, neste caso, o obxectivo non é explotalo racionalmente, senón facelo desaparecer mentres que o medio a empregar, segundo sinala Alfredo Molano na súa disección sobre o “Plan Colombia” estadounidense, implicaría unha escalada bélica.

Unha posible solución ós conflictos bélicos ou, cando menos, unha medida de prevención para os mesmos, afonda no recoñecemento e exercicio democrático. Sobre a evolución actual deste sistema político reflexiona Larry Diamond. Na súa análise sobre o estado da democracia no mundo, o autor presenta unha visión optimista, máis acentuada nos aspectos cuantitativos que nos cualitativos. Salienta, por unha banda, que hoxe se poden atopar 120 estados democráticos no mundo (o 62,5 por cento). Nembargantes, sinala tamén notables retrocesos experimentados en países relevantes para a seguridade rexional, como Paquistán. O principal problema para a consolidación das democracias resultaría dunha “triple crise de gobernabilidade”: a corrupción, as desigualdades rexionais e étnicas e o estancamento económico.

Estes tres factores serán tamén esenciais para a futura evolución de Bosnia. Jon W. Western e Daniel Sewer destacan na súa análise as expectativas xeradas polos acordos de Dayton e a ausencia do seu total cumprimento efectivo. Nembargantes, e malia as carencias, os autores apostan por un compromiso internacional sostido co proceso iniciado en Dayton e a potenciación da integración das organizacións internacionais alí destacadas nunha estructura máis unificada.

Analízanse tamén nesta edición do Anuario as incongruencias da política europea cara ás migracións. Sandra Gil destaca como a Unión Europea deseña unha estratexia (máis que política) de control, mentres continúan proliferando os informes de organismos nacionais e supranacionais nos que se destaca a necesidade imperiosa de man de obra. (A ONU considera que serán necesarios 135 millóns de inmigrantes ata o ano 2025 para que subsista o equilibrio entre clases activas e pasivas na UE).

Os tímidos cambios políticos en Marrocos, a evolución (ou estancamento do conflicto Israel-Palestina durante os dous últimos anos, ou as consideracións xurídicas do “caso Pinochet”, atraen finalmente a atención de Laura Feliu, Isaías Barreñada e Roberto Montoya, respectivamente.

A propia introducción do director do CIP e coordinador do Anuario, Mariano Aguirre, recoñece a ausencia nesta edición de temas de gran importancia como as tensións xeradas polos Estados Unidos co seu proxecto de escudo antimísiles, ou a crise humanitaria en Afganistán. Aguirre lembra cómo dende os seus inicios o Anuario presta atención a casos particulares, pero sen a pretensión de abarcar tódolos aspectos do armamentismo ou das ameazas para a paz, traballo este interminable. A selección realizada, nembargantes, supón unha boa e fundamentada mostra dos retos para a paz aínda vixentes durante o ano 2001.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/12/2001