Tempo Exterior nº 3 segunda época - xullo/decembro 2001Volver ó sumario
Libros
 
Ma Jian, “Red Dust. A Path through China” (“Po vermello. Un vieiro a través da China”)
Translated from the Chinese by Flora Drew. Chatto & Windus, London 2001, 324 páx.


Ramón Lugrís
 

O día que morreu Deng Xiaoping, o autor desta nota, que estaba en Lanzhou, na provincia chinesa de Gansu, informouse do feito pola radio e deulle a noticia á nosa guía chinesa, porque aínda non era oficial o seu falecemento. A guía, unha moza noviña de vinte e poucos anos, ficou abraiada e dixo: “¡Entón vai caer a Bolsa!”. Tan noviña e xa xogaba no mercado de valores.

Ese é o país que Ma Jian atopou na súa peregrinación: un país mergullado na economía de mercado. Todo o mundo está a vender algunha cousa, desde medicamentos milagreiros ata gatos, cordas, roupa, calendarios atrasados… Ma entrou tamén no xogo mercantil: merca tesoiras e un peite e establécese coma barbeiro na rúa (un de tantos que hai nas estradas e rúas da China). A febre comercial é unha das facetas da sociedade chinesa que Ma descobre na súa viaxe de tres anos pola inmensidade da China, incluíndo o Tíbet que, en realidade, era a súa meta final.

O libro comeza en agosto de 1983, no día en que Ma Jian fai 30 anos. Poeta e pintor, malcontento e, como o grupiño de amigos que se xuntan para ler poemas, criticar o sistema e intercambiar libros máis ou menos prohibidos, malvisto polas autoridades. Está divorciado dunha bailarina que o considera un delincuente político e que non lle deixa ver a filla que teñen. A súa amante foxe con outro e denúnciao á policía. Non consegue ter éxito coas pinturas, que, segundo un colega, non transmiten a alegría e o interese da vida chinesa que fomenta o plan das “catro modernizacións” desenvolvido por Deng. Traballa como xornalista e fotógrafo no departamento de propaganda da Federación Panchinesa de Sindicatos e os seus superiores censuran a súa vida “licenciosa”, que presenta as características da “polución espiritual” que daquela combatían as autoridades do Estado. “A polución espiritual non é só un problema de moralidade” –di o xefe do Departamento de Propaganda. “Se a cultura pornográfica se está infiltrando na nosa nación, se os libros eróticos e as fotos obscenas envelenan as mentes da nosa mocidade… a polución espiritual non é soamente un problema de moralidade: é a verdadeira destructora da moralidade e unha violación da nosa lexislación penal”.

Ma Jian é chamado a rectificar. Non o fai. Decide deixar Beijing e percorrer o país para se encontrar a si mesmo, tal vez no Tíbet. A súa equipaxe é mínima: pouca roupa, cámara fotográfica, algún diñeiro, cupóns de racionamento de arroz e un libro de poemas, “Leaves of Grass”, de Walt Whitman.

Po vermello é a crónica dos tres anos que Ma Jian pasa percorrendo o seu país. Crónica que é unha mestura de reportaxe e de procura da identidade do autor. Non foi unha viaxe cómoda. Ma Jian -que, alén de dispor de mínimos recursos económicos, sae de Beijing pouco menos que fuxindo dos servicios de seguridade- falsifica unha carta da xefatura do Departamento de Propaganda para, dalgún xeito, xustificar a súa presencia lonxe da capital. E chega ben lonxe: aos catro confíns do país. A falta de recursos obrígao a camiñar centos de quilómetros cando non encontra un camión que o leve. Ás veces, gaña uns yuans e daquela viaxa en autobús ou en tren. Padece moitas calamidades: enfermidades, frío e calor extremos, fame, esgotamento físico... A pouco máis tolea no deserto de Gobi, e na fronteira birmana sálvase no último momento de morrer afogado no río Solween.

Con todo, o libro (moi ben traducido ao inglés pola súa actual compañeira, coa que vive en Londres) non é un relato de aventuras, senón un retrato dun país que, aos sete anos da morte de Mao Zedong, encetaba o camiño da liberalización económica sen abandonar o totalitarismo político. E tamén crónica dos desencantos e das decepcións do autor.

As cartas que, con meses de atraso, recibe dos seus amigos de Beijing debuxan unha situación pesimista. Seu pai, nunha carta desde a vila natal, aconséllalle ser humilde e manterse con boa saúde: “Non esquezas que o teu corpo pertence á revolución”. Mais a meirande decepción agárdao no Tíbet, onde encontra corrupción e amargura ata nos mosteiros. Os chineses Han exercen un dominio total. Hai pequenos detalles reveladores, como o título dun ballet -”As raparigas tibetanas lavan a roupa dos seus queridos amigos, os soldados do Exército Popular de Liberación”- que interpreta en Shigatsé unha compañía chinesa. Nun mosteiro, un lama insiste en que ten que lle pagar 20 yuans por facer unha foto.

Ma, que estudiara budismo cun grande mestre e que fixera votos de budista cando ía emprender a viaxe, chega a se desenganar do budismo: “De aquí en diante non vou estar vinculado a ningunha fe. Soamente podo tentar salvarme eu mesmo. Non hai salvación para o home”.

Percorridos miles de quilómetros, máis disidente que cando comezara a súa peregrinación, nin sequera pode recomendar que outros sigan o seu exemplo. “Viaxar é traballo duro”, dille a un amigo que fala de imitalo. “Ti tes un fogar cómodo, unha muller bonita. Eu nada tiña, e foi por iso que marchei. Foi un recoñecemento de fracaso. E agora sei que a natureza é tan cruel e desapiadada coma as cidades das que eu fuxía”. E a punto de rematar o libro di: “Agora sei que teño que vivir nas grandes cidades, onde hai hospitais, librerías e mulleres”.

Sabía, con todo, que o seu camiño non ía rematar en Beijing. “O vieiro acabou, mais, de agora en adiante, o meu camiño vai ser moito máis duro”. O camiño do exilio, obviamente.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/12/2001